Nov 09 2005

Arde París

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:57 pm

paredón
Vai para quince días que en Francia andan os barrios revoltos, e aquí os líderes de opinión siguen a preguntar retoricamente por que. Chamoume un colega que traballa en Madrid, a ver se lle conseguía o contacto con Manu Chao para que opinara, en lugar “deses burros que falan porque lles preguntan, non porque saiban”. Non me gustaría entrar nesa categoría de borricos que falan do que non saben, pero quedaríame mal corpo se non apuntara algo que me parece evidente: non se debe tratar tanto dun problema da inmigración/integración como dun problema de marxinación.

O que pasa é que os marxinados adoitan ser o que son, pobres e distintos. De feito, desde 1789, en Francia –e en ningunha parte- non marxinan precisamente á nobreza autóctona (e mesmo naquel tempo unha das razóns do odio a María Antonieta era por ser austríaca). Manterse na clase media cando teu pai ou teu avó veu de fóra a traballar na construcción é ben difícil agora que os contratos fixos rarean como os unicornios. Os pais/avós conformáronse co que lles deron, porque viñan de sitios onde unha persoa non tiña apenas valor e calquera cambio era a mellor, pero para os seus descendentes, nun país onde a xente ten dereitos, calquera cambio é a peor. E a acción do Estado (do francés, pero tamén de moitos máis) foi ir desaparecendo dos sitios conflictivos, deixando que se apañaran entre eles, ou intervir para amolar. Precisamente a biografía de Manu Chao publicada por Xerais conta como todos os proxectos xuvenís, clubs ou locais musicais, eran sistematicamente esmagados polas autoridades. En resumo, desde o punto de vista económico é mellor ser vaca na Francia rural que rapaz na Francia urbana. Nese ambiente, como cada certo tempo nos Estados Unidos, prende facilmente unha revolta nihilista e cega –e polo tanto, difícil de acougar, porque non hai dirixentes cos que tratar nin reivindicacións que negociar- na que a protesta sigue a pauta dos videoxogos. Queimar coches ou sacudir policías é á vez excitante e o sistema máis efectivo de facerse presente.
Ademais, claro, hai racismo. Como se fartan de decir os casseurs nos micrófonos –ás veces antes de sacudir a quen os leva, porque atizar periodistas tamén debe ser divertido- se te chamas Rahid e non Richard o choio que atopas como moito é de repartidor de pizzas ou de limpar váteres. Aquí pasa o mesmo, pero os precarios non se agarran a identidade ningunha porque poden fuxir dela. Unha rapaza que teña acento galego ou de presencia esteticamente incorrecta é difícil que lle dean un posto de dependenta nunha boutique: a solución é eliminar o acento (como quixo facer cando se quixo meter no show business aquel pasmón de Ourense que fora a Gran Hermano) ou facer dieta, pero quen leva na cara unha orixe evidente –como por outra parte lle pasaba ó de Gran Hermano cos coloretes da cara- non soluciona o problema indo a un logopeda ou a Corporación Dermoestética. En definitiva, pódense montar os especiais informativos que se queiran, pero o que pasa é o que outros socio-músicos proclamaban a finais dos anos 70 na Gran Bretaña: no future. En vernáculo: é o que hai, neno (que non hai).
(Por outra parte, o racismo é sempre contra os pobres. Unha vez que entrevistei a Lavodrama, o baloncestista centrofricano fillo dun ministro de Bokassa cando xogaba no OAR , contoume que se cruzara nunha rúa do Ferrol cun pai e un neno. “¡Mira, papá, un negro!”, dixo o pequeno. “No es un negro, niño, es un jugador de baloncesto”, cortouno o pai).

(para xoves, 10 de novembro de 05)


Nov 08 2005

Cuatro

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 11:22 pm

4
Momentos históricos nos medios de comunicación cada vez hai menos. E o que é peor, os que pensabamos que o eran desvanecéronse no tempo como gotas de chuvia, igual que os recordos do replicante de Blade Runner. Teño presente a aparición de El País (aínda que soamente fose porque o mundo da prensa daquela era aterrador) e a deste xornal (aínda que fose polo medo de ter que facer columnas cada dous días). Non lembro demasiado a irrupción das televisións privadas, e eso que supuñan un auténtico terremoto no panorama catódico (aínda que non imaxinaba o cataclismo que chegarían a ser). Moito me temo que a estrea de Cuatro non vai mudar demasiado o meu esquema de recordos.

E non por falta de aplicación. O luns ás 20,44 estabamos en perfecta formación diante da pantalla os elementos familiares que a esa hora non teñen que estar na cama ou en actividades formativas. Os presentes (a sub-unidade conxugal) estivemos tan de acordo coa declaración de principios que se non aplaudimos foi para non parecer que estabamos de público nun talk show. A presentación do cadro de persoal estivo correcta (moderna á par que contida), aínda que a excesiva presencia masculina e a sobredose do color corporativo nas garabatas lle dese un certo aire de voda familiar de Los Soprano. Logo apareceu Gabilondo e dixo: “¡hola!”. Estaba máis nervioso do que lle teño escoitado nunca, e a presencia esmagadora do vermello dáballe ó informativo un aire maoísta (máis que o informativo da Cuatro parecía o da Banda de los Cuatro), pero o deseño do formato e da proposta gustoume por distinto: apostar polo que se considera noticia e non polo que se supón que chamará a atención. No negativo, que non parece que detrás do presentador-tótem haxa moitos vimbios para facer o cesto innovador que se pretende (a exclusiva do informe secreto de que sigue habendo perigo de atentados islamistas non é moita noticia: o raro é que despois do 11-M algún experto se atreva a poñer por escrito que non hai perigo). No positivo, os dous momentos estelares. Un, a reportaxe do propio Iñaki en París, aínda que tivese un certo regusto radiofónico. Dous, a ministra Magdalena Álvarez como enviada especial ó lugar do accidente de Granada. Amigos maliciosos (entre outros) coinciden en que a ministra agarrando o micrófono é a mellor arma para os que aseguran que o Goberno deulle a concesión á Cuatro polas mesmas razóns que o de aquí á Cope (para ter unha cadea amiga para sempre, porque o afecto das públicas decídeos o electorado). Sen embargo, prefiro non facer sangue. Imaxino que a productora que se deron maña en buscar para cubrir o drama que se producira esa mesma tarde (ver aspectos negativos) non tiña siquera un micro de solapa. E agradécese a sobriedade expositiva de Magdalena nestes tempos nos que está de moda a xesticulación dos periodistas, como si se tiveran formado en Barrio Sésamo e non nunha facultade.
Desgraciadamente, despois tiven que ir rescatar ó pequeno dunha actividade formativa. Polo informe que me fixeron ó volver, non perdín gran cousa, e o mesmo opinou a audiencia, que lle deu un 15% de cota (nun día en que non houbo informativo de Tele5). Onde máis se viu esa proposta nova e urbana foi en Madrid e en Galicia, o que significa que hai esperanza (aínda que non sei de que).

(para mércores, 9 de novembro de 05)


Nov 06 2005

Local power

Categoría: Si home sisihomesi @ 4:07 pm

Estou con Jiménez Losantos e o resto da banda en que o Estatut traerá graves consecuencias. Claro que difiro completamente en que tipo de consecuencias. Non caerá unha praga de langostas (ou si, pero pola desertización do territorio) nin choverá sangue, nin os primoxénitos sufrirán máis mal que o ter que vivir na casa paterna ata os 35. Pero os municipios esixirán máis competencias, sobre todo en urbanismo, e eso si que será a xeneralización da marca da besta.

Enténdanme. Non son contrario á descentralización local, nin estou calificando ós gobernos locais de incapaces. En Galicia, a metade dos concellos o que deberían solicitar é a eutanasia administrativa ou a concentración parcelaria, pero a outra metade dá moitos máis servicios que os que lle corresponderían polos ingresos que teñen, e é xusto é necesario que reclamen. A esas administracións locais que existen realmente e non como residuo dunha planificación que xa era pouco axeitada cando a crearon, eu confiaríalles aspectos como a seguridade cidadá, a xestión de infraestructuras como portos e aeroportos e todo o que queiran. Todo menos o urbanismo. Que as corporacións locais teñan o control absoluto do urbanismo é como encargarlle o control das armas á Asociación Nacional do Rifle, darlle a presidencia de Érguete a Sito Miñanco ou a Bush o mando na ONU. E non é que sexa un experto no asunto. A única vez que solicitei unha licencia de obras, para reformar a cociña e os cuartos de baño, no papel que me deron viña un adhesivo que especificaba que ma concedían “coa reserva do que estableza o Plan de Ordenación Urbana actualmente en proxecto”.
-¿E esto da reserva que quere decir? –inquirín todo mosqueado á funcionaria que me atendía.
-Home, por se deciden facer por aí unha carretera ou unha rúa…
-¿Na miña cociña?
Son un ignorante, como ven, pero teño ollos para ver as consecuencias estéticas dos urbanismos municipais e para ler noticias como a de que o xuíz que leva o caso “Ballena blanca” de branqueo de capitais na Costa del Sol meteu na trena ó alcalde de Manilva (Málaga) e ó seu cuñado por prevaricación. É decir, por recalificar unha finca de máis dun millón de metros cadrados e porque lle descubriron na casa, en bolsas de plástico, 800.000 euros que alguén lle debeu dar por se axudar ó progreso do lugar non era satisfacción bastante. Xa sei que este é un caso illado (dobremente illado: non todos os alcaldes actúan así, e os que actúan así non gardan o botín na casa en bolsas de plástico), pero boa parte do urbanismo actual ofrece o mesmo resultado que se fose unha conducta xeneralizada. Así que todo ó poder ós concellos, quitado en urbanismo… aínda que ben mirado, o do transporte… e tamén o do tráfico… ¿Que tal máis cartos, menos competencias e un exército pequeno?

(para luns 7 de novembro de 05)


Nov 04 2005

R.O.

Categoría: Non sei eu...sihomesi @ 1:08 pm

r.o.
Hai xente pa tó. Como uns que ten unha web sobre os 80 (musicais), entre eles un rapaz de Oleiros ó que se lle meteu na cabeza que podían ter interese certas batallas antigas. Aproveito o momento nostalxia para preguntar se alguén ten gravacións, que hai outros chalados interesados en recopilalas e editalas. Dior mío, que tempos (e que resacas, mimadre)


Nov 02 2005

Nominalismos

Categoría: Si home sisihomesi @ 10:54 pm

Moitos debates despáchanse argumentando que a cuestión debatida ou as diferencias son “nominalistas”, ou sexa correspondentes ás formas volubles e prescindibles, e non ó fondo constante e importante das cousas. Curiosamente, os debates, grandes e pequenos, que saturan estes días o aire como as microondas dos móbiles, son por cuestións nominais.

Por exemplo, ese do proxecto de novo Estatuto catalán do que polo menos os máis enterados de vostedes quizais teñan escoitado falar. Sería de supoñer que un estatuto, algo tan complexo que ata hai que estudialo para sacar unhas oposicións, teña una chea de intríngulis. Eu particularmente son algo aprensivo no que respecta ó capítulo económico, dada a demostrada habilidade fenicia dos propoñentes, pero se hai un caso claro de aproveitamento económico dunha situación política é o de Madrid, que de vila creada no medio dun páramo afastado chegou a potencia económica, e ninguén di nada. A maiores, a cláusula do proxecto de Estatuto valenciano consensuado por PP e PSOE que di que eles terán o que lles dean ós demais xuridicamente paréceme unha chafallada, pero tampouco creou polémica. Sen embargo, como sintetizou brillantemente no seu día o noso alcalde e confirmou onte igual de brillante pero con menos acento o noso paisano Mariano Rajoy, o inadmisible do Estatut vén –afortunadamente- ó principio: Cataluña é unha nación. E como nación é España, segundo a Constitución, acabouse o conto. (Para os lectores menos enterados ou que non prepararon oposicións, a Constitución é un conxunto de leis que en 1978, cando aínda estaba quente o cadáver político do franquismo, acordaron unha serie de representantes políticos e que a cidadanía, non convencida de todo de que o cadáver era cadáver, votou que si, que o que fose. Ignoro as razóns polo que aquel conxunto de normas se convertiu na Palabra Revelada que outros representantes políticos non poden tocar, pero quizais veñan na web do PP). Se aquí imos ter outro follón polo mesmo, como parece, propoño que nos denominemos Reino de Galicia (será por reis), e a ver que argumentos históricos hai en contra.

     Pero o debate nominalista axexa tanto no macro como no micro. A proposta de cambiarlle o nome ó que lle chamaban a Residencia da Coruña leva o mesmo camiño. Juan Canalejo (para os lectores, etc) foi un individuo cuios méritos para que lle dedicaran un hospital consistiron en subministrar unha chea de órganos. Desgraciadamente, en 1936 aínda non se facían transplantes e nin agora valen os órganos con buratos de bala. É decir, un Hospital “Juan Canalejo” é algo similar a un Xardín de Infancia “Herodes” ou a unha Axencia Matrimonial “Landrú”. A pesar de que o franquismo obrigou a cambiarlle o nome ata á ensaladilla (de rusa a imperial), agora hai espíritos progresistas que recean da mudanza nominal en base á solidez da imaxe de marca “Juan Canalejo”, como se o prestixio dun hospital non residira na excelencia profesional (o Hospital Militar pasou a ser Abente y Lago, e aínda ganou) senón na marca, como os deterxentes (e incluso neste ramo Mister Proper cambiou a Don Limpio). Tamén neste asunto teño unha proposta conciliadora e respectuosa coa historia: Hospital “Paseador Juan Canalejo”.

(para xoves, 3 de novembro de 05)


Nov 02 2005

Se rompe España

Categoría: Destafoisihomesi @ 1:27 pm

mapa
(e aquí o revelador documento gráfico collido co móbil que o proba )


Nov 01 2005

Leonor, naturalmente

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:21 pm

Entre os máis entusiastas polo nacemento do novo vástago real están a inmensa maioría dos correspondentes de medios nacionais. Saben que entre o natalicio e o debate do Estatut, non a van rascar nun par de semanas. Entre os verdadeiramente amolados, ademais dos republicanos profesionais, están o resto dos periodistas, sobre todo ós que pillou de garda a real rotura de augas. Porque hai que recoñecer que, aínda cando todos os xornalistas teñamos unha vocación innata ou adquirida de darlle ó público o que se merece ou pide, no fondo temos un remoto atavismo de profesionalidade. E se hai un campo ermo onde non hai nada que sachar, despois das entrevistas a sindicalistas, futbolistas ou misses, é un natalicio. Nunha necrolóxica sempre podes resumir unha vida, reproducir recordos de amigos e inimigos, pero dun recén nacido, ¿que hai que contar? Ata a Juan Carlos Valerón ou a Penélope Cruz lle das sacado algunha frase, pero un bebé non fai declaracións.
regalos

Así que frases como “es un poco gordita” encabezan titulares e adquiren importancia de pensamento revelador. Mesmo o dato irrelevante –por efímero, xa medrará- do que mediu, 47 centímetros se repite ad nauseam (no buscador Google, “47 cm + Leonor” ofrece 48.000 resultados, contra 17.600 de “24 cm + Rocco Sifredi”). Así que a miña máis rendida admiración a todos aqueles colegas que dan abarrotado páxinas e horas a conta do evento. Claro que eles, a clase editorial e política, son os máis conscientes de que están a facer un mundo dun parto, así que tentan vestir o que non deixa de ser unha peripecia moi emotiva para familiares e amigos como un crucial acontecemento político, erguendo o debate das implicacións no texto constitucional. A previsión das circunstancias laborais dunha nena para dentro de 30 ou 50 anos, ou nunca, teñen máis urxencia e máis consenso que satisfacer as expectativas do 80% da sociedade catalana.
Ese (chamémoslle) cinismo nas superestructuras contrasta coa (chámanlle) serenidade das infraestructuras, é decir a xente, que na inmensa maioría alégrase pero a modo, consciente de que a cousa nin lle vai nin lle vén, alomenos mentres non inflúa no euribor. Logo están os que practican o exhibicionismo emocional ou físico. Noutras monarquías, o fervor e a fidelidade á institución demóstrase en actitudes certamente patéticas (sempre é patética a devoción vertical) e algo entrañables, pero aquí é completamente friki. Non se diferencia a reverencia popular ós monarcas da admiración ós concursantes de Gran hermano. Aquí o minuto de gloria para o vulgo foi para o do bar que deixou acampar toda a noite ós periodistas e para aquel tipo vestido de botones Sacarino que apareceu co primeiro regalo e que, sen complexo ningún por terse que ganar a vida disfrazado, vai e saúda todo campechano como se a cousa fora con el. Por certo, se algún día me executan, o meu último desexo será botarlle un ollo á nave onde se gardan os regalos todos que se lle fan á familia real.
botones
Hai que admitir que máis elegantes foron os admirados, poñéndolle Leonor nun tempo en que a demanda social esixe chamarlle Yaiza ou similar. Se chega a ser neno e lle poñen Pelayo como reclamaban sectores sen sentido do ridículo, veriamos a III República.

(para mércores, 2 de novembro de 05)


« Páxina anterior