si home si

"El gallego no es ni un idioma, fue un invento de Pepe Domingo Castaño" (Intereconomía)

Arquivo Febreiro 2nd, 2006

Encadeados

5 comentarios

Circula un andacio pola rede, e particularmente na leira cada día máis extensa e intensa do blogomillo, consistente en confesar cinco vicios ou teimas, a invitación pública doutro bloqueiro. Parece que lle chaman “MeMes”, con razón. F. Míguez (este, non este) tivo o detalle/mala idea de meterme no allo, e a pesar do meu odio nº 3, a día de hoxe, estes son (as teimas, os vicios son privados):

  1. A tona do leite. Non é que non me guste, é que vela, mesmo imaxinala ou falar dela, dáme arcadas.
  2. A alambicación léxica (“clarificar” no canto de “aclarar”, “concretizar” e non “concretar”) e un odio africano á expresión “buen rollito”.
  3. As cadeas, esa forma de delación voluntaria e colectiva. Aínda me acordo de cando de neno me chegou aquela do misioneiro colombiano que anunciaba fortunas sen fin se as seguías e ameazaba con traxedias terribles se non. Aterrado polo segundo, tecleei como un poseso na máquina do meu pai, e gastei uns cartos que non tiña en mandar por correo as misivas que condenaban a outros desgraciados, por amigos.
  4. Vender como progreso/modernidade/adianto social o que en realidade son ingresos e beneficios individuais.
  5. O autoodio. É que o odio.

No meu labor delator, pásolle a bola a unha representación parlamentaria e a dous colegas foráneos, confiando en que nin uns nin outros lean esto:
-Ó polifacético Baltar Jr.
-A José Manuel Lage Tuñas (penso que inactivo desde novembro do 2005, para que se active) No seu defecto ó seu correlixionario Enrique Castro
-Ó excelente blog (e tristemente desaparecido, para que reapareza) de Carme Adán. Caso de que non reapareza, a responsabilidade subsidiaria é de Imeneo
-A Martínez, a ver se devolve a visita que me debe.
-E a DJDaCosta, que tamén debe unha chea delas.

(xa está, non?)

Escrito por sihomesi

2 de Febreiro, 2006 ás 5:47 a.m.

Gardado en Non sei eu...

Alguén sabe onde hai chester?

4 comentarios

chester
“Non o vendo”, “Esa marca está agotada”. De varias formas e distintos tons, en todos os estancos que probei toureáronme e pinchei en óso á hora de mercar tabaco. Todo porque pedía unha marca que baixou de prezo.

“Es que perdimos un millón de pesetas al comprarlo al precio de antes y tenerlo que vender al de ahora”, confesáronme nun. “Pois moito ganan cando suben, que é sempre”, saíume. Empecei mal o día, e non foi a mellor. Tan a peor, que invoquei en silencio á oposición.
Desgraciadamente, Mariano e os seus andan apañando firmas, así que non deberon escoitar a miña queixa de que estas autoridades tan comprometidas coa saúde sexan tan neoliberais con aspectos como permitir subas/baixas de golpe de vinte pesos nun paquete de tabaco. Ou a de que os estancos vendan o que lles pete ou lles conveña, pasándose polo forro que non son tendas, senón concesións administrativas (por certo, manda truco). Xa sei que estes perversos desaxustes do mercado afectan ós viciosos, que lles está ben, pero se permiten este chuleo a un tercio da sociedade adicta á nicotina, non me estraña que se queixen de desatención colectivos minoritarios como os celíacos.
O caso é que non me recuperara aínda dos sucesivos fracasos cando escoitei a un progresista raiarse pola paralización da Cidade da Cultura. E non porque a suspensión era temporal e parcial, e non definitiva e radical, senón porque era unha obra de capital importancia para Galicia enteira. A min paréceme ben que calquera autoridade local se alegre se lle poñen de balde un circo de tres pistas (esto é literal) a pesar de que non hai público nin para un espectáculo de malabares na rúa (esto é figurado), pero que non me vendan que é para todos. Co que lles costa ó ano un palista, dixitalízanse os xornais completos de Galicia, para que se poidan consultar desde a casa en internet, sen ter que ir ás aforas de Santiago e sufrir toda a burocracia inherente a mirar os periódicos físicos (tenten facer unha fotocopia ou a foto dunha páxina nunha hemeroteca e entenderán en toda a súa extensión o concepto “burocracia”). Supoño que o que afecta a Galicia é que para encher os edificios terán que baleirar os arquivos todos do país, incluídos os parroquiais. Fixen mentalmente unha invocación mariana, pero recordei que, ademais de andar coleccionando firmas, é compañeiro dos promotores do circo, ou sexa que me dediquei a indignarme co asunto de Mamadou Kane.
En realidade, non é o caso Kane, senón o caso dos catro munipas que secuestraron e maltrataron a un ambulante senegalés vai para nove anos, cando nin sequera se lle botaba a culpa de nada ós inmigrantes e sen invocar siquera o interese nacional, como os dos GAL. Os axentes foron condenados, e tempo despois, un alcalde progresista e xuíz intermitente pediu que os indultaran. Agora outro goberno progresista concedéullelo, e a estas alturas os catro colegas andarán apatrullando como se tal, facendo remuíños coas porras.
Así que como Mariano vai de mesa petitoria ambulante, temos que ser os rabudos os que facemos o gasto da crítica. Vou ver se me meto na web das sinaturas para ser iguais todos e –ademais de pedir ser igual que Antonio Banderas- asinar milleiros de veces, a ver se daquela me fai caso.

(xoves, 2 de febreiro de 06)

Escrito por sihomesi

2 de Febreiro, 2006 ás 2:08 a.m.

Gardado en Si home si

Switch to our mobile site