Out 31 2005

Os anteriores

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:45 pm

(ante unha enchenta de peticións e de dúbidas, aí van dous libelos anteriores sobre o do cambio horario)
¡Independencia (horaria) ou Commonwealth xa!
(horario de inverno 2000)

Vostedes levarán xa dous días co novo horario cando lean isto. Se non o len, tamén os levarán, ou sexa que se tanto lles ten, fagan o favor de lelo.
Non quero afondar nese debate, tan inacabable como as obras do aparcamento de Ramón de la Sagra, sobre se o cambio de horario é perxudicial (para a saúde) ou beneficioso (para e economía). Non por nada persoal, a min cústame tanto madrugar como ir para a cama, sexa a hora que sexa, haxa luz fóra ou non.
Tampouco é que non teña unha opinión formada (cuestión que tampouco me impediría dala), que si a teño: cando venden algo como beneficioso para a economía, así en xeral, inevitablemente é perxudicial para os individuos en particular.
O que si que me parece intolerable, un aldraxe máis para Galicia, como se decía antes de que estivera mal visto queixarse, é terse que someter a un horario imposto e completamente alleo. Vexan por qué:
Se van en coche cara Barcelona, entre Zaragoza e Lleida un enorme chafarís indica que atravesa o meridiano de Greenwich, a liña de partida para contar as horas en todo o mundo. Cando aparece, xa está un farto de conducir, proba inequívoca de que pilla lonxe. Como media hora, segundo o sol. Pero é que ademais, España non colle a hora que lle correspondería, senón unha máis, a de Austria ou a República Checa, non sei se para aparentar ser europeos pechados.
Así que nós, que estamos máis ó oeste ca Inglaterra, temos que vivir como se o día abrira antes, á vez que Libia, por exemplo. Por non falar do desfase con Portugal, fonte de perdas económicas co noso mercado natural debido ás confusións sobre horarios comerciais.
É unha situación que crea ritmos discontinuos. Afecta ademais maiormente a vellos e depresivos (é decir, á maioría da noso poboación). Quizais iso de non nos entenden non non sexa polas distintas idiosincrasias, senón porque estamos apampados, obrigados a erguernos non soamente antes do que nos gustaría, senón do que nos corresponde.
Eu humildemente propoño que para reclamar e xestionar a integración no fuso horario ó que pertencemos, ninguén mellor situado polas súas excelentes relacións bilaterais que o recén nomeado cabaleiro do Imperio Británico (designado non pola defensa do Imperio, como pensan os do non, senón pola defensa do británico), Sir Paco Vázquez.
Porque se o goberno pensa que esa situación de agravio comparativo se amaña concedéndonos unha hora máis nestas datas está moi equivocado. Con dez minutos chega.

A hora de onte
(horario deinverno 2004)
Como cantaba Antonio Vega, “un día cualquiera no sabes que hora ées, me asomo a la ventana sin saber por quée”. Pero se me asomo á ventá agora (18,53 horas) non vexo á rapaza de onte, senón a luz que había onte ás 19,35. De feito, foi este mediodía ó asomarme á ventá do ordenador, cando me dei de conta de que outra vez nos regalaran a traición unha hora. Un regalo envelenado, por suposto.

Recoñezo que, de rapaz, o do cambio horario producíame unha forte excitación. O regalo dunha hora dominical na ateigada axenda da infancia era todo un acontecemento e unha mostra exultante do poder da humanidade sobre a natureza. Meses despois, o roubo doutra era unha estafa que me levaba a reflexionar sobre a fugacidade da vida e a cativa levidade do ser humano fronte ó cosmos. Lembro incluso que aqueles trens de longo percorrido (e de eterna duración) Galicia-Madrid pasaban esa hora outorgada a maiores agachados en calquera estación mesetaria, como contendo a respiración para non desencadear un cataclismo espacio-temporal. Sen embargo, despois de que o famoso timo universal do efecto 2000 nos ordenadores non causara catástrofes nin na regulación semafórica e o non menos sonado cambio de milenio quedara en nada, deixei de acreditar na relevancia dos sistemas cos que o ser humano pretende facerse a ilusión de que controla á natureza.
Non quero insistir outra vez nos argumentos contra o cambio de hora, sexa a favor –como agora- ou en contra –no verán-. Nin tampouco contra o aldraxe e o atentado á nosa idiosincrasia xeográfica que supón que Galicia estea sometida 365 días anuais ó horario oficial español, o GMT+1, que supón hora e media de desfase co que sería o noso natural. En primeiro lugar, porque, como deixou dito Friedrich Dürrematt, o autor de Ubu rei, “que tempos estes, en que hai que loitar por demostrar o evidente”. En segundo porque xa o fixen, que eu recorde, hai catro años xustos neste mesmo lugar (¡Independencia –horaria- ou Commonwealth xa!), e nin caso. Simplemente quero apoiar, e difundir dentro das miñas posibilidades, a campaña que o colectivo VA-CA (Vía Anti-Colonial Activa) fai de envío de correos electrónicos á Moncloa solicitando se nos poña onda nos merecemos (no fuso horario GMT, queren decir). A solidez dos seus argumentos pódena comprobar en www.va-ca.org, pero moito me temo que auga outra vez: o que se vende como beneficioso para a economía, así en xeral, vai adiante por moi perxudicial que sexa para os individuos en particular.
Claro que o de hai catro anos foi un berro –ben, un berriño- no deserto do pensamento único aznarista. Quizais agora, co novo talante, a enchente de emails vacúns abra as portas dun novo recoñecemento da España plural. Ou ó revés, pode ser para o Goberno unha oportunidade de cohesionar España e rematar coa división entre cidadáns atlánticos durmidos e mediterráneos espelidos. Que sexa por fas ou por nefas, pero non nos toquen máis o lusco fusco.


Out 31 2005

Estatuto horario

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:05 am

Sempre, por este día e a esta hora, sexa pola nova ou pola vella, sigo a tradición columnista que encarna Manuel Vicent coa súa diatriba anual contra os touros (contra o costume de matalos en público logo de marealos) e esbardallo contra o cambio de horario e o moito que nos amola ós habitantes do Oeste. Nesta ocasión non vai ser así. Acabo de ver a luz (e seguireina vendo unha hora máis tarde a partir de hoxe)

No tempo que teño este espacio en concesión, nunca fallei á cita de denunciar que ós galegos nos obriguen a vivir co paso cambiado. A que por decreto e por horario teñamos que ser mediterráneos e traizoemos a nosa realidade e a nosa vocación atlánticas. A que nos manden para a cama antes de tempo, como ós nenos ou ás galiñas ás que lle tapan a luz para facerlles crer que escurece, ou que nos fagan erguer de noite, como ós escravos dos algodonais. A maiores desta queixa identitaria, sempre contribuín puntualmente coa miña tecla á campaña global contra esa imposición da macroeconomía sobre as microexistencias que supón o cambio de horario estacional. (E que por riba fan de forma tan burda como regalarnos unha hora cando nos adentramos no depresivo outono e nola quiten aproveitándose da euforia da chegada do verán, exactamente igual que nas lendas urbanas que aseguran que dan porros na entrada dos colexios para facer adictos e clientes). En resumo, criticaba a mudanza de hora en xeral polo que ten de submisión da realidade concreta da xente á abstracción teórica da economía, e á vez denunciaba o prexuízo engadido que eso nos supoñía ós fisterráns. Tiña un corpus reivindicativo sen fendas, no que a defensa dos intereses galegos casaba cos da humanidade en xeral. O malo é que este ano, para non repetirme –ou para repetirme sen que vostedes se deran conta, engadindo algún detalle novidoso- informeime de máis. Por un lado, aínda que estean por demostrar contundentemente as consecuencias negativas de andar bailando o horario (entre outras cousas, porque ningunha institución mete cartos para investigar efectos teoricamente contrarios ós beneficios económicos), resulta que as vantaxes de que ós galegos non traten como a polos de granxa estímanse nun miserento aforro enerxético do 0,28%. Traducido ó nivel dos nosos petos, aquí aforramos na factura da luz 1,2 euros, mentres unha familia catalana paga 6 euros menos, que non deixan de ser mil pesetas. Con todo, o aforro aquí e aló debe ser similar a poñer dous ou tres días festivos máis. A razón última de que España toda estea fóra do seu horario natural (Galicia moito máis, Cataluña menos) e comparta o de Polonia ou Hungría foi, segundo algunhas opinións, unha decisión dalgún Goberno de Franco para facerse os europeos e minimizar inconvenientes ó incipiente turismo transpirenaico. Así que propoño que, en lugar da vixente reivindicación de que o que na RTVG (xa antes do bipartito) chaman hora galega sexa distinta da hora española, fagamos unha oferta xenerosa e integradora: que a hora española se achegue ó que debería ser a hora galega. Incluamos a oferta na reforma estatutaria e a ver quen nos chama insolidarios. (para luns 31 de outubro de 05)


Out 27 2005

Os caladiños

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:11 am

Acábase de recordar públicamente, porque hai moito desmemoriado, que xa en 1999 Paco Vázquez se adiantara ó recente descubrimento de que a Cidade da Cultura é un despropósito. Eu fixen algún comentario frívolo sobre o asunto o 27 de novembro de 2000, en canto apareceu Si home si (versión papel), e tamén o 10 de maio, o 4 de setembro e o 1 de novembro de 2001 (logo debínme cansar). Non vexan animus competendi ningún sobre quen ten máis intuición, nin tampouco animus fachendi pola coincidencia de opinión co alcalde. Sinceramente, ningún dos dous temos mérito ningún. Que as semicatacumbas de Peter Eisenman ían ser un burato negro de cartos e un monte de problemas xa o sabía ata ó que se lle meteu na cabeza facela.

Hai quen se equivoca, e cando se dá conta, rectifica (eses son personaxes de ficción). Hai outros que, no mesmo caso, procuran disimular (eses somos a maioría da xente) ou botarlle a culpa a outro (eses somos a maioría dos homes). E hai quen sabe que se equivoca pero tanto lle ten porque nunca choveu que non escampara (eses son algúns políticos). Cando hai catro anos me refería ó Machu Pichu de Compostela como “un deses despliegues faraónicos que obedecen ó principio de ti crea primeiro o órgano e malo será que logo non haxa función”, aseguraba sen arriscar case nada que o importante era erguer unha pirámide vistosa, e logo xa se vería se dentro se mete un morto ou unha chea de vivos. Pero co que non contaba era con que se triplicase (de momento e xa veremos) o presuposto, porque na miña inxenuidade consideraba que estas cousas nunca saen por máis do doble do que se di ó principio. Chegados a este punto, non teño outra que recoñecer o mérito de Javier López Chaves, portavoz de Cultura do PP, un heroe que sostivo en público dúas afirmacións que a un home de menos temple o precipitarían chorando no colo da súa nai: A.- O gasto da CdC non se disparou. B.- A CdC tiña e ten un sólido proxecto de contidos (“teñe”, dixo na versión orixinal, o que me suxire un contido concreto: destinar o sitio máis agachado das catacumbas de Gaiás para seminario diocesano de inmersión lingüística, onde os novicios vivan enclaustrados e rodeados de paisanos chulamente monolingües e animadores socioculturales d’A Mesa).
Claro que a Terra Mítica santiaguesa non é o único descubrimento científico que asombra a este país. O Consello Económico e Social, organismo non por pouco coñecido menos importante, acaba de concluír que, contra o vento e a marea oficial (“Galicia-vai-como-unha-moto”), non converxemos ni con España nin con Europa. Non é que sigamos viaxando no furgón de cola, é que imos cara atrás como escapando do revisor porque non temos billete. Manuel Fraga despexou onte esa pelota asegurando que “hai outros informes máis serios”, pero este debe selo bastante porque lles levou 16 anos facelo. Como dixo o líder da oposición na mesma sesión parlamentaria, “este é o famoso cambio”. Efectivamente, agora non soamente se pode criticar ó goberno. Incluso se pode pregoar o obvio.

(para xoves, 27 de outubro de 05)


Out 26 2005

Internet aviar

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:19 pm

O martes foi o Día de Internet, e a todos nos romperon a cabeza co pouco que se usa e o fundamental que é para coller ese tren da modernidade que se nos está escapando desde Fernando VII. No tocante ó que lle chaman novas tecnoloxías da información os que as predican pero non as practican, por unha vez estou de acordo co pensamento dominante. Non son moi devoto, pero si moi practicante, e desde hai oito ou nove anos son de cibermisa diaria. Sen embargo, con tanto tocar á arrebato, confundín as campás de internet coas da gripe aviar.

As cifras e porcentaxes que proclamou onte todo pichichi non son como para aplaudir. En 2004, de cada dez casas en España non había conexión en sete, e en Galicia en oito. O malo é que esa diferencia de dez puntos era soamente a metade en 2002 (outra mostra do moito que converxemos nos últimos anos). Hai quen lle bota a culpa ó caro que é en comparación cos países do noso nivel. É, pero tamén é moito máis caro usar o móbil, e España é o terceiro país de Europa nesa penetración concreta. Outros pensan, aínda que non o din, que aquí (en Galicia) é que somos atrasados en xeral e ciberparvos en concreto. Sen embargo, hai unha porcentaxe maior que en España de usuarios de banda ancha, esa que anuncian para que rapaces de pantalóns caídos baixen música e películas a todo meter. Logo están os matices estatísticos que sempre teñen razón: unha poboación avellentada baixa a porcentaxe de uso, e preto de 4.000 casas no rural aínda teñen esa tecnoloxía TRACK (os chamados “teléfonos da Xunta”) que imposibilita calquera comunicación máis complexa que dar recados.
Pero hai dous posibles motivos anti internet que non escoitei. Un, que hai xente que realmente non o necesita. Nunha sociedade en que aínda hai con quen falar de sobra, as necesidades de comunicación interpersoal da maioría están perfectamente cubertas, e as de información o mesmo desde que se sintonizan as teles sen problemas. O coche é útil, pero se vives en Londres ou New York é un gasto e un incordio. Á miña nai déronlle a escoller os do concello entre un curso de internet e outro de decoración de frascos, e escolleu o dos frascos (co meu aplauso: prefiro rexeitar amablemente os frascos que pasar o día mandándolle por correo electrónico fotos dos netos). O outro motivo é que tanto rebumbio montaron e montan co importante que é internet que moitos lle colleron medo. E contra o medo non caben raciocinios. Xa se pode predicar que en Vietnam, un país onde a xente anda revolta coas galiñas e hai unha sanidade deficiente, de medio millón de persoas que colleron a gripe aviar morreron uns 40. Nesta sociedade, onde hai nenos que nunca viron un polo con plumas, a xente apaña un pánico medieval cando escoita que todo está controlado. Que a morte dun loro inmigrante teña máis relevancia que a de seis homes que pretendían inmigrar axuda tanto a tranquilizar como que a maioría das noticias relacionadas con internet teñan que ver coa pederastia.

(para mércores, 26 de outubro de 05)


Out 26 2005

Patrimonio, pero a modo

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:14 pm

A modo de golpe na cabeza, un comentario de airadasenra sobre o pouco caso que lle fan á candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués fíxome recordar algo que me contaron este verán. Foron os promotores falar con alguén no Ministerio de Cultura para que propuxeran e apoiaran e tal. Contestáronlles que xa estaba proposta a Pasión de Olot ou algo así. Eles dixeron que cando as candidaturas eran transfronteirizas ou multiestado, podíanse presentar as que foran. No Ministerio puxeron moita atención. Cconcluíron que podían daquela presentar o flamenco, porque se practica en España e no Xapón (logo reconvertiuse na música andalusí- mediterránea, ou algo así) aínda que sexa o flamenco ou o outro, non parece que estea precisamente en perigo de extinción.


Out 24 2005

Abeirando

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 1:59 pm

Non puiden ir a Láncara, á entrega do Premio Ramón Piñeiro-Facer País que argallan uns amigos da miña terra (con minúscula, da miña aldea, vamos) e que este ano lle deron a Xosé Manuel Beiras. Vino pola tele, nun bar, e cando lin en Vieiros o discurso do premiado, “A declaración de Láncara“, alucinei. Que o ex líder pero aínda símbolo do BNG se proclame independentista non mereceu nin unha liña nin un segundo nos medios de comunicación. Imaxino que os mal pensados coidarán que é un silencio imposto por razóns ideolóxicas. Desgraciadamente, nin eso.


Out 24 2005

Pastafaris

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:40 pm

pastafarismo
Non me resisto a piratear a aportación de el niño de la guía sobre o pastafarismo
(Aínda que igual de delirante é a orixe dos mormóns, e aí e mesmo aquí están)


Out 23 2005

Os outros

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:22 pm

Esta fin de semana tiven o que Enrique Iglesias definiría como unha experiencia relixiosa, e eu un sobresalto. O máis ben dous. Un, a polémica pola negativa das autoridades do Canadá a pretensión de parte da comunidade musulmana de que lles recoñecera a legalidade da sharía, a lei islámica. Outro, o descubrimento de que unha relixión como a rastafariana, que eu tiña erradamente conceptuada como un facción renovada do hippismo, estea en contra da homosexualidade e da igualdade de dereitos das mulleres. Non sei de que me sorprendo, a estas alturas.

Ben, en realidade, si me sorprendo de que houbese quen defendese a coexistencia dunha lei relixiosa e a civil desde puntos de vista progresistas, o chamado multiculturalismo que defende que cada quen pode e debe vivir inmerso nas súas tradicións culturais. Sobre todo porque hai tradicións a conservar e outras a exterminar. A escravitude era dos máis vellos costumes que había e agora unicamente sobrevive en zonas de Sudán, e de forma más agachada, en Kuwait ou nas modalidades contractuais de certas empresas de por aquí. Á hora de sancionar as conductas pola tradición relixiosa, o catolicismo é un chope: arrepínteste do pecado de abrirlle a cabeza a un individuo, e quedas limpo desde o punto de vista moral, pero esa limpeza non te libra de que un xuíz te meta en Teixeiro. E mesmo hai obrigas relixiosas tradicionais inocuas que non deixan de ser anacronismos irracionais. Que ós seguidores dunha relixión creada no deserto nunha época en que non existían os arcóns conxeladores se lles prohibise comer porco era razoable, como que ós crentes católicos lles impuxesen variar con peixe a dieta cotiá de carne, pero non ten razón de ser que a norma siga vixente para os musulmáns que viven en Alemania ou en Galicia.
A homofobia e a misoxinia rastafari descubrina vía radiofónica. Un rasta que parecía español xustificábaa en base ás doutrinas de Marcus Garvey un sindicalista xamaicano de comezos do século XX, que foi un daqueles iluminados que promoveu a volta dos negros a África (ó que hoxe é Liberia, a onde el non foi) e un teórico do nacionalismo panafricano no que se baseou que consideraran un deus ó emperador abisinio Haile Selassie (un déspota como moitos outros). Outro entrevistado, un rasta xaponés, tivo algún problemas para explicar como era practicante dunha ideoloxía que proclamaba a superioridades da raza negra sobre as outras. Ese supremacismo racial é, sen embargo, a parte lóxica do rastafarismo, e a maiores, cada un identificase como quere: os ultrasur defínense como “vikingos” a pesar de que Madrid foi fundada polos árabes, e eu vin skinheads en Mozambique (negros, naturalmente).
Todo esto non quita para que cadaquén teña de dereito a ter as crenzas que queira. O malo é cando llelas trata de impoñer ós demais. “¡Combatede contra quen, logo de recibir a Escritura, non creen en Alá nin practican a relixión verdadeira, ata que, humillados, paguen o tributo directamente!”, asegura o Corán (sura 29 do Arrepentimento). “É ilegal demandar, defender ou conceder libertade incondicional de pensamento ou de palabra, ou de prensa, ou de culto, como se estes foran dereitos que a natureza lle deu ó home”. (Papa León XIII). Como decía non sei quen dos vexetarianos, non me molesta que coman o que queiran, o que me amola é que lle digan ós demais o que teñen que comer.

(para luns, 24 de outubro de 2005)


Out 20 2005

Dúbidas profesionais

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 4:44 am

Hoxe fun a unha visita da directora xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, ó cárcere de Teixeiro. O motivo era a inauguración dunha sala de videoconferencias que evita ter que trasladar ós presos (“internos”, no argot administrativo, outra mostra do machismo lingüístico, porque “internas” son as criadas) ós xulgados para os trámites xudiciais, quitado o xuízo propiamente dito. Informativamente, a cousa non daba nada de si (e de feito, estabamos dous gráficos e dous plumillas). Sen embargo, na conversa que mantiña con outras visitantes (a directora xeral de Interior da Xunta, a subdelegada do Goberno na Coruña), víase que tomaba nota para aplicar noutros establecimentos penitenciarios as experiencias de Teixeiro. Unha, a da videoconferencia. Outra, que a sala a reformaran e decoraran os propios reclusos (demostrando de paso que o teórico labor educativo e rehabilitador da prisión non inclúe o sentido do gusto). A maiores houbo anécdotas como que a responsable estatal das trenas foi a única que se sentou nas cadeiras de deseño (inestable) destinadas ós videoconferenciantes internos para ver como se vía, que ó remate do acto dixo polo baixo “queda inaugurado este pantano”, e que ó saír enganchou un tacón nunha reixa do piso. Tamén o comentario dun funcionario ó ver o sexo (o xénero, aclaro con corrección máis política que lingüística) das autoridades: “mujeres al poder”.
Ata aquí, os feitos comprobados. Desde aquí, as dúbidas: ¿unha información que recollera todo eso sería máis interesante? ¿Sería correcta, ou unha frivolidade (fosen os protagonistas homes ou mulleres)? ¿Que opinarían editores, público, e de paso os protagonistas, igual de conscientes que os anteriores da pouca importancia real deses actos?


Out 20 2005

Medio ambiente familar

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:02 am

O outro día cometín o erro de coller innecesariamente por Lavedra a unha hora que non debería, e foi peor do que imaxinaba. Atrapado entre conductores que pugnaban por saír daquel atasco para poder chegar antes ó atasco do Portazgo, de Fonteculler ou do Temple, esbardallaba (son moito de esbardallar no coche, como case todos/os) sobre por que lle chaman xestión política ó que en realidade é xestión inmobiliaria, e cando haberá algún que, en vez de argallar pirulís de La Habana na súa propia memoria, afronte o intocable e insoluble problema de crear un transporte público eficaz nun área de dez kilómetros (mesmo lle estaría recoñecido aínda que fose de cinco).
trafico

Cheguei a casa logo da ordalía viaria, e o pequeno estaba tomando notas aplicadamente diante do televisor. Evidentemente, como o resto das actividades nas que usa o papel, era para un traballo escolar. Era un documental sobre o despegue económico de China, e as súas nefastas consecuencias para a emisión de CO2 (xa é o terceiro traballo que lle recordo sobre este tema ou semellante: a preservación do medio ambiente debe estar substituíndo á relixión como materia de adoutrinamento no ensino, e non podo decir que o lamente). Sempre que sae un tema como o ambiental, hai debate familiar. A facción materna lánzase habitualmente ó particular e concreto, aproveitando para imbuír na facción cativa os bós hábitos do consumo (que é non facelo, é decir, consumir menos) e do aforro enerxético. A facción paterna retruca sobre que si, que está moi ben aforrar, pero sobre todo en aras da economía familiar, porque botarlle a responsabilidade do despilfarro de todo tipo ós individuos concretos é unha estratexia de culpabilización, de sinalar a palla no ollo do cidadán por parte do establishment económico-político para agachar a enorme viga no ollo propio (recoñezo que de paso aproveito para instruír ós pequenos sobre as malas artes dos poderosos). Puxen como exemplo de viga a experiencia que viña de aturar. Non se lle pode decir á xente que use menos o coche cando hai unha total falta de previsión das consecuencias do crecemento urbano e unha rede menos que mediocre de transporte público.

     -¿E do tipo pelado que me dis? – espetoume a facción materna. O do tipo pelado é un golpe baixo. Todos os días vén onda á casa para pasear un can considerable, a bordo dun deses mamotretos que consume tanto como un barco do Gran Sol. Deixa sen apañar o que solta o can (de tamaño tamén considerable) e volve motorizado ó chalé, a 400 metros de distancia. Sinceramente, só lle falta ciscar polo camiño o aceite usado ou desviarse un pouco para botalo ó mar.

     <del>Ben &#8211;tentei repo&#241;erme</del> Ese &#233; un caso de libro de conducta inc&#237;vica, pero &#191;que me dis da moda  que ataca &#243;s concellos desa m&#225;quina de espantar follas que parece un secador de pelo? Non ten vantaxe aparente ningunha sobre a cl&#225;sica barredora de xesta, consume combustible e mete ru&#237;do. &#191;Non deber&#237;an ter m&#225;is cabeza e dar exemplo as instituci&#243;ns que por riba dan consellos c&#237;vicos &#243;s administrados?

     -&#191;Podedes calar que non me entero nada dos problemas dos chinos?, pechou o debate a facci&#243;n filial.

(para xoves, 20 de outubro de 05)


Seguinte páxina »