Agora que caio, de Bos Aires pódolles contar algo. Por exemplo, que na vicepresidencia da República Arxentina deixan entrar como perico por su casa, sen detectores nin nada, e que tamén consideran que a un visitante gayego haino que recibir poñendo unha bandeira española, sen que a delegación do BNG tivera unha reacción alérxica tipo síndrome Carod Rovira. Ou a visita ó Centro Gallego. No exterior había un rapaz deses que sacan uns pesos repartindo folletos que entregaba uns do PP ós vellos que entraban e saían de xestionar as súas cousas. Unha señora que vendía alfajores (esa palabra xa a sabía: rosquillas) preguntoume “para que se postula ese señor” sinalando ó candidato Q. “Para presidente de Galicia”. “Pues no sé quién es, pero va a ganar, lo sé”. Supoño que se a señora tivera dotes de adiviña, non vendería alfajores na rúa, e confirmouno o presidente do Centro Gallego, Rogelio Ucha, que no seu discurso de benvida definiu ós emigrantes como “asilados económicos” (o tal Ucha debía ser de Caneda, pero de Caneda o do Compostela), e contradeciu á señora decíndolle a Quintana que “desta vez non vai ser”. Tamén vimos a habitación na que morreu Castelao, que se conserva como hai medio século (igual que outras dependencias, pero estas por motivos económicos, non sentimentais) e saímos todos cos ollos de guerra e subindo a nosa estima polo Sergas.
De Montevideo tampouco lles podo contar nada, quitado que na presidencia da República de Uruguai hai a mesma seguridade que na vicepresidencia da de Arxentina. Tamén a casualidade de que na colonia galega está un do grupo A Roda, co que a única cea uruguaia da miña vida paseina escoitando aquelo de “ó entrar en Balaídos, díxolle o sobriño ó tío”. Para que logo digan que o nacionalismo, etc.
Ignorantes ou destemidos de que o nacionalismo se cura viaxando, os de Quintana andan por Bos Aires e Montevideo, ou para ser exactos, entre o tango e a milonga. E eu canda eles no que os de protocolo chaman –como para matalos- séquito de prensa.
Viaxando, o nacionalismo non se cura. Nalgúns casos exacérbase, como no caso concreto dun colega da prensa emigrante, empeñado en sacarlle ó candidato a promesa de que non vai romper España. O candidato asegúralle que terá coidado, pero que en ningún caso nin el nin o BNG abrigan esa tentación, se non o máis modesto obxectivo de evitar que Fraga afunda Galicia. Xa saben como son estas declaracións en pre?campaña.
Despexada a incerteza aznariana do colega, taxi a fume de carozo para outro lado. Por certo, o do taxi que me toca sempre é fillo de monfortino (de Caneda, para ser exactos), ten un discurso incisivo e moi elaborado en todos os aspectos (teórico e léxico) sobre os desastres do neoliberalismo e das privatizacións. Sempre tiven a dúbida de se algunha institución ou unha axencia de intelixencia galaica non preparará descendentes de galegos para que os atopes ó chou, como que non quere a cousa. Este, o de Caneda, estaría preparado ademais para satisfacer as demandas ideolóxicas da clientela. Logo resulta que non, que son dunha mutua laboral na que todos esbardallan do neoliberalismo, teñen unha publicación gratuita, Taxi hoy, que xa leva 100 números e na que saen todos eses argumentos antineoliberais. Seino porque nos dan a todos varios exemplares, xunto con outro periódico que edita a Unión de Trabajadores de Prensa de Buenos Aires no que defenden Cuba dos ataques de Bush e Condoleezza Rice. Tamén atacan ós periodistas “obsecuentes”. Aprendo unha palabra nova (obsecuente quere decir parcial, non independente) e cóntanme unha aplicación práctica: nun xornal quixéronlle cobrar ó BNG por unha entrevista. Saco en conclusión que en todas partes cocen fabas e que o conservadurismo taxista cúrase viaxando.