Xuñ 09 2005
Fraga go
todonada. Hai máis en Fragagá
Xuñ 09 2005
O si home si impreso Os designios do señor son insondables e procelosos como os mares de China. Polo menos os designios do señor que planifica as campañas de cada partido. Por exemplo, o que toma as decisións no PP. O secretario xeral do PP está máis presente na campaña galega que Juan Pardo na programación da TVG e o PP está tan encantado coa súa presencia que prefire convocar ás televisións ós seus actos, e non ós de Gallardón.
Acebes é un dos Black Brothers populares imbuidos da misión divina de advertir ós galegos dos perigos das malas compañías e dos malos exemplos. Caer na tentación de votar a Méndez Romeu ou a Aymerich, aínda que sexa soamente un pouquiño, supón arder unha eternidade política catro anos – nas caldeiras do Clubque-destruye-Es-pa-ña que dirixe o que el chama Cárod Rovira. O demo Cárod é responsable de fenómenos como a deslocalización, “que quiere decir que las empresas se van, hastiadas de la incertidumbre y del mal gobierno, a otros lugares que les ofrecen seguridad”. A ver se, con tanta propaganda que lle fan (disputa con Touriño o pichichi de homes do saco na liga do PP) Cárod decide presentarse. Ó mellor el, como experto deslocalizador, poderíanos explicar a razón pola que de aquí se van textiles e conserveiros a sitios como Marrocos ou Zaire, onde os gobernos son de ben pouco fiar (aínda que, eso si, non hai sindicatos que freen o progreso, a modernidade e a estabilidade económicas).
O señor ese da estratexia popular debería investigar se hai relación casual ou causal entre a sobredose de acebina e o desplome de case dez puntos na intención de voto ó PP que se produciu desde que empezou a campaña, segundo as enquisas. Porque o fenómeno contrario, o movemento sísmico-demoscópico que se produce na Coruña, onde por primeira vez o PSdG-PSOE supera en votos ó PP, está claro que ten relación directa coa desgarrada e contundente afirmación de Paco Vázquez de que desta vez está comprometido ata as cachas co seu partido. Foi un momento “yo-vi-la-luz” que se produciu ante un público similar ó de programas tipo “Saber Vivir”, o “El Programa de Ana Rosa”, o que sen dúbida reforzou a credibilidade da confesión vazquiana e a posterior difusión boca a orella do sorprendente acontecemento.
Tampouco se entende como Quintana, o Compañeiro Q ou Presidente Queen que lle chaman na troupe periodística que o arrodea, pase de derrochar comunicabilidade nos mitins (é, con moito, o que mellor abraza ás señoras), e de destacar nos escasos debates que se emiten, a converterse nunha máquina de expender respostas no programa de Iñaki Gabilondo. Quintana soltáballe un paquete de guión de campaña (“su respuesta, gracias”), preguntáralle o que lle preguntara o rei radiofónico matutino.
Quizais sexa que, como dixo máis ou menos un torero (que non tiña asesor), o inexplicable non se pode explicar, e ademais non hai quen o entenda. Quitado en política.