si home si

"É unha pena que a estupidez non doa" (Anton LaVey)

Basta xa

11 comentarios

Supoño que estarán enterados de que ETA anunciou un “alto el fuego permanente” (AFP), e tamén que xa terán expresado a súa opinión sobre o particular. Se non, non se preocupen –ou preocúpense, como queiran- porque xa lles tocará. A este ritmo de despliegue mediático, tarde ou cedo lles poñerán un micrófono diante.

Como teño unha certa aversión ós best-sellers e un decidido pánico a todo tipo de inmersións, non é que escoitara todo o opinado, nin siquera a décima parte, pero entre o que lin, oín e vin, hai de todo. Por exemplo, a opinión dun coñecido intelectual que, en calidade de “experto en palabras”, foi invitado a analizar a expresión AFP (“no hay más que mirar el diccionario, AFP no tiene otro significado que ‘rendición’, claramente”, dixo quedando tan ancho, como se as palabras non significasen o que lle pete a quen as di). Ou a do escritor vasco de plantilla, que a consecuencia do AFP daba por xubilada a súa xeración. Ou a doutra coñecida novelista –máis como adicta que como novelista- que nin escoitei o que decía, porque como tertuliana nos tempos duros deixaba ós contrincantes do PP como uns perfectos e centrados cabaleiros. Tamén escoitei as valoracións dos líderes políticos, pouco pero suficiente para comprobar que hai as previsibles tres opcións: íntima satisfacción cautelosa, esperanza escarmentada e sostenella y no enmendalla.
De todas formas, o que máis me sorprende é como a opinión do entrevistado anónimo, o cazado pola rúa, é case mimética da do opinante profesional ou do cargo político, previa e sobradamente adestrado para que largue. Supoño que o fenómeno non obedece a que os opinantes/políticos falan como a xente, senón a que a xente entende que debe opinar como os políticos. Ou que os montes e moreas de análise están amaestrando a audiencia. E sorpréndeme porque o pouco que se me ocurre comentar a min paréceme ben pouco orixinal e cabe en media ducia de liñas de ordenador: 1. Alégrome. 2. Fíome relativamente pouco da decisión dos tres que saíron encarapuchados, porque nese ámbito sempre poden saír uns que non están de acordo con parar, pero confío en que todos asuman que o pouco creto que lles quedaba despois do de Miguel Ángel Blanco quedou definitivamente liquidado cando a matanza do 11-M evidenciou que xa non estaba o forno para máis bolos. 3. Gustaríame que me sorprendera a capacidade da clase política para darlle saída o asunto.

A todo isto, menos mal que todos están de acordo en que ETA non pode marcar o ritmo nin a axenda política. Non me quero imaxinar cal sería a reacción dos medios se en lugar dun comunicado de 1’36” tiveran dado unha rolda de prensa.

(venres, 24 de marzo de 06)

Escrito por sihomesi

23 de Marzo, 2006 ás 5:05 p.m.

Gardado en Si home si

11 Comentarios to 'Basta xa'

RSS dos comentarios

  1. Un profesor meu, de “mecánica (analítica)” e de “Cálculo, construcción e ensaio de máquinas”, dos máis arrogantes e menos populares da escola, chegou a clase unha vez dicindo:
    -”De fútbol y de política, puede hablar cualquiera, pero de mecánica… Muy pocos podemos hablar de mecánica.”
    Ten a súa lóxica: na mecánica non vale falar si o trebello non funciona, e (segundo a responsabilidade que estea en xogo) ¡Ai como non funcione! Agora ben, en política e tamén en xornalismo de opinión vese que se pode falar para adiante; cun pouco de sorte, haberá un rebaño que, facendo os coros, será lexitimación suficiente.
    …e pregunto eu, xa de paso, dende a miña ignorancia das Ciencias da Información ¿A qué carallo veu facer os telexornais de hoxe dende o País Vasco? ¿Aportou algo para a infornación, ademáis de paisaxe, semellante movilización?

    F. Miguez

    24 Mar 06 at 8:04 p.m.

  2. Sr. Miguez, non sabe vostede o bós que están os pintxos no Antiguo de Donosti ou en Iturribide de Bilbao, cando ún non os ten que pagar? Pois iso….

    eSedidió

    24 Mar 06 at 8:31 p.m.

  3. A informaçom é um espectáculo como outro qualquer. Pronto.

    tangaranho

    24 Mar 06 at 9:42 p.m.

  4. Eu tampouco o sei (cando estudiei, a televisión non era exactamente periodismo). Supoño que é un xeito de “comprometerse” coa noticia, de darlle un teórico valor engadido de “proximidade”, marcar paquete, e quizais un pouco de escorrentar a mala conciencia de que todo se fai desde Madrid…

    sihomesi

    24 Mar 06 at 9:43 p.m.

  5. Perdón por me fixar no continente e non opinar sobre o contido, pero…

    Iso de “basta xa” (ademais do nome dun movemento cidadán contra o terrorismo e o nacionalismo vasco) non é un calco do castelán? Non debería ser “Xa chegou” ou “Abonda xa” ou algo así?

    Casdeiro

    24 Mar 06 at 10:49 p.m.

  6. Efectivamente, pero daquela non faría referencia ó tal movemento.

    sihomesi

    24 Mar 06 at 10:59 p.m.

  7. Sempre me chamou a atención o tema da credibilidade que se lle pode dar a un comunicado de ETA, cando uns e outros tanto insistiron en que non lle deramos xamais a máis mínima confianza. Cal é o “cretónomo” entón? Ou é simple conveniencia en cada momento?

    mourullo

    24 Mar 06 at 11:57 p.m.

  8. A credibilidade dos comunicados, como toda, é subxectiva. Damoslle credibilidade a un “quérote” ou “gustame o que fas”, se queremos crelo.

    sihomesi

    25 Mar 06 at 12:33 p.m.

  9. Pois eu acho que se estam a fazer bem as cousas. Mesmo o feito de ir telexornear a Euzkadi pode formar parte de umha estrategia bem plantexada para deixar claro o bem que se vive sem ETA cheirando-nos o cú. A mim em particular nom me aporta nada que um pelotari considere que o seu deporte agora tem mais oportunidades, pero se serve para que a gente em Euzkadi empuxe com mais força no processo de paz, bemvindo seja.

    Verme Guilherme

    25 Mar 06 at 9:08 p.m.

  10. Bonito o neoloxismo “telexornear”, moito máis que o castelán “telediariar”. O malo é o sufixo “-ornear”, que parece indicar que se ornea a distancia.

    sihomesi

    26 Mar 06 at 12:03 p.m.

  11. Para a Historia a súa imaxe telexorneira co toco da bandeira do Orzán.

    mourullo

    26 Mar 06 at 7:57 p.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site