Set 12 2005

A cara oculta

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 2:12 pm

art
O outro día fun cubrir a noticia dun iate alemán que embarrancou onda a praia do Trece, entre Camelle e Camariñas, no mesmo sitio onde se desgraciou o mítico pero real Serpent. A noticia non era soamente, ou principalmente, o novidoso feito dun naufraxio dun barco de luxo na Costa da Morte, senón que houbo uns que recuperaron a tradición dos raqueiros, os saqueadores de pecios. Chegaron en dúas lanchas, a pleno día, e apañaron todo o que puideron, ata o asento do piloto. Os veciños, diante da cámara, como moito aseguraban “si, algo sentín que desvaligharan o barco. Uns de… de non sei onde, pero sentín que saquearan bastante”. Fóra da cámara, o relato mesma dalgunha autoridade era un chisco menos idiosincrático pero máis rico: “Chegaron e o primeiro que fixeron foi coller o champán e picar uns chourizos. E logo deron en desarmar todo. Ós que estaban en terra berrábanlles ‘mirade que barco compramos’”. O axente da aseguradora, un alemán era algo máis explícito co micrófono diante (“hicieron un saqueo en toda regla”) pero aínda máis detrás do chintófano: “fui a un bar de ahí, y dije que había cosas que no importaba perder, pero que estábamos interesados en recuperar un aparato concreto. Uno del bar dijo en alto: ‘no se preocupe que eso aparecerá’”. Os que din que as imaxes valen máis que mil palabras non fixeron información para a televisión.


Set 12 2005

Seguridade cidadá

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:44 pm

Hai días o goberno do Estado anunciou unhas medidas tan extraordinarias e dun trasfondo case revolucionario que me gustaría que me sacaran de dúbidas sobre si alguén as escoitou tamén ou son eu que decreto en soños as normas que desexaría ver vixentes na realidade. Falo desa decisión de rematar coa estafa –ben, cunha parte delas- que fan algunhas empresas ós seus clientes.

En concreto, a de prohibir a sobredose de facturación de servicios como o do estacionamento ou da telefonía móbil. Que os parkings cobren unha hora enteira aínda que os uses quince minutos porque es un cidadán consciente do que amola a dobre fila. Ou a de que as compañías operadoras cobren X por establecemento de chamada –é decir, por que chames e che contesten- e logo Y por cada medio minuto –é decir, por falar, fales o que fales-. E prohibir que a túa relación con elas se pareza ó matrimonio católico, no que todo son facilidades para entrar e todo imposibles para saír. Que conseguiran que os prezos foran similarmente europeos e non descaradamente estratosféricos xa sería como para tomar á rúa tipo 14 de abril de 1931 (ou polo menos para presentar nas delegacións do Goberno a nosa consideración máis distinguida, ben en persoa, ben mediante os servicios de Interflora).
Claro que queda un amplo campo de microsaqueos (ou non tan micros), que non son atribuíbles á combinación de voracidade empresarial e astenia reguladora. Eu xa sabía da temible combinación latina de burocracia e menosprecio do administrado, pero sufrín as súas consecuencias en carne propia. O outro día necesitei un certificado do meu administrador de fincas. Fun, recollino e cando xa me abría despois de dar as gracias, a señorita que mo entregara carraspexou e sinalou un cartel que indicaba que, por mandato do colexio oficial correspondente, tiña que abonar 18 euros polo papel. Non discutín coa señorita, porque a quen tería que explicarlle que un organismo de afiliación obrigatoria (é decir, un monopolio a afectos prácticos) non debería ter potestade para fixar prezos por servicios que non podo procurar noutro sitio, e a maiores cando ese señor xa me está cobrando todos os meses polas súas xestións. O caso é que me fun co papel (e 18 euros menos) ó outro organismo onde mo requirían. Logo de hora e pico de revisión da chea de papeis que levaba eu, xunto con outra morea que aportou outro señor, o cabaleiro que dirixía a cerimonia (e cobraría un pastón por presidila) engurrou o fuciño, concluíu que aquelo non estaba católico de todo e desapareceu. Foi unha empregada a que, despois de moito papelexar, aclarou que noutro organismo público, semipúblico ou máis ou menos privado me fixeran mal outro papel, e tamén as posibles solucións: a máis rápida e directa supoñía que eu tería que apoquinar arredor de 500 euros.
Aínda hoxe non teño pista ningunha sobre a que organismo público, etc. lle tería que reclamar inutilmente os 500 bolos, pero deixo posto aquí para cando ó goberno teña a ben solucionar algúns outros problemas da cidadanía.

(para luns 12 de setembro de 05)