Ago 31 2005
O medo mata máis cas bombas

Para que se produza unha masacre, soamente fai falta unha poboación aterrorizada e enervada. Que alguen lle dea o recado a Blair.
Ago 31 2005

Para que se produza unha masacre, soamente fai falta unha poboación aterrorizada e enervada. Que alguen lle dea o recado a Blair.
Ago 30 2005
Levo tempo sen escoitar nada dos programas de tele-realidade (ou realidade-ficción, un deses binomios teoricamente imposibles, como ciencia-cristiana ou música-militar, que sen embargo teñen existencia real). Eses productos televisivos elaborados a base de poñer nunha situación substancialmente anormal unha casa, un chalé en construcción, unha illa, baixo a vixilancia permanente das cámaras a uns individuos aparentemente normais dentro do normal que pode ser alguén que acude voluntariamente a unha selección dese tipo. É curioso que mentres noutros países o formato evoluciona ata a dexeneración máis absoluta ou a caricatura sen paliativos (hai un de prostitutas que teñen que poñer en marcha negocios, distintos do seu, claro), aquí o xénero estea nas últimas. Ata que descubrín que era polo fútbol.
Efectivamente, estaba eu o domingo abarloado á barra dun bar, botándolle man a unha caña e un ollo ó televisor mentres agardaba que me serviran chinchos do xoves que me xuraron que eran do sábado, cando vin a un tipo vestido de branco facer unha figurita no campo (televisivo). Deixei de observar as súas evolucións e o seu repertorio de gracias en cando me puiden sentar na mesa que serviu de escenario da última representación dos chinchos como peixe do día e da do camareiro como hostaleiro indignado pola miña incredulidade. A posta en escena do espectáculo teatral “Los Chinchos son fresquísimos” (que incluíu a solemne invocación á cociñeira-nai do camareiro como garante da frescura e a proposta de quedar ó día seguinte para que me presentaran e lle tomara declaración ó mariñeiro responsable da captura dos pescados e a súa posterior venda ó mesón) fíxome esquecer completamente do que vira na pantalla. Ata o día seguinte non souben, gracias ás noticias deportivas, que fora testemuña indiferente dun feito histórico: a revelación de Robinho como nova figura do santoral futboleiro e a súa entronización nos altares galácticos.
Sóubeno cando repetiron o grácil “sombreiro” que lle fixo o novo astro-rei a un esforzado futbolista dun equipo ascendido a marchas forzadas á Primeira División, e que cobran por xunto menos que un só dos que vestían a camiseta do outro color. Repetírono a cámara lenta, con todos os ángulos dereitos e inversos posibles. Repetírono máis veces do que se emitiu nunca o torpe paso de Neil Amstrong sobre a superficie lunar. Repetírono tanto que lles deu tempo ós comentaristas a que esgotaran todo o stock de adxectivos encomiásticos aforrados desde que na pasada tempada foron conscientes de que o Real Madrid non ía ganar título ningún. Repetiron e recrearon tamén outros milagres estilísticos e detalles técnicos menores, pero consubstanciais ó carácter estelar do novo rei da pelota. Repetírono en todos os programas de todas as cadeas. (Hai que ser burro, pensei, a ver como digo que cando se revelou Robinho, eu andaba a lear polas condicións de conservación de media ración de chinchos).
Foi entón cando experimentei, de seguro que pola mediación de Robinho, unha revelación: en España, a tele-realidade evolucionou ó formato de situar nun plató ou nunha redacción a uns comentaristas deportivos.
(para mércores, 31 de agosto de 05)
Ago 28 2005
Adiós praias, adiós montes, adiós aturar pequenos, adiós cargar coa sombrilla, ata un ano polo menos. Vaise o verán, di todo o mundo, e o verán non é precisamente a miña estación favorita. Non o foi nin cando era pequeno e levaba aparellada unhas vacacións merecedoras dese nome, de case tres meses, nin agora que non o son e o que leva aparellada é a presencia militante na praia.

O ex presidente, de veraneo cos rapaces, hai unha chea de anos
Non é que eu teña un odio persoal á praia. Coñezo moita xente –case toda do xénero masculino, ignoro a razón- que non pon un pé nela, e que se o pon non é de forma voluntaria. Incluso teño a teoría de que conceder as vacacións en época estival é unha estratexia sibilina para promocionar o verán, por razóns que tamén se me escapan. A maiores, as boas cousas do verán –que tamén recoñezo que as hai- corresponden en realidade ás vacacións. Por exemplo, e alomenos en Galicia, ese ir de acá para alá, atopando xente fóra de onde a ves sempre. Encóntraste en Compostela o día 25 cun amigo co que estiveches hai unha semana nas festas do teu lugar e coincides tres días despois nun concerto en Paredes de Coura. Ese tipo de cousas dálle a este país, ó meu entender, un aire de sociedade aberta e universalista, de cidadáns que se relacionan a pesar de residir a cento e pico de quilómetros de distancia. Pola contra, o veraneo playero consiste en chantarse como un percebe nun lugar concreto sen moverse del (habida conta do que custan os alugueres) máis que para dirixirse ó mesmo lugar que todos e promover así os típicos atascos de estrada costeira.
De todas formas, cada quen é como é ou como o fixeron, e eu tampouco quero ser, respecto ó verán, como Manuel Vicent, que todos os anos renova periódica e indefectiblemente a súa diatriba contra o seu tema favorito. Pero si me gustaría chamar a atención sobre un aspecto importante. Dentro do estilo vaicheboa que caracteriza todo o que teña que ver con esta época, desde o volume das atraccións festeiras ó comportamento na conducción, este ano observei unha tendencia perigosa na vestimenta veraniega. As mulleres da tribu veraneante optaron por ir elegantes á par que sencillas, ou mellor, suxestivas á par que informais. Feitas unhas princesas, vaia, dentro do que cabe. Pero o sector masculino precipitouse nun look a medias entre o prototipo de sicario colombiano nos filmes da serie B e o de figurante das películas de Alfredo Landa. Ou con camiseta étnico-deportiva e pantalón corto que parece sacado do equipo de fútbol sala da empresa, ou con polo e bermudas caki en plan policía colonial birmano, coas canelas fracas peladas/peludas que saen dos mocasíns como paos. E todos cun adminículo colgante a medias entre o bolso vanity das vodas e o macuto militar.
Cada un é como é, etc., pero se seguimos así, entre que as vacacións de verán son estadísticamente o mellor caldo de cultivo para divorcios e separacións, e esa tendencia da moda masculina, o que está en perigo é xa a conservación da especie.

(Para luns, 29 de agosto de 05)
Ago 25 2005
Agora que hai selección, ¿a quen?
Na miña particular opinión, ós que xoguen ou xogaran noutra selección, non (Michel Salgado)… aínda que así pechámoslle a porta a Mauro Silva ou Mostovoi
Ago 25 2005
Por certo, ás veces, por causas que descoñezo e que radican sen dúbida na miña topinez informática hai comentarios que quedan nunha especie de limbo á espera de que eu os aprobe hai que tocarse o nabo. De cando en vez, vou ó limbo e aprobo/libero os que hai. Desculpas se algún considera excesivo o tempo que pasan no purgatorio perdón, “purugatorio”. Xa saben, a culpa é do ordenador.
Ago 23 2005
Desde onde estou agora, vexo desde hai días arder ou fumegar un monte por riba de Baiona. As miñas cuñadas aseguran que antes de que eu chegara, xa ardera unhas catro veces. Non comento nada máis comprometido que “xa…” porque supoño que a seguinte xogada é preguntar o porqué, e eu descoñezo o porqué, ou podo apuntar tantos que é como non apuntar ningún. De feito, coincido con Brétemas nas terrazas do paseo marítimo ese que popularizou Carlos Casares e o tema case único de conversa son os lumes, sen que ningún dos tres (a terceira era a súa muller) deamos saído dos lugares comúns.
Por exemplo, o de que hai lumes porque o monte perdeu valor, e xa non se roza, etc. Eso explicaría por que arde, pero non por que lle prenden lume. Botarlle a culpa ós psicópatas axuda tanto como quedar tan anchos decindo que os etarras son criminais sen ideoloxía, e por moito que a nosa experiencia próxima sinale o contrario, non ten por que haber en Galicia máis psicópatas que fóra (aínda que ós de aquí lles quede a materia ardible máis a man). O retrato robot dos dous milleiros e medio de incendiarios detidos apuntan a un labrego maior de 50 anos (que non é moito apuntar, o salientable é que foran labregos de menos de 50 anos). Tampouco se sabe –polo menos eu- que razóns declararon ter para prender lume á policía ou ó xuíz os detidos por ese delicto. A única certeza que eu teño sobre o asunto é a que guiou a investigación detectivesca desde que os asasinatos deixaron de cometerse para que se lucira o escritor: busca a quen lle aproveita o crime (o outro clásico, cherchez la femme, non vén ó caso). Ou sexa, mira quen saca beneficio do lume. Brétemas recolleu logo no seu blog a un colega, José Gomes Ferreira, subdirector de informativos da SIC TV, que falaba de “uma verdadeira indústria dos incêndios em Portugal”. Entre os industriais citaba ós servicios antiincendios, ás celulosas e ós intermediarios que as fornecían de madeira queimada a menor prezo e ós que edificaban onde antes había bosque.
Claro que eso debe ser, ou non, en Portugal. Aquí o único claro é que os lume é conservador. O verán de máis lumes foi o verán tripartito do 89, e este, o bipartito, leva camiño de ser o segundo, coa particularidade de que ardeu máis desde a toma de posesión do novo goberno que en todo o que ía de ano, e iso que o operativo é o de antes. Non recordo que decían os medios de comunicación daqueles anos, o que comprobo agora é que en quince días o lume aparece en portadas e pantallas onde estivera ausente quince anos. Informadores que antes se conformaban coa falta de datos oficiais ou co xogo das adiviñas (“ti vaime decindo os incendios que sabes e eu dígoche se os hai”) agora describen con detalles o drama. Realizadores e editores que antes tiñan permitido, como moito, poñer imaxes do traballo de extinción, nunca do lume facendo o seu, agora reproducen sen problemas o espectáculo dramático e hipnótico das chamas.
Ou sexa, seguimos sabendo tan pouco como antes das causas dos incendios forestais, pero moito máis dos seus efectos e circunstancias.
(para mércores, 24 de agosto de 05)
Ago 21 2005
Discutían o outro día diante miña unha parella de xuristas da miña familia política (que unha cuñada e o seu home, aclaro para evitar malas interpretacións) cunha amiga sobre o que eles comprobaban uso mal intencionado e desproporcionado da lei contra a violencia de xénero. Como non teño demasiada idea nin experiencia sobre o asunto, eu estaba convenientemente calado ata que a miña –aí si- sobrada experiencia como bocazas me fixo apoiar a opinión cuñadil de que quizais podería non ser estrictamente constitucional usar distintas varas para medir conductas delictivas, dependendo do sexo de quen as comete. Aínda que hoxe me veu dar a razón Empar Moliner, quedei, como era de esperar, como un apoloxista da violencia sexista, pero o peor é que, cando reflexionei pola miña conta, decateime de que hai distintas varas de medir ata en aspectos tan regulamentados como as mortes en actos de servicio.
Por exemplo, hai días en Guadalajara morreron 11 traballadores da extinción e a pasada semana en Afganistán outros 17 traballadores militares. En acto de servicio nos dous casos, uns tentando apagar un incendio provocado por unha irresponsabilidade e os outros mentres contribuían a non deixar caer un réxime que non ten máis aspectos positivos que non ser peor co que substituíu. Ou sexa, uns e outros facendo o traballo polo que lles pagaban. O que diferencia os casos de Guadalajara e Afganistán é que no primeiro caso houbo unha polémica feroz sobre que facían alí as víctimas e como se organizou o operativo, e no de Afganistán o dó e o pésame foron universais. E o que diferencia os casos de Guadalajara e Afganistán do resto de víctimas de accidentes laborais en xeral é que estas non teñen tratamento de heroes, quizais porque hai unha impresión, xeral aínda que pouco manifestada, de que os accidentes no traballo (nos andamios e así) son, en todo ou parte, culpa de quen os comete, e nestes outros, non.
Tamén se dan dúas varas de medir en dous asuntos paralelos de conductas presuntamente delictivas en actos de servicio. Os gardas civís de Roquetas, incriminados nunha malleira que acabou en morte e os membros das brigadas antiincendios da Fonsagrada e Celenova detidos por plantar lumes forestais son casos similares: os que están nun bando actuaron presuntamente como si estivesen no contrario. A diferencia está en que os compañeiros dos presuntos bombeiros pirómanos non claman ó ceo invocando o principio de inocencia, e eso que non hai un vídeo que os gravara cometendo o presunto delicto, e no outro caso haino.
Pero o máis curioso, o que une todos estes casos, mortos e vivos, detidos e non, é que se está discutindo de todo, menos de algo que a min como bocazas experienciado me parece fundamental: que formación recibiron uns e outros, e de quen é a responsabilidade de que non fose suficiente para que salvaran a vida ou non se pasaran de bando.
(Para luns 22 de agosto de 05)
Ago 19 2005
Como conclúe o ollo da vaca, despois desto, non queda moito que decir. Soamente unha reflexión: ¿por que a maioría dos mortos en accións militares no exterior (e practicamente todos os do interior, naturalmente) son por accidente?
Ago 19 2005
Sentada, en uniforme de combate suponse, a viúva dun dos mortos no accidente do helicóptero en Afganistán, acompañada da que podería ser a súa sogra, nai ou tía. O tempora, o mores!
Ago 17 2005

O día que se soubo o da traxedia de Afganistán, chamoume un colega chamémoslle V que non ten a miña sorte de estar de vacacións. El tiña que papar informativamente o drama, e coma sempre, intercambiamos comentarios sobre o moito que dexenerou o xornalismo de sucesos e a incomodidade que supón terlle que entrar ós achegados das víctimas en momentos así. (Wenceslao Fdez. Flórez deixou o reporteirismo polo columnismo o día que non se atreveu a preguntarlle ó desolado propietario dun aserradeiro coruñés arrasado por un incendio pola cuantía das perdas). V decíame que alí ninguén quería contar nada, os achegados con razón e os non achegados, con máis porque non sabían nada.

Estaban todos os xornalistas lambendo esa ferida da falta de drama, cando chegou o equipo dun deses programas de directo. Na primeira e inmediata conexión, o animoso informador deu conta de onde estaba, do drama que alí pasaba, tal e como podían imaxinar os espectadores que efectivamente, tiñan que imaxinalo e que nunha próxima conexión contarían máis, “porque aquí hay mucho que contar”.
Na próxima conexión o que tiñan era a unha camareira, obviamente levada a rastras, que contestaba con monosílabos ás preguntas destinadas a sonsacarlle as vidas e milagros dos heroes falecidos na súa faceta de parroquianos. Ademais de pouca disposición a contar nada, a entrevistada tiña pouco coñecemento de quen eran en concreto as víctimas, e o que é peor neses casos, pouca imaxinación, co que a entrevista era un monólogo do informador. De alí a dez minutos, os xefes doutro reporteiro gráfico chamárono de Madrid para decirlle que lle fixera unha entrevista á camareira.
Con eses bimbios, é de supoñer os cestos que fixeron despois.