Xan 26 2006

Referendos

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:08 am

Mariano Rajoy, un home tranquilo a pesar do azaroso da súa vida política, estaba á beira do abismo, co bafo da vella garda aznarista no cogote. Agora, como agardabamos moitos dos seus fans, deu un paso adiante. Colleu o touro polas cornas, tomou o pulso auténtico da cidadanía, e propuxo un referendo sobre o Estatut. Eu agradézollo (e adiántolle a miña opinión: estou farto), porque así parecerémonos ós suízos, que referendan ata as vedas de caza, ou ós italianos, que referendan todo, menos tocarlle os negocios ó presidente. Incluso a pregunta que fará, a prol da igualdade de dereitos, xentes e razas, é emocionante e fai del un epígono da Marianne, o símbolo dos valores da República Francesa. E para que a cousa non pareza que é unha saída de pata de banco, unha teima súa persoal ou partidaria por ter perdido o preito, eu apúntolle unha serie de cuestións centrais que tamén son materia refrendable.

A conducta da actual Generalitat valenciana, por exemplo. Un poder autonómico que permitiu, por acción u omisión (algúns sospeitan que tamén por comisión) unha política urbanística modelo “ti fai o que queiras que eu teño un vaso”. Así, lucráronse unha serie de amigolos (se non o eran antes, fórono despois), fíxoselle algún favor á familia, e a maiores democratizouse a posesión de apartamentos e adosados en primeira liña de praia. O normal para todos, quitado para o Parlamento Europeo, que debe estar cheo de tiquismiquis. Ante semellante novidade (o rapapolvo da Eurocámara, non o alicatado costeiro), Informe Semanal decidiu facer unha reportaxe. A Generalitat Bis reaccionou facéndolle a TVE unha proposta que non podería rexeitar so pena de retirarlle non sei que prebendas: emitir unha contrarreportaxe feita con planos descartados das promocións de viaxes ó Caribe. Imaxínense como será a tal Generalitat que ata o que fora o seu presidente, Eduardo Zaplana, a deixou colgada dun día para outro en canto o fixeron ministro (si, lectores mozos e inxenuos ou adultos desmemoriados, Zaplana foi ministro).
Sen mudar de sitio, esixo un referendo sobre a existencia do Valencia C.F, ou alomenos sobre a súa pertenza á primeira división [esto estaba escrito antes de que o partido de Copa contra o Deportivo me dera a razón]. E por non deixar o tema, propoño que se limite constitucionalmente o número de astros mundiais que o Real Madrid pode fichar cada tempada (deixémolo en catro ou cinco, aínda que pode seguir liberalizada a contratación de cantos adestradores precisen). Seguindo no mundo do espectáculo, demando que nos pronunciemos sobre o destino (desterro, Guantánamo, amputación, xa se vería) do presentador do programa de Tele5 TNT. Entendámonos: o producto en si xa é delictivo, un intento de excitar os baixos instintos (digo un intento porque o único baixo instinto que me excita é o de lapidar a quen o perpetra, e non pasei da introducción), pero o elemento ese do xesto relambido e as orellas en punta sería un argumento a favor da pena de morte ata presentando A sentinela. E para rematar, se nos imos pronunciar sobre un tema como o Estatuto de Cataluña que nos toca colateralmente, ¿por que non podemos facelo sobre asuntos que nos afectan de cheo? ¿Por que temos que ir á velocidade que lle peta a Tráfico? ¿Por que temos que pagar impostos? ¿Por que lle puxeron Leonor sen consultar?
Fago estas modestas proposicións convencido das bondades do método e non por interese persoal ningún (ata agora sempre perdín os referendos), porque, como seguro que xa estarán algúns argumentando nos bares, esto é unha democracia, ¿non?

(xoves, 26 de xaneiro de 06)


Xan 23 2006

No bo camiño

Categoría: Si home sisihomesi @ 4:18 pm

se necesita mujer (Oleiros, 20/1/06)

Souben que atoparan morta a aquela rapaza Águeda que desaparecera en Baiona polo comentario dun parroquiano, mentres estaba tomando un café. “Es que esto está lleno de sudamericanos”, sentenciou con contundencia o tipo, aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid e pasando descaradamente do feito de que no caso nin tivera arte nin parte sudamericano ningún. Despois, na ágora dun parque infantil escoitei a dúas nais discutir as vantaxes comparativas das cadeas de supermercados. As dúas estaban de acordo en que os prezos e a calidade media de X eran mellores cos de Y, aínda que –apuntou unha- “hay quien dice que habría que boicotearlos porque son vascos”. A outra contraargumentou que os empregados tiñan mellores condicións, e nese momento algún dos infantes baixou dun columpio de forma pouco ortodoxa, e morreu a conversa. Camiño do supermercado X, observei nunha cabina de teléfonos un reclamo que solicitaba unha empregada doméstica que, ademais de responsable, “imprescindible hable gallego”. Quizais se tratase dunha familia recén trasladada (e polo tanto enganada aínda sobre a necesidade social de coñecer o idioma vernáculo), pero en base ás experiencias anteriores, eu imaxinei que era un eufemismo politicamente correcto do impresentable “absténganse sudamericanas”.

Como ven, a mañá rendeume bastante. Tanto que ata me deu para reflexionar sobre a tan cativa como decisiva e negativa influencia da clase política sobre a cidadanía. Por exemplo, está bastante claro que unha das razóns do desprestixio da política en xeral e da participación electoral en concreto é a hipocrisía das forzas progresistas, especialistas en facer en moitas ocasións o contrario do que pensa, é decir, predicar a utopía pero dar o trigo da realidade que é o que hai. Pero a dereita está abonando o cainismo como se lle botara fertimón. Aquí queimaban camións (ben, aquí non, en canto entraban en Francia) e ninguén promoveu boicot ningún contra os productos franceses. Destruíron o tecido productivo e empresarial leiteiro e non houbo campaña ningunha tipo “consuma o noso”. Pero as forzas políticas dunha comunidade autónoma propoñen un texto lexislativo e hai señoras que non comprobaban a caducidade das latas de conserva que van facer a compra con lentes de cerca para descubrir se os cereais dos netos se fabrican en Tarragona. E descubrimos que hai unha serie de xentes tan desgraciadas que veñen e se aveñen a facer os traballos duros que non queremos facer nós, e tipos coas mulatas metidas todo o día na cabeza permítense esbardallar da inmigración masiva.
O colmo do ridículo foi a pintada que vin o outro día na parede dun establecemento, esixindo de maneira digamos que pouco fina que a propietario volvese ó seu pais. Era na pasantía de inglés á que van os meus pequenos. É decir, o grado de cainismo chegou a tales extremos que mesmo aquí, a falta de inmigrantes pobres, métense cos ricos. Efectivamente, como sigamos así, coa estratexia do bombeiro pirómano, vaise romper España.

(para martes, 24 de xaneiro de 06)


Xan 21 2006

O problema número 1

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:13 am

A min nunca me fixeron un cuestionario Proust deses sobre o meu color ou as miñas películas preferidas, nin tampouco unha desas serias enquisas sociolóxicas sobre que problema dos que hai considero que é o principal. De facerlle caso a voces autorizadas, ou alomenos que se fan oír como se o fosen, o Problema aquí é, para variar, o eterno Problema desde hai tempo, territorialmente pendular –Plan Ibarretxe, Estatut, chalaneo con ETA- recentemente sintetizado na frase: “Quieren cambiar armas por nación”. Se atopara alguén que me preguntara, opinaría que se fose certo e así de doado, non sei a que están esperando. Conseguir rematar con décadas de sangue e violencia a cambio de poñer unha palabra nun papel non parece un problema grave.

Hai outros que si me parecen peliagudos, aínda que non produzan grandes titulares nin proclamacións estentóreas, e nin siquera estean nos listados eses que fai o CIS para preguntar a outros que non son eu. Por exemplo, de onde saca o Estado os cartos. Xa sei que de nós, como sabemos todos, quitado algúns políticos que se comportan como se os sacaran do seu persoal peto. Pero é que os saca cun método similar a quen recada asoballando a orfos, viúvas e inocentes que pensan que o AVE xa chegara con Fraga: é decir, fundamentalmente obtén a pasta dos indefensos, dos asalariados. E cando digo fundamentalmente, quédome corto. Segundo leo apampado nunha reportaxe de José Luis Barbería en El País, o 34% dos cartos sácaos co IRPF o soamente o 18% do imposto de sociedades (o IVE aporta o 31% e os vicios, incluída a gasolina, o 12%: é decir, tamén se apaña entre todos a eito). E do IRPF, o 80% provén dos asalariados, fronte ó 11% dos profesionais liberais e ó 7% do capital. De media, os atrapados fiscalmente pola nómina declaramos uns rendementos de 17.500 euros ó ano, mentres os empresarios e profesionais liberais non chegan ós 12.000. No País Vasco, os traballadores ganan un 33% máis que os profesionais (xa se sabía que alí os salarios son altos, pero non imaxinaba que tanto).
Non quero ser demagogo, e sei perfectamente que son un asalariado que gano máis que un esforzado empresario hosteleiro deses que, en vez de ter parroquianos, parece que ten acollidos. Pero, carai, ¿como logramos ser unha economía que vai coma unha bala con empresarios, médicos e avogados que ganan ó ano dous millóns das desaparecidas pesetas? Non me estraña que a patronal ande sempre a pedir contención salarial, se eles pasan estreiteces mentres os empregados dilapidan os cartos. Ou sexa que a todos eses que se lles enche a boca alertando do perigo de que se desequilibren os dereitos dos cidadáns segundo os territorios se prospera o que van poñer nun papel, que miren de equilibrar as desigualdades que produce o feito de que o que ganas veña perfectamente consignado noutro papel.

(para xoves, 19 de xaneiro de 06)


Xan 20 2006

A patria do conductor é a infancia

Categoría: Xeralsihomesi @ 3:51 pm


(Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña 20/1/06)


Xan 17 2006

Alivio congresual

Categoría: Destafoi, Si home sisihomesi @ 5:45 am

Unha das maiores (e das poucas) satisfaccións desta profesión é a oportunidade de estar presente, aínda que sexa en calidade de mirón, nos grandes acontecementos da historia. En concreto, asistín esta fin de semana a ese acto ritual que consagrou a despedida do que, cando aínda non viñera, en Miño chamaban o Veraneante Ilustre (VI). Ou sexa ó XIII Congreso do PPdeG, ou do recambio freudiano. A segunda despedida en seis meses de alguén que parecía non irse nunca, nesta ocasión voluntaria e co refrendo dos seus correlixionarios e non do electorado. E se me pediran que resuma o ambiente que reinaba naquel recinto blindado ós fumadores direi que era de alivio. Falo dos militantes.

Alivio por tres razóns. A primeira, porque ter un xubilado con mando –aínda que sexa moral- é un incordio en calquera casa. A segunda, porque os partidos políticos son como os equipos de fútbol, que teñen unha certa compoñente supersticiosa á hora de xustificar as victorias ou as derrotas, como os que gañaron unha vez que puxeron o calzón do revés, e agora saltan ó campo indefectiblemente co de atrás para adiante. Quero decir que, en lugar de atribuír á caída a que se fixeron máis ou menos públicas unha serie de prácticas internas similares ó sistema de acumulación e reparto de bens dos bucaneiros e a unha política externa tipo disciplina inglesa, implicitamente bótanlle a culpa ó adestrador. Dálo destituído sen que se produciran matanzas no vestiario debe ser unha sensación euforizante, e consecuentemente, no Pazo de Congresos Prohibido Fumar reinaba un xeneralizado bo rollo entre os militantes (un ex concelleiro, ponente de algo, mesmo me felicitou polo “desenfado” destes textos). Incluso entre os xornalistas, porque sempre é máis distendido un acto no que non está o poder polo medio, e porque contemplar como deambulan solos e aburridos personaxes que antes surcaban os mares da política entre nubes de devotos en nómina fai abrigar esperanzas de que se neste mundo non hai estrictamente xustiza, polo menos hai compensacións.
O ambiente de desenfadado picnic ideolóxico reforzouno tamén o que Baltar Jr. chamaría o “dress code” suxerido polos novos líderes: arreglaos pero informais, con chaqueta sen garavata e mesmo vaqueiros (de feito, o que máis do PP parecía era o redactor de Cuatro). Como nas sobremesas congresuais non se adoitan intercambiar ferretes nin entoar cancións pícaras, o máis distendido foi a tendencia xeral en salientar que o XIII Congreso fora un prodixio de democracia sen parangón no mundo coñecido (lexítimo orgullo que non deixa moi ben parados ós XII anteriores), o que contou Feijoo da visión que Loyola de Palacio lle confesou que tiña del (“pareces un poco chulo”) e o chiste involuntario do mesmo protagonista cando reiterou que Manuel Fraga tivera “un sono” (os primeiros planos televisados revelaron que, Don Manuel, efectivamente, non só tivera, senón que seguía tendo sono). Os momentos “vos-pasastes-nenos” ou “aquí-se-masca-la-tragedia” foron as numerosas lanzadas a moro morto que apañou o Ausente.
A terceira e definitiva razón pola que o congreso foi de alivio é terceira acepción da palabra que figura no diccionario: “roupa de loito menos rigoroso”.

www.sihomesi.com

(para martes, 17 de xaneiro de 06)


Xan 12 2006

Duendes de imprenta

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 2:51 am

Por certo, ó abeiro do caso Mena, Paco Vázquez fixo unha desas declaracións súas entre Pinto e Valdemoro, nas que ademáis do encendido amor a España que se lle supón, xustificaba o capón disciplinario ó tenente xeneral nos precedentes dos xenerais norteamericanos Patton e MacArthur, destuidos por irse da boca durante e despois da Segunda Guerra Mundial, na que os dous foron heroes e grandes estrategas, alomenos para a sociedade norteamericana. O xornalista que recolleu as declaracións, a pesar de que de Patton fixeron unha película, e MacArthur saía en varias e é autor dunhas das poucas frases coñecidas (“Volveréi”) atribuidas a un militar que non fose Napoleón, transcribiu MacCarthy, tamén norteamericano e tamén moi coñecido, pero senador e non militar, e que destruiu ó inimigo coas armas da delación e da manipulación xudicial. Que eu saiba, o medio non rectificou. Exactamente igual que hai uns días, o feito de que unha deputada do BNG asistira a un pleno do parlamento despois dunha traxedia familiar atribuise alegremente ás férreas instruccións emanadas pola superioridade, sen confrontalo con ela nin, que eu saiba coa superioridade, non sexa que a frase quedara menos graciosa e menos reveladora dos usos e costumes que gastan algúns. Se o fixera, o disposto plumilla podía desvelar por exemplo a noticia de que nas horas previas ó óbito, a nai da deputada estivo tres días no CHUS de Santiago nunha cama situada no metido dun corredor, sen que nin a deputada nin o seu irmán (asesor da Vicepresidencia) que a velaban fixeran valer as súas respectivas condicións para mellorar o trato. Claro que esa noticia non reforzaría o dos férreos usos que citaba antes.


Xan 12 2006

Menas e gangas

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:22 am

Nos primeiros momentos en que escoitei o nome Mena, veume á cabeza a curiosa inxustiza que os usos lingüísticos perpetraron co binomio mena-ganga. Sendo a mena a parte valiosa dun mineral, o concepto coñecido e vixente hoxe é o de ganga, que é a parte que non vale para nada. A min paréceme que parecida inxustiza se está cometendo estes días co tenente xeneral Mena, esa víctima das malas compañías.

O tal Mena está sendo execrado (e o que é peor, apeado do cargo e dos seus beneficios económicos) por presunto golpista, cando en realidade, polo que o cargo lle viña tan ancho como largo é por burro, con perdón. Efectivamente, o problema non é que sexa inadmisible o que dixo, senón que é inadmisible o que fixo, que foi decilo. Aclarando: o cidadán Mena, sexa tenente xeneral ou cabo furriel, pode ter as opinións que lle pete, e soltalas se quere ó hispánico estilo, a berros na barra dun bar, sexa a cantina de oficiais ou el hogar del soldado (curiosa pero verídica denominación para o que en realidade era o refuxio etílico da clase de tropa extraída á forza das súas casas). Mesmo pode pretender estendelas ó resto da sociedade apoiando co seu voto a opción política máis coincidente coas súas ideas. O que non pode, cando fala como o responsable militar que é (era), é botar a lingua a pacer en canto lle poñen un micrófono diante, por moito que sexa este un uso xeneralizado.
Posiblemente o suxeto militar Mena é un caso de cidadán-burbulla, aquel que vive confortablemente cheo de razón, rodeado e nutrido de informacións unidireccionais. As opinións que xa ía tendo o home sobre o Estatut son perfectamente previsibles, pero se a eso lle sumamos: 1.-No seu círculo social ter unha botella de Codorniu na neveira é asimilable a permitir a convivencia baixo o teito familiar do mozo narcotraficante dunha filla. 2.-Escoita decote nunha emisora comercial normal cousas como que en Cataluña viven baixo o terror rojo. 3.-No partido que case ganou as últimas eleccións xerais non desminten nin se desmarcan claramente deses asertos. 4.- Mesmo o seu propio ministro, formalmente progresista, non perde oportunidade de mostrar a súa preocupación polo parte médico de España. 5.- A Constitución que nos fixo felices e comer perdices, como se redactou co alento dos militares no cogote, é un tanto ambigüa sobre o seu papel (o dos militares) cando se lles retirou a capacidade de loitar contra a poboación civil propia. Baixo o peso deses sumandos, non é raro que o tipo, en canto se ve nunha tarima, se sinta impelido a largar unha chea de lugares comúns que el, pese ó alto lugar xerárquico que ocupa (que ocupaba) ignora que son unha chea de barbaridades. Por dúas razóns: o exército intervén cando e onde se lle ordene, non cando lle parece, e obedece as leis que aproban as institucións lexislativas. Exactamente o mesmo que ese alto representante xudicial que opina como se tivese o mesmo guionista que Alfredo Landa. Nestes casos de gangas ideolóxicas vén ó pelo aquelo que se decía de Idi Amín: o sorprendente non é que chegara a presidente de Uganda, senón a ser sarxento do exército británico.

(para xoves, 12 de xaneiro de 06)


Xan 09 2006

Depresión post partys

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:59 pm

Estamos inmersos no proceloso océano da depresión posterior ás festas do Nadal. Dentro da oportunista e descarada apropiación que fixo o cristianismo destas celebracións pagás (ata moveu a data do aniversario de Cristo para forzar a coincidencia), o de poñer en último lugar os Reis está excelentemente pensado. É a festa dos nenos que, como son incansables, son inmunes ás canseiras (físicas, gastronómicas e consumistas) que arrastramos os demais desde mediados do mes pasado. Antes de volver á vida real onde non son obrigatorios os bos sentimentos nin saquear as tarxetas de crédito, o noso último cartucho de adultos foi desempeñar o papel de auxiliar dos Reis Magos.

Claro que non deixa de ser un traballo. A tarde-noite do día 5, asistir á cabalgata de Reis, soportar como gardas de Buckingham a peculiar interpretación municipal dos horarios previstos para o desfile e dar saltos de finxida alegría, para tentar desconxelar os pés, no momento en que aparecen SSMM los Reyes empolingados nas carrozas. Hoxe en día, os nenos parecen estar máis centrados na rapañota de caramelos que nas figuras reais, ata o punto de contaxiar a boa parte dos adultos, practicantes de mañas como poñer o paraugas ó revés, a xeito de parabólica, para xuntar o maior botín posible. O traballo dun adulto nestas circunstancias é ímprobo, cun ollo en velar que as criaturas non se metan entre as patas dos cabalos da comitiva ou non as leve por diante a sección de clarinetes da banda, e o outro en non descoidar o rendemento na acumulación de caramelos. Rematado o desfile e conservado como se puido o prestixio paterno de dar satisfeito as necesidades da prole (aínda que sexa de lambetadas) queda o dálos cansado para que durman canto antes a pesar da excitación, pero reservando as forzas propias para acometer as manobras orquestrais na escuridade impostas pola condición de cooperadores necesarios dos Reis Magos.
Antes, a mañá de Reis debía ser o paraíso da paternidade. Os nenos sempre se entregaron compulsivamente a estrear, poñer a proba ou lucir os xoguetes, pero como non eran eléctricos (os xoguetes, non os nenos), faciámolo fóra da casa. Recordo saír a pasear todo fachendoso, vestido de romano, co peito acoirazado e o casco rematado cun penacho parecido a unha escoba de plástico ou a aquelas alfombras dacha de luxurioso pelo sintético. Agora os xoguetes son electrónicos, e pasas a mañá derreado no sofá poñendo pilas ou descifrando manuais traducidos directa e aproximadamente do coreano. A deste ano foi a peor de todas. Ademais dos chamados regalos útiles –útiles para as sinerxias da economía familiar de aproveitar os regalos de Reis para reforzar o armario-, ó maior trouxéronlle un móbil e á pequena un ordenador portátil infantil. Pasei toda a mañá sen poder estudiar o meu móbil novo argallando no manglanillo filial, e tentando poñer en marcha o ordenador da cativa. Conseguín o primeiro e fracasei no segundo, co que a facción paterno/materna pasamos o día abochornados escoitando á nena recitar urbi et orbe, por teléfono ou en persoa, a súa lista de regalos: “un ordenador estropeado, un jersey…”, mentres nos tratabamos de comentar cun sorriso nervioso “…xa se sabe, ás veces,… a ver se llo cambiamos …”
Menos mal que para calmar a depresión post partys e a síndrome de abstinencia da tarxeta de crédito, a nova relixión (o consumismo) inventou as rebaixas.

(para martes, 10 de xaneiro de 06)


Xan 08 2006

Sinceridade corporativa

Categoría: Xeralsihomesi @ 3:51 pm

soynaci1


Xan 05 2006

Cainismo e Abelismo

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:46 am

A sociedade española deu un grande exemplo de civismo cumprindo a Prohibición (¿cal vai ser?, a do tabaco), segundo a ministra de Sanidade, que mesmo felicitou ós fumadores por acatar guiadamente a lei. Eu, á miña vez, felicito á ministra por estar agradablemente sorprendida de que o persoal non acabara as discusións sobre o tema como os parroquianos das tabernas nas películas de irlandeses, ou algún empedernido fumador de ducados non se atrincheirase no choio ameazando con queimar todo se non lle deixan botar unha calada.

Do que estou sorprendido é de que, segundo as autoridades sanitarias galegas, nas primeiras horas de vixencia da Prohibición, houbera xa denuncias polo seu incumprimento, fundamentalmente contra bares que non se pronunciaran publicamente sobre os hábitos que permitían ou non ós seus clientes. É decir, estou sorprendido de como entre os anxos vingadores do tabaquismo poden convivir perfectamente a visión cainita e a abeliana. Que conste que entendo perfectamente o cainismo antinicotínico dos non fumadores fartos de aturar fumes (aínda que non ata eses estremos), pero éme máis incompresible o abelismo. Esa visión da vida que parece supoñer que prohibindo fumar no horario laboral de 8 horas, o tabaquismo redúcese á metade, ás 8 horas de lecer (posto que nas 8 horas de durmida nin o cigarrista máis encallecido bota un pito). Saben que non é así ata no propio Ministerio, que estima que a reducción da poboación fumadora atribuíble a esta medida será dun 2,4%. É mais: unha sondaxe de Sigma Dos asegura que un de cada cinco fumadores españois está disposto a pasar da lei. Os insubmisos son maioritariamente mozos e votantes do PP (un 30%, contra un 16% dos votantes do PSOE, non sei por que razón, porque todos os grupos apoiaron como años a proposta). E aquí somos peores: unha enquisa da empresa farmacéutica da viagra (que en vez de enquisas podía facer unha pastilla igual de efectiva para este asunto) sinala que o 61% dos galegos (o 53% dos españois) non pensan deixar de fumar con lei ou sen ela, e eso que soamente ó 30 % (ó 54% dos españois) lle custa moito absterse de fumar onde llo prohiben. Os galegos somos tabaquistas tan encarnizados que sete de cada dez fuman (fumamos, ai) aínda que estean enfermos, perniciosa teima que só teñen cinco de cada dez españois. Con estas actitudes, digo eu que sería menos abelista e máis efectivo incluír a deshabituación no sistema de saúde, ou controlar sanitariamente que lle botan as tabaqueiras ó tabaco.
O malo é que o éxito está a producir abelismos en cascada. De entrada, xa se anuncia que están a estudiar medidas similares contra o alcohol (logo do éxito obtido coas normas contra o botellón, supoño) e tamén van poñer policías nos arredores dos colexios para suprimir o tráfico de drogas (que consecuentemente, pasará a facerse no interior ou en lugares máis afastados dos centros). Por todo esto, teño que confesarlles que estou moi preocupado: estou notando o que deben ser os primeiros síntomas (identificar o teórico progresismo co antiliberalismo práctico, por exemplo) de que me podo estar convertindo nun neoconservador.

(para xoves, 5 de xaneiro de 06)


Seguinte páxina »