Mar 20 2006

Timoflu

Categoria: Si home sisihomesi @ 4:15 pm

tamiflu
Baixan as ofertas de alongamento viril e suben as de fármacos varios, alomenos entre os innúmeros mensaxes non desexados que inzan o meu correo electrónico, enviados por remitentes tan improbables como Isaia Mcgillivray, Sechnall Bavaro ou Dupe K. Dissertation. Non sei se é porque fixeron un diabólico prognóstico das miñas potenciais necesidades médicas ou porque é a moda. Debe ser o segundo: hai 30 anos un executivo da multinacional farmacéutica Merck dixo que era unha pena é que os únicos clientes sexan os enfermos, porque hai moitos máis sans, e agora as empresas do sector conseguiron transformar as molestias comúns en enfermidades. Ata o punto de que agora o producto rei das vendas por internet non é a Viagra, que ó fin e ó cabo responde a unha necesidade, senón o Tamiflu, que chega a custar 150 euros, cinco veces o prezo nas farmacias onde se vende, e máis ca unha doenza, o que remedia é un medo.

O Tamiflu (nome comercial do oseltamivir) está recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como un dos antivirais a utilizar no caso da gripe aviar. Non é que vaia eu cuestionar os prestixiosos informes da OMS (a pesar de que hai poucos anos prohibiu un que aseguraba que o cannabis é máis inofensivo co alcohol ou o tabaco), pero segundo toda a comunidade científica, para o que sirve é contra a gripe común, e non contra a de orixe galinácea. E moito menos se a cepa H5N1 da gripe aviaria (a única que pode ser mortal en humanos) muta en contacto con outra propia da xente, o que convertería unha enfermidade que ata agora matou menos de 100 persoas en 9 anos en todo o mundo, en algo ben máis grave. Pese a que o tal Tamiflu estea por ver se sirve para algo, 40 gobernos xa encargaron moreas (o español, de 8 a 12 millóns de doses), e os laboratorios Roche que o fabrican tiveron hai uns meses que paralizar a súa distribución para evitar quedarse sen el para o que realmente serve (aliviar a gripe de toda a vida). Curiosamente, a outro fármaco, Relenza (zanamivir) tamén recomendado pola OMS que serve para o mesmo, sexa o que sexa, máis barato e de venda en España desde 2000, ninguén lle fai caso ningún.
Este non é un caso de victoria esmagadora dunha estratexia de marketing sobre outra, como foi a do video VHS sobre o Beta. É un caso de colegas, e non precisamente médicos. O goberno norteamericano foi o primeiro en promover o Tamiflu oficialmente a toda pastilla –nunca mellor dito- e a nivel mundial, quizais porque Donald Rumsfeld, o secretario de Defensa de Bush foi o presidente e sigue a ser accionista de Gilead Sciences Inc o laboratorio que o creou e que llo vendeu a Roche, reservándose unha porcentaxe das vendas. Logo de dez anos de intentalo en balde, Gilead obtivo da axencia norteamericana da alimentación e as drogas, a restrictiva FDA, a autorización para a comercialización doutro producto chamado aspartamo, tres meses despois de que Rumsfeld entrara no goberno de Reagan. O Tamiflu está relacionado coa morte en Xapón de 12 nenos que o consumiron, e con alteracións psiquiátricas, alucinacións ou doutro tipo, noutros 75, aínda que a FDA concluíu recentemente que non había probas suficientes para establecer a causa/efecto.

Non é de estrañar que aquí as pastillas as vaia almacenar o Ministerio de Defensa.

(martes, 21 de marzo de 06)

12 comentarios a “Timoflu”

  1. torredebabel dixo:

    a última vez que o meu home foi a España pedinlle únicamente un libro: chámase “Los inventores de enfermedades” e paga a pena. É increible cómo a industria farmacolóxica transformou a vellez, a melancolía, a calvicie, o entusiasmo, a menopausia e tantas cousas naturales en enfermidades que, claro, teñen que ser combatidas con drogas e remedios

  2. sihomesi dixo:

    É este? non sabía que había traducción española…

  3. Verme Guilherme dixo:

    Nom deixa de ser aterrador que Rumsfeld, mandamais do exército mais poderoso do mundo, esteja metido em todos estes fregados. Suponho que nom estará longe o dia em que as grandes corporaçons tenham o se próprio departamento de defessa e iniciem unilateralmente as guerras que lhes convenham. Os tempos em que o Estado era o posuidor do “monopólio da violéncia legítima” chegam ao seu fim.
    Boissimo o teu artigo.

  4. F. Miguez dixo:

    Está claro que, unha serie de cousas nas que vai implícita a vida das persoas, como a medicina, a guerra, ou a alimentación, que non se poden seguir rexindo por criterios económicos. Desafortundamente, parece que cara a iso vamos. Esperemos que no curso do século vinteún, a deseperación dos países máis pobres, ou os últimos vestixios de conciencia social europea, impoñan un xiro nesta tendencia.
    Por outra parte, tamén é certo que a medicina parece, a veces, unha ciencia máis de crear enfermo crónicos, que poñer sáns ós enfermos. Enfermos crónicos, con tratamentos crónicos, claro.

  5. mourullo dixo:

    Creo que o libro do que fala torre de babel é este, caro sihomesi. Lérono na miña casa e parece que é ben interesante e moi na liña do seu comentario.

    Por certo, falou de pasada da victoria esmagadora do VHS sobre o Beta… E quen recorda hoxe o Video 2000 (aposta de Philips), o presunto terceiro en discordia? Derrotado e olvidado, doble derrota.

  6. sihomesi dixo:

    O do V2000 si que foi unha mágoa, porque parece ser que era o mellor sistema, e morreu por falla de impulso comercial. Cando empezaba de periodista, recordo comunicados de usuarios de V2000 denunciando a Philips. O mesmo que o Betamax, no que Sony apostou polas ganancias inmediatas amarrando o formato, no canto de potencialo facéndoo accessible. O caso é que a victoria (pírrica) foi do peor sistema.

  7. torredebabel dixo:

    Mourullo, tes razón, ese é o libro. E, como dis, non só é bo senón que é atemorizante. Non sabes se deixar de ir ao médico ou seguir indo pero non tomar nada do que che dea. Na Arxentina temos un grupo de médicos, académicos e investigadores que traballan por (o que chaman) a “medicalización responsable” o que fai pensar que todo o tempo o que temos é unha “medicalización irresponsable”. E contáronme moitas veces que en España os médicos son moito mais “pastilleros” do que os arxentinos.

  8. Verme Guilherme dixo:

    Hoje tes material para outro Destafoi.
    Adios rios, adios fontes, adios bieitos pequenos.

  9. Ánzony dixo:

    Se lle fixérades caso ao Dr. House, outro galo cantaría.

  10. ALVAREZ dixo:

    SEXAMOS PRACTICOS É NON É COÑA NIN IRONIA: ALGUEN PODE INFORMARME EN QUE EMPRESAS É ACCIONISTA O TAL RUMSFEL? PODENSE MERCAR ESAS ACCIONS NA BOLSA ESPAÑOLA?¿E QUE NON VEDES O NEJOSIO,MEUS?

  11. F. Miguez dixo:

    Si buscades “Aguardiente” (¿ou era Orujo?) na Gran Enciclopedia Galega (polo menos na primeira edición), veredes o que é unha medicina para todo, e sin interés farmaceutico.

  12. andaime dixo:

    Velaquí outra teoría posíbel: A vinganza das pitas… :) )
    http://www.leonardoboff.com/site/vista/2006/abr07.htm

Deixa un comentario