1.- O domingo pasado, tomando un café, un amigo con acceso ó editor de La Voz de Galicia reflexionaba que a etapa do actual director xa rematara, e que debían de implementar (signifique iso o que signifique) unha saída como a que lle deron en El Pais a Juan Luis Cebrián. Ó día seguinte, luns, entereime que foi que non (o tipo de saída). Impresionado pola cantidade e calidade dos cambios que se están a producir nos poderes fácticos coruñeses, e coa miña proverbial bocaza, ironicei coa xefa de prensa dunha entidade financeira sobre a posibilidade de que se producira algún na súa empresa. Vai ser que tampouco.
2.- Pola contra, o do “alto el fuego permanente” (AFP) de ETA sucedeu sen coincidencia previa ou premonición ningunha, e colleume nun día liado. Non puiden asumilo ata pola noite, momento no que tiven unha das habituais reflexións sobre se debería comentar sobre o particular e a quen lle importaría que se si ou se non. Vin un debate na Cuatro conducido por Iñaki Gabilondo, tan bo como claramente desequilibrado, no que unha das opinantes era Rosa Regás. Concluín que si, aínda que de momento non se me ocorre nada.
Se hai algo estúpido é estar orgulloso de ser de onde un é, posto que é unha circunstancia allea á nosa vontade ou ós nosos méritos. Outra cousa é estar contento desa casualidade, como eu podo estar satisfeito de ter nacido aquí e non en Burkina Faso, onde xa estaría estatisticamente morto, ou aínda que seguira vivo pasaría unha calor do demo. E outra moito peor é renegar de onde se é. Así e todo, se todos somos iguais, pero uns máis iguais ca outros, é certamente curioso como eso que se chama “identitario” é bo ou nefasto dependendo do tamaño da identidade que escollas. Debe ser o único caso en que a bondade está nos estremos, nos moi grandes ou nos moi pequenos.
Por exemplo, a identidade de moda, a nacional ou nacionalista, é mala e insolidaria, segundo nos rompen a diario a cabeza os medios autodenominados nacionais casualmente establecidos en Madrid, ou é irrelevante, na intelixente versión nadar-e-gardar-a-roupa de Núñez Feijoo. Sen embargo a identidade nacional/nacionalista é xusta, necesaria e mesmo insuficiente sempre que sexa unha identidade ben grande. No último partido da selección da Federación Española de Fútbol, alomenos no último do que tiven noticia, un axitador radiofónico manifestou o seu entusiasmo por un gol proclamando a grito pelado e destemplado. “¡Que español es Mengano [o autor da fazaña]!”. Se algún locutor de aquí dixera algo parecido no partido Galicia-Uruguai celebrado en San Lázaro levaría no lombo de por vida o letreiro de fanático, non por descerebrado menos perigoso. Mesmo este luns no acto de entrega das chaves dunha fragata á Armada, Bono (o ministro, aínda que tamén algo cantante) permitiuse chamar “gente enferma o en fase de rehabilitación” ós despistados (digo eu que eran despistados, non separatistas) asistentes que non se ergueron unha das dúas ou tres veces que soou o himno nacional, e sancionar incluso ó tamén despistado mando que non usou o altavoz para sacalos da galvana.
Co da identidade tampouco pasa nada se é suficientemente pequena. Aquelo da patria chica que estaba permitido ata con Franco. Incluso xa metidos en democracia non é de mal tono esbardallar contra os que tiveron a desgracia de ser orixinarios ou residir nun termo municipal distinto, e non nun campo de fútbol ou dunha festa, ámbitos nos que tradicionalmente era case correcto andar a paos cos foráneos, senón desde tribunas institucionais. Mesmo algún fixo unha proveitosa carreira política e tivo un non menos beneficioso proveito persoal a conta deso. Con todo, non é algo novo. O escritor norteamericano O.Henry, que retratou o ambiente da New York a cabalo dos séculos XIX e o XX, describía nun relato chamado Un cosmopolita o caso dun que se tiraba todo o conto definíndose como “cidadán do mundo” e proclamando as vantaxes de selo, ata que se veu envolto nunha liorta. O cosmopolita non consentira que alguén criticara o alcantarillado do seu lugar de orixe (Mattawamkeag, Maine)
Para que logo digan que, en segundo que cousas, o tamaño non importa.
(xoves, 23 de marzo)