Xuñ 19 2005

Apocalypse now

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 10:15 am

Cando lean esto, vostedes estarán coa resaca da celebración ou coa de ter tentado afogar as penas, embargados pola alegría, ou pola depresión, ou tanto lles tén. Cando escribo esto, eu nin siquera votei. Como estou na xornada de reflexión, despois de quince días de acción, aproveito para cavilar no que debería cambiar, aínda que nada cambiara.

Debería cambiar por exemplo o uso apocalíptico da política. Instrumentalizar os medos e o resto dos instintos da xente da mesma forma que o facían os predicadores medievais, pero sen a convicción persoal que tiñan algúns deles. Quero decir facer da política o mesmo espectáculo que a desactivación in extremis da bomba atómica nas películas tipo James Bond: se optas polo cable azul, sálvanse a civilización occidental, as pistas asfaltadas e o labor histórico de Isabel la Católica. Se optas polo cable roxo, os ríos remontarán o seu curso, as montañas precipitaranse nos vales e desaparecerá o mundo tal e como o coñecemos. Que esa alternativa é falsa sábeo a maioría da xente, por eso cando o electorado opta por cortar o cable azul ou roxo, os partidarios de ter cortado o outro non se suicidan en masa, nin vagan polas rúas repartindo as súas propiedades e pedindo perdón ós que poideran ter ofendido. E sábeno, sobre todo os que o aseguran subidos a unha peana dotada dun micrófono, que é o malo.
O peor é que hai xente que acredita tan sinceramente na posibilidade de que adveña ese inferno político como na existencia do inferno ultraterreno de toda a vida. Xente esencialmente crédula, ou xente que deixa fóra do sitio onde se celebra o mitin a intelixencia que usa para a vida normal. Xente que permite que desde a peana lle digan –é un exemplo real de moitos que escoitei- que as outras opcións “non queren que Galicia crezca”. Haberá propostas estrambóticas, xestións ineficaces, xente que se equivoca más ca outra, pero sinceramente, quitado esas persoas que están convencidos e que o veciño do 4ºD está abducido por seres do planeta Unmo, ¿alguén pode crer que haxa alguén, mesmo partidos políticos enteiros, firmemente decididos a evitar que Galicia medre? Pois nesa suspensión do raciocinio, persoas que ganan máis cartos que eu e que vostedes e teñen gran capacidade de decisión nas nosas vidas proclámano ós catro ventos e coas cámaras gravándoo.
Tamén lle pediría ós que vostedes escolleron onte e eu mañá, que abandonen ese xeito de entender o mando que supón utilizar o público como se fose particular. Esa soltura no mangoneo que permite presentar na televisión pública como unha entrevista a un candidato o que eran textos preparados e logo lidos, igual que os presentadores. Ou abroncar en público (en público era, porque no plató había xente) a unha persoa que non é, como despacharon os medios, “un asesor”, senón un secretario xeral (que tampouco debería estar alí), un cargo da administración pública, non un servo persoal. Porque se esa é a forma de tratar a un secretario xeral, cal non será o trato a un funcionario pelado, ou a un cidadán normal. Da consideración ós discrepantes xa nin falamos.

(para luns 20 de xuño de 05)


Xuñ 17 2005

Profetas

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 5:57 am

O outro día, despois de entrevistar a unha muller famosa que se leva significando contra o réxime, díxome fóra do micrófono: “a ver para onde vou eu o día 20”. Hoxe (para vostedes, onte) un compañeiro díxome que na súa vila, e supónse que en Galicia toda, o PP puxera en marcha nas últimas horas o que el chamaba “a paleadora”. Todos cando militantes ou simpatizantes hai, equipados coa fe e o tesón dun vendedor de biblias, puxéranse a pedir o voto para Don Manuel apatrullando barrio por barrio, casa por casa. Ata debaixo das pedras, como di o destinatario dos votos.

Non sei que está pasando no mundo real, e moito menos que vai pasar o domingo, pero no planeta campaña acontece algo realmente ben curioso. Todo o mundo manexa, comparte, interpreta e analiza sondaxes, para rematar todas as conversas e/ou discusións concluíndo: realmente, eu non sei ben que vai pasar. E quen sabe que vai pasar, home, con resultados como os que ofrece por exemplo a enquisa que publicou días atrás este xornal, e que demostra que ninguén é profeta na súa terra. Por exemplo, o popularísimo Paco Vázquez é se cabe máis popular en Pontevedra (6,61 de nota) ca na Coruña dos seus amores (6,4), e que o Popular Mariano Rajoy é máis apreciado fóra (5,29 na Coruña, 5,31 en Lugo) ca na súa Pontevedra natal (5,16,case a mesma nota que saca no feudo boina de Ourense, 5,15). E estes non se presentan (Vázquez en concreto penso que non), pero os candidatos padecen o mesmo ninguneo dos seus veciños.
Onde Fraga é menos popular (se algo así é posible) é na provincia pola que se presenta, A Coruña (5,07). Incluso o aprecian máis os ourensáns (5,4) ca os seus compatriotas de Lugo (5,37). O mesmo que Alberto Núñez Feijoo: na provincia onde naceu, Ourense, é na que menos o coñecen (o 60% escaso) pero é no único sitio onde lle dan un aprobado. A nota máis baixa (4,83) danlla os pontevedreses, que son ós que lle pide o voto. Caso máis grave aínda é o de Touriño, que obtén en Pontevedra medio punto menos (4,47) que no resto de Galicia (onde non baixa de 4,8). Anxo Quintana non só tén menos puntuación na Coruña (4,68) que en Ourense (4,79), o que sería lóxico, senón que en Lugo (4,76). Os pontevedreses, en xeral os máis descontentos coa clase política ou os máis rácanos valorando, non lle dan ó líder do BNG máis que un 4,49.
Ou sexa que ante as interrogantes destes días unicamente se me ocurren dúas conclusións. Unha é que canto máis te coñecen, menos te aprecian (e quizais por eso debería terse presentado a estas eleccións Carod Rovira, aproveitando que é de fóra). A outra é que a entrevistada pode reservar casa nunha colonia de exiliados que outros que coñezo están preparando en Vilanova da Cerveira se desta non vai.

(para xoves, 16 de xuño de 05)


Xuñ 15 2005

Os secundarios

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 3:05 am

Estas están sendo as eleccións dos secundarios, ou máis exactamente aquelas eleccións nas que os secundarios son máis importantes ca nunca. De feito, supoñíase que esta campaña ía ser de confrontación de conceptos, de ideoloxías e polo tanto de líderes, e o resto, sería a procesión dos caladiños. Pois foi ó contrario.

Metidos no que se chama ecuador da campaña, Fraga enche como pode os discursos contando a historia remota do sitio onde dá o mitin, logo recordando a súa relación persoal, habitualmente non menos remota, co lugar en cuestión e despois comparando a Galicia que coñeceu de neno coa actual. Acto seguido, coa desgana e a pouca aplicación de quen le un texto alleo de inferior altura intelectual á propia, debulla unha serie de logros ou propostas locais, segundo o PP goberne no sitio ou non. As frases propias de contido político, esgotado o filón Carod Rovira, son cada vez menos, habida conta do seu éxito. É Rajoy, que parece cada vez máis o sobriño que veu á festa e tivo que quedar a axudar a vendima toda, quen se encarga polas mañás de repartir folletos ós viandantes e de despexar balóns ante os medios de comunicación. E cando xa estaban os papeis repartidos, vai Cuiña e aparécese na súa faceta Dolores Ibarruri/Russell Crowe, decindo que prefire morrer de pé que vivir axeonllado, morrer loitando na area como os bos gladiadores que facerse vello chupando bancada. russell cuina
Unha comparación atinadísima porque en efecto, os gladiadores loitaban cos seus compañeiros, mataban ós seus colegas ou morrían ás súas mans. E porque, como cucamente calou Cuiña, os bos gladiadores non morrían, retirábanse con gloria despois de ter sobrevivido a tanto mandoble. E quen di Cuiña, o Gran Caladiño, di o resto da confraría silandeira. Paco Vázquez, por exemplo, que se non larga rebenta.
Mesmo a xente que non adoita pronunciarse estase manifestando. Suso de Toro, do que evidentemente se sospeitaba con fundamento que non ía apoiar ó PP, pero que andaba en todas as línguas (nas de carne) pola súa faceta de correspondente do presidente Zapatero, escribiu sen rodeos que votaría ó Bloque, e porque lle petaba, non por obriga moral ou ética de ningún tipo. Roberto Verino apareceu, na súa faceta do verinense Roberto Mariño, polo mitin que deu Quintana na súa vila (na de Verino/Mariño, non na de Quintana). Por riba desas declaracións tremendas que fan os oradores, e que a metade deles non se atreverían a subscribir cando baixan da peana, os síntomas do que realmente se move é o que din os caladiños que están deixando de selo. O único que queda é ou era Beiras.

(para mércores, 15 de xuño de 05)


Xuñ 13 2005

Ten sentido

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 5:34 am

Véxome na obriga de salientar que o feito máis relevante desta campaña pasou completamente desapercibido, non soamente na atención dos electores, senón dos candidatos atentos á que lles poida saltar ós outros, e mesmo para os informadores que fan o esforzo de contar o que pasa, e dos editores e asesores que poñen o seu empeño no contrario. E eso que o tal feito non foi precisamente discreto: eran un cuadernillo de propaganda que se repartiu nos xornais e que se distinguía claramente dos das ofertas de hipermercados e ultramarinos porque na portada campaba unha mensaxe anticonsumista: “Ten sentido”.

Por se non o viron ou tiraron con el pensando que era outra cousa, era unha colección de fotos de rapazolos e rapazolas, cun excelente deseño a medias entre El País de las Tentaciones e os catálogos de Benetton, é decir, a vacuidade elevada á categoría de producto impreso. Os individuos xuvenís expresan, coa súa cara en grande e o seu pensamento en pequeno, as súas intencións de votar ó PP. Repasando (os argumentos, non as caras) as razóns veñen sendo porque non hai que discriminar ós vellos, porque están en contra de que se critique ós votantes do PP, porque os outros non dan garantías, porque teñen xente máis preparada, porque Touriño non é Zapatero, por non sei que problema cuns zapatos (“estou encantado cos meus zapatos de sempre e agora dinme que os cambie por dous do pe esquerdo, ¿que fago?” obviamente, seguir calzando dous do pé dereito), por descarte, porque Beiras non se presenta, porque prefire a empanada á butifarra, porque Touriño non lle di nada e Quintana tampouco moito, porque Fraga sempre lle caeu simpático. Curiosamente, ningún o fai invocando argumento ideolóxico ningún (“voto PP porque son conservador, ¡que pasa!”) ou nin siquera político. O máis parecido é a opinión dunha rapaza de ollos soñadores que asegura que “a mestura do nacionalismo radical con calquera cousa é mala. Mira o que pasou en Vigo. ¿Quen goberna agora? O PP” (o que non deixa de ser un argumento curioso: que un dos perigos do nacionalismo radical é que acaba gobernando o PP). E tamén hai un que non sabía do Plan Galicia, pero agora viu a luz gracias á reacción do Goberno ante a reacción de Fraga.
O asunto todo destila un claro aire de desculpa (nun caso concreto, o razonamento mesmo remata: “síntoo, pero é así”) e agacha unha contradicción evidente: o título. “Ten sentido” (por certo, o mesmo slogan precavido que empregou Moncho o de Sada nas últimas municipais) cheira a reconvención paterna, a recomendación previa ó posterior “xa cho dixen”. Revela o pensamento interno real que se tenta disfrazar co discurso propagandístico. Exactamente igual que a sandez que dixo Fraga sobre indecisos e mulleres (e que agora nega ter dito) revela o que realmente pensa cando imaxina estar facendo un canto á libertade sexual feminina. Teña sentido, Don Manuel.

( luns, 13 de xuño de 05)


Xuñ 12 2005

O doutor F e as mulleres

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 6:00 am

Fraga pediu disculpas, nun papel, por ter comparado a reserva dos enquisados ante as enquisas coa das mulleres ante as preguntas sobre as súas actividades sexuais. Resultou ser que era un símil entre a intimidade electoral e a sexual, que algúns medios e algúns partidos sacaron de contexto.
O que os medios e os partidos non sacaron de contexto foi outro símil que puxera días antes en terras de Lemos:
“Meu pai, cando veu de Cuba, propuxéronlle ser alcalde de Villalba porque xa estaban cansados doutros caciques, e íbanlle consultar ata con quen debían casar ás fillas… que por certo non era mal sistema para asegurar matrimonios estables e que teñan descendencia…”
Naturalmente, se casas ás fillas con quen lle peta ó alcalde, como van decir logo a verdade sobre con quen e con cantos se deitan.


Xuñ 11 2005

Pregarias atendidas

Categoría: Xeralsihomesi @ 2:51 pm

Quéixase Jaureguizar de que “ningún medio de Madrid ou Barcelona publica nada sobre un autor galego e ningunha institución chama a un autor galego para un acto de quitados os dous de sempre”. Un día despois, BABELIA publica un dispendio dedicado ó tema no que inclúe ademais de a Jaure como esencial a entrevista menos traballosa e máis satisfactoria da miña vida profesional recente, ou unha delas. Para que logo algúns digan que as eleccións non valen para nada


Xuñ 11 2005

Paco, o ideólogo

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 2:34 pm

A contribución de Paco Vázquez á ciencia política, en concreto a máis recente sobre benegoloxía está xa a crear escola. Interrogado Mariano Rajoy onte (en pleno santuario da praza de María Pita) sobre a doctrina vazquiana, largou máis ou menos:
Estoy de acuerdo con mi amigo Paco Vázquez en que el BNG es como Batasuna, y lo que tendrían que aclarar Touriño y Vázquez en una rueda de prensa es si van a pactar con lo que ellos consideran Batasuna, y si les van a dar responsabilidades en economía o en educación, con las consecuencias que ello tendría

-¿Cree entonces que debería ilegalizarse al BNG? -inqueriu un xornalista
-¿Cómo? -mandou repetir o presidente do PP, coa vella táctica do alumno que quere ganar tempo.
-Que si debería declararse ilegal al Bloque
-Ah, no sé, pregúntenle a Paco Vázquez.


Xuñ 10 2005

Caídos en campaña

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 11:05 am

Tras das bambalinas electorais hai máis movemento que diante delas. Primeiro foi Joan Campmany, o inventor de ZP (a campaña) que foi relevado da misión PT (Presidente Touriño) pola radicalidade das súas propostas. “Gracias y adiós” viña sendo a mensaxe que puxo os pelos crechos na rúa do Pino. Agora o caído en campaña foi o realizador do PP, ¡Hugo Stuven!, o de Aplauso. ¿Diferencias co cliente no concepto coreográfico do espectáculo?


Xuñ 09 2005

Fraga go

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 9:08 am

todonada. Hai máis en Fragagá


Xuñ 09 2005

Misterios electorais

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 9:00 am

O si home si impreso Os designios do señor son insondables e procelosos como os mares de China. Polo menos os designios do señor que planifica as campañas de cada partido. Por exemplo, o que toma as decisións no PP. O secretario xeral do PP está máis presente na campaña galega que Juan Pardo na programación da TVG e o PP está tan encantado coa súa presencia que prefire convocar ás televisións ós seus actos, e non ós de Gallardón.

Acebes é un dos Black Brothers populares imbuidos da misión divina de advertir ós galegos dos perigos das malas compañías e dos malos exemplos. Caer na tentación de votar a Méndez Romeu ou a Aymerich, aínda que sexa soamente un pouquiño, supón arder unha eternidade política catro anos – nas caldeiras do Clubque-destruye-Es-pa-ña que dirixe o que el chama Cárod Rovira. O demo Cárod é responsable de fenómenos como a deslocalización, “que quiere decir que las empresas se van, hastiadas de la incertidumbre y del mal gobierno, a otros lugares que les ofrecen seguridad”. A ver se, con tanta propaganda que lle fan (disputa con Touriño o pichichi de homes do saco na liga do PP) Cárod decide presentarse. Ó mellor el, como experto deslocalizador, poderíanos explicar a razón pola que de aquí se van textiles e conserveiros a sitios como Marrocos ou Zaire, onde os gobernos son de ben pouco fiar (aínda que, eso si, non hai sindicatos que freen o progreso, a modernidade e a estabilidade económicas).

O señor ese da estratexia popular debería investigar se hai relación casual ou causal entre a sobredose de acebina e o desplome de case dez puntos na intención de voto ó PP que se produciu desde que empezou a campaña, segundo as enquisas. Porque o fenómeno contrario, o movemento sísmico-demoscópico que se produce na Coruña, onde por primeira vez o PSdG-PSOE supera en votos ó PP, está claro que ten relación directa coa desgarrada e contundente afirmación de Paco Vázquez de que desta vez está comprometido ata as cachas co seu partido. Foi un momento “yo-vi-la-luz” que se produciu ante un público similar ó de programas tipo “Saber Vivir”, o “El Programa de Ana Rosa”, o que sen dúbida reforzou a credibilidade da confesión vazquiana e a posterior difusión boca a orella do sorprendente acontecemento.

Tampouco se entende como Quintana, o Compañeiro Q ou Presidente Queen que lle chaman na troupe periodística que o arrodea, pase de derrochar comunicabilidade nos mitins (é, con moito, o que mellor abraza ás señoras), e de destacar nos escasos debates que se emiten, a converterse nunha máquina de expender respostas no programa de Iñaki Gabilondo. Quintana soltáballe un paquete de guión de campaña (“su respuesta, gracias”), preguntáralle o que lle preguntara o rei radiofónico matutino.

Quizais sexa que, como dixo máis ou menos un torero (que non tiña asesor), o inexplicable non se pode explicar, e ademais non hai quen o entenda. Quitado en política.


« Páxina anteriorSeguinte páxina »