Xuñ 23 2005
Mortos e votos
Hoxe (para vostedes onte) producíronse dúas noticias absolutamente reveladoras do que é a Galicia que tanto estivo nas bocas e nos letreiros na pasada campaña. Por un lado, a constatación de este vello país é o que mais poboación perde nas Españas todas. Por outra, a noticia de que o PP desprazará á xunta electoral de Pontevedra un equipo A de xuristas para velar polo reconto de votos, encabezado polo ex presidente do Congreso e ex Ministro de Defensa Federico Trillo Figueroa. A conxunción deses dous fenómenos é a demostración palpable de que á Galicia oficial actual está máis pendente dos votos que os nenos, impórtalle máis o electorado que a xente.
Obviamente, non é o caso persoal de Manuel Fraga, que desde hai anos vén alertando da escaseza natalicia dos galegos, do noso futuro abocado a unha repoboación bereber –tal e como lle recordo oír mencionar nun debate do estado da autonomía de hai anos-. Mesmo nesta campaña criticou a nova lei do divorcio que simplifica o trámite <del>ata deixalo suxeito ó que parece natural, o simple acordo de disolución decidido por aqueles que decidiron a unión coa mesma sinxeleza procesal</del>, porque nese caso “que muller vai querer ter fillos”. Pero, como noutros aspectos do seu goberno, a súa convicción persoal chocaba frontalmente coa súa práctica política. Ter reservas de vellos mantidos cunha pensionciña, un punto de luz e unha merenda xuntos o Día dos Avós é como ter unha granxa electoral de excelente rendemento, ata que comeza a actuar a lei de vida coa mesma inexorabilidade que a lei da gravidade. Se a xente morre, terse preocupado antes, como lle espetou Baltar ós seus alcaldes que esgrimían o crecemento vexetativo negativo como argumento para o crecemento negativo electoral. Un argumento que resultou ser cruamente real, como recoñeceu Xosé Crespo despois das eleccións: “faltáronnos os votos dos que morreron”.
En realidade, non foi exactamente así. Faltáronlles sobre todo os daqueles lugares nos que aínda aniña a esperanza. Xa sabemos que nas cidades, pero tamén en todos aqueles sitios en que agardan do futuro algo máis que racións de empanada, subiron os votos daquelas formacións ás que –aínda que sexa de momento- se lles supón ganas de facer algo máis que apuntalar a casa para que non nos caia o teito riba da cabeza. Así que cando esmorecen a producción das granxas electorais de aquí, a esperanza do PP está nas granxas de aló. O malo é que leiras tan afastadas non se poden atender como se debera, e sempre hai quen vai á prea da fruta. Por eso a Audiencia de Pontevedra vai ter o luns tanto protagonismo mediático como o tribunal onde xulgaron a Michael Jackson. Por eso o PP madrileño despraza alí a Trillo (que debe ter un enormísimo peso xurídico que poida compensar e escasa credibilidade política que lle queda). Se <a href=\"http://www.vieiros.com/opinion/opinion.php?id=43781&Ed=1\">perden</a>, sempre se pode facer do asunto unha cuestión de estado.
(para xoves, 23 de xuño de 05)


o 9 de Novembro, 2005 ás 12:32 am
testcomment748