Ago 17 2005
Moito que contar

O día que se soubo o da traxedia de Afganistán, chamoume un colega chamémoslle V que non ten a miña sorte de estar de vacacións. El tiña que papar informativamente o drama, e coma sempre, intercambiamos comentarios sobre o moito que dexenerou o xornalismo de sucesos e a incomodidade que supón terlle que entrar ós achegados das víctimas en momentos así. (Wenceslao Fdez. Flórez deixou o reporteirismo polo columnismo o día que non se atreveu a preguntarlle ó desolado propietario dun aserradeiro coruñés arrasado por un incendio pola cuantía das perdas). V decíame que alí ninguén quería contar nada, os achegados con razón e os non achegados, con máis porque non sabían nada.

Estaban todos os xornalistas lambendo esa ferida da falta de drama, cando chegou o equipo dun deses programas de directo. Na primeira e inmediata conexión, o animoso informador deu conta de onde estaba, do drama que alí pasaba, tal e como podían imaxinar os espectadores que efectivamente, tiñan que imaxinalo e que nunha próxima conexión contarían máis, “porque aquí hay mucho que contar”.
Na próxima conexión o que tiñan era a unha camareira, obviamente levada a rastras, que contestaba con monosílabos ás preguntas destinadas a sonsacarlle as vidas e milagros dos heroes falecidos na súa faceta de parroquianos. Ademais de pouca disposición a contar nada, a entrevistada tiña pouco coñecemento de quen eran en concreto as víctimas, e o que é peor neses casos, pouca imaxinación, co que a entrevista era un monólogo do informador. De alí a dez minutos, os xefes doutro reporteiro gráfico chamárono de Madrid para decirlle que lle fixera unha entrevista á camareira.
Con eses bimbios, é de supoñer os cestos que fixeron despois.


o 18 de Agosto, 2005 ás 2:23 pm
Aproveitando o dito da muller do César e a súa honestidade, é como que o drama para ser, ten que parecelo.
o 18 de Agosto, 2005 ás 6:18 pm
Si, é moi triste como está a profesión, pero tamén hai xeitos de dicir que non a certas miserias. O malo é que a maioría debeu perder a conciencia, e de paso a dignidade, nalgún sitio ben remoto.
o 19 de Agosto, 2005 ás 9:57 am
Normalmente, nos despachos de dirección
o 19 de Agosto, 2005 ás 11:04 am
Ía poñer nos despachos de dirección exactamente, pero non creo que moitos dos que fan iso teñan sequera acceso a eles. Seguro que aínda por riba, están puteados laboralmente, pero deben de ter algún tipo de esperanza de ser recoñecidos como sagaces carniceiros da noticia nun futuro.
o 19 de Agosto, 2005 ás 1:29 pm
Nin os teñen, nin como están os cousas os terán, xa non sei se por desgracia ou por sorte.
o 21 de Agosto, 2005 ás 1:59 pm
Sempre nos quedará Antena 3 e os seus momentos “la explanada del aeropuerto se estremeció con la llegada de los diecisiete féretros”. Ai, e pensar que algúns aínda queremos traballar neste negocio…
o 22 de Agosto, 2005 ás 5:46 pm
Fuxe se aínda estás a tempo! Logo de que cas no vicio é fodido. Eu soamente sei de tres ou catro que se deron quitado
o 8 de Novembro, 2005 ás 11:55 pm
testcomment408