Xuñ 08 2005

Ha pasado un Ángel

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 2:54 am

O inexplicable non se pode explicar, e ademais non hai quen o entenda, quitado en política. Por exemplo, o caso Acebes. O secretario xeral do PP está máis presente na campaña galega que JP na programación da TVG e o PP está tan encantado coa súa presencia que prefire convocar ás televisións ós seus actos, e non ós de Gallardón. Acebes é un dos Black Brothers imbuidos da misión divina de advertir ós galegos dos perigos das malas compañías e dos malos exemplos. Caer na tentación de votar a Carme Adán, aínda que sexa soamente un pouquiño, supón arder unha eternidade política catro anos – nas caldeiras do Clubque-destruye-Es-pa-ña que dirixe o que el chama Cárod Rovira. O demo Cárod é responsable de fenómenos como a deslocalización, “que quiere decir que las empresas se van, hastiadas de la incertidumbre y del mal gobierno, a otros lugares que les ofrecen seguridad”. A ver se, con tanta propaganda que lle fan disputa con Touriño o pichichi de homes do saco na liga do PP Cárod decide presentarse e explicarnos a razón de que de aquí se vaian textiles e conserveiros.


Xuñ 08 2005

Contribución deportiva

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 1:08 am

“Lo de Joaquín Caparrós ya es oficial. El hispalense podría viajar a Coruña durante esta jornada para rubricar el contrato que uniría al de Utrera al Deportivo por un año”.

·Suliña as palabras que non coñezas e reflexiona sobre elas
·¿Sabes cal é o xentilicio dos orixinarios de Utrera?
·Poderíase traducir este texto por “o Deportivo ficha a un adestrador sevillano que podería vir hoxe a asinar o seu contrato” ?

(Nunca recoñeceremos no que vale a contribución do xornalismo deportivo á formación cultural popular)