Xull 08 2005

Singapurazo

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 3:11 am

Estarán xa ó tanto do singapurazo. En sóubeno pasada a unha da tarde polo desolado comentario duns madrileños, ou máis exactamente da banda madrileña dunha familia tudense, cando aparcaban xusto ó lado nos arredores da Fortaleza de Valença do Minho. No pudo ser, que din tan frecuente como pouco axeitadamente os informadores deportivos (porque ser, puido ser, o que pasou é que non foi). E como lles decía onte, xa se sabía que o de Madrid 2012 non ía ser, pero iso non quita que se lle dera ó bombo de que podería ser coa mesma aplicación e a mesma subvención que o famoso Manolo o do bombo. Así que, con ese espírito tan hispano do fair play, agora soamente queda ver a quen se lle bota a culpa do fracaso.

En primeiro lugar, acudindo ó non menos hispano espírito cainita, temos dous culpables: por un lado o goberno do Estado, e polo outro os gobernos locais. O Goberno de Zapatero, por non poñer dabondo a carne no asador ou por non suar a camiseta como debería, por seguir coa terminoloxía cheirento-deportiva. Se tivéramos unha influencia mundial como a que tiña o Goberno de Aznar, en ver de ser uns piernas como agora somos, había mandar truco para que nos tiraran abaixo a candidatura á primeira como nola tiraron. E os Gobernos municipal e rexional de Madrid, por levarse a matar entre eles. Claro que, disparados mutuamente os primeiros tiros, sempre se pode apuntar conxuntamente a un culpable moito máis culpable: ETA, as súas bombas e as súas obras, encirrados sen dúbida para sacarse a espiña do fracaso de cando tentaran boicotear as Olimpíadas de Barcelona 92. E xa postos, algo de culpa terá un catalán, Mariscal, por diseñar esa trangallada de logotipo que houbo que poñer vertical, porque o horizontal orixinario non valía para nada. E xa se verá se hai algún galego ou descendente metido no COI que contribuíu á derrota.
Eu, con todo, síntoo moito por todos aqueles que fregaban as mans pensando nos fabulosos negocios de todo tipo –urbanísticos, recalificadores, mediáticos- que ían facer a costa do espírito olímpico. E transmítolle a miña felicitación ó resto do pobo madrileño, que se salvou de boa. Se xa agora está a cidade toda furada (alguén recordou estes días a frase que lle dedicou Danni de Vito hai anos: “espero que atopen o tesouro”), imaxinen como quedaría en pleno furor constructivo olímpico. E felicito de paso ó resto dos concidadáns, porque ultimamente estase perdendo non soamente o sentido da medida, senón tamén o da esaxeración: se houbo tal despliegue de medios e de esforzos na outra punta do mundo para relatar unha decisión que se supoñía ía ser negativa, imaxinen a que se podería armar se por riba concederan a Madrid a organización dos Xogos Olímpicos. Nestes sete anos, iamos ter os cinco aritos famosos ata na sopa.

(para xoves, 7 de xullo de 05)


Xull 08 2005

Madrid 2012

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 3:07 am

Estou estes días de praia, lendo o periódico cando o pillo e vendo a televisión a cachos e medio nos bares. Desde esta perspectiva veraneante, comprobo que, efectivamente, asuntos como a reforma do estatuto –calquera estatuto- non forman parte das preocupacións medias da sociedade, moito máis preocupada en saber que tempo fará mañá, onde demo estarán eses nenos que dixeron que ían andar “por aquí” e se chegaron xa os Menganos. Claro que tampouco detectei inquedanza ningunha, nin siquera curiosidade polas posibilidades de que Madrid 2012 pase de ser un proxecto e unha campaña a unha realidade futura. Hai que ver como unhas poucas sesións horizontais ó sol dilúen calquera tema de importancia decisiva e candente actualidade.

E non é raro que a cidadanía non lle poña interese a un tema complicado e abstruso como a reforma estatutaria, pero é moito máis estraño que pase de algo tan decisivo como a elección do lugar onde se celebrarán as Olimpíadas dentro de sete anos. Máxime cando a tal elección tén todos os elementos para concitar a expectación: suspense, glamour, orgullo patrio, impulso ás obras públicas… e sobre todo unha información absolutamente sesgada e descaradamente hooligan. Por exemplo, nunha noticia que cheguei a ver enteira, describían e loaban o elenco de persoeiros autoridades, famosos e deportistas de elite desprazados a Singapur para apoiar a candidatura madrileña, pero nin mención –aínda que fose por morbo- ós non menos famosos e igual de desprazados que apoiaban outras candidaturas. Por certo, á hora de escoller sede: ¿que tipo de argumento é que Raúl ou Indurain ou Beckam fagan acto de presencia no lugar da elección? Estes tipos do COI que son, ¿técnicos en organización deportiva ou adolescentes cazaautógrafos?
A verdade, a pouca xente importante (que non é o mesmo que a xente pouco importante) dos medios coa que me coincidiu falar nalgunha ocasión recente sobre o asunto 2012 estaba máis que certa que non ían escoller Madrid, o que non impediu que todos se fosen a Singapur a dar palmas como que si. E non me estraña (que fosen, non que fosen a dar palmas), en canto me enterei que paraban no hotel Raffles, medráronme os dentes dous palmos. Singapur é como Manhattan (se Manhattan tivese clima tropical, estivese limpo como unha patena e os pobres non existisen ou non se visen) pero moito máis caro, e para o único que me daba a economía era para un hotel católico, tipo YMCA, pero entrei no Raffles en dúas ocasións: unha ó Palm Garden para probar o cóctel Singapore Sling onde o inventaron, e outra ó Writers Bar, onde Kipling escribía de vez en cando, para baixar unha xerra de cervexa con cacahuetes. Ou sexa, que para eles, parando onde paran, como se escollen Vladivostok para os Xogos 2012. E para o resto do persoal, moito me temo que o mesmo.

(para mércores, 6 de xullo de 05)