Nov 06 2005

Local power

Categoria: Si home sisihomesi @ 4:07 pm

Estou con Jiménez Losantos e o resto da banda en que o Estatut traerá graves consecuencias. Claro que difiro completamente en que tipo de consecuencias. Non caerá unha praga de langostas (ou si, pero pola desertización do territorio) nin choverá sangue, nin os primoxénitos sufrirán máis mal que o ter que vivir na casa paterna ata os 35. Pero os municipios esixirán máis competencias, sobre todo en urbanismo, e eso si que será a xeneralización da marca da besta.

Enténdanme. Non son contrario á descentralización local, nin estou calificando ós gobernos locais de incapaces. En Galicia, a metade dos concellos o que deberían solicitar é a eutanasia administrativa ou a concentración parcelaria, pero a outra metade dá moitos máis servicios que os que lle corresponderían polos ingresos que teñen, e é xusto é necesario que reclamen. A esas administracións locais que existen realmente e non como residuo dunha planificación que xa era pouco axeitada cando a crearon, eu confiaríalles aspectos como a seguridade cidadá, a xestión de infraestructuras como portos e aeroportos e todo o que queiran. Todo menos o urbanismo. Que as corporacións locais teñan o control absoluto do urbanismo é como encargarlle o control das armas á Asociación Nacional do Rifle, darlle a presidencia de Érguete a Sito Miñanco ou a Bush o mando na ONU. E non é que sexa un experto no asunto. A única vez que solicitei unha licencia de obras, para reformar a cociña e os cuartos de baño, no papel que me deron viña un adhesivo que especificaba que ma concedían “coa reserva do que estableza o Plan de Ordenación Urbana actualmente en proxecto”.
-¿E esto da reserva que quere decir? –inquirín todo mosqueado á funcionaria que me atendía.
-Home, por se deciden facer por aí unha carretera ou unha rúa…
-¿Na miña cociña?
Son un ignorante, como ven, pero teño ollos para ver as consecuencias estéticas dos urbanismos municipais e para ler noticias como a de que o xuíz que leva o caso “Ballena blanca” de branqueo de capitais na Costa del Sol meteu na trena ó alcalde de Manilva (Málaga) e ó seu cuñado por prevaricación. É decir, por recalificar unha finca de máis dun millón de metros cadrados e porque lle descubriron na casa, en bolsas de plástico, 800.000 euros que alguén lle debeu dar por se axudar ó progreso do lugar non era satisfacción bastante. Xa sei que este é un caso illado (dobremente illado: non todos os alcaldes actúan así, e os que actúan así non gardan o botín na casa en bolsas de plástico), pero boa parte do urbanismo actual ofrece o mesmo resultado que se fose unha conducta xeneralizada. Así que todo ó poder ós concellos, quitado en urbanismo… aínda que ben mirado, o do transporte… e tamén o do tráfico… ¿Que tal máis cartos, menos competencias e un exército pequeno?

(para luns 7 de novembro de 05)

3 comentarios a “Local power”

  1. pinacle dixo:

    Estou dacordo!

    Unha das vías dos salvapatrias españolísimos para minar os nacionalismos periféricos é por medio dos concellos (dinamitar as autonomías por debaixo), coa excusa da proximidade do poder local aos cidadáns e tal (plantexamento que de seguro comparte o ilustrísimo alcalde de coruña).

    Arrepía pensar o que poden chegar a facer os politicastros locais se cada vez teñen máis e máis cartos. Os concellos xa son na actualidade uns niños de corrupción completamente opacos para a opinión pública. Con máis poder, serían un pozo sen fondo. Os apaños caciquís locais teñen a vantaxe de que nunca son o suficientemente importantes para teren repercusión máis alá das páxinas do xornal local (excepto en madrid, claro). A corrupción a gran escala e concentrada (estatal; como a dos governos de felipito) é moi visible. A corrupción descentralizada, local e de baixa intensidade, é directamente imperceptible.

    Cabe a dúbida de que a persecución xudicial destes enredos sexa igual de calada, pero teño a sospeita de que moitos apaños son perfectamente legais dende un ponto de vista estritamente xurídico.

  2. sihomesi dixo:

    Por certo, ó sair de pagar cento e pico de euros pola solicitude, prólogo dos douscentos e pico da concesión definitiva os conceptos son aproximados, as cifras non atopei a un amigo que me contou que na avenida principal no núcleo de poboación no que vou reformar a cociña, había unha promoción inmobiliaria, un edificio con varios pisos e con caseta de venda, que cando un veciño un político semicoñecido foi reclamar porque o furado lle invadía a súa propiedad, enterouse, el e o concello, que a macroobra carecía de licencia. Por non falar do Paletox, que mira que abulta…

  3. F. Miguez dixo:

    Para min, o problema ten dúas partes:
    Por un lado, está o lucro ilícito, os maletíns (ou bolsas plásticas :D ) e o tráfico de influencias. Noutra beira, a perda do urbanismo tradicional (léase “ruralismo”). Na Coruña, por exemplo, o Plan Xeral prevé a desaparición do Eiris que coñecemos dando paso a máis pisos (“que lle dean polo cú as leiras de patatas de Eiris” oín unha vez ó respecto dende unha parte interesada). Do PXOM de Vigo, chegou o ruido a ben lonxe; e do de Cangas do Morrazo, gracias a deus que quedou en ruido e non se materializou esa especie de Marina D’or fronte ás Cíes.
    Comparto con vostede, sr. Pereiro, a dolorosa experiencia de ter sido víctima das esixencias municipais. No noso caso, tiñamos que ceder varios metros do eido a un camiño público para facer galpón-galiñeiro que proxectáramos. Con algúns cambios en semellante edificación, saímos da papeleta, pero catro anos despois aínda temos que oir ó típico atufado listirmo que asegura “Sodes ben parbos, si son eu, na miña fajo o que me dea a jana.”
    O peor e que teñen razon, sempre hai algún que fai o que lle da a gana. Dende as Fadesas ata os galpóns.

Deixa un comentario