Ago 14 2005
Roquetas
O asunto de Roquetas seguro que é, como asegura todo o mundo, clase política e medios de comunicación, un caso illado. Coñezo gardas civís e xente na xudicatura, teño amigos agricultores e mesmo teño amigos andaluces, e non son así. O de Roquetas é un caso illado, pero tamén un caso emblemático do que é esta sociedade.
Está claro que a Garda Civil como regra xeral non anda a mallar nos detidos, e moito menos nos que se presentan procurando amparo.

E que tampouco todos os agricultores se dedican a estimularse quimicamente e logo conducir como tolos, nin todos os andaluces por moita inclinación ó espectáculo folclórico e á expresión pública dos sentimentos que se lles atribúa se concentran nos lugares de atención mediática para montar un número. Pero tamén é obvio que nesta sociedade española, pasmo do mundo polo xeito en que deu collido o paso á modernidade europea, en canto rascas un pouco, sae a caspa de sempre: tonadilleras que casan con toreros en olor de multitudes, bailaores agraciados con penas ridículas por moi gordas que as fixeran, axentes dos corpos e forzas de seguridade ós que se lle vai a man, sumarios xudiciais que se instrúen daquela maneira en xulgados dotados con equipos informáticos que se usan unicamente como máquinas de escribir, e elementos manifestantes que parecen sacados dunha película de Berlanga.

Tentando poñerse serios no que é serio porque hai unha víctima –por moi marxinal que fose- non é asumible que o asunto non collese transcendencia ata que pasou unha semana e se fixeron eco os chamados medios nacionais. Tampouco que catro ou cinco profesionais policiais non dean reducido a un individuo, por moi becerro que se poña. Menos, que todas as denuncias anteriores polo comportamento rambo dun tenente que no fondo é un rapaz con galóns que vai de sobrado, quedasen en nada e sen investigar. E sobre todo, que os altos mandos do que se supón é un país democrático tenten despexar o asunto decindo que todo o mundo ten un día malo. Todo o demais, como as teóricas responsabilidades políticas de Zapatero e do Ministro do Interior, ou a polémica sobre si se utilizaron armas antirreglamentarias, son ganas de distraer. (Na miña única experiencia de maltrato policial, nun cuartel da Garda Civil na época da transición, medíronme o lombo con armas perfectamente reglamentarias: os mosquetóns e o mobiliario de oficina).
Con todo, o máis preocupante son as defensas gremiais que se alporizan porque lles impoñan medidas disciplinarias a uns colegas ós que se lles foi un cidadán, non a causa dun infarto, senón a consecuencia dos golpes que lle deron. Eu, sempre que escoito eso do caso illado que non ten por que estragar a reputación da profesión toda, recordo a resposta que me deu hai ben anos, nunha etapa en que se deran unha chea de casos illados, un alto responsable da seguridade pública. “Son eso que usted dice, casos aislados”, contestoume na Delegación do Goberno Rafael Vera.
(para luns 15 de agosto de 05)

