Out 03 2005
Causas e síntomas
Estivo de moda ha uns anos sentenciar que xa non había dereitas e esquerdas. Se consideramos a práctica política de Blair ou de Bono (o ministro), habería que estar de acordo, pero se nos atemos á teoría de Aznar-Rajoy-Acebes-Zaplana, pois non. Con todo, hai un sinal indeleble, unha proba do nove que caracteriza indiscutiblemente a dereitas e esquerdas: o tratamento da sintomatoloxía.
Aclarando: ante un problema calquera, o comportamento de dereitas consiste en negar as causas e tratar de eliminar os síntomas. Se hai un incremento da inseguridade cidadá, o remedio é poñer máis policías e endurecer o código penal. (A aportación aznarita a esta liña do pensamento conservador foi de índole económica: negar que existan os síntomas, e daquela aforrar ter que tratalos). Pola contra, a conducta de esquerdas incide no tratamento das causas: se hai roubos é porque hai xente sen recursos. Eu estou máis de acordo coa segunda opción, pero eso non quita que lle falten razóns á primeira. Eu sei que cando me doen as moas é porque anda algo mal nelas, pero énchome de fármacos con tal de dilatar a visita ó dentista. Outro exemplo de máis actualidade son as chamadas avalanchas de Ceuta e Melilla.
Sobre a traxedia deses centos de africanos amoreados na fronteira, a visión conservadora é que o problema antes non existía (ou habíao pero solucionámolo, segundo a recordada prescripción de Aznar que agora debe figurar non prospecto do haperidol), e agora é culpa do goberno. O punto de vista progresista apunta a que o asunto non se amañará mentres haxa pobreza nos países de orixe dos fabricantes de escadas artesáns, o que non deixa de ser certo, pero tampouco quita a certeza de que a producción de escadas vai aumentar en proporción xeométrica. Tamén se asegura que por moito que se eleve o valado ou se mellore, nunca será dabondo eficaz para loitar contra o impulso de fuxir da fame que move ós chamados subsaharianos, o que non deixa de ser unha confusión entre os desexos e a realidade, porque, á espera de que se solucionen as causas (e penso que podemos esperar sentados), hai sistemas máis eficaces que outros para conter os síntomas.
Tamén está o punto de vista da Garda Civil: “intentando evitar la vulneración de la valla por los inmigrantes, los cuales intentaban realizar el salto en una longitud de 150 metros y utilizando el vallado 120 escaleras artesanalas, ganchos, guantes o sus extremidades”. É decir, subían como podían, incluso empregando o que o informe sobre o último intento chama “sus extremidades”. Dos mortos, un quedou enganchado “entre la concertina superior de la valla” (a tal concertina non é ó pequeno acordeón hexagonal que ven nos diccionarios, senón un arame de púas). Como ven, un punto de vista pode ser verídico sen ser real. O real é que a un país depauperado e dictatorial como Marrocos convenlle máis que estranxeiros máis depauperados aínda se lancen ó asalto duns enclaves da opulenta Europa que mantelos no seu propio territorio, ceibos ou presos, e se non están motivados abondo, aguillóanse a tiros. E neste caso, os tiros son os síntomas, pero están por ver as causas.
(para luns 3 de outubro de 05)


o 4 de Outubro, 2005 ás 6:15 am
Que dor me deu lerche isto, e mira que estou cansa de velo en imaxes, pero ás veces estás tan acostumada a verlle a cara á pobreza que xa non che afecta.
o 4 de Outubro, 2005 ás 10:19 am
Como di unha amiga miña, profesional do consello, se non podes asfaltar todos os camiños do mundo, alomenos pon unhas botas. Non podemos sentirmonos culpables do que non somos responsables, pero tampouco facer para que non nos afecte. A ver se poñen estacións de servicio Shell para poñer gasolina noutras.
o 4 de Outubro, 2005 ás 1:56 pm
Moi inxusto iso de culpar a Marrocos cando falamos da traxedia dos subsaxarianos.Obviamente para chegar a Europa hai que pasar por Marrocos e non pola China.Pero hai alguén a favor de que os marroquinos empecen a matar subsaxarianos(doctrina Rajoy)
Que diríamos se en Francia un partido político de extrema direita di que o Estado Francés non pode tolerar máis a permisividade do Estado Español e que por culpa de España hai moitos ilegales entrando no seu territorio?
Os subsaxarianos seguirán entrando en pateras,saltando ese valado,nos baixos dos camións,etc.Imos precisar de moita imaxinación e de pouco nacionalismo español para amañar un pouco as cousas.
o 4 de Outubro, 2005 ás 5:15 pm
Imaxinación podo ter pouca, nacionalismo español, bastante menos. Non culpo a Marrocos de nada, e de buscar culpables, haberá que remontarse a perfectos fillos de puta como o rei Leopoldo de Bélxica e o resto de alacráns, de todas as épocas, que se dedicaron a saquear África. O que quixen decir, entre outras cousas que pouco se entenden, é que a eficacia española de impermeabilización de fronteiras é tan precaria como a contratación laboral, e que é peor cando do outro lado da fronteira hai unha dictadura como a de Marrocos á que lle importa tres pitos xestionar de forma humanitaria o problema da acumulación de estranxeiros que queren chegar a territorio español. Para todos, sobre todo para os inmigrantes, sería ben mellor que Ceuta e Melilla foran enclaves coloniais en territorio dun estado democrátic (daquela maneira)como México. E se México saca beneficios económicos de facer que fai contra os “espaldas mojadas”, por que non os vou sacar eu, dirá o fillo de Hassan II. E neso estamos, axustando.
o 5 de Outubro, 2005 ás 5:14 pm
O certo e que se podería facer un telón de aceiro nas fronteiras do sur, e as nosas conciencias quedarían un pouco más tanquilas porque serían os marroquíes os que terían o problema. Se Marrocos se blindase á súa vez, o problema quedaría todavía máis lonxe. Pero seguría existindo. É o terceiro día que leo este post, e os seus comentarios, a aínda non son capaz de dicir un “hai que facer isto” realista como proposta para soluciona-lo verdadeiro problema nun plazo de menos de vinte ou trinta anos.
o 5 de Outubro, 2005 ás 6:14 pm
Estimado F. Míguez, non sufra. Se con darlle tres voltas ás elucubracións dun tipo atosigado e ós comentarios que aportan uns espiritos sensibles poidera sacar unha alternativa válida, bastantes problemas do mundo terían unha solución doada.