Set 29 2005
Sublime decisión
Moitos de vostedes estarán por aí, tan contentos, felices e despreocupados (polo menos tan despreocupados como para dedicar tempo a ler esto), mentres algúns veciños seus debátense desnortados na confusión de se farán ben ou non, e moitos fogares (entre eles o meu) están inmersos en abismos de dúbidas sobre cal será o camiño correcto: ¿que actividades extraescolares para os nenos escollemos este curso?
As que se poidan ou que lle presten ós nenos, por esta orde ou pola inversa, dirán algúns ben intencionados. Xa, pero ¿de que falamos cando falamos de que se pode ou non se pode? ¿Entra dentro do que “se pode” –ou debe- que un proxenitor/ra teña que atravesar a cidade toda para depositar a unha criatura e a un violín dous días por semana nun sitio onde teoricamente a criatura e o instrumento aprenden a conxeniar ou polo menos a convivir?, ¿e se o transporte inclúe dúas horas a maiores agardando fóra mentres o pequeno transportado se pelexa coas cordas?, ¿Inflúe no “se pode” a existencia ou confortabilidade das cafeterías próximas ó centro docente onte ten lugar a suposta aprendizaxe?, ¿Entendería o defensor do menor como atenuante que despois de tres anos de “pode”, a combinación neno-violín produza o mesmo resultado que a combinación serrucho-madeira?
En canto ó que lle presta ós pequenos… ¿alguén pode decir de verdade, sen acollerse ó recurso das aproximacións e vaguedades dos expertos en asuntos infantís, que é o que lle apetece realmente a un neno nun período de tempo superior ó momento presente? Hai casos en que un infante está rozando a porcentaxe de rebotes de Pau Gasol no minibasket e de súpeto cóllelle manía ó asunto porque se foi do equipo o seu colega, ou se ve espantoso na pista cuns pantalóns tan folgados. Ou ó contrario, a nena pode soñar desde sempre con ser unha Pavlova (perdoen o rancio do símil, pero en ballet soamente se me ocurre o exemplo de Nacho Duato) e a profesora acábache confesando que ese camiño non é o dela, e suxerindo que quizais lle axeitaría máis algo tipo halterofilia ou corte de troncos.
Afortunadamente, fóra dese problema do que se pode e que lles presta, o bo que ten esto das actividades extraescolares é que hai unha chea de cousas nas que escoller. Estou convencido que buscando ben, podes conseguir que as criaturas se instrúan en papiroflexia, calafateado de buques ou iniciación ó investimento bursátil. Oportunidades de distraer e formar ós rapaces non faltan, o malo é combinalas coas actividades paternas (e sobre todo, admitamos, as maternas). En moitas casas hai un planning de rutas, actividades, conexións, traídas e levadas tan complexo como o do Estado Maior da RAF durante a batalla de Inglaterra, pero substituindo os spitfires e os messerschmitt polos vehículos familiares e os horarios da compañía de tranvías. Así que mentres vostedes están felices, etc., o drama reina no piso do lado.
(para xoves, 29 de setembro de 05)


o 29 de Setembro, 2005 ás 1:07 pm
Eu pensaría nos políticos en excedencia para botar unha man. Xa dixo Fraga que non pode “meter a un hombre y una mujer en la cama y decirles lo que tienen que hacer. Si hiciera falta, lo haría, pero no se puede”. Pero axudar logo coas criaturas, acompáñalos á academia ou conservatorio, home, ben seguro que o faría…
o 29 de Setembro, 2005 ás 4:07 pm
Home, os nenos non é que sexan materia delicado, pero poñelos en segundo que mans…
o 29 de Setembro, 2005 ás 4:47 pm
Si, si, pero ¿que hai do meu? ¡Noraboa!
o 29 de Setembro, 2005 ás 7:06 pm
¡Noraboa! por TODO. Ánimo, porque a labor non vai ser doada.
o 29 de Setembro, 2005 ás 9:16 pm
¡Que ben! Xabarin, Pereiro e Souto… gústame a combinacion.
noraboas
o 30 de Setembro, 2005 ás 8:56 am
Ben xa vexo que ninguén dos que contestan fan eses “ralis” cods seus fillos, daqui para alá.
Decisións: actividades que lles gusten, non aparcadoiros. Con continuidade que podan avanzar dun ano para outro.
Ah q1ue non escolla un instrumento que pese moito.
Aproveitalo tempo: diso sei un lote, na espera podes facer amistade con outros pais/nais ou coidadores, avós, avoas, etc.; pensar na cea; facer a compra; ser socio da biblioteca máis cercana e levar libros; ler a prensa, ou levar un portatil para traballar¡¡ ler nun parque;
o 2 de Outubro, 2005 ás 6:42 pm
Polo que escoito, hai un asunto ainda máis delicado para a paternidade moderna (sobre todo, para a maternidade, que os homes sempre consiguen esquivar estas cousas): ¿e quén lle vai facer os diversos disfraces ao crío/cría para esas festas do curso nas que están tan moníiiiiisimos?????
Porque coser, o que é coser, non sabemos ningún/a…