Etiquetas
Hoxe, os homes comandados por Ferrín, Gustavo Ferrín, entre eles Pouso, Pereira, Varela, Salgueiro, Castro, uniformados de azul celeste loitarán contra os nosos, vestidos de azul e branco. A selección de Uruguai (que lle debe uns dos seus primeiros títulos a Pedro Cea, un de Redondela) contra a de Galicia. Unha auténtica loita fratricida, vamos. Hai metas que pagan a pena soamente con desexalas (e chamámoslle utopías). Hai outras, a maioría, que son boas ata que as consigues (e deixan de selo). E hainas tamén que se xustifican incluso co primeiro paso que se dá para acadalas. Este é o caso da selección galega. Non sei o que dará de si, pero o que deu ata o momento, que se celebre o partido de hoxe, xustifica de sobra a reivindicación da súa existencia. Para a miña sorpresa, a verdade.




