Xuñ 15 2005
Os secundarios
Estas están sendo as eleccións dos secundarios, ou máis exactamente aquelas eleccións nas que os secundarios son máis importantes ca nunca. De feito, supoñíase que esta campaña ía ser de confrontación de conceptos, de ideoloxías e polo tanto de líderes, e o resto, sería a procesión dos caladiños. Pois foi ó contrario.
Metidos no que se chama ecuador da campaña, Fraga enche como pode os discursos contando a historia remota do sitio onde dá o mitin, logo recordando a súa relación persoal, habitualmente non menos remota, co lugar en cuestión e despois comparando a Galicia que coñeceu de neno coa actual. Acto seguido, coa desgana e a pouca aplicación de quen le un texto alleo de inferior altura intelectual á propia, debulla unha serie de logros ou propostas locais, segundo o PP goberne no sitio ou non. As frases propias de contido político, esgotado o filón Carod Rovira, son cada vez menos, habida conta do seu éxito. É Rajoy, que parece cada vez máis o sobriño que veu á festa e tivo que quedar a axudar a vendima toda, quen se encarga polas mañás de repartir folletos ós viandantes e de despexar balóns ante os medios de comunicación. E cando xa estaban os papeis repartidos, vai Cuiña e aparécese na súa faceta Dolores Ibarruri/Russell Crowe, decindo que prefire morrer de pé que vivir axeonllado, morrer loitando na area como os bos gladiadores que facerse vello chupando bancada. 
Unha comparación atinadísima porque en efecto, os gladiadores loitaban cos seus compañeiros, mataban ós seus colegas ou morrían ás súas mans. E porque, como cucamente calou Cuiña, os bos gladiadores non morrían, retirábanse con gloria despois de ter sobrevivido a tanto mandoble. E quen di Cuiña, o Gran Caladiño, di o resto da confraría silandeira. Paco Vázquez, por exemplo, que se non larga rebenta.
Mesmo a xente que non adoita pronunciarse estase manifestando. Suso de Toro, do que evidentemente se sospeitaba con fundamento que non ía apoiar ó PP, pero que andaba en todas as línguas (nas de carne) pola súa faceta de correspondente do presidente Zapatero, escribiu sen rodeos que votaría ó Bloque, e porque lle petaba, non por obriga moral ou ética de ningún tipo. Roberto Verino apareceu, na súa faceta do verinense Roberto Mariño, polo mitin que deu Quintana na súa vila (na de Verino/Mariño, non na de Quintana). Por riba desas declaracións tremendas que fan os oradores, e que a metade deles non se atreverían a subscribir cando baixan da peana, os síntomas do que realmente se move é o que din os caladiños que están deixando de selo. O único que queda é ou era Beiras.
(para mércores, 15 de xuño de 05)


o 15 de Xuño, 2005 ás 1:10 pm
Onte o sobriño tiña que ir con bañador Meyba pola praia de Riazor (remember “Neptuno” Fraga en Palomares), e non esa camisa e pantalóns tan pouco axeitados.