Xuñ 08 2005

Ha pasado un Ángel

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 2:54 am

O inexplicable non se pode explicar, e ademais non hai quen o entenda, quitado en política. Por exemplo, o caso Acebes. O secretario xeral do PP está máis presente na campaña galega que JP na programación da TVG e o PP está tan encantado coa súa presencia que prefire convocar ás televisións ós seus actos, e non ós de Gallardón. Acebes é un dos Black Brothers imbuidos da misión divina de advertir ós galegos dos perigos das malas compañías e dos malos exemplos. Caer na tentación de votar a Carme Adán, aínda que sexa soamente un pouquiño, supón arder unha eternidade política catro anos – nas caldeiras do Clubque-destruye-Es-pa-ña que dirixe o que el chama Cárod Rovira. O demo Cárod é responsable de fenómenos como a deslocalización, “que quiere decir que las empresas se van, hastiadas de la incertidumbre y del mal gobierno, a otros lugares que les ofrecen seguridad”. A ver se, con tanta propaganda que lle fan disputa con Touriño o pichichi de homes do saco na liga do PP Cárod decide presentarse e explicarnos a razón de que de aquí se vaian textiles e conserveiros.


Xuñ 08 2005

Contribución deportiva

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 1:08 am

“Lo de Joaquín Caparrós ya es oficial. El hispalense podría viajar a Coruña durante esta jornada para rubricar el contrato que uniría al de Utrera al Deportivo por un año”.

·Suliña as palabras que non coñezas e reflexiona sobre elas
·¿Sabes cal é o xentilicio dos orixinarios de Utrera?
·Poderíase traducir este texto por “o Deportivo ficha a un adestrador sevillano que podería vir hoxe a asinar o seu contrato” ?

(Nunca recoñeceremos no que vale a contribución do xornalismo deportivo á formación cultural popular)


Xuñ 07 2005

O inventor da electricidade

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 5:43 am

De rapaz, nunha excursión ó mosteiro de Samos, escoitelle a un frade reivindicar a obra e figura de Franco porque antes del non había nin trens nin electricidade. Aínda sendo rapaz e excursionista, o argumento soárame a falso. Agora, anos despois, sei que o era. Foi Fraga quen trouxo todos os adiantos: no canto da Galicia chea de corredoiras, menciñeiros, caldiño pola mañá e leite con castañas pola noite, agora hai maquinaria agrícola, granxas modernas, escolas e sistema sanitario, segundo dixo onte en Sarria. O peor é que, como asegundou despois en Monforte, os adiantos son perecedeiros e iranse como viñeron se Fraga non gana. O resultado é que teño unha dúbida existencial propia dun beatnik, porque estou a favor da electricidade, dos trens, da maquinaria agrícola e do sistema sanitario, pero tampouco me importaría que lles rozaran as silvas ás corredoiras, e devezo por todo o que leve castañas (no que respecta á escola, non o teño claro: a ignorancia produce estupidez, pero a educación produce universitarios, como asegura O’Rourke). Así que non me estraña as inxentes bolsas de indecisos que os demoscópicos descubren cando sondan a sociedade galega.


Xuñ 05 2005

Las edades del hombre

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 2:55 pm

De todos os discursos electorais que levo escoitado (anacos grandes e pequenos de case todos) os máis paveros son os de Fraga. Non polos argumentos electorais (é decir, o argumento: como voten ós outros, vai vir Carod Rovira) senón polas morcillas que lle mete. Todas as improvisacións obedecen á memoria remota que predomina sobre a recente na xente de idade. Por exemplo, no mitin de Viveiro deleitou á concurrencia con amenidades eruditas como os dous apelidos galegos de Cervantes (Cervantes e Saavedra), ou que Isabel a Católica, “que puxo orde en Galicia” andou por aquelas terras (ou por estas, non me quedou claro). Os camiños estaban tan estragados e cheos de silvas que quedou sen fondo de armario ningún, e tivo que enviar un recado a unha criada ou dona da súa corte (perdón, Corte) que non lle podía mandar o vestido anual que lle regalaba porque quedara sen ningún (o que proba o moito que se adiantou en infraestructuras no noso país gracias ós gobernos do PP). A mención máis recente foi a Nicomedes Pastor Díaz, que foi ministro de Fomento (pero non tivo culpa ninguna do Plan Galicia, que se saiba)


Xuñ 05 2005

Gulf War bis

Categoría: Destavai'05, Matrix Press, Si home sisihomesi @ 2:10 pm

Aseguran os que saben, ou ós que lle supón que saben, que a campaña decidirase nos medios audiovisuais, máis que nos escritos. Véñeno asegurando, de feito, desde que Kennedy lle ganou a Nixon en milnovecentosesenta e tantos, como se o electorado en conxunto como tal, como animal de compañía, necesitara da televisión para escoller entre aqueles dous. 40 anos despois, tal novidade chega a Galicia, e os que gobernan nas mensaxes electorais non son os ideólogos individuais, nin eses pensadores colectivos chamados think tanks, senón os consultings de marketing, os autodenominanados grupos de comunicación (as axencias de publicidade de toda a vida). Esta xente, chámese como se chame, son os que argallaron que nesta campaña se lle facilitaran ás televisións as imaxes dos mitins, que chegan por satélite ás redaccións. E as televisións, evidentemente, eternamente agradecidas polo aforro de traballo e de gasto.

O malo é que non hai nada de balde. No que se chama sinal realizada, cada un mete o que quere. Por exemplo, o PP afórralle ós espectadores os percorridos abaneantes pero decididos de Manuel Fraga camiño do micrófono. O candidato Fraga aparece sentado ou parado, e logo por milagre catódico (o que no cine chaman elipse narrativa) reaparece disposto xa no atril, igual que un santo na peana. Como se ademais de dar por sentado que o presidente presidenciable está mentalmente coma un buxo, nos quixeran demostrar que se manexa fisicamente coa prestancia de Djukic sacando o balón xogado desde a área grande. Nesta situación, pretender obter imaxes propias está tan mal visto como rexeitarlle a Don Corleone unha oferta desas que non se poden rexeitar, e os desagradecidos equipos que pretenden mirarlle os dentes a eses cabalos regalados, saen a discusión diaria para poder gravar o que queren. Tamén as imaxes que se transmiten graciosamente dos mitins socialistas están cheas de fundidos (das multitudes abandeiradas ós candidatos sorrintes) que duran unha eternidade, polo que é un traballo ímprobo dar feito unha información sen caer na estética do videoclip. A escaseza de medios da campaña nacionalista fai que nos actos do BNG os candidatos saian arrubiados, como se acabasen de almorzar a base de touciño, que queda moi étnico pero pouco electoral.
En definitiva, o barato sae caro, non soamente para os electores, senón para as propias opcións retransmitidas. Se a información electoral, ademais de pouco amena, se vai parecendo ós anuncios de coches, non lle vexo moito futuro como elemento persuasor. E tamén é malo para os medios, porque estas técnicas de subministro controlado e unidireccional da información xa se utilizaron na Guerra do Golfo. Daquela colaron. Despois a xente fiouse de internet.


Xuñ 02 2005

Ai, si

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 10:36 am

Agora que caio, de Bos Aires pódolles contar algo. Por exemplo, que na vicepresidencia da República Arxentina deixan entrar como perico por su casa, sen detectores nin nada, e que tamén consideran que a un visitante gayego haino que recibir poñendo unha bandeira española, sen que a delegación do BNG tivera unha reacción alérxica tipo síndrome Carod Rovira. Ou a visita ó Centro Gallego. No exterior había un rapaz deses que sacan uns pesos repartindo folletos que entregaba uns do PP ós vellos que entraban e saían de xestionar as súas cousas. Unha señora que vendía alfajores (esa palabra xa a sabía: rosquillas) preguntoume “para que se postula ese señor” sinalando ó candidato Q. “Para presidente de Galicia”. “Pues no sé quién es, pero va a ganar, lo sé”. Supoño que se a señora tivera dotes de adiviña, non vendería alfajores na rúa, e confirmouno o presidente do Centro Gallego, Rogelio Ucha, que no seu discurso de benvida definiu ós emigrantes como “asilados económicos” (o tal Ucha debía ser de Caneda, pero de Caneda o do Compostela), e contradeciu á señora decíndolle a Quintana que “desta vez non vai ser”. Tamén vimos a habitación na que morreu Castelao, que se conserva como hai medio século (igual que outras dependencias, pero estas por motivos económicos, non sentimentais) e saímos todos cos ollos de guerra e subindo a nosa estima polo Sergas.
De Montevideo tampouco lles podo contar nada, quitado que na presidencia da República de Uruguai hai a mesma seguridade que na vicepresidencia da de Arxentina. Tamén a casualidade de que na colonia galega está un do grupo A Roda, co que a única cea uruguaia da miña vida paseina escoitando aquelo de “ó entrar en Balaídos, díxolle o sobriño ó tío”. Para que logo digan que o nacionalismo, etc.


Xuñ 02 2005

Que bueno que viniste?

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 2:35 am

Ignorantes ou destemidos de que o nacionalismo se cura viaxando, os de Quintana andan por Bos Aires e Montevideo, ou para ser exactos, entre o tango e a milonga. E eu canda eles no que os de protocolo chaman –como para matalos- séquito de prensa.
Viaxando, o nacionalismo non se cura. Nalgúns casos exacérbase, como no caso concreto dun colega da prensa emigrante, empeñado en sacarlle ó candidato a promesa de que non vai romper España. O candidato asegúralle que terá coidado, pero que en ningún caso nin el nin o BNG abrigan esa tentación, se non o máis modesto obxectivo de evitar que Fraga afunda Galicia. Xa saben como son estas declaracións en pre?campaña.
Despexada a incerteza aznariana do colega, taxi a fume de carozo para outro lado. Por certo, o do taxi que me toca sempre é fillo de monfortino (de Caneda, para ser exactos), ten un discurso incisivo e moi elaborado en todos os aspectos (teórico e léxico) sobre os desastres do neoliberalismo e das privatizacións. Sempre tiven a dúbida de se algunha institución ou unha axencia de intelixencia galaica non preparará descendentes de galegos para que os atopes ó chou, como que non quere a cousa. Este, o de Caneda, estaría preparado ademais para satisfacer as demandas ideolóxicas da clientela. Logo resulta que non, que son dunha mutua laboral na que todos esbardallan do neoliberalismo, teñen unha publicación gratuita, Taxi hoy, que xa leva 100 números e na que saen todos eses argumentos antineoliberais. Seino porque nos dan a todos varios exemplares, xunto con outro periódico que edita a Unión de Trabajadores de Prensa de Buenos Aires no que defenden Cuba dos ataques de Bush e Condoleezza Rice. Tamén atacan ós periodistas “obsecuentes”. Aprendo unha palabra nova (obsecuente quere decir parcial, non independente) e cóntanme unha aplicación práctica: nun xornal quixéronlle cobrar ó BNG por unha entrevista. Saco en conclusión que en todas partes cocen fabas e que o conservadurismo taxista cúrase viaxando.


Xuñ 01 2005

O tamaño importa

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 8:22 am

Carme Adán fai tamén unha comparación entre “grande” e “pequeno” que, como pasaba en Barrio Sésamo, ilustra perfectamente as diferencias: grande é a Ponte de Rande, pequeno é a peaxe que hai que pagar para usala. Grandes son a concentración que se regalou Fraga no Monte do Gozo (¿nun Pozo?) e o desfile de uniformados con contrato temporal que se mandaron na Coruña o dúo patriótico Paco-Bono. Paco Vázquez, como sempre capaz de repicar e ir á vez na procesión, fala tamén do pequeno: se o PP perde, partirá en dous, e a río revolto, ganancia de pescadores. O PSdG podería ver de pactar co Partido Popular Verdadeiro, ou co Partido Popular das Terras Altas. Claro que daquela tamén poderían xurdir no socialismo o PSdS (Partido Socialista de Sempre) e o PSAE (Partido Sólo Alianzas Exquisitas). O BNG quedaría como sempre, como os pementos de Padrón: uns picados e outros non.


Xuñ 01 2005

Aprendendo

Categoría: Destavai'05, Si home sisihomesi @ 4:20 am

O primeiro que ten que facer o bo blogueiro (con G) é mirar ó redor e ver o panorama blog. Para comezar, nada como os clásicos, ou mellor dito todonada. Alí salientan o diario de Adán (perdoen o chiste, o de Carme Adán, cabeza de lista bloqueira, con Q, por Pontevedra). Alá vou para atoparme cunha frase desas que poderían saír en Babelia ou nos repertorios de citas interesantes: “Hoxe, que desbotamos os esencialismos e cremos na potencialidade dos “suxeitos nómadas”, tal vez a definición da identidade pase pola definición da viaxe”. Non é o pensamento habitual do BNG, quitado que entendamos que a ecuación identidade=viaxe sexa unha denuncia da pasada e presente necesidade de emigrar que teñen os galegos.
Pero ata a patronal ten unha visión máis aguda, como se pode ler no confidencial dunha web empresarial viguesa: “Desde aquí se comentó, en repetidas ocasiones, que los del Bloque son feos, feos y feas, con la fealdad como norma, en el plano individual y en conjunto. Quizás por ello, por fin conscientes de su escaso atractivo en un mundo actual proclive a valorar la estética personal, han elegido a esta Carme Adán como cabeza de lista por Pontevedra. La metamorfosis, la mejoría respecto a los demás candidatos y candidatas es muy evidente. Y seguro que le ayudará a conseguir algunos votos que no caerían en el saco del BNG con la presencia de algún otro malencarado candidato, con el inquietante aire, incluso con el desaseado aspecto de muchos de estos talibanes nacionalistas”. Ou mellor, podíase ler, porque xa retiraron o comentario. Outra mostra máis de que identidade, mesmo a identidade patronal e emprendedora, tamén necesita viaxar.


Xuñ 01 2005

Oooola

Categoría: Xeralsihomesi @ 3:11 am

Estamos en campaña electoral (non sei se vostedes, os partidos si e eu tamén,aínda que non a pedir o voto), e hai que reflexionar, que decía o outro. Eu reflexionei e cheguei a conclusión de que para estes tempos acelerados, de ires e vires, de intercambio cruzado de ideas (é un decir), nada como a inmediatez do blog ou diario persoal. Ala vou.


« Páxina anterior