Xull 04 2005

Familias

Categoria: Si home sisihomesi @ 3:54 pm

Desgraciadamente, aquí non somos demasiado universais. Mentres, por exemplo en gran parte de España están inmersos nunha dura loita en defensa da familia, aquí como moito estamos pendentes de se veñen os primos de Barcelona ou de Eibar, canto tempo se van quedar e se a prima segunda Nekane sigue tan borde como antes. Aquí, como pasou co tren ou coa revolución industrial, todo chega tarde e todos os momentos históricos tócannos de esguello.

Millóns e millóns de persoas maniféstanse en Madrid día si día non a prol do matrimonio de toda a vida (non dúas persoas que se soportan como poden, unidos polo que dirán e unha hipoteca, senón a fórmula tradicional: un home + unha muller+ o que veña, e a maiores algunha tío ou cuñado que se deixou caer). Aquí, nada –quitada esa meritoria aportación coruñesa, a concentración do outro día en María Pita-, véndoo pola televisión e pouco máis. Ben é certo que na primeira manifestación, unha miña prima foi ata Madrid, e que onte mesmo me enterei que se fora manifestar outra parente, neste caso política. Claro que no primeiro caso foi porque a levaba de paso unha amiga que si ía a participar no evento, e no segundo a parente argumentou que asistía para protestar contra o chamado divorcio-exprés.
Sinceramente, eu non acabo de entender como se pode un manifestar contra algo que non lle afecta. A nova lexislación matrimonial non lle afecta ás familias tradicionais (un home+ etcétera), posto que non as obriga a disgregrarse e a formar novas unidades familiares homoxéneas e homosexuais. Nestes tempos en que aumentan as unións sen formalizar, os defensores do casamento mesmo se deberían alegrar de que se lles una na defensa da institución un amplo sector que ata agora non podía optar por esa optimista fórmula de convivencia que supón apostar porque dúas persoas que se levan ben seguiranse levando ben unha chea de tempo. É como se os partidarios do cocido tradicional se manifestasen contra os seguidores de engadirlle carne de galiña. Pero, teñan razón ou non, está claro que ese clamor indignado é unha moda que aquí non prende, pese ós esforzos do alcalde Vázquez e os concentrados mariapitenses.
Exactamente igual que tampouco, pailáns que somos, nos coscamos da polémica que manteñen a tirios e troianos sobre os nosos resultados electorais. De Estremadura a Sevilla xurden berros de alerta ante o novo brote do virus da carod-rovirina, e nós xordos e sen vacunar, preocupados como moito por se ese coñecido noso vai ter cargo ou non. E neste caso é máis grave, porque nós prendemos o lume co noso voto inconsciente, e nin cheiramos o fume. Ou que mentres toda España roe as unllas de impaciencia polo de Madrid 2012, aquí aínda hai quen pregunta que é esa veliña que sae nunha esquina do televisor nos telediarios.
A ver se co cambio de réxime collemos o tren da modernidade.

(para luns, 4 de xullo de 05)

Un comentario a “Familias”

  1. testanchor782 dixo:

    testcomment302

Deixa un comentario