Hoxe fun a unha visita da directora xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, ó cárcere de Teixeiro. O motivo era a inauguración dunha sala de videoconferencias que evita ter que trasladar ós presos (“internos”, no argot administrativo, outra mostra do machismo lingüístico, porque “internas” son as criadas) ós xulgados para os trámites xudiciais, quitado o xuízo propiamente dito. Informativamente, a cousa non daba nada de si (e de feito, estabamos dous gráficos e dous plumillas). Sen embargo, na conversa que mantiña con outras visitantes (a directora xeral de Interior da Xunta, a subdelegada do Goberno na Coruña), víase que tomaba nota para aplicar noutros establecimentos penitenciarios as experiencias de Teixeiro. Unha, a da videoconferencia. Outra, que a sala a reformaran e decoraran os propios reclusos (demostrando de paso que o teórico labor educativo e rehabilitador da prisión non inclúe o sentido do gusto). A maiores houbo anécdotas como que a responsable estatal das trenas foi a única que se sentou nas cadeiras de deseño (inestable) destinadas ós videoconferenciantes internos para ver como se vía, que ó remate do acto dixo polo baixo “queda inaugurado este pantano”, e que ó saír enganchou un tacón nunha reixa do piso. Tamén o comentario dun funcionario ó ver o sexo (o xénero, aclaro con corrección máis política que lingüística) das autoridades: “mujeres al poder”.
Ata aquí, os feitos comprobados. Desde aquí, as dúbidas: ¿unha información que recollera todo eso sería máis interesante? ¿Sería correcta, ou unha frivolidade (fosen os protagonistas homes ou mulleres)? ¿Que opinarían editores, público, e de paso os protagonistas, igual de conscientes que os anteriores da pouca importancia real deses actos?
O outro día cometín o erro de coller innecesariamente por Lavedra a unha hora que non debería, e foi peor do que imaxinaba. Atrapado entre conductores que pugnaban por saír daquel atasco para poder chegar antes ó atasco do Portazgo, de Fonteculler ou do Temple, esbardallaba (son moito de esbardallar no coche, como case todos/os) sobre por que lle chaman xestión política ó que en realidade é xestión inmobiliaria, e cando haberá algún que, en vez de argallar pirulís de La Habana na súa propia memoria, afronte o intocable e insoluble problema de crear un transporte público eficaz nun área de dez kilómetros (mesmo lle estaría recoñecido aínda que fose de cinco).

Cheguei a casa logo da ordalía viaria, e o pequeno estaba tomando notas aplicadamente diante do televisor. Evidentemente, como o resto das actividades nas que usa o papel, era para un traballo escolar. Era un documental sobre o despegue económico de China, e as súas nefastas consecuencias para a emisión de CO2 (xa é o terceiro traballo que lle recordo sobre este tema ou semellante: a preservación do medio ambiente debe estar substituíndo á relixión como materia de adoutrinamento no ensino, e non podo decir que o lamente). Sempre que sae un tema como o ambiental, hai debate familiar. A facción materna lánzase habitualmente ó particular e concreto, aproveitando para imbuír na facción cativa os bós hábitos do consumo (que é non facelo, é decir, consumir menos) e do aforro enerxético. A facción paterna retruca sobre que si, que está moi ben aforrar, pero sobre todo en aras da economía familiar, porque botarlle a responsabilidade do despilfarro de todo tipo ós individuos concretos é unha estratexia de culpabilización, de sinalar a palla no ollo do cidadán por parte do establishment económico-político para agachar a enorme viga no ollo propio (recoñezo que de paso aproveito para instruír ós pequenos sobre as malas artes dos poderosos). Puxen como exemplo de viga a experiencia que viña de aturar. Non se lle pode decir á xente que use menos o coche cando hai unha total falta de previsión das consecuencias do crecemento urbano e unha rede menos que mediocre de transporte público.
-¿E do tipo pelado que me dis? – espetoume a facción materna. O do tipo pelado é un golpe baixo. Todos os días vén onda á casa para pasear un can considerable, a bordo dun deses mamotretos que consume tanto como un barco do Gran Sol. Deixa sen apañar o que solta o can (de tamaño tamén considerable) e volve motorizado ó chalé, a 400 metros de distancia. Sinceramente, só lle falta ciscar polo camiño o aceite usado ou desviarse un pouco para botalo ó mar.
<del>Ben –tentei repoñerme</del> Ese é un caso de libro de conducta incívica, pero ¿que me dis da moda que ataca ós concellos desa máquina de espantar follas que parece un secador de pelo? Non ten vantaxe aparente ningunha sobre a clásica barredora de xesta, consume combustible e mete ruído. ¿Non deberían ter máis cabeza e dar exemplo as institucións que por riba dan consellos cívicos ós administrados?
-¿Podedes calar que non me entero nada dos problemas dos chinos?, pechou o debate a facción filial.
(para xoves, 20 de outubro de 05)