Será por déficit
A isto púxenlle así, “Si, home, si”, porque me prestaba poder comentar noticias como esta, a de que o Goberno pensa meter presos a aqueles políticos que incumpran os límites de déficit, que gasten máis do que teñen, vamos. Haberá almas cándidas que ao ler o titular soltaron, cheos de razón: “xa era hora!”. Lamento desilusionalas: nin vai pasar tal cousa, nin os seus ollos verán a ninguén enchironado por ese motivo. O titular ese de “el goberno propondrá cárcel para los cargos públicos…” é un desafogo, o único que terán tanto o ministro que o dixo, Cristóbal Montoro, como o lector que o celebra. E menos mal que non van implantar tal lei, porque sería unha desmesura.
Conto de inverno
Non é un conto, e menos de Nadal, pero, como manda a tradición dos contos de inverno, fóra facía un frío peludo e eu estaba ao quente, ben acompañado, cando entrou no local un forasteiro aterecido. Notoriamente forasteiro e considerablemente aterecido, porque era un deses senegaleses que andan a vender chilindradas, neste caso, figuras de artesanía. Eu teño máis chilindradas na casa que sitio onde metelas, pero o home estaba tan aterecido e parecía tan necesitado de vender algo que acordamos cambiar unha figura que non necesitaba ningún dos dous por uns cartos que el precisaba e eu menos. El foi á barra –xa lles dixen que non era un conto de inverno, non había lume dentro nin lobos fóra- e eu seguín botándolle un ollo ao periódico. En concreto a un informe, o Observatorio da Inmigración que fai a Secretaría Xeral do ramo, que aseguraba que a metade dos galegos cre que os estranxeiros teñen máis dereitos ca nós, e case outros tantos pensan que en Galicia hai máis xente de fóra que noutras partes de España.
Fraga explicado a los niños

Dentro do apartado peloteo quedoume, entre outros, citar os traballos de @joseprecedo, que non o fixo mal de todo
Adeus, don Isaac
©Xurxo Lobato
O noso Steve Jobs
Quizais haxa quen se escandalice por comparar a Isaac Díaz Pardo co fundador de Apple. Desde eses ánimas benditas desas que pensan de verdade que os aparellos que facía a empresa da mazá mordida lles cambiaron a vida, ata os que consideren un sacrilexio comparar a un referente da cultura galega con un capitán de empresa ianqui. E por ampliar o círculo de escandalizables, diría que Díaz Pardo superou a Jobs, e non polo deteriorado argumento de que era noso. Pero a semellanza entre o creador de Sargadelos e o do iPhone é obvia, como me dixo Berto Yáñez, que xa a usaba onte cando lle pedían a súa opinión sobre o ilustre falecido.
Máis aló de freudianismos elementais e igual de obvios como que Jobs era fillo dun pai que fuxiu, e Díaz Pardo fillo dun pai que lle mataron cando era un rapaz, os dous conseguiron facer reais os seus soños. Por se os devotos dos aparatos i-algo o ignoran, as pezas de Sargadelos e/ou O Castro foron, nos anos 70 e 80, na compaña do televisor, a lavadora e os teléfonos que non eran de baquelita negra, o signo da modernidade e da distinción das clases medias, baixas ou altas, e arredores. E tamén de orgullo de galeguidade, en tempos nos que non había medo de ser galego de máis. Mesmo había certas discusións teórico-estéticas (sen chegar á virulencia Android-iPhone) sobre se as de Sargadelos eran máis vangardistas e as de O Castro máis distinguidas (aínda que menos fáciles de lavar). E se alguén o dubida, que quite os cascos e lle pregunte á súa nai/avoa se é certo que as producións de don Isaac lle resolveron ou non unha chea de regalos de voda e outros compromisos sociais.
Pero, fóra de coincidir no éxito en dar realizado os seus desexos e de fabricar e vender gadgets bonitos e funcionais, electrónicos ou de louza, hai unha diferenza entre Díaz e Jobs. A favor do noso home o que, contaxiado polas homenaxes, chamaría vontade de transcendencia (o que chamaría espírito de servizo ou devoción á causa se non fosen expresións deturpadas). A idea de que fas o que tes que facer, o mellor que sabes facelo, porque é o que hai que facer. Aínda que, ás veces, non sexa o que che conviría facer. E tamén hai unha diferenza entre o nibelungo do Castro de Samoedo (Sada) e o naturista de Cupertino (California). Jobs estivo no medio idóneo para desenvolver os seus proxectos, o que non quere dicir que lle resultase doado, e Díaz Pardo tiña todo en contra, quitado a colaboración dalgúns amigos. E iso é o que fai a súa perda máis dura. Con el vaise aquela época en que fomos capaces de facer algo. Hai xente entre nós capaz de facer cartos (refírome honradamente, cos outros sistemas, hai demasiados), pero sen ese desexo de facer outra cousa que cartos que tivo aquela xente. Xente na que os propósitos de colaborar en que o mundo sexa mellor residen nas declaracións dos seus gabinetes de relacións públicas ou nos seus departamentos de publicidade, non entre os elementos cos que constrúen os seus proxectos.
E tamén se foron con el (case o mesmo día que morreu Castelao) aqueles tempos e aquelas xentes que, con todos os defectos que se queiran, querían tender pontes para que os outros se sumaran e non, como se especializaron as xeracións posteriores, en erguer trincheiras contra os outros e contra os nosos. Esa perda, ou esa consciencia, é o noso regalo de Reis.
(La Opinión de A Coruña, Faro de Vigo, 7 de xaneiro de 2012)
Outras cousas que ver, ler e saber about ISAAC DÍAZ PARDO
El último mohicano. Perfil-entrevista que eu lle fixera, con Santiago Romero, en La Voz de Galicia, hai 20 anos xustos
Nós non esquecemos nada Miguel Louzao na revista Madrygal, en 2004
«Yo me veo a mí mismo como un templagaitas». Entrevista en El Progreso en 2003
Platos rotos en Sargadelos, reportaxe meu no suplemento Negocios de El País en 2006
Adiós a Díaz Pardo, guardián de la cultura democrática de Galicia. O obituario que fixen en El País
Isaac, ese adolescente huido. Suso de Toro en El País
Forma o barbarie. Iago Martínez en El País
Duelo en el país que queda. Óscar Iglesias en El País
Isaacgalicia Xerardo Estévez en El País
Apretas tensas. Manuel Bragado en Faro de Vigo
El intelectual y empresario que repensó Galicia Santiago Romero en La Opinión de A Coruña
Isaac, xeración. Xosé Ramón Pena en Faro de Vigo
El intelectual que obró la utopía de la Bauhaus. Henrique Mariño en Público
Xelado con bólas de tres cores. Santiago Jaureguizar en El Progreso
Os ollos de Díaz Pardo. Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia
Prestigio de Galicia. César Antonio Molina en La Voz de Galicia
Con Isaac, nos Pagos da Magdalena. Luis González Tosar en La Voz de Galicia
Retrato de si propio. Luis Cochón en El Correo Gallego
O señor de Sargadelos. Alfredo Conde en El Correo Gallego
Aquí non pasa nada, circulen
Listas de fin de ano
O de poñer as cousas en listas é unha moda que sen dúbida obedece á nefasta influencia do powerpoint e á infantilización xeneralizada da nosa sociedade. Así, desde os seus comezos nos mandamentos relixiosos e a súa consolidación nos programas radiofónicos musicais, estenderon agora o seu reinado ás guías de uso de internet e redes sociais e aos analistas sociopolíticos. Se os libros de autoxuda son un tratamento para calquera situación, as listas son pastillas para ir saíndo do paso de estar informado. E cando acaba o ano todo o mundo fai listas. Do que pasou e do que non. Dos libros e películas que pagan a pena e dos que hai que fuxir. Das medidas que hai que tomar e das que se deberían ter tomado. A maioría son serias, ou iso pretenden, pero a min as que me prestan son as raras.
Feliz 2012 (malo será)
Aproveito a felicitación do meu paisano Roberto González para felicitar o ano como sen querer facelo, no mellor estilo da casa, e para non andar facendo spam electrónico ou postal. 
Consellos de Nadal
Debe ser polo sólido espírito familiar destas festas, pero todo o mundo –refírome a todo o mundo mediático- dá consellos. Desde como sorprender aos convidados cun menú agradecido e de fácil preparación ata como refrearse nas doses do consumo. Así que eu non vou ser menos. Estes son os meus consellos de Nadal:
Apoucalípticos e integrables
Outra variación sobre o clásico en que mans estamos!
Esta é a clientela que nos deixou ZP
Creo que os inventos considerados máis útiles son a lavadora e o teléfono. Eu ao que lle estou máis agradecido é o caixeiro automático. Sempre que entrei nun banco, non me dei concienciado de que os cartos que ía sacar eran meus, e que eran eles os que me debían o favor, por moito que mo cobraran, e non eu a eles por telos alí gardados. Por esa mesma razón, sen reparar nas súas posibles consecuencias no emprego, son un devoto da banca electrónica. E como nos contos morais, non sabía o moito que dependía deses adiantos ata o outro día, cando quixen pagar un recibo.
Gimferrer sobre Lois Pereiro
Apuntes da conferencia inaugural -’Lois Pereiro, un poeta europeo’- que Pere Gimferrer, autor do prólogo da obra completa bilingüe de Lois, fixo no Congreso LP, a xeito de tuits (dado que na sala non había cobertura e tamén estou algo farto de olladas reprobatorias ao maleducado ese que fedella no móbil e non atende)
- «A literatura galega estivo sempre no centro da cultura europea, non na periferia, como soubo Roman Jakobson e ignora George Steiner, que a menosprezou».
- «Non hai contradición, nin oxímoron en que unha Academia homenaxee a alguén tan pouco académico como LP».
- «Chama a atención a variedade e a intensidade da obra. O seu control da materia poética é moito maior que o de poetas similares, como Leopoldo María Panero»
- «LP elixiu a súa tradición literaria, pero ao contrario que Dylan Thomas ou Henri Michaux, el non escolleu a enfermidade, non hai nel un malditismo deliberado».
- «Na segunda metade do século XX, nas literaturas ibéricas non hai un poeta semellante, e na europea hai poucos».
- «Para sobrepoñerse ás doenzas que padeceu hai que ter unha enerxía moral extraordinaria»
- «Non hai poemas nin liñas na súa obra que non chamen a atención pola súa intensidade.
- «A súa evolución literaria é en espiral. Cada volta supera á anterior, sen romper con ela, e sempre avanzando».
- «Todos tendemos a escribir así. Soamente algúns, como Pereiro, o conseguen».
E dous de Roberto Varela:
- «O Día das Letras deste ano foi un éxito moi difícil de superar, e foino grazas á implicación da sociedade, e particularmente da mocidade».
- «Dicía Dylan Thomas que o mundo xa non é o mesmo mundo desde que se lle engade un bo poema. Lois cambiou a forma na que nos movemos no mundo».
Quen manda aquí?
Quizais estean preocupados polo recente novo pacto do euro, e buscan análises sobre se é positivo, negativo ou quedamos a pré. Ou teñan dúbidas sobre se nos convén saír do euro e xa postos, do sistema métrico decimal, ou quedarnos como estamos. Pois neses casos, vaian ás páxinas de economía, ou a outros columnistas, onde seguro atoparán argumentos sólidos a favor ou en contra. Porque eu, idea diso teño entre escasa e nula. Pero a risco de ir outra vez máis contracorrente, a min paréceme que, en xeral, todo o que veña de Europa é positivo, aínda que sexa desa Europa na que manda Merkel e Sarkozy fai de palanganeiro, vello oficio do que soamente queda a súa acepción máis pexorativa.
Razóns polas que Feijoo adiantará as eleccións
Os traballos para ter que opinar sobre o que pasa en Galicia, coa que está caendo aí fóra…

Machistas e periodistas
Se a idea que vostede ten dun periodista é a dun tipo ou tipa que sae na tele dicindo o que lle peta, aínda que sexa de forma educada, pode aforrar ler isto. Porque lles quero falar de dúas noticias que teñen moito que ver co periodismo de verdade: un informe que asegura que a maioría dos adolescentes son machistas, e as promesas do PP aos editores de diarios para paliar a crise da prensa. O informe, elaborado pola Federación de Mujeres Progresistas di, e así o difundiron moitos medios, que o 80% dos adolescentes cree que nunha parella, a rapaza debe compracer ao rapaz. En canto ao outro, o responsable de Comunicación do PP, Esteban González Pons, prometeulle á Asociación de Editores de Diarios de España unha reforma legal para protexer a propiedade intelectual e axudas para a reconversión dixital. Que relación terá unha cousa con outra?, dirá vostede. Exactamente a mesma que o ovo e a galiña.
Mariano, é realmente necesario o de Mecano?
Téñolles que confesar que sempre penso o mellor da xente, pese a todas as experiencias. Por iso confiaba en que as medidas que anunciaría o futuro presidente do Goberno serían as que pretendían amañar a economía, que é non soamente o principal problema que nos afecta, senón precisamente o que o levou á Moncloa. E teño que confesar tamén que estou decepcionado. Mesmo preocupado. Xa sei que Mariano Rajoy non ten por que someter a súa axenda de pensamento, palabra, acción u omisión á necesidade de ter titulares todos os días (non sei se os mercados teñen tanta paciencia, non os trato persoalmente). Pero as que foi deslizando na campaña ou adiantaron os seus colaboradores son tan preocupantes como as que non deslizaron nin adiantaron, pero todos nos tememos, como a suba do IVE, a rebaixa das prestacións e meterlle a man no peto a funcionarios e quen se deixe.



