Out 31 2005

Os anteriores

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:45 pm

(ante unha enchenta de peticións e de dúbidas, aí van dous libelos anteriores sobre o do cambio horario)
¡Independencia (horaria) ou Commonwealth xa!
(horario de inverno 2000)

Vostedes levarán xa dous días co novo horario cando lean isto. Se non o len, tamén os levarán, ou sexa que se tanto lles ten, fagan o favor de lelo.
Non quero afondar nese debate, tan inacabable como as obras do aparcamento de Ramón de la Sagra, sobre se o cambio de horario é perxudicial (para a saúde) ou beneficioso (para e economía). Non por nada persoal, a min cústame tanto madrugar como ir para a cama, sexa a hora que sexa, haxa luz fóra ou non.
Tampouco é que non teña unha opinión formada (cuestión que tampouco me impediría dala), que si a teño: cando venden algo como beneficioso para a economía, así en xeral, inevitablemente é perxudicial para os individuos en particular.
O que si que me parece intolerable, un aldraxe máis para Galicia, como se decía antes de que estivera mal visto queixarse, é terse que someter a un horario imposto e completamente alleo. Vexan por qué:
Se van en coche cara Barcelona, entre Zaragoza e Lleida un enorme chafarís indica que atravesa o meridiano de Greenwich, a liña de partida para contar as horas en todo o mundo. Cando aparece, xa está un farto de conducir, proba inequívoca de que pilla lonxe. Como media hora, segundo o sol. Pero é que ademais, España non colle a hora que lle correspondería, senón unha máis, a de Austria ou a República Checa, non sei se para aparentar ser europeos pechados.
Así que nós, que estamos máis ó oeste ca Inglaterra, temos que vivir como se o día abrira antes, á vez que Libia, por exemplo. Por non falar do desfase con Portugal, fonte de perdas económicas co noso mercado natural debido ás confusións sobre horarios comerciais.
É unha situación que crea ritmos discontinuos. Afecta ademais maiormente a vellos e depresivos (é decir, á maioría da noso poboación). Quizais iso de non nos entenden non non sexa polas distintas idiosincrasias, senón porque estamos apampados, obrigados a erguernos non soamente antes do que nos gustaría, senón do que nos corresponde.
Eu humildemente propoño que para reclamar e xestionar a integración no fuso horario ó que pertencemos, ninguén mellor situado polas súas excelentes relacións bilaterais que o recén nomeado cabaleiro do Imperio Británico (designado non pola defensa do Imperio, como pensan os do non, senón pola defensa do británico), Sir Paco Vázquez.
Porque se o goberno pensa que esa situación de agravio comparativo se amaña concedéndonos unha hora máis nestas datas está moi equivocado. Con dez minutos chega.

A hora de onte
(horario deinverno 2004)
Como cantaba Antonio Vega, “un día cualquiera no sabes que hora ées, me asomo a la ventana sin saber por quée”. Pero se me asomo á ventá agora (18,53 horas) non vexo á rapaza de onte, senón a luz que había onte ás 19,35. De feito, foi este mediodía ó asomarme á ventá do ordenador, cando me dei de conta de que outra vez nos regalaran a traición unha hora. Un regalo envelenado, por suposto.

Recoñezo que, de rapaz, o do cambio horario producíame unha forte excitación. O regalo dunha hora dominical na ateigada axenda da infancia era todo un acontecemento e unha mostra exultante do poder da humanidade sobre a natureza. Meses despois, o roubo doutra era unha estafa que me levaba a reflexionar sobre a fugacidade da vida e a cativa levidade do ser humano fronte ó cosmos. Lembro incluso que aqueles trens de longo percorrido (e de eterna duración) Galicia-Madrid pasaban esa hora outorgada a maiores agachados en calquera estación mesetaria, como contendo a respiración para non desencadear un cataclismo espacio-temporal. Sen embargo, despois de que o famoso timo universal do efecto 2000 nos ordenadores non causara catástrofes nin na regulación semafórica e o non menos sonado cambio de milenio quedara en nada, deixei de acreditar na relevancia dos sistemas cos que o ser humano pretende facerse a ilusión de que controla á natureza.
Non quero insistir outra vez nos argumentos contra o cambio de hora, sexa a favor –como agora- ou en contra –no verán-. Nin tampouco contra o aldraxe e o atentado á nosa idiosincrasia xeográfica que supón que Galicia estea sometida 365 días anuais ó horario oficial español, o GMT+1, que supón hora e media de desfase co que sería o noso natural. En primeiro lugar, porque, como deixou dito Friedrich Dürrematt, o autor de Ubu rei, “que tempos estes, en que hai que loitar por demostrar o evidente”. En segundo porque xa o fixen, que eu recorde, hai catro años xustos neste mesmo lugar (¡Independencia –horaria- ou Commonwealth xa!), e nin caso. Simplemente quero apoiar, e difundir dentro das miñas posibilidades, a campaña que o colectivo VA-CA (Vía Anti-Colonial Activa) fai de envío de correos electrónicos á Moncloa solicitando se nos poña onda nos merecemos (no fuso horario GMT, queren decir). A solidez dos seus argumentos pódena comprobar en www.va-ca.org, pero moito me temo que auga outra vez: o que se vende como beneficioso para a economía, así en xeral, vai adiante por moi perxudicial que sexa para os individuos en particular.
Claro que o de hai catro anos foi un berro –ben, un berriño- no deserto do pensamento único aznarista. Quizais agora, co novo talante, a enchente de emails vacúns abra as portas dun novo recoñecemento da España plural. Ou ó revés, pode ser para o Goberno unha oportunidade de cohesionar España e rematar coa división entre cidadáns atlánticos durmidos e mediterráneos espelidos. Que sexa por fas ou por nefas, pero non nos toquen máis o lusco fusco.


Out 31 2005

Estatuto horario

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:05 am

Sempre, por este día e a esta hora, sexa pola nova ou pola vella, sigo a tradición columnista que encarna Manuel Vicent coa súa diatriba anual contra os touros (contra o costume de matalos en público logo de marealos) e esbardallo contra o cambio de horario e o moito que nos amola ós habitantes do Oeste. Nesta ocasión non vai ser así. Acabo de ver a luz (e seguireina vendo unha hora máis tarde a partir de hoxe)

No tempo que teño este espacio en concesión, nunca fallei á cita de denunciar que ós galegos nos obriguen a vivir co paso cambiado. A que por decreto e por horario teñamos que ser mediterráneos e traizoemos a nosa realidade e a nosa vocación atlánticas. A que nos manden para a cama antes de tempo, como ós nenos ou ás galiñas ás que lle tapan a luz para facerlles crer que escurece, ou que nos fagan erguer de noite, como ós escravos dos algodonais. A maiores desta queixa identitaria, sempre contribuín puntualmente coa miña tecla á campaña global contra esa imposición da macroeconomía sobre as microexistencias que supón o cambio de horario estacional. (E que por riba fan de forma tan burda como regalarnos unha hora cando nos adentramos no depresivo outono e nola quiten aproveitándose da euforia da chegada do verán, exactamente igual que nas lendas urbanas que aseguran que dan porros na entrada dos colexios para facer adictos e clientes). En resumo, criticaba a mudanza de hora en xeral polo que ten de submisión da realidade concreta da xente á abstracción teórica da economía, e á vez denunciaba o prexuízo engadido que eso nos supoñía ós fisterráns. Tiña un corpus reivindicativo sen fendas, no que a defensa dos intereses galegos casaba cos da humanidade en xeral. O malo é que este ano, para non repetirme –ou para repetirme sen que vostedes se deran conta, engadindo algún detalle novidoso- informeime de máis. Por un lado, aínda que estean por demostrar contundentemente as consecuencias negativas de andar bailando o horario (entre outras cousas, porque ningunha institución mete cartos para investigar efectos teoricamente contrarios ós beneficios económicos), resulta que as vantaxes de que ós galegos non traten como a polos de granxa estímanse nun miserento aforro enerxético do 0,28%. Traducido ó nivel dos nosos petos, aquí aforramos na factura da luz 1,2 euros, mentres unha familia catalana paga 6 euros menos, que non deixan de ser mil pesetas. Con todo, o aforro aquí e aló debe ser similar a poñer dous ou tres días festivos máis. A razón última de que España toda estea fóra do seu horario natural (Galicia moito máis, Cataluña menos) e comparta o de Polonia ou Hungría foi, segundo algunhas opinións, unha decisión dalgún Goberno de Franco para facerse os europeos e minimizar inconvenientes ó incipiente turismo transpirenaico. Así que propoño que, en lugar da vixente reivindicación de que o que na RTVG (xa antes do bipartito) chaman hora galega sexa distinta da hora española, fagamos unha oferta xenerosa e integradora: que a hora española se achegue ó que debería ser a hora galega. Incluamos a oferta na reforma estatutaria e a ver quen nos chama insolidarios. (para luns 31 de outubro de 05)