Set 01 2005

Problemas de xestión

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:20 am

Todo ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Por exemplo, no fútbol as victorias son victorias, xustas ou inxustas, e as derrotas, honrosas ou como para matalos, son derrotas. Na política é todo máis difícil, quizais porque non hai o que antes se chamaba moviola ou cámara lenta, nin o máis moderno ángulo inverso.

Por exemplo, as recentes e sen embargo remotas eleccións galegas (aka a caída do réxime). Tardamos un mundo en saber quen ganou e quen perdeu, o mesmo os cidadáns aínda coa depresión postvotum que os beneficiarios das papeletas. De feito, no PP non asumiron que perderan ata que se personou Boquete o das mudanzas coa furgoneta (falo do PPdeG, os de Madrid non estou moi seguro se asumiron algo, porque non lles escoitei falar do tema). No outro lado tampouco pareceron telo moi claro ó principio. Agora, si, porque o outro día, un amigo de Monforte que me confesou que non era militante do BNG (debería apuntarse, é o seu tema de conversación favorito) comentoume que o que el chamaba “os históricos” debían estar moi cabreados, e que a ver si se atopaba con algún para comprobalo (tamén eu, pero un primo histórico que teño anda estes días por Venezuela). “Que cheguen ó poder outros é lei de vida, pero tamén o é que lles doa”, díxome. Frase igual de certeira, aínda que menos fina e máis descarnada, foi a dun concelleiro socialista de Vilagarcía: “Non ganamos as eleccións para darllas ós catedráticos”.
É decir, socialistas e nacionalistas ganaron (sei ben que circulan opinións contrarias, pero aí está o argumento Boquete), pero non a gusto de todos. Ou máis ben de case ningún, porque en conversas non oficiais (sei tamén que todas as miñas conversas son “non oficiais”, pero para entendernos) todo son críticas a boa parte dos escollidos. Nalgún caso con razón (un recoñecido trepa aupado a un cargo, outro esforzado militante que sempre fixo os traballos partidarios de balde e agora sigue onde estaba), e no resto, sen máis razóns que a natural prevención sobre as capacidades alleas e a non menos natural cadea de odios e amores que inevitablemente foi provocando calquera que supere os 35 anos nunha sociedade pequena como a nosa.
Con todo, o poder crea sempre un fenómeno centrípeto, no que todo o que se move tende a arrimarse ó centro. Xusto o contrario do que pasa cando se perde, que se potencian as naturais forzas centrífugas. O PPdeG era antes, polo menos oficialmente, un partido unido baixo a indiscutible autoridade paterno-presidencial, na que os nenos boina e os infantes birrete se tiñan que limitar a arrearse patadas baixo da mesa. Agora, de onde antes había dous bandos saen catro candidatos, mentres o petrucio non ten outra que limitarse a implorar, como todos os pais que saben que as criaturas van facer o que lles pete, “facede o favor de non pelexar, ou pelexar en baixo, e teñamos a festa en paz”.
A verdade é que, no fútbol e na política, a victoria ten cen pais e a derrota crea cen orfos

(para xoves, 1 de setembro de 05)