Xull 08 2005

Madrid 2012

Categoria: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 3:07 am

Estou estes días de praia, lendo o periódico cando o pillo e vendo a televisión a cachos e medio nos bares. Desde esta perspectiva veraneante, comprobo que, efectivamente, asuntos como a reforma do estatuto –calquera estatuto- non forman parte das preocupacións medias da sociedade, moito máis preocupada en saber que tempo fará mañá, onde demo estarán eses nenos que dixeron que ían andar “por aquí” e se chegaron xa os Menganos. Claro que tampouco detectei inquedanza ningunha, nin siquera curiosidade polas posibilidades de que Madrid 2012 pase de ser un proxecto e unha campaña a unha realidade futura. Hai que ver como unhas poucas sesións horizontais ó sol dilúen calquera tema de importancia decisiva e candente actualidade.

E non é raro que a cidadanía non lle poña interese a un tema complicado e abstruso como a reforma estatutaria, pero é moito máis estraño que pase de algo tan decisivo como a elección do lugar onde se celebrarán as Olimpíadas dentro de sete anos. Máxime cando a tal elección tén todos os elementos para concitar a expectación: suspense, glamour, orgullo patrio, impulso ás obras públicas… e sobre todo unha información absolutamente sesgada e descaradamente hooligan. Por exemplo, nunha noticia que cheguei a ver enteira, describían e loaban o elenco de persoeiros autoridades, famosos e deportistas de elite desprazados a Singapur para apoiar a candidatura madrileña, pero nin mención –aínda que fose por morbo- ós non menos famosos e igual de desprazados que apoiaban outras candidaturas. Por certo, á hora de escoller sede: ¿que tipo de argumento é que Raúl ou Indurain ou Beckam fagan acto de presencia no lugar da elección? Estes tipos do COI que son, ¿técnicos en organización deportiva ou adolescentes cazaautógrafos?
A verdade, a pouca xente importante (que non é o mesmo que a xente pouco importante) dos medios coa que me coincidiu falar nalgunha ocasión recente sobre o asunto 2012 estaba máis que certa que non ían escoller Madrid, o que non impediu que todos se fosen a Singapur a dar palmas como que si. E non me estraña (que fosen, non que fosen a dar palmas), en canto me enterei que paraban no hotel Raffles, medráronme os dentes dous palmos. Singapur é como Manhattan (se Manhattan tivese clima tropical, estivese limpo como unha patena e os pobres non existisen ou non se visen) pero moito máis caro, e para o único que me daba a economía era para un hotel católico, tipo YMCA, pero entrei no Raffles en dúas ocasións: unha ó Palm Garden para probar o cóctel Singapore Sling onde o inventaron, e outra ó Writers Bar, onde Kipling escribía de vez en cando, para baixar unha xerra de cervexa con cacahuetes. Ou sexa, que para eles, parando onde paran, como se escollen Vladivostok para os Xogos 2012. E para o resto do persoal, moito me temo que o mesmo.

(para mércores, 6 de xullo de 05)

Deixa un comentario