Nov 30 2005

Ser e comer

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:34 am

A teoría lingüística clásica é que o entorno e o carácter determina a linguaxe. A nova –polo menos para min, aínda que parece que data dos anos 40 do século pasado-, a chamada hipótese de Whorf, establece que é o idioma o que conforma o pensamento. É decir, colectivamente somos como falamos, non falamos como somos. Aquí somos daquela maneira porque o galego nos fixo así (polo menos antes, posiblemente esteamos en proceso de castrapación). A teoría lingüística de Whorf ten outras consecuencias e xa se aplicaba de vello á relación sustento-sentimento: somos o que comemos, ou somos como comemos, idea que sustentaban tanto os que practicaban o canibalismo ritual como a miña avoa que sostiña que o caldo é a raíz do home.

Estas fondas reflexións saíronme soas despois de mandarme, dúas fins de semanas seguidas, cadaseu cocido. Un foi na patria do asunto, Lalín, coa familia, e outro en Vigo, cos amigos, no que se coñece como un xantar de parellas (non polo que se come senón pola relación afectiva ou que une a cada dous comensais). Aínda que o resto do día quedei inactivo para calquera cousa que non fose a introspección mental, nas dúas ocasións a conversa foi fluída e amena e coma un viaxe: sabes que o obxectivo é chegar ó final, pero dá pena que remate. Eso é porque diante dun cocido, como diante de calquera prato comunal (desde a paella a un magosto) non te pasas toda comida mirando para o que come o que tes ó lado, envexando o seu ollo para escoller e lamentando o chosco que fuches pedindo o que pediches. Nin che aproveita a ti, nin lle aproveita a el, que a pouco observador ou considerado que sexa, pasará o tempo todo decindo que se queres probar, que el non o vai dar acabado, ou con falsos argumentos de que atinou por casualidade, que non é que soubera de antemán que estaba así de rico, e que o teu non ten tan mala pinta. Ou viceversa se atinaches ti.
De feito, os males que están a estragar o pracer sensual e social de comer non veñen do fast food (a comida rápida) senón do share food (a comida repartida), é decir, da caída en desgracia da fonte, ese soporte ideal para que cada un se sirva segundo o seu gusto e de acordo coas súas necesidades, e onde antes se presentaban en conxunto desde os bistés ós cachelos pasando polas ensaladas. O cocido é un manxar comunal e igualitario, pero permite o individualismo. Soporta a convivencia de touciñófilos furibundos e chourizoadeptos excluíntes, e mesmo de xente como eu, porcoadicto firmemente contrario da intromisión avícola, con degustadores da carne de polo. Incluso permite que na mesma mesa se reunan carnívoros que xa non saben a que tallada aplicarse e vexetarianos que soamente atacan grelos, repolo e garavanzos.
Agora que abondan as proclamas sobre poñerse en razón e acougar, unha boa maneira de afrontar as famosas preguntas que sempre nos facemos (quen somos, de onde vimos, a onde vamos, etc.) é xuntarse para atacar un cocido e dedicar a tarde á dixestión intelectual do tratado.

(para mércores, 30 de xuño de 2005)


Nov 29 2005

Máis problemas cos millóns

Categoría: Matrix Press, Non sei eu..., Xeralsihomesi @ 6:44 am

Parecía unha parvada, pero leva camiño de se converter en:
A.- Un xénero periodístico
B.- Un uso social
O de agachar como sexa a identidade cando che tocan unha chea de pasta. Ó agachad@ de Zas únese agora o escondid@ de Noia, con grande alborozo dos encargados nos medios de procurar “noticias de interese humano” (que non parecen así asumir a secuela: que as demais que poñen son de interese animal ou de interese inexistente) e con grande mosqueo de:
A.- os presuntos veciños do premiado
B.- Os da Lotería, que ven como se lles escapa a grande promoción para os seus productos que sería ver a un tipo todo nervioso cargando un feixe imaxinario de pasta.
O mosqueo da cúpula loteira é tal que:
A.-En privado recordan que hai xogos de azar nalgúns sitios do mundo (EEUU) que inclúen nas normas a obriga de saír nun show televisivo en directo para poder cobrar o premio.
B.-Interiormente, debaterán a obriga de que se presente alguén non necesariamente o agraciado, valería un cuñado ou un notario, que tamén aseguraría o anonimato para cobrar o premio.


Nov 28 2005

Perdemos outra vez

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:59 am

Se algún día xurde a iniciativa de cambiar o noso vello, entrañable e interminable himno que reproduce as conversas que mantén a foresta do monte sobre aspectos patrióticos, eu propoño desde xa e desde aquí aquel dos Luthiers que comeza:
Ya el sol asomaba en el poniente
ya el cóndor surcaba el firmamento
y la patria gloriosa, heroica y valiente
de victoria profiere el juramento…

e remata:
Ya los fieros enemigos se alejaron
no resuena el ruido de sus botas
nos pasaron por encima y nos ganaron,
nos dejaron, en derrota.
Perdimos, perdimos,
perdimos otra vez.

Efectivamente, desde que apostamos por Juana la Beltraneja en detrimento de Isabel a Católica, historicamente non atinamos nin o complementario, e nos últimos días perdemos dúas veces. A primeira, cando Florentino Pérez se sacou a espiña dos desgustos deportivos que lle dan os seus empregados millonarios mandando unha OPA sobre Unión Fenosa e contra os seus socios galegos (o que tecnicamente se chama dar unha labazada en cara allea). A segunda, cando a UNESCO non aceptou a proposta de declarar “obra mestra” do Patrimonio Inmaterial da Humanidade a cultura oral galego-portuguesa. Desde o punto de vista oficial, as dúas derrotas son unicamente batallas perdidas de guerras que aínda non remataron. Un consolo relativo, en primeiro lugar porque de ganalas terían rematado esas guerras. En segundo, librámolas porque antes perdemos outras. No caso da compañía eléctrica é unha loita por reconquistar o que deixaron perder entre o beneplácito e os aplausos da Galicia oficial. No outro é un intento de que recoñezan como digno de manter algo, a nosa cultura oral tradicional, que nós propios deixamos que estea en risco de desaparecer. O sexa, a habitual manobra de apreciar algo que temos diante dos fuciños gracias a que o aprecien primeiro fóra (“¿E din que esto ten mérito?, eu ver non llo vexo, pero se o din…”).
Nos dous asuntos pecamos –ben, a verdade é que pecaron outros, pero asumamos a parte alícuota- de pinzos voluntaristas. O do Patrimonio foi un esforzo ímprobo pouco menos que individual, lanzado a puro huevo entre a desidia oficial. A anterior administración autonómica tiña moita máis práctica e moito maior interese en promover verbenas que iniciativas culturais. No ministerio de Cultura non tiñan nin idea de que se podían presentar cantas propostas se quixera se eran transnacionais, e en canto llo dixeron os do galego-portugués. déronse presa en propoñer o flamenco, en base primeiro ó moito que se practica no Xapón e logo na comunidade de raíces mediterráneas (claro que o flamenco non só non está a punto de desaparecer, senón que o que necesita protección contra el e o resto do mundo circundante). Así que os únicos que se mollaron algo foron o Goberno portugués e, ás carreiras, a actual Xunta.
Con todo, hai un balance positivo. Seguimos sendo unha sociedade que fundamentalmente se recoñece nas derrotas, pero xa estamos na fase de, polo menos, sabernos equipo.

(para luns, 28 de novembro de 05)


Nov 24 2005

Millóns de problemas

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:39 am

O de que o home (e a muller) son seres racionais non deixa de ser unha convención. Se nos dixeran que deramos uns euros cada semana para xuntalos todos e darllos a un ou repartilo entre varios, uns dirían que non e outros que si, pero ninguén os daría sen coñecer os suxeitos ou os obxectos beneficiarios. Sen embargo, xogamos ás loterías.

Home, damos eses cartos por se nos toca a nós, dirán vostedes. Evidentemente, pero dado que nunca nos toca a nós (se no seu caso concreto me equivoco, aquí me ten para o que dispoña), ¿non prefeririamos que lle tocase a alguén que o merecese/necesitase, en lugar de tocarlle, como pasa moitas veces, a xente que non os merece/necesita? Esta sería unha boa liña argumental para que se fixeran socios dunha ONG, pero non vai por aí. É que o outro día asistín á entrega do cheque do premio de 45 millóns e pico de euros que ganou alguén en Zas xogando a Euromillones. Foi o acto informativo máis frecuentado dos últimos meses, porque os convocantes non deixaron claro se ía estar presente o chamado agraciado, e todos queriamos dalo a coñecer e entrevistalo. Unha pretensión –a do público de saber quen é, e a dos periodistas de satisfacer esa curiosidade- tamén reveladora do uso parcial da razón polo ser humano, porque xa me dirán que importa quen sexa e o que diga. A pretensión, irracional ou non, é tan forte que ata acudiu un patrón desde Zas a ver se descubría a identidade do veciño millonario (eu estou medio convencido de que era el, pero en fin).
Convenientemente interrogados o do banco que cobrou o cheque (que si coñecía o nome do seu benefactor) e o loteiro (que non), o único que quedou claro é que o afortunado non tiña gana ningunha de saír do armario do ir tirando. O vendedor aseguraba que había “varios sospeitosos”, todo aquel que compraba un coche ou saía de viaxe, pero nada en firme. E eu pensei nesa pobre (nunca peor dito) persoa (que foi o único que lle sacamos ó do banco, que era unha persoa, física e non xurídica). Alí en Zas, de viaxe ou cun coche recén comprado, pero cargando co tremendo peso do secreto de ser 7.500.000 millóns de pesetas máis rico. ¿E como e cando te libras dese peso (do segredo, non dos millóns)?, ¿logo de terllo negado repetidamente ós veciños sóltalo un día no bar, despois de convidar a unha ronda?, ¿ou cálalo ata que desapareces un día do lugar para non volver? Non é que queira turbar a felicidade do anónimo afortunado, pero debería ser consciente da que lle está a armar ós demais e a el mesmo. Moitos dos veciños sospeitosos deben estar sufrindo o acoso dos amigos que lle contan as súas penas económicas, e ó non ter resposta, a relación vaise resentir. E no seu caso, ¿con que cara volve?, se é que volve. Xa sei que os cartos superan todas as barreiras, pero sempre estará no aire o reproche: ese foise porque non eramos bos de abondo para el.
Ou sexa que eu introduciría dúas posibles reformas en Loterías y Apuestas del Estado: ou se revela por decreto a identidade dos ganadores, ou os premios se adxudican por concurso de méritos (nesta segunda opción, eu sei dun con moitos).

(para xoves, 24 de novembro de 2005)


Nov 23 2005

Aniversarios

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:08 am

Tiña máis ou menos firmemente decidido escapulirme de comentar os aniversarios, o cabodano de Franco e o cumpreanos da monarquía. O home propuxo, pero e o columnista dispuxo en canto resultou alcanzado de cheo polos fastos mediáticos sobre a morosa agonía do dictador e a celeridade na proclamación do sucesor.

Da morte do tipo que aparecía en todas as moedas teño un recordo vívido do momento en que souben dela. Acababamos de subir un amigo e eu nun autobús, e vimos a portada do ABC que levaba un pasaxeiro, co mesmo careto (o ABC, non o pasaxeiro) que saía nas pesetas sobre fondo negro a sangre (non é guerracivilismo, quere decir sen marxes, negro ata as beiras da páxina). Se hai algún sorprendido porque non nos enteramos pola radio, aclarar que daquela a información radiofónica consistía –e seguiu consistindo dous anos máis- en conexións obrigatorias cos “partes” de RNE a mediodía e pola noite, ou sexa que non había moito costume de informarse pola radio, e non sei se siquera tiña transistor (non, tampouco había internet). Daquel día recordo que saíu na tele un orellán coa boca pequena, saloucando “Franco ha muerto”. Daquela noite teño unha lembranza nebulosa, e da mañá posterior, da primeira que clareamos politicamente orfos, nada de nada. Dos días seguintes, entre o 20 e 22, soamente acordo de ver na televisión as inmensas colas para ver a Franco morto (ou comprobar que o estaba). Da conversión de Estado Providencial en Monarquía Delegada, tampouco nada, ata estes días en que repoñen a película.
Escoitei tamén ó rebufo deses fastos que a memoria é unha máquina de esquecer, máis que de recordar. Conformaríame con que se dixera unha verdade así por ano. As guerras son as guerras, xa se sabe, aínda que a de aquí fose especialmente besta. Lin en algures que a represión nas retagardas produciu 40.000 mortes de dereitistas e 150.000 de republicanos, e moito máis dura e completamente desigual foi a posguerra. Sen embargo, aseguraría que na memoria do franquismo sobrevivirán, máis que os aspectos tráxicos, os traxicómicos. Cando os vencidos consigan dalgunha forma o recoñecemento que se lles negou sempre, seguro que uns e outros coincidirán en asombrarse de ridículos reveladores da miseria xeral como sancionar a un señor por manter unha conversa telefónica cun amigo nun idioma distinto do do imperio (exemplo baseado en feitos completamente reais). O problema é que a cuestión monárquica leva estes trinta anos na fase caudillo-por-la-gracia-de-dios. Mesmo eu, que adestro de escéptico, sorprendinme sorprendéndome de escoitar –e non precisamente en Radio Pirenaica- novidades como que o actual representante desa institución lle pedira, na transición, financiamento para a UCD ó Sha de Persia, en plan solidariedade inter-maxestades. Aquel que tanto saía no ¡Hola! xiroulle mil millóns de pesetas, pero ó partido de Adolfo Suárez chegoulle unha cantidade moi inferior.
Do individuo protagonista do primeiro aniversario quedan uns residuos materiais e psicolóxicos que, por raros, son carne de reportaxe. No segundo caso queda moito por saber antes de poñer a funcionar a máquina da memoria.

(para mércores, 23 de novembro de 05)


Nov 21 2005

Discreción

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 3:55 pm

Eu coincidin con Manuel Olveira hai unha chea de tempo nun debate televisivo sobre culturas alternativas e tal, eu de representante do bravú e Toñito de Poi do antibravú, eu esbardallando contra Toñito que el era máis bravú que ninguén, e el desmentíndoo. Olveira tentaba poñer racionalidade e alta cultura no asunto, e por eso me quedei co seu nome. Agora nomeárono director do CGAC, e como se nada. Xa sei que saiu nos medios dígoo para que Mourullo non me pase polos fuciños unha chea de links pero non deberon darlle moito bombo (eu soubeno por Vieiros). Todos os que enchen páxinas e tempo con disquisicións sobre movementos subterráneos, acordos e trasacordos no goberno galego déronlle a mesma importancia á designación do rapaz discreto que levou Hangar ós mentideiros da arte europea que se puxeran ó cuñado de alguén. Os mesmos que recollerán logo opinións de intelectuais que len a Dan Brown (ou é Don Braun?) e se queixarán do elitismo da política cultural en vista de que non se poden queixar do enxebrismo.


Nov 21 2005

Moquetas

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:08 am

O outro día, nun debate parlamentario que me tocou presenciar, o deputado Balseiro Prol do PP recomendoulle ó do PSdeG Lage Tuñas que pisara máis os portos e menos a moqueta. Ignoro os costumes pisatorios de Lage Tuñas, pese a que é dos meus deputados favoritos, pero chamoume a atención tanto o uso da expresión (que data obviamente de cando a moqueta só existía nos despachos e nos decorados das películas do desarrollismo) como que a empregara o representante dun partido que levaba no poder desde antes de que o advertido tivese idade de votar. Agora a moqueta está en franco desuso, e debe ser polos estraños efectos que provocaba nos que pisaban nela.

O máis salientable, segundo o uso que lle deu o deputado Balseiro, é o efecto impermeabilizador sobre a realidade e/ou a sociedade. O seu poder realidífugo debe ser máis potente do que se pensaba. Por exemplo, agachados baixo das moquetas de San Marcos había unha morea de programas, películas, proxectos, guións e sinopses por valor de 54 millóns de euros. Que Superpiñeiro leve 17 anos en antena mentres existía ese fondo de armario televisivo sen usar soamente se explica por ese efecto moquetil. Tamén noutro santo veciño, San Caetano apareceron facturas de móbiles que quedaran a cañón. Por valor de 15 millóns de euros, segundo os que presenciaron a aparición, mentres outros descridos rebáixanos a 5. O monto tanto ten, as circunstancias inexplicables que rozan o milagre é como non lles cortaron o servicio, como había tanto móbil solto e como deron gastado tanto. Dividindo a débeda media entre os dous mil e pico números morosos sae unha facturación de 4.500€ por móbil, unha cifra que eu non dou gastado en dous anos. Tendo en conta que eses usuarios pasaban o horario laboral no despacho, para acumular ese pufo debían pasar o día baixando músicas (“si quieres descargar ‘Xuntos’, envía tonoXuntos o poliXuntos al…”) ou votando por SMS (“¿quieres decidir el futuro del PPdG?: manda ‘sucesor_Feijoo/Cuiña/Barreiro/Veiga’ al…”). Con todo, non son casos tan graves como o do Ministerio de Interior de Irak, onde se acaban de enterar que tiñan nos baixos unhas mazmorras cheas de xente que a saber como foi dar alí.
Non todos os descubrimentos os fan os primeirizos en pisar moqueta. Por exemplo, Manuel Fraga, que leva toda a vida desenvolvéndose nese hábitat enmoquetado, debeu reparar hai pouco nunha esquina despegada e caer na conta de que fora ministro de Franco, e non tivo máis remedio que saír en defensa da memoria do dictador. E tamén hai casos de moqueta pétrea. O presidente Foro da Familia, Benigno Blanco, fixo recentemente unhas encendidas declaracións esixindo ó goberno que atendera as demandas da sociedade enteira, porque un goberno ten a obriga de escoitar “la voz de la calle”. Se BB baixara da nube, recordaría que hai ano e pico pisaba a moqueta da secretaría xeral de Infraestructuras, é decir, formaba parte dun goberno que desprezaba tanto a opinión da rúa como a dos grupos parlamentarios que non foran o propio (incluído o de Coalición Canaria, que xa son ganas de non pactar).
Debaixo dos adoquíns resultou non estar a praia que soñaban os antecesores dos queimacoches franceses, pero debaixo das moquetas ocúltanse mundos complexos e universos paralelos nunca imaxinados. Sexamos realistas e pidamos a desinfección das moquetas.

(Para luns, 21 de novembro de 05)


Nov 17 2005

Vanse enterar

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:05 am

Eu tamén son pai e entendo a uns, e son –e sobre todo fun- fillo, e comprendo ós outros, e a maiores son xornalista, co que sei do noso, pero todos deberiamos conducirnos algo máis a modo. No asunto este das detencións de independentistas aquí e noutros similares que se aveciñan por aí.

Como pai, eu tamén me impoño cando penso que a cousa se está demandando, ou cando teño prontos, que os teño, con razón ou sen ela. E por eso entendo o das detencións como un aviso a navegantes da autoridade competente de que, igual que os pais, acaba sabendo todo o que pasa tarde ou cedo (neste caso, máis ben cedo), e como unha chamada de atención antes de que a cousa pase a maiores e haxa algún disgusto que lamentar. É decir, unha advertencia tipo: “¡vaste enterar!” ou “¡pasa que cenas!”. O que me parece, desde o punto de vista meramente paterno, é que os castigos débense facer no momento mesmo en que se sabe quen foi. A Operación Castiñeira semella un pouco, con todas as diferencias, como se o meu pequeno fai unha trasnada e agardo a que a nena faga outra para poñer as cousas en orde. Así o debeu entender o xuíz que, logo de que lle levaran ós díscolos por unha orella á súa presencia, determinou que el non era o axeitado para decidir, porque actos como facer pintadas, proferir inxurias e xuntarse con outros para nada bo non é terrorismo. (Hai outra posible interpretación: o xuíz é o que sentenciou que a kale borroka non era terrorismo e o que pediu a extradición dos militares norteamericanos que mataron a Xosé Couso, mentres o fiscal que considerou que este non era caso para eles, é un daqueles “indomables” que facían máis ou menos o que lles petaba. Ou sexa, que non se levan. Esta interpretación vai entre parénteses porque estraga o ton de parábola que quero darlle a esto).

     Na miña faceta de fillo entendo tamén o que é estar cheo de razón nun mundo en que o político antes coñecido como Aleix (Alejo Vidal Quadras) pode esixir na prensa que xulguen a Zapatero por traidor. Coñecemos a frase “la Historia me absolverá” porque quen a dixo conseguiu despois que a Historia se escriba ó seu xeito. Pero no interín, hai que apandar xudicialmente coas consecuencias, anque sexan tan desmedidas como os catro anos que lles caeron a dous celtarras por ter a intención de mandarlles uns cócteles molotof a eses seguidores do Real Madrid que se dedican a apalear mendigos e apuñalar contrarios. E como xornalista, non estou satisfeito do bombo que lle demos en xeral a unha operación da que non demos averiguado (e moito menos informado, polo tanto) se en realidade se trataba da desarticulación dun grupo terrorista, dunha detención conxunta para optimizar recursos técnicos e humanos ou que.

     En teor&#237;a, todo o mundo debeu quedar contento. As autoridades polo p&#250;blico tir&#243;n de orellas, os das orellas polo resultado final (de momento) e polas primeiras p&#225;xinas acaparadas ata en <a href=\"http://www.larazon.es/noticias/noti_nac88565.htm\">La Raz&#243;n </a>(manipulaci&#243;n a que se queira, pero son primeiras p&#225;xinas), e os medios de comunicaci&#243;n por cumprir o noso deber social e encher. Na pr&#225;ctica, penso que a todos lles/nos sa&#237;u o tiro pola culata.

(para xoves 17 de novembro de 05)


Nov 15 2005

Boicot

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:00 pm

Posiblemente terán escoitado falar dunha campaña contra os productos cataláns e de paso vascos (CV), ou mesmo recibirían algunha mensaxe dese tipo por algún medio (neste segundo caso, aconsellaríalles humildemente que fosen algo máis coidadosos nas súas relacións sociais). Para que non caian vostedes na tentación e para evitar que cultiven as malas compañías, eu asumín o risco de bucear nunha desas páxinas de internet [que non penso linkar] e contarlles como é a cousa.

Na primeira que atopei dan por sentado, como declaración de principios que “ni el PSOE ni el PP nos van a sacar de este lío. Los únicos que podemos frenar las ansias separatistas somos nosotros, los ciudadanos”. Vamos, que son apolíticos, na linguaxe da dereita rancia, ou compañeiros de viaxe na da esquerda fósil. A continuación propoñen un boicot ós productos separatistas “cívico, sosegado y pacífico” (tipo zen, pero podendo comer carne, sempre que non sexa catalana nin vasca, claro). A proposta é tan moderada que é gradual: igual que no karate, a cousa consiste en ir progresando a base de dar golpes, neste caso ás economías rebeldes. Na fase 1 (amarela) hai que darse de baixa dos bancos e servicios CV, e citan casos nos que se aforra co cambio (o civismo sosegado non implica despilfarro). A fase 2 (marrón, non me pregunten por que) é non mercar en cadeas de supermercados CV e consumir cava doutras zonas, que por riba é mellor. A fase 3 (laranxa) consiste en que aínda que merques en tendas de solvencia hispana, escrutes a etiqueta por se tentar colarche algo made in CV. A fase 4 (vermella, claro) é que non merques nada de nada CV, “salvo lo estrictamente necesario, como medicinas” (á espera de que se desenvolva a industria farmacéutica estremeña, supoño).
Como ven, ten a súa coherencia, quitado algunhas contradiccións. Unha, teórica: promover productos alternativos como “españoles” supón que os outros non o son, co que dan por perdida a batalla de que os CV tamén son españois, queiran ou non. Outra, práctica: se ás industrias CV lles vai mal, o lóxico é que haxa despidos, e seguro que escollen ós murcianos que traballan nas fábricas catalanas e ós de Melide que curran nas vascas. E tamén lles pode dar pola recíproca, e deixar de consumir chourizos de Cantimpalo, riojas ou (¡ai!) marisco. Pero, como sempre, o peludo é a aplicación á vida diaria: o máis parecido que hai a un coche español é un Seat, pero fabrícanse en Barcelona. ¿É máis patriótico conducir Hyundais? ¿É máis solidario con España facer a compra nunha cadea de aquí que trata ós traballadores vernáculos a baquetazo que noutra de fóra que tén a gala ter fixos a todos os empregados, galegos incluídos? E xa postos, ¿se queremos protestar contra Florentino que non nos deixa traer aquí a eléctrica que deixamos ir pero agora estamos arrepentidos, a que compañía nos apuntamos?
O problema é, como non se cansa Rajoy de parafrasear a Raymond Carver, ¿de que falamos cando falamos de España? Nunha emisora deportiva escoitei o outro día a repetición da transmisión desa fazaña patria de endilgarlle 5 a 1 á temible selección eslovaca (¿ou era eslovena?): “¡Luis García!, ¡Luis García!… ¡GOL-GOL-GOL! ¡Que español es Luis García!”. A ver se Zapatero aclara que é España, porque hai opcións como para borrarse.

(para mércores, 16 de novembro de 2005)


Nov 14 2005

Paradoxas

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:55 am

Aquí vivimos nun mundo católico, estructural, superestructural, cultural e socialmente católico. En canto nacemos, entramos de cabeza no seo da Igrexa Católica (IC), e boa parte dos pasos da especie humana (a iniciación á pubertade, o apareamento, as festas colectivas, o pasamento) dámolos seguindo as súas tradicións (ben é certo que a IC tivo o tino de apropiarse das tradicións anteriores). Sen embargo, esta é quizais das sociedades que menos practican as teorías coas que comulgan. Consecuentemente, a IC está traballando no asunto, e probablemente nuns anos esta sexa unha sociedade completamente laica.
bispos

Non é unha paradoxa, por moito que me gusten. España é o estado civilizado que mellor trata (polo menos economicamente) á IC, e no que a IC está máis sublevada. A manifestación do sábado pasado é o mesmo que se o Real Madrid convoca unha contra a conspiración arbitral e mediática que os está a fundir. As relixións, sobre todo as que non son a verdadeira, naceron para explicar por que caían raios, ou a xente morría, merecérao ou non. Que agora se impartan na escola é un anacronismo e outra paradoxa (¿quen saca mellor nota en relixión: un burro devoto ou un descrido intelixente?). Que por riba o proselitismo estea patrocinado polo estado é unha sinrazón e unha fonte de problemas pasada, presente e sobre todo futura (xa se considera dar clases de relixión musulmana, e se mañá Atochas-Monte Alto, por exemplo, se inza de mormóns ou de raelianos, a ver con que dereito se lles nega unha asignatura no instituto de Zalaeta). Conscientes da cara que lle botan, de que manifestarse en defensa dos privilexios queda mal, e para darlle argumentos políticos ós socios de convocatoria, o sábado en Madrid tamén se protestou contra o fracaso escolar. Evidentemente, ninguén está a favor do fracaso escolar. O que está por demostrar é por que estudiar relixión axuda a mellorar o resto das notas. Descartando a ironía do malogrado Antonio Blanco (“claro que nos pasan las preguntas de la selectividad a los de colegios privados. Sólo faltaría, con lo que se paga”), e descontando que non aturan rapaces conflictivos, inmigrantes e similares gracias á famosa libertade de elección (a que consideran amenazada non, outra da que non falan), o fracaso hai que repartilo entre todos, privados e públicos, laicos e crentes, gobernos presentes e futuros.

     Todo esto non &#233; un ataque &#243;s animosos manifestantes que encheron Madrid, l&#237;breme dios. &#211; rev&#233;s, al&#233;grame que se xunten todos, os que siguen &#243;s bispos e os que consideran que son uns blandos, os pais que temen que lles obriguen a mandar &#243;s seus fillos a colexios onde se blasfema, os que pensan que o poder se recupera nas manifestaci&#243;ns e os que se alegran de axitar a bandeira espa&#241;ola sen necesidade de ser alcaldes da Coru&#241;a. Al&#233;grame de que haxa xente disposta a defender o que consideran os seus dereitos amenazados, a&#237;nda que sexan os seus privilexios e non o estean. Outra paradoxa. A todo esto, o meu gusto por esta figura do pensamento d&#233;bolla a G.K. Chesterton, un escritor que fundou nelas e na militancia cat&#243;lica a s&#250;a obra. Contaba que se convertiu un d&#237;a que entrou nunha igrexa para gorecerse da chuvia. Escoitou o serm&#243;n e pensou que unha instituci&#243;n que sobreviviu dous milenios a pesar das parvadas que sosti&#241;an os seus representantes, algo deb&#237;a ter.

(para luns 14 de novembro de 05)


Seguinte páxina »