Out 13 2005
Banderas al viento
Moi ben, proba superada. Onte houbo enormes demostracións de amor á indisoluble unidade da nación española en Madrid e na Coruña. Alí, xente influída sen dúbida polo pensamento Losantos-Ibarra e enardecida pola presencia da cabra da Lexión, abrasaron a pitos e abucheos a Zapatero. Aquí produciuse un conflicto xeracional entre a terceira idade unionista e a mocidade segregacionista no que a policía tivo que terciar (a favor dos vellos, como era de prever). Parafraseando ó pensador orbital Aznar, onde non había un problema, demos creado un. Noraboa.
Non se preocupen porque non vou falar do Estatut de Catalunya, entre outras razóns porque non o lin, nin penso. Nin siquera o preámbulo que se atragantou ó alcalde, senador e abandeirado Francisco Vázquez (claro que eu non son membro dunha cámara de representación que terá que votar ese texto). Pero son perfectamente capaz de moverme intelectualmente nese nivel primario no que está o debate. A nación española, que segundo o discurso losantos-vazquiano é eterna, en realidade é máis recente que algunhas casas da praza de Santo Domingo, na Cidade Vella, e coexistiu moito tempo co Reino de Galicia, sen que unha cousa quitara a outra, e non deixara de estar claro quen mandaba (Camilo Nogueira ten un libro enteiro ben gordo dedicado ó asunto). Realidades políticas tan firmes como Italia e Alemania constituíronse como estados hai pouco máis dun século (aínda que hai dúbidas de se en Italia sigue existindo o Estado, ou se existe para que sirve). Pola contra, o Reino Unido chámase así porque agrupa a catro nacións, Inglaterra, Escocia, Irlanda do Norte e Gales (e por certo a catro seleccións de fútbol e doutros deportes). E a xente tampouco parou quieta. O que hoxe son escoceses eran irlandeses que se dedicaban ir de pillaxe a Escocia, e os ingleses son a mestura dos saxóns (xermanos que conquistaron ós britóns, que fuxiron a Bretaña… e a Bretoña) e dos normandos (franceses que conquistaron Inglaterra). E eso que había mar por medio.
En definitiva, media ducia de conclusións: 1.- As cousas son demasiado movidas para ser eternas. 2.- Nación e estado son conceptos que non son exactamente o mesmo, e por decilo dun xeito a tono co debate, nación é quen quere, e estado quen pode. 3.- Aceptando que non teño demasiada idea de historia, si a suficiente para saber que o que me ensinaron nos textos do franquismo, como que Don Pelayo xa era español era tan certo como que Julio César era italiano ou Pocahontas estadounidense, de aí para arriba. Xogar cos sentimentos de quen sigue instalado candorosamente naquelas patrañas é ventaxismo, por decilo finamente. 4.- Non sei de que se estrañan algúns agora, cando, por exemplo, os <a href=\"http://www.psdeg-psoe.org/noticia.php?idnoticia=315\">organismos </a>de dirección do PSdeG-PSOE (dos que foi membro e mesmo presidiu unha chea de anos Francisco Vázquez) chámanse “Comisión Executiva Nacional Galega” e “Comité Nacional Galego”. 5.- “A política é a arte de evitar que a xente se preocupe do que lle afecta (Paul Valery).
(para xoves, 13 de outubro de 05)


o 13 de Outubro, 2005 ás 2:36 pm
Pois opino que Vázquez é um delinqüente que devera estar quentinho na cadea.
So isso
o 13 de Outubro, 2005 ás 5:40 pm
Non hai que poñerse tráxicos.En realidade A Coruña 2005 é unha especie de Torremolinos 1970.Moita cousa kitch e moito franquismo sociolóxico.Eu penso que pronto apareceremos nunha película de friquis:touros,procesións,Cañita Brava,o alcalde que ao mesmo tempo é promotor inmobiliario….
o 13 de Outubro, 2005 ás 5:51 pm
E non se poñerá de folga este home…
o 14 de Outubro, 2005 ás 10:02 am
Onde estean as cantadas de Cañita Brava que se quiten as de Vázquez.Viva Torrremolinos!Viva Benidorm!Viva A Coruña!Viva a especulación bandeiril-inmobiliaria!
o 14 de Outubro, 2005 ás 4:06 pm
Estou emocionado, Sr. Pereiro. As súa media ducia (menos unha) de conclusións acaban de confirmar que, sen sabelo, temos unha perspectiva case clónica da política.
Eu expóñoa de outro xeito, espero que aprecie as afinidades.
1.-Estou farto (e iso que acabamos de empezar) de ver cómo uns señores, cuio salario pago eu, perden o tempo en disquisicións que non me arranxan nada. Dame igual se vivo nunha nación, nunha parroquia ou no Imperio Galáctico; manteño a esa clase representativa (que non dirixente) para que xestionen coa mellor eficiencia os servicios e infraestructuras que pago cos impostos, non para que discutan sobre a corporeidade dos anxos.
2.- Na Declaración Universal dos Dereitos Humáns, recóllese como dereito fundamental o de unha nacionalidade. Empezo a ver iso máis como una condena que como un dereito. Primeiro porque si tes nacionalidade mauritana, estás condenado a non disfrutar das ventaxes do século XXI en territorio europeo. Segundo, porque no nome da túa nación podes verte obrigado a enfrentarte a un tipo igual ca tí con outra nacionalidade. Terceiro porque non necesito que nadie decida por mín se son “galego” ou “español”. Son “Miguez”, “calvo”, “feo”,”estudiante”, “traballador”, e adxetivos dabondo como para que non mos sigan buscando. Que fagan o seu traballo.
o 14 de Outubro, 2005 ás 4:38 pm
Está vostede agudo coma un allo. ¡Moi ben! siga sendo así de claro, rabudo e retranqueiro.
Só teño que lembrarlle que media ducia son 6: espero a súa 6ª conclusión.
E aínda que sexa con algo de retraso os nosos parabéns por ise nomeamento ¿canto tempo teremos que seguir soportando “luares”, “superpiñeiros”, “tonechos” etc.? ¿debemos seguir chamándolle telegaita?
o 14 de Outubro, 2005 ás 6:17 pm
Si, ó final quitei unha para que me axustara de espacio, ou algo así. Ocúrrenseme estes asuntos nos ratos libres, cando conduzo, nas esperas das roldas de prensa, e logo teño que escribilas normalmente a fume de carozo
teño o récord en media hora, así que comprensión, carai. Na versión para Faro de Vigo xa van seis.