Out 06 2005

4

Categoria: Destafoi, Matrix Press, Si home sisihomesi @ 12:44 am

Os números son importantes, e non soamente polo que vostede está pensando (e eu, para que enganarnos). Os vellos métodos de entender o mundo (anteriores a Google), desde a Biblia á Cábala, atribuían ó número 1 a divinidade (simboloxía que pervive hoxe, tanto na mafia como no sistema electoral). O 2 representaba ó home e a súa dualidade. O 3, a totalidade ( o presente, o pasado e o futuro). O 7, a cifra simbólica por excelencia, era a perfección, igual que o 12, que representaba ó goberno divino (e por eso a bandeira europea quedou na ducia de estrelas, aínda que agora haxa máis estados membros). Pero o máis curioso é o caso do 4, un número en aparencia plano e obvio, que na Biblia simboliza a creación (os catro puntos cardinais). Hoxe, miles de anos despois de que os listos do lugar atribuíran propiedades máxicas a unhas abstraccións que hoxe nos parecen elementais, se hai un número de moda, é o 4.

“Cuatro” ou “La Cuatro” é a opción televisiva que inicia a segunda revolución catódica, despois da irrupción das chamadas privadas. A denominación non foi unha mera ocurrencia do marketing. Por un lado, a súa “cadea anteccesor” é Canal +, que foi sempre o canal 4 (de feito, en Galicia as dúas españas difiren entre as que teñen sintonizado no 3 a TVG e os que lle outorgaron ese lugar no televisor a Antena3). Por outro, vender a idea da cuarta cadea xeneralista de ámbito español (aínda que en realidade sexa a quinta), é dar a entender que ó panorama televisivo faltáballe un lado. Os grupos de tres elementos suxiren inestabilidade, abocados a derivar sempre a ser dous contra un. E a maiores, a pantalla ten catro lados. Imaxino que algúns destes argumentos de peso foron os invocados para convencer ó goberno para que autorizase o novo canal, pero sexa como fose, entre esta cuarta opción que en realidade é a quinta e a pedrea de emisoras dixitais que se aveciñan vai ser como para pedir un ano sabático e acampar diante do televisor. Moito me temo que, igual que sucedeu cando a primeira revolución catódica, en lugar de aumentar a oferta o que vai pasar e que todas van competir en compracer a demanda, pero desta vez haberá un aspecto positivo: estímase que, coa audiencia tan repartida, a líder terá como moito un 18%. Así, posiblemente a oferta televisiva será igual de aburrida que agora, pero polo menos non haberá programas que determinen os usos e costumes do 50% da poboación.

     Pero o televisivo non é o único mundo presidido polo influxo do 4. Tamén no da política galega existe a expectativa soterrada e difusa da creación do partido número 4. Esa formación, naturalmente de centro, na que algúns dirixentes do PP (pero non soamente do PP) queren gardar a roupa por se non acadan a nado os seus obxectivos. Como no caso confirmado de “La Cuatro”, o por confirmar Partido nº 4 (PN4) non sei se servirá para algo en xeral, pero polo menos reduciría a previsibilidade do sector.

(para xoves, 6 de outubro de 05)

10 comentarios a “4”

  1. Soneu dixo:

    Vale, tes razón en todo o que dis, pero pregúntalles ós nipones que pensan sobre ese número…

  2. mourullo dixo:

    Canal + sempre o canal 4? As dúas Españas na Galiza difiren entre os que teñen no 3 a TVG ou Antena3? Debo ser un bicho raro porque eu teño sintonizada a galega no “tres” e Antena 3 no “catro”. E o novo canal ten todos os números para quedar onde está o Plus que é no “seis”.

  3. kate dixo:

    Mourullo: ía poñer exactamente o mesmo, así que NON, non es un becho raro. Eu C+ sempre e en tódalas casas que estiven, a tiven no catro, a galega no 3 (daquela, a terceira, na miña casa da aldea) e A3 no 4. Así que o márketing igual non o testaron moito.

  4. airadasenra dixo:

    Sr. Pereiro ¿Cando pensa a TVG recuperar a shin chan?

  5. Martin Pawley dixo:

    Eu tamén teño a TVG no 3, Antena3 no 4 e Canal Plus no 6.

    Veña, que sigan as confesións: onde teñen vostedes sintonizado o canalplús?

  6. sihomesi dixo:

    Eu, como progresista auténtico, teño C+ no 4, non como outros. Pero todos Vds. confirman a miña tese do feito diferencial: a disputa do botón nº 3. En canto ó de Shin Chan, non sei pero podo preguntar, ¿que tipo de contrato tiña?

  7. sihomesi dixo:

    Por certo, que raro que todos debatan sobre o Channel nº 4 e ninguén largue sobre o PN4. Panda de frívolos.

  8. kate dixo:

    Tes razón, é que é máis fácil ser frívolo que sesudo. O do Pn4: Eu xa estou vendo a Cuíña repartindo papeletas pola miña comarca na súa amoto…

  9. post de aludidos dixo:

    Se vale para algo, fixemos unha enquisa hai anos en Zapping e a maior parte da xente que chamou, ten na 3 a galega, na 4 antena 3 e na 6 o plus. Tira máis gayoso que o sexo con raias (codificado, claro)

  10. sihomesi dixo:

    Rindome ante a estatística

Deixa un comentario