Out 03 2005
Causas e síntomas
Estivo de moda ha uns anos sentenciar que xa non había dereitas e esquerdas. Se consideramos a práctica política de Blair ou de Bono (o ministro), habería que estar de acordo, pero se nos atemos á teoría de Aznar-Rajoy-Acebes-Zaplana, pois non. Con todo, hai un sinal indeleble, unha proba do nove que caracteriza indiscutiblemente a dereitas e esquerdas: o tratamento da sintomatoloxía.
Aclarando: ante un problema calquera, o comportamento de dereitas consiste en negar as causas e tratar de eliminar os síntomas. Se hai un incremento da inseguridade cidadá, o remedio é poñer máis policías e endurecer o código penal. (A aportación aznarita a esta liña do pensamento conservador foi de índole económica: negar que existan os síntomas, e daquela aforrar ter que tratalos). Pola contra, a conducta de esquerdas incide no tratamento das causas: se hai roubos é porque hai xente sen recursos. Eu estou máis de acordo coa segunda opción, pero eso non quita que lle falten razóns á primeira. Eu sei que cando me doen as moas é porque anda algo mal nelas, pero énchome de fármacos con tal de dilatar a visita ó dentista. Outro exemplo de máis actualidade son as chamadas avalanchas de Ceuta e Melilla.
Sobre a traxedia deses centos de africanos amoreados na fronteira, a visión conservadora é que o problema antes non existía (ou habíao pero solucionámolo, segundo a recordada prescripción de Aznar que agora debe figurar non prospecto do haperidol), e agora é culpa do goberno. O punto de vista progresista apunta a que o asunto non se amañará mentres haxa pobreza nos países de orixe dos fabricantes de escadas artesáns, o que non deixa de ser certo, pero tampouco quita a certeza de que a producción de escadas vai aumentar en proporción xeométrica. Tamén se asegura que por moito que se eleve o valado ou se mellore, nunca será dabondo eficaz para loitar contra o impulso de fuxir da fame que move ós chamados subsaharianos, o que non deixa de ser unha confusión entre os desexos e a realidade, porque, á espera de que se solucionen as causas (e penso que podemos esperar sentados), hai sistemas máis eficaces que outros para conter os síntomas.
Tamén está o punto de vista da Garda Civil: “intentando evitar la vulneración de la valla por los inmigrantes, los cuales intentaban realizar el salto en una longitud de 150 metros y utilizando el vallado 120 escaleras artesanalas, ganchos, guantes o sus extremidades”. É decir, subían como podían, incluso empregando o que o informe sobre o último intento chama “sus extremidades”. Dos mortos, un quedou enganchado “entre la concertina superior de la valla” (a tal concertina non é ó pequeno acordeón hexagonal que ven nos diccionarios, senón un arame de púas). Como ven, un punto de vista pode ser verídico sen ser real. O real é que a un país depauperado e dictatorial como Marrocos convenlle máis que estranxeiros máis depauperados aínda se lancen ó asalto duns enclaves da opulenta Europa que mantelos no seu propio territorio, ceibos ou presos, e se non están motivados abondo, aguillóanse a tiros. E neste caso, os tiros son os síntomas, pero están por ver as causas.
(para luns 3 de outubro de 05)

