Ago 09 2005

Falemos de sexo

Categoria: Si home sisihomesi @ 11:15 am

Non sei se por casualidade, pola seca informativa, por ese teórico vencello entre sexo e verán, ou se obedecendo ós escuros designios dalgunha multinacional preservativa ou da axencia de prensa de Lorena Berdún, esta fin de semana pasada dous dos máis prestixiosos e difundidos magazines dominicais coincidiron en tratar o tema da desinhibición sexual que campa España adiante. Pois xa será menos.

Xa será menos, ou non para tanto, porque entre as estadísticas nas que menos creo están esas das frecuencias sexuais. Sobre todo porque se a xente di o que lle peta ou presta en cuestións tan irrelevantes como o sentido do seu voto, o que non fará en aspectos decisivos como non quedar en postos de descenso na clasificación que vai de Julio Iglesias e aquel frade do chiste que como non quería morrer ser ver o tren ou unha muller, leváronlle unha e el expirou dando gracias ó altísimo por ter visto o tren (ou como dixo unha compañeira de profesión cando a ocurrencia fraguiana sobre as mulleres que mentían sobre a cantidade dos seus encontros sexuais: “menos que Madonna e máis que Lady Di”). Tampouco me fío dos datos que non vin da facturación do sector empresarial da sexshops, porque se xa desconfío do que declaran ganar os dentistas, cando os seus clientes non facemos máis que proclamar o cara que vai a sesión de tortura, que me van contar sobre as vendas de trebellos sexuais, que aínda prometen mandarchos por correo “en envoltorios discretos”.
Non penso discutir as conclusións, sen dúbida atinadas, que se sacan nesas reportaxes dominicais, nin rebater as declaracións dos alí entrevistados, que proclaman que o sexo reina por doquier. Xa sei que desde o último cuarto do século XX ata hoxe, superados os tempos en que o que era saltar de cama en cama, saltaban os/as de sempre, probablemente nunca tanto sexo se practicou no mundo. Mesmo agora, ata para vender a eficacia dun desodorante, os anuncios non poñen de exemplo un tipo en pleno esforzo deportivo, senón a unha tipa de plena frecuencia sexual. É decir, é evidente que o sexo está en plena expansión… como tema. Cando un fenómeno acaba sendo motivo dunha reportaxe ou base para un anuncio é que o seu momento de esplendor xa pasou, porque ata o coñecen os redactores xefes dos dominicais e os creativos publicitarios. Pasoulles as tribus urbanas, que saían nos coloríns cando a estética punk pasou dos concertos ós escaparates, ou ó rap, que centrou a atención mediática sobre as súas letras de orgullo delincuente cando o seu estilo rimado estaba xa presente nos anuncios de bebidas infantís. A maiores, dime de lo que presumes y te diré de lo que careces, di un deses inmisericordes e lapidarios refráns castellanos.
Ou sexa, que cabería temer o peor para a pervivencia da especie humana, pero afortunadamente, a práctica pode sobrevivir ó exceso de teoría.

(para mércores, 10 de agosto de 05)

Deixa un comentario