Set 08 2005
O barato é caro?
Coas expectativas non se sabe que é peor, se que se cumpran ou que non. Posiblemente é o que pasa co novo goberno, que hai tantas expectativas entre os gobernados que o que fan ben parece pouco, e o que non, parece demasiado. E tantas entre os gobernantes que se senten obrigados a cumprilas antes onte que hoxe.
Pasa por exemplo, co da gratuidade dos libros de primaria, por escoller o último titular. Era unha promesa electoral tanto do PSdeG como do BNG (e creo recordar que mesmo xa o prometera Antolín Sánchez Presedo na campaña do 93). Ou sexa, que non cabe sorpresa ningunha por que se cumpra (quitado a sorpresa de que algunha promesa electoral se cumpra en xeral). Como era de prever, os pais aplauden e os libreiros e editores non. Os pais porque fundamentalmente é un aforro e os do sector do libro principalmente porque é unha perda de beneficios e porque consideran que se adoptou sen negociación e consenso (é decir, sen que viñeran acompañados dalgunha medida compensatoria). Esa controversia, neste país, pode producir desencontros familiares: a presidenta da Confederación de Apas de Centro Públicos, que saíu nos medios a celebrar a medida é Olga Patiño Doval, curmá de Xurxo Patiño Pérez, de Librouro, destacado integrante do sector que a criticou (a medida, non a Olga).
Hai incluso quen pensa (eu en concreto e outro co que falei esta mañá) que o progresista nunha situación de axuste non é que se destinen os impostos (extraídos fundamentalmente dos asalariados) a sufragar libros de todos os alumnos, incluídos os daqueles que levan ó colexio móbiles máis caros que os libros, e non dos que precisan esa axuda, aínda que sexa o 80% das familias. (Igual que me parece que os 600 euros mensuais para mulleres maltratadas, o chamado de forma un tanto rimbombante “salario da libertade”, tampouco debería ser para todas as mulleres maltratadas, senón para as que o precisen, que xa sei que son a maioría).
Pero, en definitiva, coas compensacións ó sector que faga falta e coas salvedades pedagóxicas que podan xurdir, a gratuidade dos libros paréceme ben. Outra cousa é que esa medida satisfaga a expectativa dun proxecto progresista para amañar o problema da educación. As expectativas concretas e previas do electorado progresista, acrecentadas polas promesas electorais e reforzadas pola actitude impresentable do goberno saínte asinando contratos para cando non gobernaría, de que se potenciaría a educación pública e non a privada. A teoría educativa conservadora é que educación pública é toda, soamente que parte está impartida por empresas privadas. Formalmente pode ser unha visión válida (e no fondo élles máis cómoda e máis barata), sempre que se cumpran dúas condicións: que se lle dean ós centros públicos os medios para que a xente non fuxa cara á privada, e que se vele porque a privada non teña vantaxes comparativas (desde o punto de vista empresarial, non formativo, como peores condicións laborais do profesorado ou a selección dos alumnos menos conflictivos). E desde logo, se imparta nun centro público ou privado, a mellora da educación pasa por velar aspectos como que uns e outros cumpran as distintas normativas (que se incumpren no sector público, no privado e no mediopensionista) e os obxectivos educativos (que non son que dentro dun centro se pode facer o que sexa mentres non saia nos periódicos nin se lle dea a lata ás autoridades). Claro que eso sería menos popular entre parte dos pais, dos profesores e mesmo dos alumnos.
(para xoves, 8 de setembro de 05)

