Ago 28 2005

Adiós praias

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:09 am

Adiós praias, adiós montes, adiós aturar pequenos, adiós cargar coa sombrilla, ata un ano polo menos. Vaise o verán, di todo o mundo, e o verán non é precisamente a miña estación favorita. Non o foi nin cando era pequeno e levaba aparellada unhas vacacións merecedoras dese nome, de case tres meses, nin agora que non o son e o que leva aparellada é a presencia militante na praia.

Fraga cos nenos
O ex presidente, de veraneo cos rapaces, hai unha chea de anos

Non é que eu teña un odio persoal á praia. Coñezo moita xente –case toda do xénero masculino, ignoro a razón- que non pon un pé nela, e que se o pon non é de forma voluntaria. Incluso teño a teoría de que conceder as vacacións en época estival é unha estratexia sibilina para promocionar o verán, por razóns que tamén se me escapan. A maiores, as boas cousas do verán –que tamén recoñezo que as hai- corresponden en realidade ás vacacións. Por exemplo, e alomenos en Galicia, ese ir de acá para alá, atopando xente fóra de onde a ves sempre. Encóntraste en Compostela o día 25 cun amigo co que estiveches hai unha semana nas festas do teu lugar e coincides tres días despois nun concerto en Paredes de Coura. Ese tipo de cousas dálle a este país, ó meu entender, un aire de sociedade aberta e universalista, de cidadáns que se relacionan a pesar de residir a cento e pico de quilómetros de distancia. Pola contra, o veraneo playero consiste en chantarse como un percebe nun lugar concreto sen moverse del (habida conta do que custan os alugueres) máis que para dirixirse ó mesmo lugar que todos e promover así os típicos atascos de estrada costeira.
De todas formas, cada quen é como é ou como o fixeron, e eu tampouco quero ser, respecto ó verán, como Manuel Vicent, que todos os anos renova periódica e indefectiblemente a súa diatriba contra o seu tema favorito. Pero si me gustaría chamar a atención sobre un aspecto importante. Dentro do estilo vaicheboa que caracteriza todo o que teña que ver con esta época, desde o volume das atraccións festeiras ó comportamento na conducción, este ano observei unha tendencia perigosa na vestimenta veraniega. As mulleres da tribu veraneante optaron por ir elegantes á par que sencillas, ou mellor, suxestivas á par que informais. Feitas unhas princesas, vaia, dentro do que cabe. Pero o sector masculino precipitouse nun look a medias entre o prototipo de sicario colombiano nos filmes da serie B e o de figurante das películas de Alfredo Landa. Ou con camiseta étnico-deportiva e pantalón corto que parece sacado do equipo de fútbol sala da empresa, ou con polo e bermudas caki en plan policía colonial birmano, coas canelas fracas peladas/peludas que saen dos mocasíns como paos. E todos cun adminículo colgante a medias entre o bolso vanity das vodas e o macuto militar.
Cada un é como é, etc., pero se seguimos así, entre que as vacacións de verán son estadísticamente o mellor caldo de cultivo para divorcios e separacións, e esa tendencia da moda masculina, o que está en perigo é xa a conservación da especie.
veraneo

(Para luns, 29 de agosto de 05)