Xan 23 2006
No bo camiño
(Oleiros, 20/1/06)
Souben que atoparan morta a aquela rapaza Águeda que desaparecera en Baiona polo comentario dun parroquiano, mentres estaba tomando un café. “Es que esto está lleno de sudamericanos”, sentenciou con contundencia o tipo, aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid e pasando descaradamente do feito de que no caso nin tivera arte nin parte sudamericano ningún. Despois, na ágora dun parque infantil escoitei a dúas nais discutir as vantaxes comparativas das cadeas de supermercados. As dúas estaban de acordo en que os prezos e a calidade media de X eran mellores cos de Y, aínda que –apuntou unha- “hay quien dice que habría que boicotearlos porque son vascos”. A outra contraargumentou que os empregados tiñan mellores condicións, e nese momento algún dos infantes baixou dun columpio de forma pouco ortodoxa, e morreu a conversa. Camiño do supermercado X, observei nunha cabina de teléfonos un reclamo que solicitaba unha empregada doméstica que, ademais de responsable, “imprescindible hable gallego”. Quizais se tratase dunha familia recén trasladada (e polo tanto enganada aínda sobre a necesidade social de coñecer o idioma vernáculo), pero en base ás experiencias anteriores, eu imaxinei que era un eufemismo politicamente correcto do impresentable “absténganse sudamericanas”.
Como ven, a mañá rendeume bastante. Tanto que ata me deu para reflexionar sobre a tan cativa como decisiva e negativa influencia da clase política sobre a cidadanía. Por exemplo, está bastante claro que unha das razóns do desprestixio da política en xeral e da participación electoral en concreto é a hipocrisía das forzas progresistas, especialistas en facer en moitas ocasións o contrario do que pensa, é decir, predicar a utopía pero dar o trigo da realidade que é o que hai. Pero a dereita está abonando o cainismo como se lle botara fertimón. Aquí queimaban camións (ben, aquí non, en canto entraban en Francia) e ninguén promoveu boicot ningún contra os productos franceses. Destruíron o tecido productivo e empresarial leiteiro e non houbo campaña ningunha tipo “consuma o noso”. Pero as forzas políticas dunha comunidade autónoma propoñen un texto lexislativo e hai señoras que non comprobaban a caducidade das latas de conserva que van facer a compra con lentes de cerca para descubrir se os cereais dos netos se fabrican en Tarragona. E descubrimos que hai unha serie de xentes tan desgraciadas que veñen e se aveñen a facer os traballos duros que non queremos facer nós, e tipos coas mulatas metidas todo o día na cabeza permítense esbardallar da inmigración masiva.
O colmo do ridículo foi a pintada que vin o outro día na parede dun establecemento, esixindo de maneira digamos que pouco fina que a propietario volvese ó seu pais. Era na pasantía de inglés á que van os meus pequenos. É decir, o grado de cainismo chegou a tales extremos que mesmo aquí, a falta de inmigrantes pobres, métense cos ricos. Efectivamente, como sigamos así, coa estratexia do bombeiro pirómano, vaise romper España.
(para martes, 24 de xaneiro de 06)


o 23 de Xaneiro, 2006 ás 11:57 pm
De entrada, si algo fose imprescindible, sería “falar galego”, pero bueno… Outra para o Concurso de Fotografía Anecdótica.
Cando estou canso, coma hoxe, dame por simplicar expeditivamente as cousas, por aquilo de aforrar enerxías. E Aplicándome ó caso, chego á conclusión de que o problema surxe da combinación de dous factores: a ignorancia de uns (moitos), e o partido que sacan dela outros (poucos). A lástima é que non deixa de ser ignorante o que pode, senón o que quere.
o 24 de Xaneiro, 2006 ás 9:12 am
Pois nos estamos buscando un/unha profesora de inglés que lle dea as clases ós pequenos en galego (cando haxa que desdoblar)… non lle é moi doado.
A propósito do cartel, é moi aventurado pensar que se quere discriminar a alguén, podería haber outros motivos como por exemplo que teña que cuidar unha persoa galegofalante ou ben que queira facer mais habitual o uso do mesmo no seu entorno… habería que chamar para sabelo, de seguro que si a condición fose que falara inglés ou francés non se farian tantas cábalas…
o 24 de Xaneiro, 2006 ás 9:28 am
eu sabía dunha, que ademais falaba ruso, pero foise de lectora a San Petersburgo porque aquí non atopaba choio
o 24 de Xaneiro, 2006 ás 8:54 pm
Excelente artigo. A min non deixa de sorprenderme e preocuparme o gran éxito que acadan estas consignas da dereita, incluso entre xente progresista…
o 24 de Xaneiro, 2006 ás 10:19 pm
Apelan ós baixos instintos, e costa abaixo, todos os santos axudan. Como dixo alguén
Vd. seguro que non tarda en identificalo“non está demostrado que a igualdade dos homes sexa máis eficaz ou máis racional, cremos nela porque o consideramos xusto” (ou algo así)o 24 de Xaneiro, 2006 ás 11:32 pm
Non só é discriminatorio por cuestións de lingoa, senón de sexo. A ver por qué non admiten máis que mulleres, co pertiño de casa que me quedaba….
Ah… e ainda por riba, non fumadora… tripla discriminación…
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 12:58 am
jajajajaja, a ver quén mete a un home a facer as tarefas da casa… Coñe, que para facelas mal xa as fago eu, e para facelas ainda peor, meu home
.
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 10:13 am
Hai uns cinco anos, a miña sogra, soa e con 75 anos, tivo dificultades en convencer a un individuo que el non daba o perfil que buscaba cando solicitou unha empregada doméstica
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 4:33 pm
Existem uma cheia de elementos concomitantes que me levam a pensar que, com efeito, aqui “imprescindible hablar gallego” significa “absténganse sudamericanas”. Estaria bem mandar-lhes uma brasileira com a bibliografia completa de Carvalho Calero debaixo do braço.
O racismo ainda me irrita mais que a comic sans.
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 4:35 pm
Por certo que o outro dia também me chamou a atençom ver na secçom de contactos de La Voz de Galicia o anúncio de um bordel chamado “La Casa de Uxía y Xiana”.
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 5:29 pm
Tampouco hai porque pensar mal. Seguramente teña que coidar ou convivir cunha persoa maior na casa que só fala galego ou que lle gusta que lle falen galego. Habería que preguntar.
Ou ao mellor é que Gelo obriga á xente do concello a ter responsables de tareas domésticas que só falen galego…
Paréceme demasiado intelixente o eufemismo. Non sei.
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 10:11 pm
Sub H, vostede sempre tan agudo. Non o pensara pero tes toda a razón. Si te habla gallego será porque por lo menos es de aquí.
Ah, e eu non tería ningún inconveniente en ter un tipo limpándome a casa, e se por riba me cociña mellor.
o 25 de Xaneiro, 2006 ás 10:20 pm
vixíe o seu subconsciente, kate, que iso de querer “que lle cociñen” soa francamente pintoresco
En canto ó do anuncio, a min resúltame obvio… se de veras quixera unha galegofalante por razóns non espúreas houbera posto o anuncio en galego. Teñan vostedes en conta a fauna que pulula por oleiros….
o 27 de Xaneiro, 2006 ás 8:53 pm
Pintoresco? E logo por que? que che parece raro? Que queira que me cociñen ou que haxa homes así?
o 31 de Xaneiro, 2006 ás 9:24 am
Desculpe a miña torpeza, sra. kate, só estaba tratando de facer un chiste tonto… facíame gracia que quixera que “lle” cociñaran, nada máis. En canto ó outro, moitas veces me pregunto se é que eu vivo nun universo paralelo, no que eu, e os homes do meu contorno, non temos problema ningún para facer calquera tipo de tarefa domestica, incluíndo,por suposto, a cociña, poñer a lavadora ou limpar o vater.
o 3 de Febreiro, 2006 ás 10:44 pm
mandacarallo!! o cartace en castelan e piden un galego falante mandacarallo ten collons o conto…..