Xull 11 2005

Ritos de apareamento

Categoría: Destavai'05sihomesi @ 3:42 pm

Un colega define a actual negociación (ou non negociación) PSdeG-BNG como un rito de apareamento. Hai que executar danzas, darse a valer, achegarse e reviravoltar, antes de acabar a cousa como todo o mundo sabe que vai acabar. Dentro do ritual, hai encontros supoño e desencontros. Un deles -sen quererlle facer a competencia ós confidenciais son as queixas do BNG porque Touriño despois da xuntanza do Hostal e dun xantar posterior, non descolgou o teléfono para chamar ó seu socio. Os socialistas argumentan que a aparente frialdade é para non estragar con liortas negociadoras unha relación persoal que terá que ser necesariamente estreita dentro dun mes.
A solución, como nas parellas a piques de formarse ou naquelas separadas educadamente podería estar en que Touriño e Quintana quedaran para outras cousas máis distendidas do duro trato negociador. Ir ó cine, personarse na rapa das bestas da Capelada, tomar uns vermús nunha terraza da Porta Faxeira, saudando ós paseantes. Esas cousas que reforzan a conexión coa que eles cahaman a sociedade civil, a xente normal, que apreciaría uns gobernantes cos que o trato non fose terse que apartar da carretera mentres a comitiva presidencial, unha santa compaña de coches negros, pasa a todo meter camiño de ningures.
(E ademais, haberá moita cousa que negociar, pero como di outro colega, o que a xente quere saber é se vai seguir Supermartes)


Xull 11 2005

London calling

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:31 am

“Chamando de Londres ás cidades de fóra/ agora que se declara a guerra e que se achega a batalla/ Londres chamando ó submundo” cantaban máis ou menos The Clash, irá para hai un cuarto de século, cando se supoñía que a ameaza sobre as nosas cabezas era o “erro nuclear” que mencionaba a canción. O xoves pasado acababa de escoitar o disco en Monforte e acordeime del á hora de xantar, en Leiro, na beira do río Avia, porque na mesa do lado unha rapaza comía cuns auriculares postos. Escoitaba as primeiras informacións do atentado de Londres, onde tiña unha irmá estudiando.

Continuei a viaxe coa radio prendida. Escoitei a comparecencia pública da policía e quedei absolutamente sorprendido: cando lle preguntaron ó responsable da investigación se podía ser cousa do terrorismo islamista, respondeu primeiro que non se podía usar o binomio terrorismo-islamista porque, polo que sabía, o islam condenaba ese tipo de accións, e logo que naquel momento non se podía atribuír a autoría. Quedei sorprendido en primeiro lugar porque me acordei de que pronto e que teimudamente se atribuíu a autoría dos atentados do 11 de marzo en Madrid, e canto se tardou en cair da burra. E en segundo pola delicadeza en separar os conceptos terrorismo/islamista. Unha cousa é adxectivar de terroristas a todos os islamistas, e outra negar que os principios e os obxectivos de Al Qaeda sexan islamistas. Que se saiba, non andan ó que andan para solucionar os problemas de África, nin para instaurar a dictadura do proletariado, senón para implantar unha versión delirante e absolutista dunha relixión concreta que é a musulmana. Poderase obxectar que ETA non representa á vontade da maioría dos vascos, nin ós seus intereses, pero ninguén pode obxectar que se lle chame ás súas accións “terrorismo vasco”.
Pero o que máis me chamou a atención foi o encefalograma plano e a caradura das reaccións dos líderes mundiais que estaban reunidos en Escocia, a poucos quilómetros da masacre, facendo o que George Bush chamou loitar contra a pobreza, a SIDA, o mal e o medio ambiente (neste último caso, a favor). Se os resultados desa loita dos oito países máis ricos e poderosos do mundo contra a pobreza e a SIDA e a favor do medio ambiente son os que son, xa nos podemos dar por amolados no que respecta ó que van conseguir loitando contra o terrorismo. Afortunadamente, todos os boletíns informativos pechaban as informacións sobre os atentados debullando a reaccións das bolsas en todo o mundo, e concluíndo que non se viran afectadas apenas. O que a min me parecía en principio unha obscenidade, analizar os efectos dun atentado mediante as súas repercusións no mercado mundial de valores, nos efectos na cotización de Telefónica ou nas empresas do sector metalmecánico, resultou ser unha cruda evidencia: o das víctimas é unha pena, pero o mundo sigue xirando e a maiores agora hai máis argumentos para que siga xirando na dirección que interesa. A culpa é nosa por escoitar a radio.

(para luns 11 de xullo de 05)


Xull 08 2005

Singapurazo

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 3:11 am

Estarán xa ó tanto do singapurazo. En sóubeno pasada a unha da tarde polo desolado comentario duns madrileños, ou máis exactamente da banda madrileña dunha familia tudense, cando aparcaban xusto ó lado nos arredores da Fortaleza de Valença do Minho. No pudo ser, que din tan frecuente como pouco axeitadamente os informadores deportivos (porque ser, puido ser, o que pasou é que non foi). E como lles decía onte, xa se sabía que o de Madrid 2012 non ía ser, pero iso non quita que se lle dera ó bombo de que podería ser coa mesma aplicación e a mesma subvención que o famoso Manolo o do bombo. Así que, con ese espírito tan hispano do fair play, agora soamente queda ver a quen se lle bota a culpa do fracaso.

En primeiro lugar, acudindo ó non menos hispano espírito cainita, temos dous culpables: por un lado o goberno do Estado, e polo outro os gobernos locais. O Goberno de Zapatero, por non poñer dabondo a carne no asador ou por non suar a camiseta como debería, por seguir coa terminoloxía cheirento-deportiva. Se tivéramos unha influencia mundial como a que tiña o Goberno de Aznar, en ver de ser uns piernas como agora somos, había mandar truco para que nos tiraran abaixo a candidatura á primeira como nola tiraron. E os Gobernos municipal e rexional de Madrid, por levarse a matar entre eles. Claro que, disparados mutuamente os primeiros tiros, sempre se pode apuntar conxuntamente a un culpable moito máis culpable: ETA, as súas bombas e as súas obras, encirrados sen dúbida para sacarse a espiña do fracaso de cando tentaran boicotear as Olimpíadas de Barcelona 92. E xa postos, algo de culpa terá un catalán, Mariscal, por diseñar esa trangallada de logotipo que houbo que poñer vertical, porque o horizontal orixinario non valía para nada. E xa se verá se hai algún galego ou descendente metido no COI que contribuíu á derrota.
Eu, con todo, síntoo moito por todos aqueles que fregaban as mans pensando nos fabulosos negocios de todo tipo –urbanísticos, recalificadores, mediáticos- que ían facer a costa do espírito olímpico. E transmítolle a miña felicitación ó resto do pobo madrileño, que se salvou de boa. Se xa agora está a cidade toda furada (alguén recordou estes días a frase que lle dedicou Danni de Vito hai anos: “espero que atopen o tesouro”), imaxinen como quedaría en pleno furor constructivo olímpico. E felicito de paso ó resto dos concidadáns, porque ultimamente estase perdendo non soamente o sentido da medida, senón tamén o da esaxeración: se houbo tal despliegue de medios e de esforzos na outra punta do mundo para relatar unha decisión que se supoñía ía ser negativa, imaxinen a que se podería armar se por riba concederan a Madrid a organización dos Xogos Olímpicos. Nestes sete anos, iamos ter os cinco aritos famosos ata na sopa.

(para xoves, 7 de xullo de 05)


Xull 08 2005

Madrid 2012

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 3:07 am

Estou estes días de praia, lendo o periódico cando o pillo e vendo a televisión a cachos e medio nos bares. Desde esta perspectiva veraneante, comprobo que, efectivamente, asuntos como a reforma do estatuto –calquera estatuto- non forman parte das preocupacións medias da sociedade, moito máis preocupada en saber que tempo fará mañá, onde demo estarán eses nenos que dixeron que ían andar “por aquí” e se chegaron xa os Menganos. Claro que tampouco detectei inquedanza ningunha, nin siquera curiosidade polas posibilidades de que Madrid 2012 pase de ser un proxecto e unha campaña a unha realidade futura. Hai que ver como unhas poucas sesións horizontais ó sol dilúen calquera tema de importancia decisiva e candente actualidade.

E non é raro que a cidadanía non lle poña interese a un tema complicado e abstruso como a reforma estatutaria, pero é moito máis estraño que pase de algo tan decisivo como a elección do lugar onde se celebrarán as Olimpíadas dentro de sete anos. Máxime cando a tal elección tén todos os elementos para concitar a expectación: suspense, glamour, orgullo patrio, impulso ás obras públicas… e sobre todo unha información absolutamente sesgada e descaradamente hooligan. Por exemplo, nunha noticia que cheguei a ver enteira, describían e loaban o elenco de persoeiros autoridades, famosos e deportistas de elite desprazados a Singapur para apoiar a candidatura madrileña, pero nin mención –aínda que fose por morbo- ós non menos famosos e igual de desprazados que apoiaban outras candidaturas. Por certo, á hora de escoller sede: ¿que tipo de argumento é que Raúl ou Indurain ou Beckam fagan acto de presencia no lugar da elección? Estes tipos do COI que son, ¿técnicos en organización deportiva ou adolescentes cazaautógrafos?
A verdade, a pouca xente importante (que non é o mesmo que a xente pouco importante) dos medios coa que me coincidiu falar nalgunha ocasión recente sobre o asunto 2012 estaba máis que certa que non ían escoller Madrid, o que non impediu que todos se fosen a Singapur a dar palmas como que si. E non me estraña (que fosen, non que fosen a dar palmas), en canto me enterei que paraban no hotel Raffles, medráronme os dentes dous palmos. Singapur é como Manhattan (se Manhattan tivese clima tropical, estivese limpo como unha patena e os pobres non existisen ou non se visen) pero moito máis caro, e para o único que me daba a economía era para un hotel católico, tipo YMCA, pero entrei no Raffles en dúas ocasións: unha ó Palm Garden para probar o cóctel Singapore Sling onde o inventaron, e outra ó Writers Bar, onde Kipling escribía de vez en cando, para baixar unha xerra de cervexa con cacahuetes. Ou sexa, que para eles, parando onde paran, como se escollen Vladivostok para os Xogos 2012. E para o resto do persoal, moito me temo que o mesmo.

(para mércores, 6 de xullo de 05)


Xull 04 2005

Familias

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:54 pm

Desgraciadamente, aquí non somos demasiado universais. Mentres, por exemplo en gran parte de España están inmersos nunha dura loita en defensa da familia, aquí como moito estamos pendentes de se veñen os primos de Barcelona ou de Eibar, canto tempo se van quedar e se a prima segunda Nekane sigue tan borde como antes. Aquí, como pasou co tren ou coa revolución industrial, todo chega tarde e todos os momentos históricos tócannos de esguello.

Millóns e millóns de persoas maniféstanse en Madrid día si día non a prol do matrimonio de toda a vida (non dúas persoas que se soportan como poden, unidos polo que dirán e unha hipoteca, senón a fórmula tradicional: un home + unha muller+ o que veña, e a maiores algunha tío ou cuñado que se deixou caer). Aquí, nada –quitada esa meritoria aportación coruñesa, a concentración do outro día en María Pita-, véndoo pola televisión e pouco máis. Ben é certo que na primeira manifestación, unha miña prima foi ata Madrid, e que onte mesmo me enterei que se fora manifestar outra parente, neste caso política. Claro que no primeiro caso foi porque a levaba de paso unha amiga que si ía a participar no evento, e no segundo a parente argumentou que asistía para protestar contra o chamado divorcio-exprés.
Sinceramente, eu non acabo de entender como se pode un manifestar contra algo que non lle afecta. A nova lexislación matrimonial non lle afecta ás familias tradicionais (un home+ etcétera), posto que non as obriga a disgregrarse e a formar novas unidades familiares homoxéneas e homosexuais. Nestes tempos en que aumentan as unións sen formalizar, os defensores do casamento mesmo se deberían alegrar de que se lles una na defensa da institución un amplo sector que ata agora non podía optar por esa optimista fórmula de convivencia que supón apostar porque dúas persoas que se levan ben seguiranse levando ben unha chea de tempo. É como se os partidarios do cocido tradicional se manifestasen contra os seguidores de engadirlle carne de galiña. Pero, teñan razón ou non, está claro que ese clamor indignado é unha moda que aquí non prende, pese ós esforzos do alcalde Vázquez e os concentrados mariapitenses.
Exactamente igual que tampouco, pailáns que somos, nos coscamos da polémica que manteñen a tirios e troianos sobre os nosos resultados electorais. De Estremadura a Sevilla xurden berros de alerta ante o novo brote do virus da carod-rovirina, e nós xordos e sen vacunar, preocupados como moito por se ese coñecido noso vai ter cargo ou non. E neste caso é máis grave, porque nós prendemos o lume co noso voto inconsciente, e nin cheiramos o fume. Ou que mentres toda España roe as unllas de impaciencia polo de Madrid 2012, aquí aínda hai quen pregunta que é esa veliña que sae nunha esquina do televisor nos telediarios.
A ver se co cambio de réxime collemos o tren da modernidade.

(para luns, 4 de xullo de 05)


Xull 03 2005

Vayapordiós

Categoría: Matrix Press, Non sei eu...sihomesi @ 10:11 am

Resulta que me escolleron, designaron ou como sexa o método, para formar parte da Comisión Técnica de Xornalismo Cultural do Consello da Cultura Galega. Mandáranme unha carta que non recibín ou perdín, mandáronma de novo, moi atentos, e dixéronme que tiña que aceptar por escrito. Aceptei, e ó día seguinte convocáronme para unha xuntanza. Ocupado nas negociaciós para formar goberno, non puiden asistir. Agoro atópome coa xusta e menos mal que anónima crítica de Jaure, que si asistiu. Sorry. De todas formas, eu de periodismo cultural… se xa coñezo apenas a metade dos que saen en Babelia e casi ningún dos do EP3
Procurarei cumprir a próxima vez (se é que me convocan outra vez)


Xull 02 2005

Arrepentirvos

Categoría: Destavai'05, Matrix Presssihomesi @ 11:00 am

Todos aqueles que votaron nacionalista, ou sen chegar a votar poideron ter desexado votalos, ou votaron ós outros pero puideron telos votado, que reflexionen. Que vexan agora as consecuencias de tanta inconsciencia.
E menos mal que baixaron. Se chegan subir…


Xull 01 2005

Que foi deste home?

Categoría: Xeralsihomesi @ 2:10 am

papa

(enviado por Pandeiro)


« Páxina anterior