Dec 20 2005

Papuchi

Categoria: Si home sisihomesi @ 8:55 am

Estarán ó tanto do caso deses dous mariñeiros da Armada que morreron no accidente da fragata Extremadura. Estaba eu nos xardíns da Capitanía de Ferrol, firme como se estivera alí destinado, contando ós programas de tirios e ós avances informativos de troianos o que se sabía do caso a primeira hora da mañá, cando nun deses directos me tiveron de pasmón vinte minutos mentres me entretiñan –a min e a audiencia- cos detalles do óbito do doutor Iglesias Puga e debullaban a “intensa” vida dese “entrañable personaje” ó que se referían indefectiblemente como “Papuchi”. “Efectivamente, aquí en Ferrol también hubo otras muertes esta madrugada”, estiven nun tris de comezar logo que me deron paso.

Non o fixen, e se o fixera, non sería polo plantón, que a fin de contas, eso vai no salario, e peor é traballar nunha mina. O que me amolou foi o resto da xornada. A morte de dous rapaces, polo que imaxino, un fillo de emigrantes que se alistou neso de “ven a coger olas” á idade na que os fillos da clase media están en segundo de carreira, e outro de Cambre que preferiu poñer un uniforme a cambio de aprender un oficio e ter un soldo, despachámola todos baseándonos nun deslabazado comunicado oficial, falando de “tuberías de vapor del sistema de propulsión” e “calderas en funcionamiento de régimen automático”. Como os militares son así de seus, por moito que os subvencionemos nós, non hai declaracións sobre o que debeu un labirinto metálico cheo de tubos, corredores angustiosos e escaleiras claustrofóbicas inundados de vapor asfixiante. “Se abrirá unha investigación”, e arreando. Ven coller ondas (nun barco máis vello ca ti).
Pola contra, o de Papuchi era todo un mar de sentimentos e un océano de condolencias pola desaparición do entrañable personaxe, que escoitei calificar ata de “inesperada”, como se de alguén que xa cumpriu os 90 se puidesen agardar outro tipo de noticias. En xeral, todo o que se dixo –ou polo menos o que escoitei- parecía extraído do No-Do: desde o de “prestigioso ginecólogo” ata as loas á súa vitalidade, demostrada en facetas tan dispares como a de secuestrado de ETA ou a de pai á idade de ser bisavó. Non digo eu que haxa que definir, quentes aínda os seus restos, como un perfecto vivalavirgen a quen o foi, pero é que nin siquera lle chamaron vividor cando recordaron que tiña confesado (ou alardeado de) andar con outras mulleres ós tres anos de casado (nun tempo en que o adulterio era tan raro que ademais de pecado, era delicto). Mesmo loaban a súa condición de “caballero” por non ter proclamado que se casou con outra ata que morreu a súa lexítima. Sinceramente, logo de todo un día de escoitar panexíricos coma eses, cada vez que sentía “Papuchi” víñanseme á cabeza aqueles personaxes de falanxista ridículo que borda Sazatornil nas películas. (Por certo, ¿que clase de persoa admite ser alcumado publicamente como “Papuchi”?).

(para martes, 20 de decembro de 05)

7 comentarios a “Papuchi”

  1. Subcomediante H dixo:

    ahahaha… vejo-me na obriga de lembrar-lhe que você admitiu publicamente a alcunha de “Johnny Rotring”, que já lhe vale também.

    Era bricadeira. Excelente artigo

  2. F. Miguez dixo:

    Elle duro, para un idealista, descubrir que a xente sigue a demandar Papuchis, bodas de princesitas, infidelidades con abrigo de visón e intimidades de pailáns vidos a estrelas.
    Eu poría a eses dous mariñeiros no saco dos mil-e-pico mortos en accidente laboral cada ano, e cerrarío o 31 de decembro, a ver si o ano que ven alguén se da conta de que ten máis probabilidades de morrer choiando que, por exemplo, matado por ETA ou AlQueda xuntos, no canto de preocuparse do glamur de outros que non teñen moi claro en qué consiste iso de lle dar un pau a auga.

  3. Alfonso Pardo dixo:

    Nun Estado cheo de falanxistas de verdade(ou hoxe en día de fascistas de verdade),as críticas ao Doutor Iglesias sempre me pareceron facilonas,sen contido e,ás veces,froito dun certo integrismo,algo así como a crítica dos marxistas-leninistas aos Rolling Stones.
    Postos a facer política de catro patacóns,eu diría que as persoas progresistas poderían agradecer:
    1-O ridículo enorme que fai o PP diante da familia Iglesias.
    2-A introducción dunha moral sexual máis aberta.Aínda que eu respeto aos defensores da fidelidade ou do matrimonio indisoluble,non aos puteiros que logo fachandean na COPE.

    Por suposto que a clase obreira ten dereito a ter a súa vangarda e os seus herois,pero comparar ao Doutor Iglesias cos mariñeiros de Ferrol non ven a conto.O bon sería que Galiza fora unha nación con orgullo,que houbera menos diferencias entre ricos e pobres,que o aborto fora libre e gratuito,que Paco Vázquez non fora alcalde-promotor inmobiliario na Coruña…..coido que o doutor Iglesias non era un atranco para todo isto.
    PD.E non me fume moito Mr Pereiro,aínda que non estea de acordo con vostede nalgunha cousiña,quero seguir lendo os seus artigos moitos anos.Lémbrese do mal que respiraban Chéjov e Carver,escritores tamén de sete estalos, aínda que non da Coruña.

  4. sihomesi dixo:

    Ben, eu non comparei ós mariñeiros do Ferrol con Papuchi, comparei os tratamentos informativos. No que respecta á PD, fágame o favor de non poñerme colorado, e ademais eu son de Monforte

  5. sihomesi dixo:

    E a subcomediante H. O de Johnny Rotring non o aceptei, argalleino eu (como brincadeira, of course)

  6. Subcomediante H. dixo:

    :) Parafraseando (mais uma vez) John Joseph Lydon, “You’re rotring, you are”. Ah, e foi um prazer conhecê-lo o sábado.

  7. sHs dixo:

    Ben, gustariame ter quedado algo máis, ata que o licor café crebara a timidez e o frío ambiente (e que me tocou mesmo baixo do tiro aquel, e estiven a piques de pedir unha maseira daquelas do churrasco para poñela nos pés), e agardar a rolda tipo voda de ir dun sitio para outro, pero en fin…

Deixa un comentario