Set 13 2005

Operación

Categoria: Si home sisihomesi @ 1:37 pm

Se hai unha profesión para a que non me dotou a providencia, ademais da de monitor de autoescola ou calquera outra que esixa doses elevadas de paciencia, é a de médico. Calquera cousa que teña que ver co asunto prodúceme pavor, desde as agullas á mera descrición dunha operación. Consecuentemente, como paciente son fatal, máis fatal incluso ca media dos homes (dos seres humanos masculinos), e ata nunha simple extracción de sangue para unha análise miro para outro lado. Afortunadamente, nunca me operaron de nada. Desafortunadamente, aínda que fago todo o posible por evitalo, e demoro o imposible calquera visita, son máis asiduo do que quixera da especialidade médica que máis medo me mete: o dentista.

De feito, xa cando tiña seis ou sete anos fun ameazado polo odontólogo da familia de que, ou calaba, ou me botaba, porque lle estaba espantando ó clientes da sala de espera (era un dilema retórico, porque non podía escoller que me botara). Xa sei que hai xente que asegura que eso de que o dentista doa está superado, logo da xeneralización das técnicas e tecnoloxías actuais, pero cada vez que me deito boquiaberto no sillón, con esa luz enchufada nos fuciños, sigo experimentando a mesma sensación de indefensión ante o irremediable que tiña de neno. De chaval, os meus pais compensaban as miñas visitas ó dentista cun libro e cunha comida nun restaurante de tronío (aínda que non era a mellor circunstancia para sacarlle partido a esta segunda esixencia). De maior, paso o trance como podo, cunha mestura de sentido do ridículo e ollos firmemente pechados. Ata o outro día.
O outro día fun obxecto pasivo dunha operación algo máis complexa das habituais. Ó comezo, tiven a sensación de que estaban cambiando a roda dun coche dentro da miña boca. Despois, sentín que o que estaban facendo eran máis ben os alicerces do edificio da Fundación CaixaGalicia no Cantón. Todo, ademais, radiado. “Una cureta, por favor”, escoitaba citar, entre outros adminículos e ferramentas de nome máis aterrador. A cureta parecía o instrumento máis benévolo, ata que sentín en todos os aspectos a acción de “curetear”, e descubrín que debía ser algo parecido á man ortopédica do Capitán Garfio. Xa estaba no límite do agarrotamento maxilar, da extenuación física e da completa derrota psíquica e moral, cando escoitei ó comunicativo estomatólogo: “y ahora una sutura tipo colchonero vertical”. Nese momento dei gracias internamente a todo canto ente lle puidera chegar o meu agradecemento por ter nacido na época na que nacín, porque de ter sido maquis, resistente clandestino ou guerrilleiro, chegaría a soa visión dun torno de dentista para facerme cantar o que soubera ou o que lle colara ós interrogadores.
Recordei toda esa ordalía onte no hospital, en solidariedade coa miña pequena á que estaban facendo unha amigdalectomía, entre outras cousas que non recordo. Afortunadamente, como paciente, a nena non sae a seu pai.
lucía
(para mércoles, 14 de setembro de 05)

10 comentarios a “Operación”

  1. mourullo dixo:

    Non podo máis que manifestar a miña solidariedade en asuntos como o mencionado.

  2. lareta dixo:

    Lembro a Steve Martin naquel glorioso papel de odontólogo no mítico filme “A Tenda dos Horrores”: “Y am a dentist….”

  3. kate dixo:

    Solidaridade total von vostede en temas dentais.
    A nena, quen sexa, é ghuapirma!

  4. María dixo:

    A nena é guapísima, abofé. Solidarízome con ela, a primeira vez que me operaron de algo foi de vexetacións (5 anos) e a última tamén foi de vexetacións (7 anos). Un clásico, si señor.

    Non me podo solidarizar (sinceramente) co do dentista, porque nunca fun. Eso si, apláudoche o valor de superares as extraccións de sangue “mirando para outro lado”, porque aquí servidora ten pendentes varias analíticas dende hai 2 anos por non ir a que lle furen o brazo. Nada, xa podo ser portadora do Ébola que por via xeringa non mo van detectar.

  5. sihomesi dixo:

    A nena é a miña, que son periodista pero honrao. En canto ó Elvis-odontólogo que facía Steve Martin, ben me acordo, mesmo o tiña editado, co resto dos números musicais, para velo ó chegar á casa ás tantas da mañá. Incluso llo comentara ó meu dentista de sempre, en Lugo, e coñecíao, e facíalle gracia (A min tamén, porque as desgracias alleas non son desgracias, aínda que soe politicamente incorrecto)

  6. sihomesi dixo:

    E tamén está o tema instrumental nunca mellor e peor dito “Dentistas carniceiros” dos Diplomáticos, que incluiría aquí se soubera como.

  7. galeidoscopio dixo:

    Os Diplomáticos despídense este venres na Corunha, no Campo da Lenha.
    Cando lin esta coluna na Opinión pensei que moitas persoas poden chegar a reconhecer medos, eivas ou mesmo supostos vícios oportunamente confesábeis; porén, rectificar un erro, semelha custármonos mais trabalho.
    Será que cada un identifícase co que lhe cadra.
    Saúde.

    Saúde.

  8. pepepótamo dixo:

    Por exemplo, os de sintaxe e de conxugación verbal (que non todo vai ser grafía)

  9. galeidoscopio dixo:

    Obrigado polo comentário, pepepótamo. Tes toda a razón. Aínda que considero as convencións clasistas e elitistas, mero símbolo de poder e de identidade, non meio de comunicación. Obrigado, con sinceridade, e saúde.

  10. testanchor269 dixo:

    testcomment224

Deixa un comentario