Ago 30 2005
Robinho
Levo tempo sen escoitar nada dos programas de tele-realidade (ou realidade-ficción, un deses binomios teoricamente imposibles, como ciencia-cristiana ou música-militar, que sen embargo teñen existencia real). Eses productos televisivos elaborados a base de poñer nunha situación substancialmente anormal unha casa, un chalé en construcción, unha illa, baixo a vixilancia permanente das cámaras a uns individuos aparentemente normais dentro do normal que pode ser alguén que acude voluntariamente a unha selección dese tipo. É curioso que mentres noutros países o formato evoluciona ata a dexeneración máis absoluta ou a caricatura sen paliativos (hai un de prostitutas que teñen que poñer en marcha negocios, distintos do seu, claro), aquí o xénero estea nas últimas. Ata que descubrín que era polo fútbol.
Efectivamente, estaba eu o domingo abarloado á barra dun bar, botándolle man a unha caña e un ollo ó televisor mentres agardaba que me serviran chinchos do xoves que me xuraron que eran do sábado, cando vin a un tipo vestido de branco facer unha figurita no campo (televisivo). Deixei de observar as súas evolucións e o seu repertorio de gracias en cando me puiden sentar na mesa que serviu de escenario da última representación dos chinchos como peixe do día e da do camareiro como hostaleiro indignado pola miña incredulidade. A posta en escena do espectáculo teatral “Los Chinchos son fresquísimos” (que incluíu a solemne invocación á cociñeira-nai do camareiro como garante da frescura e a proposta de quedar ó día seguinte para que me presentaran e lle tomara declaración ó mariñeiro responsable da captura dos pescados e a súa posterior venda ó mesón) fíxome esquecer completamente do que vira na pantalla. Ata o día seguinte non souben, gracias ás noticias deportivas, que fora testemuña indiferente dun feito histórico: a revelación de Robinho como nova figura do santoral futboleiro e a súa entronización nos altares galácticos.
Sóubeno cando repetiron o grácil “sombreiro” que lle fixo o novo astro-rei a un esforzado futbolista dun equipo ascendido a marchas forzadas á Primeira División, e que cobran por xunto menos que un só dos que vestían a camiseta do outro color. Repetírono a cámara lenta, con todos os ángulos dereitos e inversos posibles. Repetírono máis veces do que se emitiu nunca o torpe paso de Neil Amstrong sobre a superficie lunar. Repetírono tanto que lles deu tempo ós comentaristas a que esgotaran todo o stock de adxectivos encomiásticos aforrados desde que na pasada tempada foron conscientes de que o Real Madrid non ía ganar título ningún. Repetiron e recrearon tamén outros milagres estilísticos e detalles técnicos menores, pero consubstanciais ó carácter estelar do novo rei da pelota. Repetírono en todos os programas de todas as cadeas. (Hai que ser burro, pensei, a ver como digo que cando se revelou Robinho, eu andaba a lear polas condicións de conservación de media ración de chinchos).
Foi entón cando experimentei, de seguro que pola mediación de Robinho, unha revelación: en España, a tele-realidade evolucionou ó formato de situar nun plató ou nunha redacción a uns comentaristas deportivos.
(para mércores, 31 de agosto de 05)


o 31 de Agosto, 2005 ás 6:18 am
Definitivamente, á prensa deportiva española fai aquí o que no resto do mundo fai a prensa amarela.
Se hoxe mesmo acontencese a parusía de cristo, non tería tanta repercusión nos xornais como a chegada de robinho…
o 31 de Agosto, 2005 ás 6:38 am
Parusía… é certo. Como envexo a formación
ou polo menos a terminoloxíateolóxica. Recordo unha expresión familiar, non sei se correcta: “é como agardar polo Santo Advenimiento”o 31 de Agosto, 2005 ás 6:39 am
Pois di meu primo Eduardo, que é brasileiro e do Corintias de toda a vida, que nin Ronaldos nin Ronaldiños, que Robinho é o mellor xogador do mundo.
o 31 de Agosto, 2005 ás 8:58 am
Eu non falaba das virtudes de darlle á pelota, senón de darlle ó bombo, que tamén é redondo, pero non é o mesmo. Non recordo tanto aporreo cando llas facía Djalminha a Fernando Hierro.
o 31 de Agosto, 2005 ás 9:02 am
Concordo cento por cento co comentario. Eu xa estou ata os fuciños dos galácticos, da prepotencia do Real Madrid, dos tiralevitas dos medios deportivos madrileños e da súa manía de elevar a acontecemento mundial calquera feito intrascendente. Gosto do futbol pero non de semellante “circo mediático”. Por certo ¿estaban bos os chinchos?
o 31 de Agosto, 2005 ás 9:29 am
Non. Ata eu, que son de interior, advertin que ou o camareiro
e a súa maimentían, ou o mariñeiro tivero os bichos na casa un par de días antes de vendelos. Debe ser o segundo, porque desde o cuarto de baño escoiteiinvoluntariamentea conversa indignada entre a mai cociñeira e o fillo camareiroo 31 de Agosto, 2005 ás 9:31 am
Ah, en rigor periodístico, teño que recoñecer, como así llo manifestei o membro peripatético da familia hosteleira, que os calamares estaban moi bos.
o 31 de Agosto, 2005 ás 4:52 pm
El Rondo tele-realidade?
o 31 de Agosto, 2005 ás 10:17 pm
Hai un dito moi vello que se podería usar aquí. Circulou cunha foto de Paco Vázquez, pero podería valer para certo tipo de prensa: “Deste e doutros charlatáns, e políticos de feira, só podedes agardar que vos birlen a carteira”. O que nos están facendo é un atraco. Xa temos “tontolización” para todo o ano.
o 1 de Setembro, 2005 ás 8:07 am
Creo que a eses binomios imposibles tipo intelixencia militar e monarquía democrática lles chaman oxímoron ou algo semellante. Dacordo con todo o que di. A realidade é que a unica especialización que hai nos informativos de televisión é a de deportes, alguén presenta todo menos… deporte, algo que ainda que esteamos afeitos non deixa de ser peculiar.
o 1 de Setembro, 2005 ás 11:40 am
Chámanlle, e o máis coñecido é o de Pío Baroja sobre o xornal “El Pensamiento Navarro” (¿Pensamiento?, ¿Navarro?, imposible). Pero como o destino final e orixinal do post é un xornal gutembergiano, pareceume palabro asaz cultureta.
o 1 de Setembro, 2005 ás 2:22 pm
Por favor, non “linkes” NUNCA a páxina do putomadriz, que lle estás a dar entradas innecesarias que logo convírtense en cartos para mercar robinhos e esas cousas. Asín de que un pouco de culpa lévala ti.
Saltalavista, prensamadridista!!
apertas
o 6 de Setembro, 2005 ás 9:29 pm
Ai, perdón.
o 1 de Xullo, 2007 ás 9:37 am
Pamplona…….¿Diócesis conflictiva?