Set 29 2005

Sublime decisión

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:05 am

Moitos de vostedes estarán por aí, tan contentos, felices e despreocupados (polo menos tan despreocupados como para dedicar tempo a ler esto), mentres algúns veciños seus debátense desnortados na confusión de se farán ben ou non, e moitos fogares (entre eles o meu) están inmersos en abismos de dúbidas sobre cal será o camiño correcto: ¿que actividades extraescolares para os nenos escollemos este curso?

As que se poidan ou que lle presten ós nenos, por esta orde ou pola inversa, dirán algúns ben intencionados. Xa, pero ¿de que falamos cando falamos de que se pode ou non se pode? ¿Entra dentro do que “se pode” –ou debe- que un proxenitor/ra teña que atravesar a cidade toda para depositar a unha criatura e a un violín dous días por semana nun sitio onde teoricamente a criatura e o instrumento aprenden a conxeniar ou polo menos a convivir?, ¿e se o transporte inclúe dúas horas a maiores agardando fóra mentres o pequeno transportado se pelexa coas cordas?, ¿Inflúe no “se pode” a existencia ou confortabilidade das cafeterías próximas ó centro docente onte ten lugar a suposta aprendizaxe?, ¿Entendería o defensor do menor como atenuante que despois de tres anos de “pode”, a combinación neno-violín produza o mesmo resultado que a combinación serrucho-madeira?
En canto ó que lle presta ós pequenos… ¿alguén pode decir de verdade, sen acollerse ó recurso das aproximacións e vaguedades dos expertos en asuntos infantís, que é o que lle apetece realmente a un neno nun período de tempo superior ó momento presente? Hai casos en que un infante está rozando a porcentaxe de rebotes de Pau Gasol no minibasket e de súpeto cóllelle manía ó asunto porque se foi do equipo o seu colega, ou se ve espantoso na pista cuns pantalóns tan folgados. Ou ó contrario, a nena pode soñar desde sempre con ser unha Pavlova (perdoen o rancio do símil, pero en ballet soamente se me ocurre o exemplo de Nacho Duato) e a profesora acábache confesando que ese camiño non é o dela, e suxerindo que quizais lle axeitaría máis algo tipo halterofilia ou corte de troncos.
Afortunadamente, fóra dese problema do que se pode e que lles presta, o bo que ten esto das actividades extraescolares é que hai unha chea de cousas nas que escoller. Estou convencido que buscando ben, podes conseguir que as criaturas se instrúan en papiroflexia, calafateado de buques ou iniciación ó investimento bursátil. Oportunidades de distraer e formar ós rapaces non faltan, o malo é combinalas coas actividades paternas (e sobre todo, admitamos, as maternas). En moitas casas hai un planning de rutas, actividades, conexións, traídas e levadas tan complexo como o do Estado Maior da RAF durante a batalla de Inglaterra, pero substituindo os spitfires e os messerschmitt polos vehículos familiares e os horarios da compañía de tranvías. Así que mentres vostedes están felices, etc., o drama reina no piso do lado.

(para xoves, 29 de setembro de 05)


Set 28 2005

Corre, neno

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:10 am

“Esto demuestra que los españoles, cuando nos ponemos, conseguimos lo que sea, excepto la selección de fútbol, claro”, escoitei o domingo unha voz tronante na radio, e supuxen que Fernando Alonso acababa de facerse co campionato do mundo de Fórmula 1. Non me deu tempo a retrucarlle mentalmente “…pilotando coches que fan outros” cando saíu outro comentarista, loitando claramente coa dentadura postiza, proclamando que “Fernando nos ha hecho a todos los españoles campeones del mundo”. Noutra emisora, un paisano do ganador pilloulle o micrófono á redactora e fundiu a membrana (do micrófono) a berros. Evidentemente, é moi bonito que nos faga a todos campións do mundo de Fórmula 1 un rapaz cos mesmos anos que os que se ganan a vida pilotando mobiletes de repartir pizzas. Pero ó que me preocupa non é a fabulosa capacidade de empatía coa victoria do ser humano (incluíndo os comentaristas radiofónicos e os seguidores que proxectan nos seus ídolos o entusiasmo que non poñen na vida propia), senón a influencia paterno/materna no rumbo dos fillos.

     Porque como contaba moi ben outro radiofónico, con máis información e sen tanto rebumbio, a Fernando Alonso ós dous anos subiuno o seu pai a un kart que xa lle construíra para a irmá maior, e non o deixou baixar a pesar de que –estrañamente- o neno odiaba o trebello mecánico paterno. Con todo, a e maiores das indiscutibles aptitudes para a conducción que debe ter o novo ídolo de masas, non debe ser difícil para un neno collerlle afición a facer carreiras, aínda que inclúa levar na chepa a teu pai. Ignoro como é o famoso pai José Luis Alonso (e vouno seguir ignorando, porque non espero noticia ningunha que desvele algunha sombra do seu carácter, nin teño a máis mínima sospeita de que teña ningunha), pero o mundo está cheo de pais empeñados en conducir a vida dos seus fillos e as consultas dos psicólogos e as páxinas de sucesos deben estar abarrotadas de consecuencias desas obsesións, pero a historia rexistra soamente aqueles casos nos que tiveron éxito. Por exemplo, o pai das sisters-in-tennis- Williams, Serena e Venus, que lles construíu a infancia arredor das raquetas, con absoluta exclusión de todo o demais. Pois pagoulle a pena, dirá calquera, sobre todo se acaba de recibir as notas dos fillos. Ou xa se verá, porque outro pai-manager foi o de Michael Jackson, e outro o de Ramón Chao, o avó de Manu.

     Unha das novelas máis divertidas que lin na miña vida era El lago de Como, na que Ramón Chao contaba a súa infancia de neno pianista prodixio, obrigado a tocar para os invitados a peza así titulada. Aferrollado polo pai empeñado en ter un fillo músico, Chao deu concertos por todo Lugo, estudiou no Conservatorio en Madrid e foi cando se trasladou a completar a súa formación na tecla en París cando puido zafar da determinación paterna e comezar a facerse o excelente xornalista e escritor que é. Neste caso concreto, non sei se o fin xustificou os medios. Tereillo que preguntar a ver que fago cos pequenos, se me obsesiono ou chega con que me preocupe.

(para mércores, 28 de setembro de 05)


Set 26 2005

Correntes alternas

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:59 am

As voltas que dá a vida. Hai unha chea de anos, eu era un periodista pipiolo (tan pipiolo que nin siquera fumaba) cando se suscitou a operación de compra de Fenosa por Unión Eléctrica, unha cousa que tecnicamente chamaban “fusión por absorción”, pero que parecía o que foi. Daquela era tan pipiolo que pensaba que os sindicatos, ademais de defender os empregos e os dereitos dos traballadores, podían aportar o seu punto de vista sobre que significaría o asunto para o futuro económico da empresa. Tamén que os partidos opositores non deixaban de ter razón en que non era moi ético que unha empresa que medrou a base facer o que lle petou cos ríos en Galicia se fose coa sede social a outro lado. Eu daquela escribía nun xornal que me deixaban recoller todos eses puntos de vista, pero resultou que estaba equivocado. No resto dos medios, xente que realmente sabía do que escribía sinalaban que aquela fusión por absorción era precisamente a que aseguraría o futuro da empresa, que así eran as leis do mercado e as necesidades da economía de escala e outros axiomas que eu descoñecía, e que os traballadores o que querían era non perder privilexios como ter a luz de balde e os opositores eran uns resentidos antiempresas. O caso é que o asunto foi adiante con todas as bendicións, tiveran ou non razón, que posiblemente. Xa lles dixen que eu daquela era un pipiolo.

Hai uns catro anos, xa non era precisamente un pipiolo, pero tampouco entendín porque razón Unión Fenosa non se puido facer, por fusión, por absorción ou por fisión, cunha compañía menor, Hidroeléctrica del Cantábrico. Parece ser que neste caso, por moito que dixera a economía de escala, as forzas vivas do lugar –Asturias-, medios de comunicación incluídos, estaban radicalmente en contra, e como no goberno en Madrid había dous asturianos Cascos e Rato, nin axiomas do mercado nin farrapos de gaita. Agora a electricidade volve sacudir o mundo económico como as pilas as ancas de ra naquel experimento de física escolar, e eu –que pensaba que perdera a pipiolez- sigo sen entender nada. O PP en bloque chama a arrebato contra que o capital e a sede de Endesa abandonen “territorio nacional” (Madrid, onde que eu saiba non hai máis pantanos que o de Entrepeñas, e non produce electricidade) para ir a Cataluña, cando aquí o goberno do mesmo color cedeu alegremente os montes a empresas eólicas foráneas nun 86%.
Ben, esas son andrómenas de políticos, que lle sacarían punta incluso a que o Barça ganara a Liga, dime a miña faceta cínica que fusionou por absorción á miña faceta pipiola. Pero ningunha das dúas entende a euforia porque capital galego quixera mercar unha parte de Fenosa e o pranto conseguinte cando a operación se revelou interrupta, daquelas mesmas forzas vivas ás que hai vinte anos lles pareceu fenomenal a manobra contraria. ¿Que pasou co libre mercado neste tempo? E máis importante: ¿Os deportivistas ou culés pechados poderán contratar a luz con outra empresa na que non teña accións Florentino?

(para luns 26 de setembro de 05)


Set 22 2005

Que facer?

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:45 am

O recurso de quita e pon do Real Madrid contra a conspiración arbitral, o recurso de pon e quita do PP contra a lei de matrimonios homosexuais, o eterno pon esto e quita o outro do Estatuto catalán, a chea de ofertas para poñer a celulosa que se vai quitar de Pontevedra… todos eses temas non son máis ca unha cortina de fume para ocultar o auténtico debate. En efecto, vexo ós mellores cerebros da miña xeneración, das anteriores e das seguintes (alomenos os que non fichou para Madrid con becas Esperanza Aguirre) renxer as meninxes para dar coa solución ó Gran Problema: ¿que facer –que decía o outro- coa Cidade da Cultura?
cidade

A hipótese dese GP é ben sinxela para todos menos para quen a promoveu: Galicia non se pode permitir a Cidade da Cultura, por exceso de gasto e tamén de cultura. Aquí hai centos de castros sen excavar e sen museizar, igrexas románicas a eito, edificios históricos que se can de vellos, conxuntos etnográficos a esgalla, e todo a monte. Coa inversión e a imaxinación pertinentes, poderíanse converter nunha rede de ofertas que farían rebentar de orgullo ó indíxena máis túzaro e reacio á cultura, e esgotaría a demanda do viaxeiro máis famento de ocio cultural. Pero no lugar desa opción, escolleuse a de engadir un continente máis á colección de espacios baleiros de contido (a Casa das Palabras e o Museo do Mar de Vigo, por poñer dous exemplos). Facer unha biblioteca sen libros (¡e na era de Internet!). Construír un edificio que soamente en calefacción gastará máis que o PIB dalgúns paises desfavorecidos. A antítese, aínda máis sinxela que a hipótese, é que como pasa noutros aspectos da vida, parece ser demasiado tarde para dar marcha atrás.
As miñas teses, que dou porque tarde ou cedo me tocará que me pregunten, están completamente na liña das expostas ata agora. Coas vellas autoridades de peso coincido en que debería servir como centro de documentación e investigación, e para eso nada mellor que situar alí os principais organismos productores. A Xunta, o Parlamento, e se me apuran as Deputacións. Axilizaríase o papeleo todo, por non falar dos concursos de traslados dos funcionarios. As sedes de orixe sobrantes poderíanse reverter ó mercado inmobiliario, sempre ávido de ofertas de alto standing (xa vexo a publicidade: “¡Dúplex en San Caetano!, ¡viva como un conselleiro!”) ou para residencias xeriátricas, que boa falta fan (“Plazas na Deputación de Ourense: amañámoslle o último treito da vida”). Pero tamén se me ocurren alternativas máis axeitadas ó mundo actual: un parque temático. Por exemplo, aproveitar o excavado e reproducir as catacumbas nas que se refuxiaban os primeiros cristiáns, co que se crearía unha evidente sinerxia co negocio da tumba do Apóstolo. Ou deixar o asunto a medio rematar e argallar un Cripta Park, tipo Warner ou Disney, pero dedicado ás películas de terror, momias e zombis. Con arranchar os decorados que deben ter tirados por aí George A. Romero ou Roger Corman, sae por dous pesos.
haunted
Xa sei que son soamente uns apuntes, pero se me encargan un informe, encho vinte folios como todos.

(para xoves, 22 de setembro de 2005)


Set 21 2005

Burguesía

Categoría: Si home sisihomesi @ 5:41 am

No fondo de armario do argumentario sociopolítico un clásico imprescindible era, e en boa parte sigue a ser, o de “aquí non hai unha burguesía”. Eu téñoo usado, pero a verdade porque o tiña, non porque crea que me sente ben. Por un lado, porque burguesía, aínda cando había pouca, aquí habíaa –outro cousa é para onde apuntara- e por outra, porque tampouco o chamado pobo se conducía como moi galego, por moito que gastara boina e afalara vacas. Agora desterramos a boina pola gorra esponsorizada por un taller ou un rapado e as vacas polo can de paseo, e as clases están unificadas polas hipotecas. E o outro día fun a unha voda para –ademais de corresponder á invitación- tentar comprobar como vai o Down Jones de galeguidade nas clases medias.

Era nunha das igrexas da Cidade Vella, e en canto nos achegamos, vin que, a pesar da prohibición de levar chaqué, os invitados que xa estaban ían vestidos de tiros largos (co que apañei unha bronca conxugal: “con que ‘vai elegante pero sencilla’ que non vai ser para tanto”). Pero a cerimonia celebrouse en galego (e cun oficiante de voz cuspida á de Suso de Toro, co que tiña á maiores un certo parecido físico), na saída tocaron uns gaiteiros e os contraentes abandonaron o lugar a bordo dun seiscentos pintado de franxas branquiazuis e adornado con dúas bandeiras do Deportivo. Seguindo co símil futbolístico, os invitados desprazámonos en autobús ó lugar do convite, que era tamén un lugar de tronío, con prados, pérgolas, porches, carpas e todo tipo de construccións para tomar o aire e/ou gorecerse del. Había eses bocados deconstruídos que se toman nunha culler dobrada tipo Uri Geller, pero tamén un caldeiro de pulpo.
O sector máis rancio e/ou máis foráneo dos convidados non puido evitar exteriorizar a súa desaprobación latente cando comprobou que o organigrama das mesas representaba estadios de fútbol (a nosa era o Dinamo Stadion), sobre todo porque ó núcleo duro de madridistas tocáralles casualmente o do Olympique de Lyon, campo de infausto recordo. estadion
Pero ó chamémoslle sector de tribuna visitante aínda lle quedaba unha chea de razóns para o mosqueo. Desde a linguaxe verbal do noivo (“imos rifar entre todos vós unha noite de hotel en calquera lugar do Estado español”) ata a non verbal (as danzas rituais dos Riazor Blues a medias cos integrantes dunha mesa-estadio da outra punta do salón). Un convidado que vai ó baño e sae perfectamente travestido e cuspidiño a Dustin Hoffman en Tootsie. tootsie
Pero quedáballes outra ordalía: o matrimonio, coa exquisita educación que os caracterizou en todo o acto (e na súa vida anterior, pero no acto ata tiveron o detalle de felicitarme o cumpreanos polo micrófono) pasaron polos estadios repartindo recordatorios do enlace: unha postal con eles vestidos de galegos (gaita incluída) posando a carón dun hórreo, no máis puro estilo “Escudo de Oro-Zaragoza”, e co lema non menos tradicional “Recordo de Galiza”. Cando nos fomos xa había unha persoa metida na piscina, e soamente eran as dúas e media da mañá.
En conclusión –á que cheguei ó día seguinte- non sei se hai burguesía galega. Tampouco se siquera fai falta tela, alomenos mentres manteñamos a creatividade.

(para mércores, 21 de setembro de 05)


Set 20 2005

Mamá

Categoría: Xeralsihomesi @ 3:32 pm

En Fene, unha madrugada hai uns anos un ionqui rouboulle un coche a unha muller que o deixara prendido mentras baixaba a devolver unha película a un videoclub. No asento traseiro do coche durmía unha nena de tres anos. A muller e un irmao buscaron o coche e atopárono pola Gándara, pero o rateiro despistounos. Logo de chutarse, foise, deixando coche e nena. A policía localizou á nena seis horas despois. Hoxe, no xuizo, eu estaba detrás do acusado, que daba as habituais respostas inverosímiles, quitado probablemente a de que non se enterara de que estaba a nena cando colleu o coche. Además de culpable, non parecía demasiado listo, e eu estaba pensando que pedazo de besta por non deixar o coche nun lugar transitado en canto se decatou de que non estaba só. Nese momento, volveuse, chiscou un ollo e por un momento converteuse nun rapaz normal, mesmo tenro. Eu tamén mirei cara atrás, e alí estaba, toda traballadiña e desfeita polos anos e os padeceres, a súa mai.


Set 19 2005

Partiu

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:09 am

A medianoite dacabalo do venres e do sábado pasado, na Coruña produciuse un momento que a algúns presentes lles escoitei cualificar de histórico, e que eu, sen ánimo de polémica, definiría mellor como máxico (se non fose un concepto demasiado jipi) ou como emotivo (se non fose demasiado cursi). Falo da despedida dos Diplomáticos de Monte Alto.

Aínda sendo voluntarias, as despedidas deixan sempre un certo sentimento de ausencia (ou de alivio, segundo os casos). A dos Diplos deixa un baleiro como o do aparcamento do Papagaio, porque nos anos 90 contribuíron a encher o burato negro que deixou a implosión da movida dos 80. Foron eles os primeiros que puxeron o dedo na fenda do dique para que non se colara a marea de parvadas empalagosas que produce o mercado desde arriba cando non hai reacción desde abaixo. Tiñan as influencias que tería calquera rapaz da súa idade e do seu sitio. Os temas populares que se cantaban a coro nas tabernas de Troncoso e das Atochas, os discos de jevi que gravados en casete que se intercambiaban nos recreos do instituto, os clásicos da movida xa daquela parada e algunha que outra rareza ou exquisitez que aparecía de cando en vez. Máis ou menos unha equipaxe común a boa parte dos músicos que daquela comezaban, pero que todos deixaban fóra do local onde ensaiaban para chegar a ser os Pixies de Cambre. Eles remexeron todo o seu xeito, e conseguiron ser persoais e orixinais, pero non se limitaron a eso.
A música, como a arquitectura e posiblemente ata o odontoloxía están cheas de aportacións pioneiras que quedaron no camiño que logo outros abriron despois. Os Diplos levaron tras de si a toda unha tropa, animaron a unha chea de rapaces a facer o que no fondo lles prestaba facer. Exactamente a mesma mala influencia que uns gamberros cos pelos de punta e roupa esfolada fixeran quince anos antes en UK. Unha banda de estudiantes, okupas, administrativos ou traballadores do metal ergueron un movemento por toda Galicia sen que os promocionaran os medios, as discográficas ou as institucións, estamentos todos que, coma sempre, apuntáronse tarde e mal, cando se apuntaron. Máis ben ó contrario. Se sempre ir á contra (“kontra o mundo!”, como proclamaban orgullosos) non é mellor sistema de facer amigos, moito menos reivindicando con forza e ironía o mundo aldeano estigmatizado por desclasados que consideran a Loquillo un moderno radical, e a súa idea de evolución consiste en pasar de Serrat a Sabina. En boa medida, quen te define son os teus inimigos.
Así que, como remataban os seus concertos, partiu. Nos enterros de antes escoitábase a expresión, “o malo é de quen se vai”. Non, o malo é o pouco que queda.

(para luns 19 de setembro de 05)

Por certo: As fotos do evento, 385&_c=PhotoAlbum”>aquí, by Richi “Tractorada” Rastrero


Set 16 2005

The year of the .CAT

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:28 am

Estarán ó tanto que, a consecuencia das presións e chantaxes do tripartito á ICANN, xa aprobaron o dominio .cat, por moito que sexa para asuntos culturetas, como se admite o galego para os chistes ou para dirixirse ós da aldea. Para reclamar o que hai que reclamar, seguro que xa saben vostedes dunha chea de littlewindows máis axeitadas ca esta.


Set 16 2005

Novo Cuiña?

Categoría: Destafoisihomesi @ 1:18 am

tareixa
Con nocturnidade e alevosía, aproveitando que eu estaba de vacacións, o Vicepresidente de I+B designou como delegada na Coruña á miña amiga e case veciña Tareixa Novo. Na foto pódese comprobar que gran delegada perdeu Obras Públicas, aínda que tamén a resolución (de carácter, non de píxeles) que revela Tareixa aventura que os machistas e maltratadores téñeno crudo.


Set 15 2005

Política de lavadeiro

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:13 am

Os chamados temas de interese local, e a información que xeran, teñen aquí unha característica curiosa: teñen bastante que ver co fenómeno das lendas urbanas. O aeroporto, o porto interior e o exterior, a terceira ronda e a seguinte que a pago eu. Sinto ser tan duro e tan sarcástico con administracións que non son precisamente malos exemplos de administrar, pero as cousas son como son, e unha cousa é ir administrando máis ou menos e outra facer política, no seu sentido orixinal (tentar os solucionar problemas da xente), non no que foi collendo (resolver os problemas da clase política).

Un problema que afecta unhas 400.000 persoas, os veciños desta contorna en concreto, é o do tráfico pola contorna propiamente dita. Que un veciño de Mera tarde en levar o neno ós Salesianos tanto como tardaba el no castromil en chegar á facultade cando estudiaba en Santiago, ou que a unha residente en Brexo-Lema tanto lle teña ir traballar ó Polígono de Sabón (Arteixo) como ó do Ceao (Lugo). Para resolver o problema, algúns alcaldes –non todos, porque algúns están moi ocupados noutros asuntos e para outros eses problemas prodúcense en ultramar, pasada a ría do Burgo- reclaman unha serie de actuacións, sen dúbida necesarias, que se resumen en facer máis carreteras. Non vou ser eu quen discuta a necesidade de máis carreteras, porque as carreteras simbolizan en Galicia o progreso desde finais do século XIX e por riba non son alcalde. Pero non hai nin cinco anos que se resolveu o atasco da Pasaxe, e outro tanto o de Vilaboa, e xa estamos como estabamos.
Por min, veñan vías, pontes, rondas e pistas de lanzamento, pero se a xestión municipal sigue consistindo en proporcionar lugares onde construír ós promotores inmobiliarios e facer centros veciñais ó tempo que se reclaman máis carreteras ás administracións superiores, estaremos todos –gobernantes, cidadáns e medios de comunicación- nas mesmas cada cinco anos. Por decilo claramente: nun lugar da Unión Europea onde viven apiñotados medio millón de persoas que teñen unha calidade de vida polo menos media e pagan impostos, ter o sistema de transporte público que aquí temos é como para inhabilitar para cargo público a todo aquel que tivo algún nos últimos vinte anos. Que un usuario de coche de liña teña tantas paradas na cidade veña de Madrid ou de Cambre, que a metade das vías ferroviarias que hai sirvan para pasear turistas ou como posibles solares é como para que a UE nos pida que lles devolvamos as millonadas que nos deron para transporte e gastamos en rotondas e jardincitos.
Sinceramente, moita modernidade, moito futuro e moito servicio ós cidadáns, pero, no fondo a política local non deixa de ser un remake do clásico rural “a ver se desta vez nos poñen o lavadeiro”.

(para xoves, 15 de setembro de 2005)


Seguinte páxina »