Ago 30 2005
Robinho
Levo tempo sen escoitar nada dos programas de tele-realidade (ou realidade-ficción, un deses binomios teoricamente imposibles, como ciencia-cristiana ou música-militar, que sen embargo teñen existencia real). Eses productos televisivos elaborados a base de poñer nunha situación substancialmente anormal unha casa, un chalé en construcción, unha illa, baixo a vixilancia permanente das cámaras a uns individuos aparentemente normais dentro do normal que pode ser alguén que acude voluntariamente a unha selección dese tipo. É curioso que mentres noutros países o formato evoluciona ata a dexeneración máis absoluta ou a caricatura sen paliativos (hai un de prostitutas que teñen que poñer en marcha negocios, distintos do seu, claro), aquí o xénero estea nas últimas. Ata que descubrín que era polo fútbol.
Efectivamente, estaba eu o domingo abarloado á barra dun bar, botándolle man a unha caña e un ollo ó televisor mentres agardaba que me serviran chinchos do xoves que me xuraron que eran do sábado, cando vin a un tipo vestido de branco facer unha figurita no campo (televisivo). Deixei de observar as súas evolucións e o seu repertorio de gracias en cando me puiden sentar na mesa que serviu de escenario da última representación dos chinchos como peixe do día e da do camareiro como hostaleiro indignado pola miña incredulidade. A posta en escena do espectáculo teatral “Los Chinchos son fresquísimos” (que incluíu a solemne invocación á cociñeira-nai do camareiro como garante da frescura e a proposta de quedar ó día seguinte para que me presentaran e lle tomara declaración ó mariñeiro responsable da captura dos pescados e a súa posterior venda ó mesón) fíxome esquecer completamente do que vira na pantalla. Ata o día seguinte non souben, gracias ás noticias deportivas, que fora testemuña indiferente dun feito histórico: a revelación de Robinho como nova figura do santoral futboleiro e a súa entronización nos altares galácticos.
Sóubeno cando repetiron o grácil “sombreiro” que lle fixo o novo astro-rei a un esforzado futbolista dun equipo ascendido a marchas forzadas á Primeira División, e que cobran por xunto menos que un só dos que vestían a camiseta do outro color. Repetírono a cámara lenta, con todos os ángulos dereitos e inversos posibles. Repetírono máis veces do que se emitiu nunca o torpe paso de Neil Amstrong sobre a superficie lunar. Repetírono tanto que lles deu tempo ós comentaristas a que esgotaran todo o stock de adxectivos encomiásticos aforrados desde que na pasada tempada foron conscientes de que o Real Madrid non ía ganar título ningún. Repetiron e recrearon tamén outros milagres estilísticos e detalles técnicos menores, pero consubstanciais ó carácter estelar do novo rei da pelota. Repetírono en todos os programas de todas as cadeas. (Hai que ser burro, pensei, a ver como digo que cando se revelou Robinho, eu andaba a lear polas condicións de conservación de media ración de chinchos).
Foi entón cando experimentei, de seguro que pola mediación de Robinho, unha revelación: en España, a tele-realidade evolucionou ó formato de situar nun plató ou nunha redacción a uns comentaristas deportivos.
(para mércores, 31 de agosto de 05)

