si home si

"O ceo gústame polo clima, o inferno pola compañía" (Mark Twain)

Arquivo: Marzo, 2006

Ó patrón rogando…

2 comentarios

bombeiros
…e coa mangueira dando.

Escrito por sihomesi

30 de Marzo, 2006 ás 1:46 a.m.

Gardado en Xeral

Xogos de mans

11 comentarios

Cando era eu rapaz, un popular membro das forzas e corpos de seguridade do Estado (que daquela non se chamaban así) da miña zona aseguraba ós coñecidos e parroquianos en xeral que se collía a un da Eta, matábao cos dentes. Estes días síntome solidario con el. Se lle facemos caso ós medios madrileños, resulta que levabamos dous ou tres anos ó borde do precipicio civil e da fractura institucional, e todo por medio cento de pos-adolescentes asañados, con máis rabia que cabeza.

Todos, mesmo eles, sabían que ETA estaba en creba técnica, coa credibilidade en suspensión de pagos, a economía de arrastro, e con menos futuro que un granhermano nunhas oposicións a notarías. Aínda así, conseguira que o anterior goberno e o seu entorno esixiran o ADN de demócratas constitucionalistas ó resto do mundo, meses despois de que os seus negociadores exhibiran cos das metralletas unha galantería extrema (“Nosotros no queremos que dejen de ser independentistas, socialistas”. “No venimos a convencerles de que dejen de ser una organización armada. Es una decisión suya”). O goberno actual logrou un acordo parlamentario para negociar se deixaban as armas apoiado por todas partes menos por unha, tipo istmo, e para o que lle serviu foi para estar no horrorizado punto de mira de media poboación, encirrada por inquisidores empoleirados en todo tipo de púlpitos. Un sinvivir. Pois abondou que ETA asumira publicamente a súa situación e pedira papas para que se abriran as augas revoltas da política, como as de Mar Roxo co toque de vara de Moisés: 1. Zapatero e Rajoy protagonizaron un remake da famosa escena de Casablanca, aventurando que isto podería ser o comezo dunha gran amizade. 2. Ó dúo A-Z (Acebes-Zaplana) aplícanlle a mobilidade funcional para arrombalos no trasteiro. 3.- Aquelas partes do PP nas que aínda aniñaba vida intelixente descubren que Jomeini Losantos, só ou en compañía doutros, é de extrema dereita. En resumo, estamos todos gratamente sorprendidos, cautamente encantados e facéndonos cruces de que trunfara algo tan estraño como o sentido común… aínda que fose nos malos.
O preocupante é que a clase política estase afacendo a tensar a corda tanto en cousas importantes coma esta, como en miudezas. Coñecidos do Instituto Social da Mariña dixéranme hai uns quince días que o traslado de competencias á Xunta estaba xa resolto. Pois despois dun proceso de releo tipo feira, pero de altura, con Quintana e Jordi Sevilla asestándose titulares, resulta que o desbloqueo estaba pendente de que coincidiran as axendas de Caldera e Touriño para facerse unha foto e apuntarse o tanto. E semellante rebumbio nin siquera polo ISM enteiro, senón polas políticas de emprego e pola formación, é decir, por algo que custa 10 millóns de euros ó ano, que nin cartos son nestes tempos.
Quero decir que o mesmo na macropolítica que na nanopolítica, o método de actuación hexemónico é o xogo de mans, sen que importe moito que boa parte do público lles estea vendo as cartas agachadas. A próxima vez que se laien do descrédito da política e se estrañen do lepenismo emerxente, fagan o favor de revisarse as mangas.

(xoves, 30 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

30 de Marzo, 2006 ás 12:42 a.m.

Gardado en Si home si

Alba de Losada

4 comentarios

alba de américa

Cando eu era moi neno, por Semana Santa na tele soamente botaban o que supoño chamarían películas aleccionadoras. Debía haber poucas, porque en vin varias veces Alba de América, unha patriotada sobre o descubrimento de América (na que traballaban alomenos dous galegos, Antonio Casas, que facía de Colón, e Eduardo Fajardo). Pequerrecho e todo, recordo unha escena que me sorprendeu e indignou moito, ata o punto de que supoño que influiu considerablemente no meu pensamento. Camiño das Indias, nun momento de lecer, a tripulación andaba a cantar e bailar, cada un ó seu, cando de pronto un propio rompe a entoar o que parecía ser unha jota castellana, e o resto cala. “¿Veis?, cada canta las cosas de su patria chica, pero todos callan al escuchar la poderosa voz de Castilla”, comenta, máis ou menos, non sei se Colón ou un irmao Pinzón a outro da oficialidade.
Quizais actúe da mesma forma nalgún rapaz de hoxe, a xustificación do flamante novo alcalde coruñés da decisión de repoñer o bandeirón do Orzán. O argumento de que é “símbolo de la España plural” porque están representadas todas as enseñas autonómicas é perfectamente idiota ou toma por idiota ós demais. O conxunto das 17 bandeiras plurais suman unha superficie de 0,085 metros cadrados, por 25 metros da (una) grande (y libre). Con tal de non retirar de vez as 18 bandeiras, a proporción de pluralidade descuberta por Javier Colón é de 300 a 1.

Escrito por sihomesi

29 de Marzo, 2006 ás 3:36 a.m.

Gardado en Destafoi, Xeral

Ai, ai, ai

24 comentarios

Esta noite vou a ¡Hai debate! a pelexarme coa señora esa da COPE sobre o de ETA e outros asuntos varios… ¿algunha idea salvadora?

Escrito por sihomesi

27 de Marzo, 2006 ás 1:35 a.m.

Gardado en Non sei eu...

A natureza imita á arte

6 comentarios

bandeira do Orzán

ou se repón o pao, ou se retira inscrición, ou moi mal quedan os cidadáns coruñeses

texto bandeira

Escrito por sihomesi

26 de Marzo, 2006 ás 3:01 p.m.

Gardado en Destafoi, Xeral

Basta xa

11 comentarios

Supoño que estarán enterados de que ETA anunciou un “alto el fuego permanente” (AFP), e tamén que xa terán expresado a súa opinión sobre o particular. Se non, non se preocupen –ou preocúpense, como queiran- porque xa lles tocará. A este ritmo de despliegue mediático, tarde ou cedo lles poñerán un micrófono diante.

Como teño unha certa aversión ós best-sellers e un decidido pánico a todo tipo de inmersións, non é que escoitara todo o opinado, nin siquera a décima parte, pero entre o que lin, oín e vin, hai de todo. Por exemplo, a opinión dun coñecido intelectual que, en calidade de “experto en palabras”, foi invitado a analizar a expresión AFP (“no hay más que mirar el diccionario, AFP no tiene otro significado que ‘rendición’, claramente”, dixo quedando tan ancho, como se as palabras non significasen o que lle pete a quen as di). Ou a do escritor vasco de plantilla, que a consecuencia do AFP daba por xubilada a súa xeración. Ou a doutra coñecida novelista –máis como adicta que como novelista- que nin escoitei o que decía, porque como tertuliana nos tempos duros deixaba ós contrincantes do PP como uns perfectos e centrados cabaleiros. Tamén escoitei as valoracións dos líderes políticos, pouco pero suficiente para comprobar que hai as previsibles tres opcións: íntima satisfacción cautelosa, esperanza escarmentada e sostenella y no enmendalla.
De todas formas, o que máis me sorprende é como a opinión do entrevistado anónimo, o cazado pola rúa, é case mimética da do opinante profesional ou do cargo político, previa e sobradamente adestrado para que largue. Supoño que o fenómeno non obedece a que os opinantes/políticos falan como a xente, senón a que a xente entende que debe opinar como os políticos. Ou que os montes e moreas de análise están amaestrando a audiencia. E sorpréndeme porque o pouco que se me ocurre comentar a min paréceme ben pouco orixinal e cabe en media ducia de liñas de ordenador: 1. Alégrome. 2. Fíome relativamente pouco da decisión dos tres que saíron encarapuchados, porque nese ámbito sempre poden saír uns que non están de acordo con parar, pero confío en que todos asuman que o pouco creto que lles quedaba despois do de Miguel Ángel Blanco quedou definitivamente liquidado cando a matanza do 11-M evidenciou que xa non estaba o forno para máis bolos. 3. Gustaríame que me sorprendera a capacidade da clase política para darlle saída o asunto.

A todo isto, menos mal que todos están de acordo en que ETA non pode marcar o ritmo nin a axenda política. Non me quero imaxinar cal sería a reacción dos medios se en lugar dun comunicado de 1’36” tiveran dado unha rolda de prensa.

(venres, 24 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

23 de Marzo, 2006 ás 5:05 p.m.

Gardado en Si home si

2 alto el fuego

6 comentarios

1.- O domingo pasado, tomando un café, un amigo con acceso ó editor de La Voz de Galicia reflexionaba que a etapa do actual director xa rematara, e que debían de implementar (signifique iso o que signifique) unha saída como a que lle deron en El Pais a Juan Luis Cebrián. Ó día seguinte, luns, entereime que foi que non (o tipo de saída). Impresionado pola cantidade e calidade dos cambios que se están a producir nos poderes fácticos coruñeses, e coa miña proverbial bocaza, ironicei coa xefa de prensa dunha entidade financeira sobre a posibilidade de que se producira algún na súa empresa. Vai ser que tampouco.
2.- Pola contra, o do “alto el fuego permanente” (AFP) de ETA sucedeu sen coincidencia previa ou premonición ningunha, e colleume nun día liado. Non puiden asumilo ata pola noite, momento no que tiven unha das habituais reflexións sobre se debería comentar sobre o particular e a quen lle importaría que se si ou se non. Vin un debate na Cuatro conducido por Iñaki Gabilondo, tan bo como claramente desequilibrado, no que unha das opinantes era Rosa Regás. Concluín que si, aínda que de momento non se me ocorre nada.

Escrito por sihomesi

22 de Marzo, 2006 ás 3:58 p.m.

Gardado en Xeral

Tamaña identidade

sen comentarios

Se hai algo estúpido é estar orgulloso de ser de onde un é, posto que é unha circunstancia allea á nosa vontade ou ós nosos méritos. Outra cousa é estar contento desa casualidade, como eu podo estar satisfeito de ter nacido aquí e non en Burkina Faso, onde xa estaría estatisticamente morto, ou aínda que seguira vivo pasaría unha calor do demo. E outra moito peor é renegar de onde se é. Así e todo, se todos somos iguais, pero uns máis iguais ca outros, é certamente curioso como eso que se chama “identitario” é bo ou nefasto dependendo do tamaño da identidade que escollas. Debe ser o único caso en que a bondade está nos estremos, nos moi grandes ou nos moi pequenos.

Por exemplo, a identidade de moda, a nacional ou nacionalista, é mala e insolidaria, segundo nos rompen a diario a cabeza os medios autodenominados nacionais casualmente establecidos en Madrid, ou é irrelevante, na intelixente versión nadar-e-gardar-a-roupa de Núñez Feijoo. Sen embargo a identidade nacional/nacionalista é xusta, necesaria e mesmo insuficiente sempre que sexa unha identidade ben grande. No último partido da selección da Federación Española de Fútbol, alomenos no último do que tiven noticia, un axitador radiofónico manifestou o seu entusiasmo por un gol proclamando a grito pelado e destemplado. “¡Que español es Mengano [o autor da fazaña]!”. Se algún locutor de aquí dixera algo parecido no partido Galicia-Uruguai celebrado en San Lázaro levaría no lombo de por vida o letreiro de fanático, non por descerebrado menos perigoso. Mesmo este luns no acto de entrega das chaves dunha fragata á Armada, Bono (o ministro, aínda que tamén algo cantante) permitiuse chamar “gente enferma o en fase de rehabilitación” ós despistados (digo eu que eran despistados, non separatistas) asistentes que non se ergueron unha das dúas ou tres veces que soou o himno nacional, e sancionar incluso ó tamén despistado mando que non usou o altavoz para sacalos da galvana.
Co da identidade tampouco pasa nada se é suficientemente pequena. Aquelo da patria chica que estaba permitido ata con Franco. Incluso xa metidos en democracia non é de mal tono esbardallar contra os que tiveron a desgracia de ser orixinarios ou residir nun termo municipal distinto, e non nun campo de fútbol ou dunha festa, ámbitos nos que tradicionalmente era case correcto andar a paos cos foráneos, senón desde tribunas institucionais. Mesmo algún fixo unha proveitosa carreira política e tivo un non menos beneficioso proveito persoal a conta deso. Con todo, non é algo novo. O escritor norteamericano O.Henry, que retratou o ambiente da New York a cabalo dos séculos XIX e o XX, describía nun relato chamado Un cosmopolita o caso dun que se tiraba todo o conto definíndose como “cidadán do mundo” e proclamando as vantaxes de selo, ata que se veu envolto nunha liorta. O cosmopolita non consentira que alguén criticara o alcantarillado do seu lugar de orixe (Mattawamkeag, Maine)
Para que logo digan que, en segundo que cousas, o tamaño non importa.

(xoves, 23 de marzo)

Escrito por sihomesi

22 de Marzo, 2006 ás 3:00 p.m.

Gardado en Si home si

Timoflu

12 comentarios

tamiflu
Baixan as ofertas de alongamento viril e suben as de fármacos varios, alomenos entre os innúmeros mensaxes non desexados que inzan o meu correo electrónico, enviados por remitentes tan improbables como Isaia Mcgillivray, Sechnall Bavaro ou Dupe K. Dissertation. Non sei se é porque fixeron un diabólico prognóstico das miñas potenciais necesidades médicas ou porque é a moda. Debe ser o segundo: hai 30 anos un executivo da multinacional farmacéutica Merck dixo que era unha pena é que os únicos clientes sexan os enfermos, porque hai moitos máis sans, e agora as empresas do sector conseguiron transformar as molestias comúns en enfermidades. Ata o punto de que agora o producto rei das vendas por internet non é a Viagra, que ó fin e ó cabo responde a unha necesidade, senón o Tamiflu, que chega a custar 150 euros, cinco veces o prezo nas farmacias onde se vende, e máis ca unha doenza, o que remedia é un medo.

O Tamiflu (nome comercial do oseltamivir) está recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como un dos antivirais a utilizar no caso da gripe aviar. Non é que vaia eu cuestionar os prestixiosos informes da OMS (a pesar de que hai poucos anos prohibiu un que aseguraba que o cannabis é máis inofensivo co alcohol ou o tabaco), pero segundo toda a comunidade científica, para o que sirve é contra a gripe común, e non contra a de orixe galinácea. E moito menos se a cepa H5N1 da gripe aviaria (a única que pode ser mortal en humanos) muta en contacto con outra propia da xente, o que convertería unha enfermidade que ata agora matou menos de 100 persoas en 9 anos en todo o mundo, en algo ben máis grave. Pese a que o tal Tamiflu estea por ver se sirve para algo, 40 gobernos xa encargaron moreas (o español, de 8 a 12 millóns de doses), e os laboratorios Roche que o fabrican tiveron hai uns meses que paralizar a súa distribución para evitar quedarse sen el para o que realmente serve (aliviar a gripe de toda a vida). Curiosamente, a outro fármaco, Relenza (zanamivir) tamén recomendado pola OMS que serve para o mesmo, sexa o que sexa, máis barato e de venda en España desde 2000, ninguén lle fai caso ningún.
Este non é un caso de victoria esmagadora dunha estratexia de marketing sobre outra, como foi a do video VHS sobre o Beta. É un caso de colegas, e non precisamente médicos. O goberno norteamericano foi o primeiro en promover o Tamiflu oficialmente a toda pastilla –nunca mellor dito- e a nivel mundial, quizais porque Donald Rumsfeld, o secretario de Defensa de Bush foi o presidente e sigue a ser accionista de Gilead Sciences Inc o laboratorio que o creou e que llo vendeu a Roche, reservándose unha porcentaxe das vendas. Logo de dez anos de intentalo en balde, Gilead obtivo da axencia norteamericana da alimentación e as drogas, a restrictiva FDA, a autorización para a comercialización doutro producto chamado aspartamo, tres meses despois de que Rumsfeld entrara no goberno de Reagan. O Tamiflu está relacionado coa morte en Xapón de 12 nenos que o consumiron, e con alteracións psiquiátricas, alucinacións ou doutro tipo, noutros 75, aínda que a FDA concluíu recentemente que non había probas suficientes para establecer a causa/efecto.

Non é de estrañar que aquí as pastillas as vaia almacenar o Ministerio de Defensa.

(martes, 21 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

20 de Marzo, 2006 ás 4:15 p.m.

Gardado en Si home si

O vello mundo

7 comentarios

“Alístate, decíanche, e verás mundo”, rosmaban os lexionarios romanos de Astérix. Eu ando estes días alistado no que antes se chamaba séquito da Xunta e máis ben vén sendo a tropa xornalística que cubre a visita de Touriño a Arxentina e Uruguai, e máis que ver mundo, o que vexo é o mundo doutro xeito. Hai anos, cando comezaba aquelo das emisións internacionais das cadeas de aquí, Juan Cueto deixou constancia escrita do que cambiaba a imaxe dos políticos españois vistos nun televisor estranxeiro. Eu estou a experimentar a mesma sensación.

Por exemplo, son certamente curiosos algúns dirixentes dos colectivos emigrantes. Había dous sorprendentemente semellantes a Franco, en dúas etapas distintas, un de adulto e outro de vello, e outro que facía de xornalista, coa muller ó lado, que era quen o achuzaba para que fixera as preguntas a Touriño (“¡ahora, preguntá ahora!, ¡no hace falta que levantés la mano!”) sobre que perspectivas había sobre uns asuntos, e quen llelos contou ós periodistas de aquí, en vista de que o home non era ídem de transmitirlle a gravidade do caso ó presidente. Tamén tiven unha sensación estraña coa representación empresarial. A realidade é que en Bos Aires encontro unha chea de xente coa que me atopo menos en Galicia: Bieito Romero de Luar na Lubre, Víctor e Paco de Pink de Nordesía, Pancho Casal de Continental, José Luis Naveiro de Caixa Galicia e Antonio Fontenla, dos seus negocios. De feito, na exposición “Galicia Une”, os stand eran do audiovisual, de institucións ou empresas públicas galegas, e de Puertas Tren, (con tanta inseguridade derivada da situación económica, supoño que aquí debe ser un sector con futuro). A maiores, o xantar do conselleiro de Economía cos empresarios galegos celebrouse no restaurante Clo Cló (que queda un pouco evidente, por moita que cada quen pagara a súa viaxe). Igualmente, resulta un pouco chocante que a sede da sociedade uruguaia Alma Gallega estea na rúa Blandengues 1522.
En canto ós logros, o meu punto de vista austral é desazonadamente cáustico. O memorando de intencións subscrito entre Sogama e a secretaría de estado arxentina do ramo para colaborar e intercambiar información sobre xestión de residuos, ¿como se pode concretar?: ¿ofreceranlle ós arxentinos acoller residuos na Pampa, que hai unha chea de sitio?, ¿imos importar o emerxente e consolidado sistema de sobrevivencia bonaerense dos “cartoneros”, a reciclaxe in situ de todo o que pode ter valor nas bolsas de lixo? Tamén se falou da creación dun lobby de empresarios galegos no mundo. Eu xa recordo outro que houbo, que logo foron dous, e que o froitos que deron foron un par de congresos polo mundo mundial nos que reafirmaban a necesidade de consolidar o lobby. Un compañeiro recordaba tamén unha xuntanza de emprendedores organizada aquí mesmo cando veu Fraga de campaña electoral, na que o máis novo era apenas vinte anos menor que o propio Fraga. E o mesmo para os xornalistas, que ironizamos sobre o cambio de menú no xantar para emigrantes (da empanada á ensaladilla, do pulpo ó polo) pero repetimos como loros a cifra de 7.000 asistentes sen molestarnos en contar as mesas (60 filas por 56 mesas cada unha, 3.360 mesas, máis unhas 500 baixo unha carpa, arredor de 4.000 en total).
Claro que logo asistín á presentación do libro de Fernando Salgado sobre Lorenzo Varela, e á que intervención que fixo Ernesto Sábato, todo acabadiño, lendo “Adios ríos, adiós fontes”, e entendín que os valores de verdade non dependen de se estás no vello ou no novo mundo.

(martes, 14 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

13 de Marzo, 2006 ás 5:19 p.m.

Gardado en Si home si

Bye, bye

4 comentarios

En realidade, púxenlle este titulo como alusión a un chiste que fixo contra o lema do PNV [Bai, si] nunha campaña electoral, pero podería ser The Long Goodbye,como a novela de Raymond Chandler, porque a despedida de Francisco Vázquez está sendo como aquelas mortes do primeiro cine negro, nas que, logo de apañar un tiro, o protagonista aínda agoniaba un rollo enteiro de película, con tempo para facer chistes, arrepentirse ou decir aquelo de “dile a mi madre que…”

the long goodbye

Non puiden asistir á pompa e circunstancia da grande finale do teórico concello aberto do mércores pola noite, pero a despedida que fixo o aínda alcalde a mediodía á prensa e ás tropas municipais foi un perfecto símbolo dese case cuarto de século de reinado vazquil na Coruña. Se me permiten a falta de elegancia de difundir actos privados, na recepción á prensa (que comezou cun incisivo chiste anónimo e endoprofesional: “ahora cerramos las puertas y abrimos la espita del gas”), Paco Vázquez pediu perdón polos posibles pecados cometidos contra a tropa dos plumillas, e quedou como un cabaleiro, porque pedir perdón en xeral é algo que non custa demasiado –nin siquera ós católicos que a maiores teñen que facer propósito da enmenda- pero é o mínimo entre xente educada. Eloxiou a libertade de información, pero sobre todo de opinión, e deixou claro con todo que lle traían un tanto ó pairo os sapos que calquera personaxe público ten que almorzar algúns días –no seu caso, poucos e determinados-. Fíxose unha foto con todos, e mesmo unha comigo (“aquí una con El Látigo”, ironizou campechano). En resumo, fixo gala do seu demostrado encanto persoal nas distancias cortas, independentemente do trato nas largas.
O acto exterior, a ofrenda floral a María Pita (“en plan demagogo, podría decir que es un homenaje al Día de la Mujer Trabajadora”) retratou en dez minutos A Coruña actual. Na fachada, revista ás tropas municipais e logo miniconcerto simbólico da banda: Marcha do Antigo Reino de Galicia para o momento litúrxico, o La, la, la como travesura entre intelectual e lexionaria (que algunhas chicas das radios asumiron facendo coros) e Suspiros de España como resumo final. En contraste, no fondo da praza, o persoal municipal cabreado facendo de coro grego (“Hola, don Francisco/Hola, don Javier/me voy pal Vaticano/si pudiera, yo también”) ou pedindo bises. Como apreciarán os expertos, todo muy coruñés.
Soamente un matiz, un tanto galaico. Suspiros de España,do maestro Álvarez (Antonio) non é unha recreación da morriña patria. O compositor púxolle ese título por uns pasteis (avelás con caramelo) chamados “suspiros”, especialidade da Confitería España de Cartagena, sita enfrente do café onde lle veu ó autor a inspiración do pasodoble. Como lle comentei, quizais demasiado campechanamente, no acto interior e anterior, dentro do xénero podía ter escollido co mesmo fundamento, Francisco Alegre ou Paquito Chocolatero.

(para xoves, 9 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

9 de Marzo, 2006 ás 3:44 a.m.

Gardado en Si home si

Convención

7 comentarios

Desculpen que trate un tema así. Xúrolles que ata tiña preparado outro de máis substancia social, mesmo de interese xeral, pero é que me perde o afán polémico. É ulir o sangue fresco do debate político e aló vou irremediablemente a meter os fuciños como unha hiena. Sobre todo se disinto, como disinto de todos os opinadores e analistas que critican que na Convención última do PP (a de “Hay futuro”, xa saben) houbo menos renovación que nas edicións sucesivas de Gran Hermano.

      Non, non &#233; que eu soste&#241;a que si que a houbo, non son tan hiena como para eso. A &#250;nica <a href=\"http://www.informativos.telecinco.es/convencion-pp/fraga/golpistas/dn_21356.htm\">renovaci&#243;n </a>que houbo na li&#241;a de pensamento da dereita no &#250;ltimo lustro foi a dimisi&#243;n de Florentino P&#233;rez. O que aseguro &#233; que nunca houbo esperanza ningunha de que a fora haber, nin pola parte actuante nin pola parte soportante. Nos congresos dos partidos pol&#237;ticos hai menos sorpresas <del>e a mesma autocr&#237;tica</del> que nas decisi&#243;ns do Comit&#233; de Disciplina Deportiva, e eso que teoricamente nos congresos se decide algo. As&#237; que imaxinen o que poden dar de si as convenci&#243;ns, nas que, sexan o que realmente sexan, non se decide nada. Normalmente, congresos e convenci&#243;ns fanse para verse, darse &#225;nimos e fundamentalmente sa&#237;r nos medios de comunicaci&#243;n. En casos pouco frecuentes, sirven para propinar un golpe que se pretende definitivo &#225;s minor&#237;as discordantes. Pero nunca se organizan para cambiar nada. A Convenci&#243;n Hai Futuro seguiu brillantemente o gui&#243;n habitual, segundo definiu Jos&#233; Blanco con esa contundencia incisiva que agacha baixo esa pinta mi&#241;axoia: primeiro actuaron os patr&#243;ns (Aznar e Fraga), logo os xefes de m&#225;quinas (Acebes e Zaplana) e despois o mascar&#243;n de proa (Rajoy).

      A primeira condici&#243;n para que non fose as&#237; e houbera alg&#250;n cambio, ou alomenos a s&#250;a <a href=\"http://blogsprorajoy.net/index/fotos_convencion\">posta en escena</a>, &#233; que houbera alg&#250;n desexo de cambio, como o de ganar unhas elecci&#243;ns. Pero no principal partido da oposici&#243;n o que hai son ansias de que as perdan as elecci&#243;ns os que llas ganaron, que non &#233; o mesmo. A segunda condici&#243;n para reconquistar o electorado que lle virou as costas ser&#237;a reco&#241;ecer que se fixeron mal as cousas, porque se non, est&#225;selles decindo que se equivocaron &#243; non votalos. Pero eso &#233; entre moi duro e metafisicamente imposible para Aznar, Acebes e Zaplana, que eran os directamente responsables do Goberno que perdeu. Xa sei que Mariano Rajoy, que &#233; o &#250;nico que se conformar&#237;a con ganar e non parece esixir que lle devolvan o perdido, formaba tam&#233;n parte daquel Goberno apeado, pero &#233; que Rajoy d&#225; a sensaci&#243;n de que estaba por estar, como vicepresidente displicente. Esa &#233; a s&#250;a habilidade, igual que a de Alberto N&#250;&#241;ez Feijoo, &#243; que nunca escoitar&#225;n reivindicar as vellas esencias m&#225;is al&#243; do imprescindible para non quedar como un desagradecido. O malo de Rajoy &#233; que non pode mandar &#243; resto da tropa &#225; Euroc&#225;mara, por po&#241;er un exemplo de <a href=\"http://www.elsemanaldigital.com/arts/47047.asp\">c&#225;mara</a>.

(martes, 7 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

6 de Marzo, 2006 ás 4:36 p.m.

Gardado en Si home si

Up & down

8 comentarios

Por moito que haxa quen sosteña que estamos coma sempre en avances sociais, o certo é que non (que imos estando mellor, quero decir). A escravitude rematou non soamente nin principalmente pola conciencia da humanidade de que ser propietario dun ser humano era unha barbaridade, senón porque chegou un momento en que era máis barato darlle catro cadelas ós traballadores que ter que mantelos, pero non deixou de ser un adianto. Claro que tamén hai retrocesos en terreos que xa se daban por conquistados, como evidencia o affaire do cordón umbilical principesco, conxelado en Arizona.

O do cordón (que por certo, principesco ou plebeio, chamábase “cadillo” cando a xente falaba galego) é un dos exemplos de que a sociedade evoluciona a ritmo da yenka (aquel baile sixtie que consistía en dar pasos á esquerda e a dereita, adiante e atrás) ou, en versión leninista, un paso adiante e dous atrás. O paso adiante é que a maioría da sociedade é consciente de que a monarquía é un anacronismo, unha convención na que, polo peso da historia recente e da publicidade, se suspende a razón en aras da conveniencia, igual que na ópera asumimos por un par de horas que Montserrat Caballé é obxecto dunha paixón amorosa. Os pasos atrás son os dous incumprimentos do contrato coa cidadanía por unha das partes, posiblemente por exceso de confianza: parir nunha exclusiva clínica privada e non nun centro público e logo mandar ó exilio crioxenizado o cadillo de marras. O paso á esquerda é que así soubemos que aquí xa hai bancos de cordóns, pero públicos e anónimos (e case clandestinos, de tan anónimos), e unha chea de empresas dispostas a montar bancos privados. O paso á dereita é que, gracias á filtración (¿de quen?) e ó instinto de imitación, haberá un clamor popular para que se permitan eses negocios.
Claro que eses comportamentos non son exclusivos da elite real. Pasa o mesmo coa administración do Estado, que acadou un superávit de 10.000 millóns de euros. Posiblemente o goberno o vexa como un logro económico, pero desde outro punto de vista tamén pode ser que o Estado non gastou 10.000 millóns dos cartos que lle demos para que invista en servicios. E pasa, con moito máis descaro, na chea de grandes empresas que están que se saen de beneficios: o Banco de Santander (6.220 millóns de euros, un 72% máis ca no 2004), Telefonica (4.445,8 millóns, 40% máis), Iberia (395,6 millóns de euros, un 99,5% de suba), ACS (609 millóns, un 34%), Gas Natural (749 millóns, un 16,7%), Unión Fenosa 279,458 millóns, un 24.4%). Aínda que posiblemente estea mesturando EBITs e EBITDAs (sexan o que sexan), con todo son unha chea de cartos, récords históricos de ganancias que toda esta boa xente tivo en 2005, o exercicio no que todos andaban a laiarse e a xustificar subas a conta do caro que estaba o petróleo e do pouco productivos que somos os asalariados. É decir, os ricos non é que tamén choren, é que son os únicos que hoxe poden chorar sen que a opinión publicada se lles bote enriba co da falta de competitividade e a ameaza china se queremos ganar máis.
De todas formas, tampouco é para tanto se o comparamos co drama de Florentino

(xoves, 2 de marzo de 2006)

Escrito por sihomesi

1 de Marzo, 2006 ás 3:27 p.m.

Gardado en Si home si

Switch to our mobile site