Xull 11 2005

Ritos de apareamento

Categoria: Destavai'05sihomesi @ 3:42 pm

Un colega define a actual negociación (ou non negociación) PSdeG-BNG como un rito de apareamento. Hai que executar danzas, darse a valer, achegarse e reviravoltar, antes de acabar a cousa como todo o mundo sabe que vai acabar. Dentro do ritual, hai encontros supoño e desencontros. Un deles -sen quererlle facer a competencia ós confidenciais son as queixas do BNG porque Touriño despois da xuntanza do Hostal e dun xantar posterior, non descolgou o teléfono para chamar ó seu socio. Os socialistas argumentan que a aparente frialdade é para non estragar con liortas negociadoras unha relación persoal que terá que ser necesariamente estreita dentro dun mes.
A solución, como nas parellas a piques de formarse ou naquelas separadas educadamente podería estar en que Touriño e Quintana quedaran para outras cousas máis distendidas do duro trato negociador. Ir ó cine, personarse na rapa das bestas da Capelada, tomar uns vermús nunha terraza da Porta Faxeira, saudando ós paseantes. Esas cousas que reforzan a conexión coa que eles cahaman a sociedade civil, a xente normal, que apreciaría uns gobernantes cos que o trato non fose terse que apartar da carretera mentres a comitiva presidencial, unha santa compaña de coches negros, pasa a todo meter camiño de ningures.
(E ademais, haberá moita cousa que negociar, pero como di outro colega, o que a xente quere saber é se vai seguir Supermartes)

2 comentarios a “Ritos de apareamento”

  1. O Ollo da Vaca dixo:

    Os ritos de apareamento rematarán, como todos supoñemos, nunha debatida parcelaria.

    Afortunadamente os detalles están a ser bastante discretos. Síntoo polos xornalistas, pero os de a pé agradecémolo, fartos xa de tanto ruído.

    O que si agardo é que a parcelaria sexa consecuencia dun ben meditado e consensuado plan xeral de ordenación do territorio.

    Canto ao que máis nos interesa, díxome alguén que Supermartes non sigue por decisión do seu superpresentador.

    Pero caerá parecendo decisión dos rojillos estes que se apoderarán da Xunta violentando a victoria do PP.

    Supergayoso si sigue, seica. Como denuciou recentemente Banet, vén de asinar un contrato por catro anos máis. Seguramente era unha decisión inaplazábel por imperativo legal.

  2. sihomesi dixo:

    Por suposto que a supervivencia de Gayoso está fóra de cuestión. Entre as súas moitas virtudes está a de aturar imperetérrito todo o que lle boten en calquera tipo de situación. O debate está en se Luar seguirá celebrándose en Dona Dana (penso que é aí) e se os encargados do cásting do público van no lote da renovación (de contrato)

Deixa un comentario