Dec 01 2005

Outra máis

Categoria: Destafoi, Si home sisihomesi @ 4:27 pm

Estamos inmersos na celebración, íntima pero afervoada, de que a UE afrouxará por fin 257 millóns de euros europeos para o porto exterior. A conmoción da noticia (noticia relativa, porque que os ían soltar xa o sabía todo o mundo, incluído Álvarez Cascos, que nin os pedira) non debería distraernos de informacións menores, como que a Junta de Andalucía lle retirará as competencias urbanísticas ó concello de Marbella, ou o debulle que fixo o conselleiro de Medio Rural das obras paralizadas pola Xunta. Non debería porque todos estes fenómenos obedecen ás mesmas causas.

O porto exterior (o Porto Exterior, segundo a terminoloxía oficial) é, como terán deducido vostedes pola súa conta sen ter que prestar atención ós discursos, unha infraestructura indispensable para asegurar o futuro da cidade, da comarca, e de Galicia enteira. Desafortunadamente, tivo que espetarse un petroleiro, que as autoridades pensaran que o asunto se amañaba con comunicados, que á sociedade galega se lle incharan as narices e se manifestara, que Aznar non tivera outro sitio mellor onde facer un consello de ministros que María Pita e que o alcalde Vázquez tivera a indiscreta precaución de andar furgando nas fotocopiadoras, comprobara que nos acordos non estaba o PE e montara un dios, para que se chegase á conclusión de que había que facela, no último minuto como nas películas de 007. En resumo, se o petroleiro ou as autoridades fosen máis espelidas, Aznar fose a Cedeira e a Paco Vázquez non lle dera por inspeccionar a sección municipal de reprografía, o PE seguiría no limbo das cousas e das causas xustas. Se no porto de sempre, progresivamente baleiro, non houbera unhas parcelas providenciais coas que amañar o sky line que tiñamos incomprensiblemente fanado e de paso achegar uns cartos para o PE, A Coruña, a comarca, etc. sumiríanse na decadencia máis irremediable. Menos mal que Deus escribe recto con trazos tortos, e máis en cuestións marítimas.
En Marbella tiñan parecido problema de abrirse camiño ó futuro. Había unha jet e unha chea de veraneantes de postín, pero tamén algúns pobres que afeaban o conxunto e, sobre todo, poucas posibilidades de desenvolver axeitadamente o potencial inmobiliario da zona. Afortunadamente, caeulles do ceo a oportunidade de votar para alcalde a un empresario dinámico e con dotes mediáticas para distraer a atención e evitar que se centrara no cumprimento da normativa urbanística. Un problema cuspidiño ó dos alcaldes que protestaron o outro día no Parlamento baixo a consigna “Outra máis”. As prometidas e logo denegadas actuacións (campos de golf, aparcamentos para restaurantes, servicios para tanatorios…) poderán parecer cousa miúda ó lado do PE ou do de Marbella, pero, a escala, obedecen ás mesmas necesidades revitalizadoras das economías locais. E á mesma concepción das autoridades como conseguidores do que sexa. Se logo o que sexa sirve para algo ou non está de dios, pero no entanto foron uns cartiños e uns postos de traballo que se disfrutaron. Así, temos unha Cidade da Cultura, dous PE, tres aeroportos, catro trazados do AVE… e cando paremos de contar, que nos quiten lo bailao.

(para xoves, 1 de decembro de 05)

10 comentarios a “Outra máis”

  1. eSedidió dixo:

    Ou eu ando singularmente espeso esta mañá ou non consigo atopar ironía niso que fala de que o PE é unha infraestrutura indispensable para o futuro de Coruña, a comarca ou Galicia. Non pode estar a falar en serio. O PE é un disparate dende o punto de vista técnico, loxístico e/ou económico, e non serve máis que para que o Sr Paco poña un cravo de ouro á súa carreira, para que á algún promotor se lle poñan os dolares nos ollos como ao tío Gilito e para que algún político bote peito (non sei se por este orden).
    Non sei moi ben onde carallo imos con estas movidas, pero témome que estamos a asistir a un acto mais disa astracanada chamada futuro de galicia

  2. sihomesi dixo:

    Estou de acordo con vostede na súa segunda apreciación (a do PE), e polo tanto, coa primeira (hoxe debe estar algo espeso. Tamén o debía esta eu cando escribin o asunto, porque non é a primeira vez que me paso de sarcástico. Se quere comprobar as miñas opinións sobre o asunto PE, reiteradas ata a teima, a ver se sae algo gugleando “porto exterior” + Pereiro

  3. F. Miguez dixo:

    Eu sí o entendín á primeira, pero porque é un tema co que estou muy sensibilizado, ese de tirar cos cartos nunhas infrastructuras… resumámolo con “cuestionables” xenérico.
    Volvo á carga coa miña pregunta de sempre nestes temas: ¿Hai alguén que faga algo ó respecto de todo iso? (E dicir, que esixa un pouco de sentido común e pida públicamente que se deteñan eses desatinos)
    A resposta vai ser sí, xa o sei: Mesa Pola Defensa da Ria de Vigo, Mesa Pola Defensa Dos Rios, Nunca Mais… e a interminable lista de asociacións que se unen para formar estas asociacións. Pero eu opino que sobran boas intencións e falta organización, sobra minifundismo e falta que se materialice unha verdadeira conciencia ambiental, patrimonial e cultural de Galicia. E que exista UNHA voz pública que saque partido da falta de maiorías absolutas á hora de frear o expolio plutocrático da nosa terra.
    (Coido que vou pegar este post no meu currículo de redactor de discursos)

  4. oollodavaca dixo:

    canta xente votará a Lpaco Lvazquez nas próximas pensando no ben que xestionou os cartos para o magnífico porto coruñés? e cantas votaban a gil? e cantos a todos os alcaldes que se xuntaron o outro día a ladrar su rencor na porta do parlamento?

    e, digo eu, serven todas esas plataformas para cambiar esa tristísima realidade electoral?

    serven para que a xuventude de esquerdas se sacuda a súa apatía idem?

    non, non me falen das últimas eleccións. nunca tanto rebumbio armou a oposición (a sociedade civil e mais as plataformas todas) e o pp só perdeu a maioría absoluta por un pelito así.

  5. airadasenra dixo:

    O tema do pex xa non sei moi ben por onde collelo… en definitiva, so son cartos e iso fai feliz a moita xente: ós que fan plusvalias amasandoos.
    Dubido profundamente da conveniencia de gastar 250 millons de euros nunha obra desas caracteristicas… non me creo que o pex se vaia convertir no que alguns din que vai ser e mais ben penso que tal desembolso e froito da presion dun ben artellado loby de intereses. Supoño que o que abre a carteira europea terá que xusticar i explicar ós que poñen o cheque as razons delo e o mesmo tempo os nosos gobernantes deberian explicarnos e convencernos das suas bondades para todo-los galegos… Sí, pois o mapa do reparto dos fondos de cohesión en Galicia é moi gráfico: invertironse en total algo mais de 400 millons de euros dos fondos de cohesión ó longo destes anos en toda Galicia ¡Magoa de dibuxo tipo Máximo coa retranca de Gogue!
    Será bo o pex… e merece ser ben explicado para que asi todos nos sintamos orgullosos de tal investimento. Ainda que tamén nos enchería de ledicia saber que Galicia vai seguir recollendo fondos de cohesión e que o cheque do pex non será unha hipoteca. Tamén que os que temos lonxe o pex teñamos certeza de que o uso dos fondos vai estar onde mais falla fai: en toda-las areas do rural que se están despoboando, Galicia desborda para a costa e no interior de Ourense e Lugo… ainda siguen co trac en telefonía, sen acceso o adsl (nin tan siquera a unha rdsi), cunhas estradas para tractores, sen cobertura de telefonía movil, cunha poboación envellecida, coa agricultura desfeita e concellos minifundistas tirando cada un para o seu lado. Resulta paradóxico que os alcaldes populares monten unha orxia teledirixida no Parlamento por catro euros e fiquen pasmados cando lle sacan o bacallao do prato. Ainda así… quédanos a creatividade ¿non si?

  6. F. Miguez dixo:

    ¿De que falamos exactamente cando dicimos “Concellos Minifundistas”? Supoño que se refire, principalmente a Vigo e A Coruña ¿non? Porque a súa actitude é precisamente a da desintegración co entorno propia do minifundismo. O pex e un caso particular dun problema xeral: unha política de investimentos en infraestructuras industriais e comerciais que non se corresponden coa realidade. Sen profundizar na xeneralidade, abro outra liña. ¿E verdadeiramente posible que o pex da Coruña e mailos proxectos da Autoridade Portuaria de Vigo sexan simultáneamente os maiores portos comerciais do Atlántico Sur Europeo, tal e como pretenden? ¿Non será que a Xunta non existe máis que de fregona en estes dous minifundios, no canto de vertebrar unha política única para toda Galicia? ¿Onde está o transporte de mercadorías por ferrocarril que se impón no resto desa Europa que imos “liderar”?
    Respecto ó das plataformas. Moi boas intencións, bastante vontade, algunha idea brillante, e cero unidade. Máis minifundismo. No canto de tantas plataformas e mesas, deberíase estructurar unha soa entidade social de reivindicación ambiental, cultural, social (e o que faga falla), con capacidade de convocatoria, movilización e unha perspectiva xeral dos problemas comúns de Galicia. Non os de Teis (PXOM Vigo) por unha parte, Caldas de Reis (cementeira)por outra, Redondela (cementeira tamén) pola súa, Pontecaldelas (rio Verdugo)… e as que non sei porque non teñen en sí mesmas voz suficiente para que as oia eu dende aquí, e xa non digamos quen as debe oir dende os seus despachos.

  7. sihomesi dixo:

    1.-A políticade infraestructuras nunca se fixo, nin en España nin por suposto en Galicia, desde a perspectiva da planificación senón do clientelismo e do favor. Aquí demandáronse dúas autovías de conexión coa meseta no canto de unha central que se esgallara ata o norte (Lugo- A Coruña) centro (Santiago) e sur (ourense- Vigo) porque se fixeron en base ás peticións dos alcaldes que pedían para si. Eu vin en oficinas da renfe unha proposta de mapa ferroviario feita pola Sociedade de Amigos do País en 186… que incluía vías por Carballo, Ourense-Lugo…
    2.- Os periódicos nunca contrastan o que din os políticos, sobre todo en clave local. Aquí aceptamos que o Paseo Marítimo da Coruña é o mais longo de Europa cando en realidade penso que nin é o meirando de España.
    3.- As plataformas é lóxico que teñan ámbito local porque xurden por problemas locais, e para xuntar vontades e persoas que se opoñen a aspectos concretos. O que estea contra unha cementeira non ten por que estar contra un PXOM. E estar en contra dun PXOM non supón ter que estar en contra de outro, porque na oposición a un plan está xente que se opón a concepcións urbanisticas determinadas e xente á que lle afecta o Plan negativamente, pero estaría encantada de que edificaran ata nas praias. Si sería lóxico que se uniran, por exemplo, os contrarios ás minicentrais, e penso que xa o estaban.

  8. F. Miguez dixo:

    Estou de acordo en que as plataformas (ainda que non todas, p.ex. Nunca Mais) son locais porque se forman para problemas locais. Pero sosteño que, mentres non exista un movemento común en toda Galicia de oposición a ese clientelismo, á falta de previsión, é o libre albedrío político-económico (entédase, dos que ostentan o poder político e económico) non se vai lograr nada. O conxunto de Galicia vaise deteriorando, efectivamente, en cagadas puntuais e locais, pero o problema repártese e está presente en toda Galicia.
    Saturado das paridas (camiño das tres da mañán non teño acceso ós paliativos no meu diccionario) do Faro de Vigo, como abandeirado editorial dese xornalismo minifundista-plutocrático-municipal, de todos os nosos concellos (ou case), acollo as súas opinións coa ilusión de que outro pensamento aínda poida chegar a cuaxar e chegar alén de localismos.

  9. sihomesi dixo:

    Falando do problema local concreto do PE coruñés, o que está que rebenta é o meu veciño de páxina en La Opinión
    http://www.laopinioncoruna.com/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=43627&pIndiceNoticia=0&pIdSeccion=5

  10. F. Miguez dixo:

    Moi interesante, o artigo do link, Sr. Pereiro. Agardaba un texto compracente e leo máis do que eu penso: unha Galicia que vive pensando en aquelas devesas que frecuentaba (co gando) na sua infancia, e aqueles rompentes románticos no que as olas atlánticas hipnotizan á parella hasta fecerlle respirar ó uníosono dun abrazo… enfrentada con esa Galicia que ve na ria de Vigo unha explanda que, convenientemente aterrada, podería ser un excepcional polígono industrial; que fala de contenedores, do porto de Rotterdam…
    Non é un problema local. E o noso reducto de vida natural (léase “Ser e comer”), e romántica si quere, contra o imperio de “xeneración de riqueza” ou “desenvolvemento económico” que algúns, parte interesada, lle venden ó público. Vostede (e tantos), coruñes, atopa no PEX e as súas consecuencias un paradigma de esa dialéctica. Eu, habitante da A-9, vexo no PEX de Sir P. Vazquez, na Autoridade Portuaria de Vigo e nun sin fin de infraestructuras “necesarias para el crecimiento económico de Galicia”, o imperio dun absoluto desprecio hacia valores que, na sua agonía, xa estamos (eu polo menos) a botar de menos (no sentimental), e o zenit de outros valores que surxen do ínfimo da condición humana: o ego, o lucro, o interese…

    P.D.:
    Á Att. do Sr. Pereiro:
    En certo post e consecuentes comments, dicíame vostede que “a barra dun bar e un foro…” Dun foro deses veño eu e, pola natureza dos temas hoxe tratados, veño especialmente sensible. Espero que me comprenda.

Deixa un comentario