si home si

"El gallego no es ni un idioma, fue un invento de Pepe Domingo Castaño" (Intereconomía)

Arquivo Febreiro 16th, 2006

Funme

17 comentarios

Non pensei que chegaría este día. Non, por moito que non haxa nada fixo nestes tempos que mudan os tempos, as vontades, e a mobilidade xeográfica é un valor de emprego, como saber reportar ó xefe ou ser experto en due diligence. Despois dun cuarto de século indo de acó para aló, da Falperra a María Pita, do Orzán a San Andrés pasando por Juan Flórez, do Monte das Moas a Fernando Macías e de alí ás Xubias, voume. Adiós rúas, adiós desmontes, que dixo a outra.

Despídome de andarlles explicando o planeta Coruña ós bárbaros que moran fóra da marca da Ponte do Pasaxe. De debater se aquí a xente é pechada, ou aberta pero cun forte sentido da intimidade. De exercer de pacovazcólogo en cando asomaba a gaita (eu, non Paco) por aí adiante. De debullar ata a afonía as razóns do que pasou e de analizar o que vai pasar (ou non). De ir ós vellos bares estrados de serrín co mesmo sentimento que cando vas a aldea, entre a alegría do reencontro e a culpabilidade de visitalos menos do que deberías. De botar de menos aqueles ultramarinos con cheiro a bacallao e afacerme a aprovisionarme neses grandes centros comerciais deseñados para que te perdas neles, e que están iluminados para favorecer os productos e desfavorecerte a ti para que te sintas un desgraciado que soamente se pode consolar comprando.
En certo sentido, foi unha ruptura, un cataclismo, pero non foi de repente. Supoño que a maioría da correspondencia seguirá chegando e acugulándose no vello buzón, e veño de marcar o vello número de teléfono e saltou a ultima versión do chiste que gravei no contestador. E un par de veces, o piloto automático que temos todos na cabeza equivocoume e conduciume polo camiño de antes, o que leva a onde xa non vivo. Non foi fácil. Durante meses, dubidei entre a confortabilidade demostrada do vello fogar e o símil de Beirut despois da guerra civil libanesa que estaba feito o novo. Claro que non tiña moito lugar a pensar. Vin centos de modelos de azulexos, e souben da decepción de escoller un e logo coñecer que os hai para parede e para piso, e que non son intercambiables. Vivín semanas carrexando polo día (e soñando con el pola noite) un catálogo de pinturas que tiña máis colores que a natureza, e que sofren mutacións que os fan irrecoñecibles cando se concretan nas parede reais. Comprobei, tal e como recordaba de cando andaba de mozo nas obras, a rivalidade entre os distintos gremios constructores e as sutís descalificacións recíprocas. Coñecín moreas de carpinteiros, unha profesión que imaxinaba menos numerosa e con máis unidade de criterio de qué cousas se poden facer e cales non. Tiven que meter boa parte da miña vida en caixas, que xa non é exactamente a mesma logo de desembalada. Ou non será cando as dea baleirado todas (tardei tres días en atopar o cargador do móbil e unha semana en recuperar o mando do televisor). Agora exploro este novo mundo meu, máis pequeno e máis familiar, con todo máis a man (e máis a pé), procurando descubrir e clasificar os lugares, os bares e os servicios.
En resumo, a decisión de partir foi difícil de tomar, foi dura de facer, pero agora aquí me teñen. En Perillo.

( xoves, 16 de febreiro de 06)

Escrito por sihomesi

16 de Febreiro, 2006 ás 1:46 a.m.

Gardado en Si home si

Switch to our mobile site