Set 06 2005

Acordos e desacordos

Categoria: Si home sisihomesi @ 3:16 pm

Parece ser que a reunión entre Zapatero e Rajoy concluíu en fracaso, cabe deducir do unánime lamento dos analistas políticos sobre a ocasión perdida de encarrilar a política nacional, e a chea de advertencias que prodigan de que así mal vamos. En realidade, a xuntanza foi mal porque é o único método para que uns e outros –políticos e analistas- defendan o pan que comen. Rematado o exótico asunto das eleccións galegas, muxido o polémico tema do Estatuto catalán ata que perdeu calquera asomo de interese e mesmo de intelixibilidade, algo hai que facer para seguir ocupando as portadas. Nas novelas negras, neses casos, facían aparecer a un tipo cunha pistola, e aquí escenifican un desacordo (tanto que a frase de Rajoy, “entré preocupado y salí preocupado”, é do guión da reunión anterior). E o público, preocupado.

Preocupado por outras cuestións, quero decir. Por exemplo, o coruñés medio –se é que tal cousa existe- está preocupado pola abundancia de ruídos e a escaseza de zonas verdes, ou eso conclúe o Instituto Nacional de Estadística despois de facer unha chea de estadísticas. Non penso discutir as conclusións do INE e aínda menos as preocupacións do coruñés medio, ó que por outra parte non coñezo. É máis, desde aquí felicítoo sinceramente por ter unhas preocupacións propias dun votante dos Verdes alemáns. Ademais, cada quen ten ou ve os problemas que lle peta. Por exemplo, para a concelleira Carmen Marón, na Coruña non hai problema de tráfico. (Se normalmente coincido cos criterios da concelleira Marón e aínda máis cos da deputada Marón, neste caso coincido plenamente: aquí o problema é aparcar, fenómeno que quizais axude a que o tráfico non sexa un problema).
E como probablemente o goberno municipal coincide aínda máis que eu cos criterios de Carmen Marón, por eso decidiu a atallar os problemas reais da cidade. Verbigracia: os lapos (con perdón). Parece ser que os coruñeses somos xente cuspidora en demasía (ben polo síndrome de abstinencia da Fábrica de Tabacos e as súas míticas farias, ben pola humidade do clima, ben polas descargas de carbón e cereais) e polo tanto o Concello ven de aprobar unha ordenanza que establece multas de ata 750 euros por cuspir, ou xa postos, por tirar calquera residuo na vía pública, sexa orgánico (pipas), inorgánico (papeis) ou supoño que mixto (colillas e chicles). Máis ou menos, debe ser a mesma sanción que por circular por San Andrés a 160. Eu, aínda que acreditarei no cumprimento da ordenanza cando saiba dalgún sancionado, concordo plenamente co seu espírito. Non tiro á vía pública nin o precinto dos paquetes de tabaco, e botaría todas as colillas nas papeleiras se houbera papeleiras bastantes para o meu ritmo nicotínico. Pero, ademais de poñer máis papeleiras para non facer trampa, no que respecta ó de cuspir digo eu que haberá que cambiar o modelo. Coas actuais tipo buzón, ou moita puntería tén a xente, ou non vai haber quen se achegue a elas nin para deixar unha colilla.
Como ven, aféctanos moito máis o que se acorde en María Pita que o que se desacorde na Moncloa.

(para mércores, 7 de setembro de 05)

Un comentario a “Acordos e desacordos”

  1. mourullo dixo:

    Por San Andrés a 160 e rematas aterrando no Salón de Plenos de María Pita diante da concelleira Marón.

Deixa un comentario