Dec 09 2005
Pasarela Vaticano
Comer, rascar e probar, todo é empezar…

Dec 08 2005
Eu teño unha relación ambivalente con Madrid, probablemente como todos os que viviron unha etapa da súa vida nesa cidade, dependendo de como lles fose, claro. A min mal non me foi e conservo un recordo moi agradable do ambiente, das cañas e as patacas bravas, dalgunha xente e daquela inxenuidade receptiva que entón tiñan os madrileños polo moito que lle era alleo, como unha amiga miña que volveu da súa visita a Galicia sorprendida de que houbera moitos verdes distintos, non o verde-verde de sempre. Puxen “tiñan” porque teño unha colección de impresións de que xa non é así.
Teño experiencias persoais, desas que non valen como argumentos, como o incremento do trato displicente que recibimos de cando en vez os que traballamos para empresas alí radicadas (como exemplo, no novo programa informático que uso, o cartafol que antes se chamaba “Galicia” agora chámase “regional”). Ou o feito de que amigos, coñecidos, e demais familia alí residentes, contan tan naturalmente que non consumen en tales supermercados porque son vascos ou cataláns (os supermercados, non eles). Tamén percibo impresións fragmentarias, granos deses que non fan granero, como o desapego co que o mandado de Florentino Pérez que está á cabeza de Fenosa despachaba as preguntas sobre as relacións da empresa coa Galicia que encheu de encoros, ou a recente decisión de Iberia de suprimir as conexións cos aeroportos galegos que non sexan desde ou con Barajas.
Este comportamento do que sospeito sen estudio ningún que o sosteña, entenderíase se os cidadáns da Comunidade Autónoma que rexe con tanto tronío Esperanza Aguirre visen merada a súa importancia a conta de que medren as demais, pero a realidade é outra, segundo –esta vez si- un informe publicado recentemente por A Nosa Terra. Resulta que paralelamente a ese avance dos separatismos, Madrid foi enchendo o peto. Acapara o 80% dos bens do Estado e a mesma porcentaxe das grandes empresas. Pasou de ter o 14% do PIB estatal que tiña en 1980 ó 17,35% o ano pasado, e desde 1995, é a terceira rexión europea que máis medrou. Gracias ó esforzo dos seus industriosos veciños, evidentemente, pero con axudiñas oficiais como que a metade dos cartos que gastou Fomento en 2004 foron para a ampliación de Barajas (o total que custará serán 6.600 millóns de euros, dous tercios de todo o presuposto de Galicia, e sen ter que vender a Castellana ou o Retiro para financialo). Entre unhas cousas e outras, alí recádase o 44% do total dos impostos españois. En resumo, que se rompe España é polo centro, por sobrepeso.
Non é nada persoal, por suposto. No momento que escribo esto, teño un concuñado ben agobiado en Ikea Alcorcón -“Joé, no sé que pasa que hoy vinimos todos aquí, no hay ni donde aparcar”-, cargando unha chea de pezas para estanterías que se ofreceu a traerme. (Afortunadamente, Ikea é sueca, se chega a ser de Vilanova i la Geltrú, xa nin me atrevería a pedirllo segundo a quen). Pero unha cousa non quita a outra, podemos ser amigos pero cada un que atenda ó seu. Ou sexa que, como pintaba nas paredes un amigo naqueles tempos de cañas e bravas: “¡Madrileños, pedid la independencia!”.
(para xoves, 8 de decembro de 05)
Dec 06 2005
Todas as vantaxes teñen o seu inconveniente. O correo electrónico ten o chamado spam, que vén sendo a versión en bits daqueles sobres de papel que contiñan propaganda ou certificacións de que ganaramos un precio exclusivo. Hai tempo, os email non desexados estaban empeñados en ofrecerme sistemas para que me medrara algo que me caracteriza como animal masculino, e agora inúndanme de ofertas de viagra e outros “fármacos populares” como eles lle chaman, considerando que se estimulan a función, quizais logo eu queira mellorar o órgano. A última moda en intromisión é tentar meterche virus co escusa da proximidade (as túas propias contas, ou as da familia, envíanche mensaxes en inglés) ou do medo: remitentes ameazadores tipo post@cia.gov ou mail@fbi.org aseguran que estiveche visitando alomenos 30 páxinas ilegais, e esixen que fagas o favor de contestar unhas preguntas. Entenrecedor.
Hai unha chea de estudios apocalípticos formalmente económicos sobre o spam. Un da empresa norteamericana Ferris Research asegura que os 4,4 segundos que se tardan en borrar cada email non desexado supoñen unhas perdas anuais de 890.000 millóns de dólares en EEUU e de 250.000 millóns en Europa, soamente para as empresas, sen contar a perda de tempo e traballo dos particulares. Mesmo Trend Micro, una empresa especializada en tornar dos virus e outra bichería informática argallou un programa gratuíto no que, introducindo o número de persoal con correo electrónico, o salario medio da xente, a cantidade de emails que se reciben e o tempo que os servicios informáticos dedican a amañar os prexuízos derivados deses problema, calcula o custo que causan (seguro que a cantidade resultante é inferior ó que vale comprar os programas de seguridade de Trend Micro) Aínda que peor é que gasten papel en tenta convencerte de que teñas unha visa-Real Madrid, ou que te chamen por teléfono para vender seguros, a verdade, o spam molesta, pero eso das perdas millonarias non me cola, con perdón de Ferris e Trend. No cuarto de hora que mesmo o traballador máis eficiente dedica cada xornada a conversas telefónicas privadas ou mirar para os biosbardos, dálle tempo a eliminar 204,5 emails que lle prometen alongar a súa ferramenta (non precisamente de traballo). É o mesmo que os que calculan as perdas pola piratería, informática ou musical, partindo da base de que, sen piratería, a xente compraría os mesmos productos legais, e na mesma cantidade (e xa postos, tampouco se descontan os beneficios das empresas que fan spam, por algo no principal país productor, EEUU, non hai lexislación ningunha sobre o asunto).
Pero peor son cousas como o que acaba de entrar no meu correo. Baixo o saúda “Apreciable ejecutivo”, Quality Trainning invítame a participar nun “exitoso seminario” titulado “Contratación, Despido, Finiquito y Liquidación”, no que poderei aprender a controlar potenciais ameazas á miña productividade, como “Desarrollo de Sindicatos Rojos con objetivos y causas contrarias a los planes de la organización, o Demandas Laborales individuales y colectivas que pueden dañar gravemente a una empresa”. Afortunadamente, o seminario celébrase en México, co que se quero comentarlles o que me parece o seu seminario o único sistema que teño é vía email.
(para mércores, 7 de decembro de 05)
Dec 04 2005
A semana pasada caín na tentación de asistir a unha desas convocatorias gremiais onde se discute sobre a información, ou máis ben sobre como se informa e sobre como se debería informar. Normalmente resístome porque todos sabemos que se fai mal e por que, e o pouco remedio que ten, aínda que ós informadores, exactamente igual que ós informados, o que nos presta é que nos reforcen as opinións que previamente temos.
O que xa sabemos pero nos gusta escoitar, segundo o certeiro verbo de Xosé Luis Barreiro, é que: 1.- A cegueira (informativa) vén tanto pola falta de luz como polo exceso. 2.- Se hai pouca información, é posible analizala. Se hai demasiada, só queda a escolla aleatoria. 3.-Na información actual hai variedade de opinións, pero ¿hai variedade de temas? En conclusión, coa que se aveciña (18 canles de televisión, un xornal gratuíto máis na Coruña), atopar unha noticia ou un tema novedoso vai ser como sacar unha primitiva. Nestes debates, o público adoita botarlle a culpa dos males descritos ós periodistas, e os periodistas ás empresas ou ó mundo que está feito así (reprimindo as ganas de contestar: “a culpa de quen vai ser, súa, por consumir o que consume”). De paso, aproveitan –aproveitamos- para asumir ou incluso reivindicar ese papel do xornalista como heroe cunha misión social/divina que convén a uns e outros.
Eu, de cando en vez, rompo a cabeza sobre o particular. ¿Cal é a miña misión? ¿distraer a quen tivo o detalle de gastar un euro neste periódico da canseira das declaracións dos políticos contra os seus colegas, das deprimentes denuncias sobre os defectos da súa xestión, das abraiantes narracións de desgracias?, ¿comunicar a miña opinión por se dera a casualidade de que a alguén lle interesa? Se polo menos fose como Xiang Fei… A señora Xiang ten na Radio Nacional de China o programa A noite de China, que se emite coa participación dos oíntes (como Hablar por hablar, vamos), e ata o momento conseguiu que tres deses oíntes, criminais fuxidos, se entregaran á policía despois de intervir no seu programa. O South China Morning Post conta que o máis reacio, Gu Haijun, buscado desde hai 12 anos por asasinato, interveu 13 veces antes de que a locutora o convencera de “escoller o camiño correcto na vida”, segundo a terminoloxía da locutora, máis propia do que debería ser a COPE. Claro que tamén podería ser como un colega parece ser que moi famoso, David Gistau. Ó colega, nada máis desembarcar na profesión, mandárono de corresponsal de guerra, pero non lle gustou (“allí descubrí que no tengo las características de buen periodista. Me importa un carajo la información, no tengo tenacidad para la investigación, soy vago, lo que me gusta es pasarlo bien”). Así que agora manda unhas columnas moi polémicas nun xornal madrileño, que tampouco o teñen moi satisfeito: “me hago cargo de que la columna me está forzando una imagen pública muy antipática, que no es la de la persona”, asegura, aínda que o tranquilizan dúas cousas: 1.-“mis amigos saben cuál de los dos soy yo”. 2,- “me pagan muy bien, estoy muy contento”.
Non me estraña que os periodistas de provincias esteamos dándolle voltas ós problemas da información.
(para luns, 5 de decembro de 05)
Dec 01 2005
Estamos inmersos na celebración, íntima pero afervoada, de que a UE afrouxará por fin 257 millóns de euros europeos para o porto exterior. A conmoción da noticia (noticia relativa, porque que os ían soltar xa o sabía todo o mundo, incluído Álvarez Cascos, que nin os pedira) non debería distraernos de informacións menores, como que a Junta de Andalucía lle retirará as competencias urbanísticas ó concello de Marbella, ou o debulle que fixo o conselleiro de Medio Rural das obras paralizadas pola Xunta. Non debería porque todos estes fenómenos obedecen ás mesmas causas.
O porto exterior (o Porto Exterior, segundo a terminoloxía oficial) é, como terán deducido vostedes pola súa conta sen ter que prestar atención ós discursos, unha infraestructura indispensable para asegurar o futuro da cidade, da comarca, e de Galicia enteira. Desafortunadamente, tivo que espetarse un petroleiro, que as autoridades pensaran que o asunto se amañaba con comunicados, que á sociedade galega se lle incharan as narices e se manifestara, que Aznar non tivera outro sitio mellor onde facer un consello de ministros que María Pita e que o alcalde Vázquez tivera a indiscreta precaución de andar furgando nas fotocopiadoras, comprobara que nos acordos non estaba o PE e montara un dios, para que se chegase á conclusión de que había que facela, no último minuto como nas películas de 007. En resumo, se o petroleiro ou as autoridades fosen máis espelidas, Aznar fose a Cedeira e a Paco Vázquez non lle dera por inspeccionar a sección municipal de reprografía, o PE seguiría no limbo das cousas e das causas xustas. Se no porto de sempre, progresivamente baleiro, non houbera unhas parcelas providenciais coas que amañar o sky line que tiñamos incomprensiblemente fanado e de paso achegar uns cartos para o PE, A Coruña, a comarca, etc. sumiríanse na decadencia máis irremediable. Menos mal que Deus escribe recto con trazos tortos, e máis en cuestións marítimas.
En Marbella tiñan parecido problema de abrirse camiño ó futuro. Había unha jet e unha chea de veraneantes de postín, pero tamén algúns pobres que afeaban o conxunto e, sobre todo, poucas posibilidades de desenvolver axeitadamente o potencial inmobiliario da zona. Afortunadamente, caeulles do ceo a oportunidade de votar para alcalde a un empresario dinámico e con dotes mediáticas para distraer a atención e evitar que se centrara no cumprimento da normativa urbanística. Un problema cuspidiño ó dos alcaldes que protestaron o outro día no Parlamento baixo a consigna “Outra máis”. As prometidas e logo denegadas actuacións (campos de golf, aparcamentos para restaurantes, servicios para tanatorios…) poderán parecer cousa miúda ó lado do PE ou do de Marbella, pero, a escala, obedecen ás mesmas necesidades revitalizadoras das economías locais. E á mesma concepción das autoridades como conseguidores do que sexa. Se logo o que sexa sirve para algo ou non está de dios, pero no entanto foron uns cartiños e uns postos de traballo que se disfrutaron. Así, temos unha Cidade da Cultura, dous PE, tres aeroportos, catro trazados do AVE… e cando paremos de contar, que nos quiten lo bailao.
(para xoves, 1 de decembro de 05)