Out 16 2005

Escritores

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 1:51 pm

“Estes son malos tempos. Os fillos deixaron de obedecer a seus pais e todo o mundo escribe libros”, queixábase Cicerón de como andaba o mundo hai máis de dous mil anos. Imaxinen agora. E se neses dous milenios o tan espiñento asunto da desobediencia filial chegou a onde chegou (por exemplo, xa non queda infante ningún que trate de vostede ó seu proxenitor), non lles digo a escritorrea que nos invade.

E o malo non é que todo o mundo escriba (eu xúrolles que fago eso por cartos). O peor é que se publica. E como non hai esperanzas de que o sector se autorregule, teñen que xurdir cabaleiros andantes que loitan contra o xigantismo literario e os muiños impresores. Tomemos o exemplo da primeira obra de teatro de Manuel Rivas. Que o escritor de Galicia máis recoñecido e máis vendido se lance á práctica da dramaturxia despois de 25 anos da sota, cabalo e rei da narrativa, a poesía e o xornalismo, sería, noutro sistema literario, unha conmoción, pero os medios galegos déronlle máis ou menos a quinta parte de importancia (de espacio/tempo, como se pode comprobar procurando en Google) que á estrea dunha película de medio pelo e das salas onde se proxecta. Poderíase pensar que se debeu a que a información teatral en Galicia consiste maioritariamente en entrevistas ás celebridades que se deixan caer por aquí no que no argot do gremio se chaman “bolos por provincias”. Ou a que a presentación foi en Ourense (aínda que tamén alí presentou a candidatura Enrique López Veiga, e ben importancia/espacio/tempo que lle deron). O que pasou foi que os profesionais que saben valorar a importancia das noticias (ou que polo menos cobran por elo) reprimiron o seu entusiasmo, coa loable intención de evitar que Rivas se poña alegremente a parir dramas, comedias e autos sacramentais se lle aplauden a gracia.
E non é nada persoal con Manolo. Harold (Pinter) non é de por aquí, pero tamén hai que facer un esforzo de contención para que non se empecen a publicar as súas obras (que cos anos que ten, hai unha chea delas, sen contar guións cinematográficos como El sirviente ou La mujer del teniente francés, por non falar de que, para amolar máis, o tipo está traducido ó galego). Daquela, que menos que cuestionar os seus méritos e atribuír o premio ás súas ideas políticas, aproveitando que está de moda criticar as tendencias políticas dos artistas e atribuírllas a que están subvencionados (como si non estiveran subvencionados desde os empresarios ós periódicos, pasando polo Exército, que mantemos “por si ascaso”). Ós que están a favor da inercia da historia sempre lles molestou que a xente que vive da creatividades estea maioritariamente a favor do avance. Desgraciadamente, a Cela xa lle deron o Nobel, José María Pemán xa morreu e Juan Manuel de Prada aínda está facendo méritos, que se lle vai facer. (E está o caso de Jorge Amado, o eterno candidato que xa sabía de sobra que non levaría o Nobel desde que lle deran o Premio Stalin da Paz).
En realidade, non sei de que me queixo. Tampouco a folga de transportes que está a provocar un desabastecemento de todo tipo de productos en Galicia sae para nada nos medios de Madrid (tradicionalmente chamados nacionais e agora nunca mellor dito). E a maiores, os nenos obedecen menos que nunca.

(para luns, 17 de outubro de 05)